Observacións sobre algunhas construcións gramaticais
De Manual de Estilo DOG
(Diferenzas entre revisións)
(→Usos incorrectos relacionados co infinitivo) |
(→Concordancia) |
||
Liña 210: | Liña 210: | ||
::Os locais e as instalacións abertos ao público (…) | ::Os locais e as instalacións abertos ao público (…) | ||
+ | |||
+ | <div style="text-align: center; font-size: 90%;">[[#bodyContent|<span style="color: #002bb8;">↑ Voltar ↑</span>]]</div><noinclude> | ||
== Outros casos == | == Outros casos == |
Revisión como estaba o 7 de maio de 2012 ás 10:56
Páxinas principais |
Índice |
Complemento directo
- En xeral, o complemento directo constrúese sen a preposición a:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Autorízase á conselleira para ditar cantas normas sexan necesarias. | Autorízase a conselleira para ditar cantas normas sexan necesarias. |
Substituirase ao persoal necesario para poder cumprir os servizos mínimos. | Substituirase o persoal necesario para poder cumprir os servizos mínimos. |
O tribunal convocará aos opositores para a realización da proba. | O tribunal convocará os opositores para a realización da proba. |
A formación profesional ten por finalidade preparar ao alumnado para a actividade nun campo profesional. | A formación profesional ten por finalidade preparar o alumnado para a actividade nun campo profesional. |
Os requisitos de titulación establecidos nesta lei non afectarán ao profesorado que estea prestando os seus servizos en centros docentes. | Os requisitos de titulación establecidos nesta lei non afectarán o profesorado que estea prestando os seus servizos en centros docentes. |
A aceptación das alteracións non exime ao beneficiario das sancións que lle poidan corresponder. | A aceptación das alteracións non exime o beneficiario das sancións que lle poidan corresponder. |
- Nalgúns casos si precisa ser marcado coa preposición a para evitar confusións entre o suxeito e o complemento directo cando a orde sintáctica (suxeito + verbo + complementos) non abonda para facer esa función.
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
A designación dos vogais suplentes realizarana os que designen os titulares. | A designación dos vogais suplentes realizarana os que designen aos titulares. |
Informarase o aspirante do material necesario para a realización da proba. | Informarase ao aspirante do material necesario para a realización da proba.
(Así evítase a posible ambigüidade de que a frase poida entenderse do seguinte xeito: «O aspirante informarase (el mesmo) do material...»). |
Colocación do pronome átono
- A posición normal do pronome en galego é despois do verbo. Con todo, existen contextos en que debe ser colocado antes:
- Oracións negativas:
- Non se subvencionarán aquelas propostas (…)
- Oracións subordinadas cos nexos que, cal, quen, canto, onde, como, cando, cuxo, se:
- (…) cuxo número se cita no anexo.
- Nas oracións interrogativas cando van antecedidos por un pronome interrogativo:
- Onde se encontra o rexistro?
- Prodúcese a próclise se os seguintes elementos aparecen situados antes do verbo:
- Os indefinidos algo, nada, alguén, ambos, bastante, calquera, entrambos, mesmo…
- (…) que ata o século XIX pouco ou nada se sabe de (…)
- Aínda, axiña, deseguida, enseguida, só, sempre, algures, ben, cedo, igual, mal, mellor, peor, tarde…
- (…) liña de axudas aínda se atopa en proceso (…)
- Os cursos impartidos sempre se valorarán (…)
- Usos interpolados, moi formais e arcaizantes:
- Xa ela che comentou o resultado. / Xa che ela comentou o resultado.
- Colocación anteverbal cos xerundios (efecto estilístico arcaizante):
- Non o facendo así / (…) de non o facer así (…)
O pronome SE nas construcións impersoais
- O pronome SE emprégase en construcións impersoais, activas e pasivas, para indeterminar o suxeito ou o complemento axente. Dado que se trata de deixar na indeterminación, son incorrectos os usos do pronome SE e mais o complemento axente:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
As solicitudes presentaranse polos aspirantes no prazo dun mes. | Os aspirantes presentarán as solicitudes no prazo dun mes. As solicitudes serán presentadas polos aspirantes no prazo dun mes. |
As propostas elaboraranse por este servizo. | Este servizo elaborará as propostas. As propostas serán elaboradas por este servizo. |
A modificación do plan asinarase polo alcalde no próximo pleno. | O alcalde asinará a modificación do plan no próximo pleno. A modificación do plan será asinada polo alcalde no próximo pleno. |
Acórdase que polo representante da administración se dea comezo ao levantamento das actas previas. | Acórdase que o presentante da administración dea comezo ao levantamento das actas previas. |
O uso do infinitivo conxugado e do futuro de subxuntivo
- O uso do infinitivo conxugado recoméndase:
- Se o infinitivo ten un suxeito expreso no texto:
- (…) de non estaren inscritos os bens ou dereitos no rexistro (…)
- Se o infinitivo non ten suxeito expreso, mais vai referido a un axente determinado non indicado no contexto:
- h) Documentación acreditativa de se encontraren ao día das (…)
- Se o infinitivo vai introducido por unha preposición ou locución prepositiva, ten suxeito propio aínda que coincida co do verbo principal e vai antes del:
- (…) sen prexuízo de os interesados poderen interpor (…)
- De ir despois do verbo principal, o uso é obrigatorio con suxeito diferente ou con elementos interpostos:
- Tamén deberán efectuar a devandita comunicación aquelas persoas físicas ou xurídicas que, sen estaren domiciliadas (…)
- Para alén de nestes casos, o uso do infinitivo conxugado é facultativo e debe utilizarse sempre que for posible gramaticalmente e que non resultar estilisticamente desaconsellable.
- Recoméndase utilizar o futuro de subxuntivo para expresar accións atemporais ou futuras non reais aínda que probables, así como nas oracións subordinadas cando na principal se empregue o presente ou o futuro de indicativo:
- De non presentaren esta certificación, non poderán ser declarados/as exentos/as (…)
- (…) se o expropiado non quixer aceptar o prezo xusto (…)
Usos incorrectos do xerundio
- Con valor de posterioridade:
- Instalar o electrodoméstico no prazo de 90 días desde a data da venda, e retirar o existente, *entregándoo a un xestor de residuos autorizado. → Instalar o electrodoméstico no prazo de 90 días desde a data da venda, e retirar o existente, o cal se entregará a un xestor de residuos autorizado.
- Con valor de complemento do nome:
- entregar o ditame á oficinista *falando por teléfono → entregar o ditame á oficinista mentres fala por teléfono
- Con valor de adxectivo especificativo:
- Esta orde desenvolve o Decreto 156/2007, do 19 de xullo, *regulando o procedemento de cualificación → Esta orde desenvolve o Decreto 156/2007, do 19 de xullo, que regula o procedemento de cualificación
- resultado do cal se elaborará unha listaxe *contendo unha orde de prelación → resultado do cal se elaborará unha listaxe que conteña unha orde de prelación
Usos incorrectos relacionados co infinitivo
- A construción substantivo + a + infinitivo é incorrecta, debe substituírse por outra:
- informes *a redactar → informes para redactar / que se van redactar
- Existen casos en que esta estrutura non é necesaria:
- erros *a corrixir → erros
- O infinitivo debe ir acompañado do verbo polo cal se rexe en casos como:
- (…) ; *facer constar expresamente no campo P-1 do modelo de instancia a localidade (…) → (…) ; deberase facer constar expresamente no campo P-1 do modelo de instancia a localidade (…)
- Salientar que segundo se recolle no plano 8 (…) → (…) Débese salientar que segundo se recolle no plano 8 (…)
- A construción ir + a + infinitivo non é correcta:
- (…) que se vai a ocupar (…) → (…) que se vai ocupar (…)
Concordancia
- Se un determinante precede a dous ou máis substantivos coordinados con e ou con ou en singular, concordará en xénero e número co máis próximo:
- (…) cuxos datos persoais e último domicilio coñecido (…)
- (…) cuxo encabezamento e resolución (…)
- Cando o suxeito dunha oración está composto de dúas ou máis formas nominais en singular, o verbo aparecerá en plural se o suxeito que o precede está coordinado por unha copulativa:
- (…) nin o plan nin o catálogo contiñan ningunha previsión (…)
- Exceptúanse aqueles casos en que os elementos coordenados constitúen unha única unidade conceptual:
- A carga e descarga de animais farase en peiraos separados (…)
- Se os elementos van acompañados de determinante o verbo irá en plural:
- A dotación e o calendario de pagamentos das bolsas outorgadas por renuncias estableceranse na resolución (…)
- O invariable quen fai que o verbo vaia en singular cando este ten referentes en plural, excepto no caso dos verbos ser e parecer:
- (…) quen son os xogadores (…)
- (…) quen solicitaba maior información (…)
- Cando un adxectivo acompaña dous ou máis substantivos de xénero diferente, o adxectivo vai en plural e en masculino:
- Os locais e as instalacións abertos ao público (…)
Outros casos
A conxunción que
- Débese coidar a presenza da conxunción que en construcións subordinadas e en locucións adverbiais, en contextos como os seguintes:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Solicita se lle notifiquen os cambios no plan de desenvolvemento. | Solicita que se lle notifiquen os cambios no plan de desenvolvemento. |
Declara:
| Declara:
|
Que se rexistrarán como patrimonio unha vez sexan acordadas... | Que se rexistrarán como patromonio unha vez que sexan acordadas... |
- Cómpre sinalar tamén que a presenza da conxunción non exclúe a necesidade da preposición de con determinados verbos:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Infórmase que o prazo para a entrega da documentación será de dez días. | Infórmase de que o prazo para entrega da documentación será de dez días. |
Advírtese os interesados que o prazo remata o día 25. | Advírtese os interesados de que o prazo remata o día 25. |
Algún(s)/algunha(s) en frases negativas
- A diferenza do castelán, en galego estes indefinidos, pospostos ao substantivo en estruturas negativas, non teñen valor negativo. Debemos empregar ningún(s)/ningunha(s).
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Non se prevé posibilidade algunha de modificación de proxecto. | Non se prevé posibilidade ningunha de modificación do proxecto. |
Unha vez transcorrido o prazo, non procederá reclamación algunha. | Unha vez transcorrido o prazo, non procederá reclamación ningunha. |
Que sexan presentados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa e sen percibir contraprestación algunha por parte dos usuarios. | Que sexan presentados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa e sen percibir contraprestación ningunha por parte dos usuarios. |
Ambos e ambas
- Poden ser núcleo ou modificador. Se son núcleo non exixen a presenza do artigo:
- Ambos solicitaron a inclusión na póliza do seguro dunha nova cláusula.
- Fixérono entre ambos.
- Ambos solicitaron a inclusión na póliza do seguro dunha nova cláusula.
- Pero exixen a presenza de artigo cando funcionan como determinante:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
A totalidade da axuda repartiuse entre ambas partes. | A totalidade da axuda repartiuse entre ambas as partes. |
Ambos alcaldes asinaron o acordo. | Ambos os alcaldes asinaron o acordo. |
Mesmo, -a, -os, -as con valor anafórico
- Este identificador non debe empregarse, con valor pronominal, para referirse a un antecedente substantivo (o denominado valor anafórico).
- No seu lugar debemos empregar solucións como pronomes persoais (el, ela...), demostrativos (este, ese, aquel) ou posesivos (seu, súa...). Nalgúns casos podemos incluso eliminalo.
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Deberán colaborar coa Inspección de Servizos nas funcións que lle sexan encomendadas á mesma. | Deberán colaborar coa Inspección de Servizos nas funcións que lle sexan encomendadas a esta. |
Os fabricantes de aparellos ou elementos de elevación, así como os importadores dos mesmos, deberán contar cun técnico titulado competente. | Os fabricantes de aparellos ou elementos de elevación, así como os seus importadores, deberán contar cun técnico titulado competente. |
Proponse a prevención de conflitos e a resolución pacífica dos mesmos. | Proponse a prevención de conflitos e a súa resolución pacífica. |
O sistema educativo organízase en etapas, ciclos, cursos e niveis de forma que se asegure a transición entre os mesmos e, de ser o caso, dentro de cada un deles. | O sistema educativo organízase en etapas, ciclos, cursos e niveis de forma que se asegure a transición entre estes e, de ser o caso, dentro de cada un deles. |
Para a realización das probas de avaliación nas distintas competencias clave poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas inscritas ás mesmas. | Para a realización das probas de avaliación nas distintas competencias clave poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas inscritas. |
- Si é correcto o seu emprego no caso de que mesmo, -a, -os, -as actúe como identificador, adxectivo ou pronome:
- Debe optar entre a readmisión inmediata do demandante nas mesmas condicións que posuía con anterioridade.
- O procedemento que se seguirá será o mesmo que para a concesión das axudas.