Signos de puntuación

De Manual de Estilo DOG

(Diferenzas entre revisións)
(Punto)
(Dous puntos)
 
Liña 1.177: Liña 1.177:
</blockquote>  
</blockquote>  
-
:Porén, cando se trate de texto longo pode ir en parágrafo á parte sen comiñas. <font style="background:wheat"><nowiki>[</nowiki>[[Outros signos ortográficos#Comiñas|Comiñas]]<nowiki>]</nowiki></font>.
+
:Porén, cando se trate de texto longo pode ir en parágrafo á parte sen comiñas. <font style="background:LightCyan"><nowiki>[</nowiki>[[Outros signos ortográficos#Comiñas|Comiñas]]<nowiki>]</nowiki></font>.
:Tamén existe o que se chama cita mixta. Unha cita mixta presenta unha estrutura sintáctica de cita indirecta pero inclúe fragmentos literais entre comiñas.
:Tamén existe o que se chama cita mixta. Unha cita mixta presenta unha estrutura sintáctica de cita indirecta pero inclúe fragmentos literais entre comiñas.

Revisión actual feita o 14 de novembro de 2014 ás 12:55

Páxinas principais


Índice

Introdución

A lingua escrita exixe o emprego de signos ortográficos e, entre eles, están os signos de puntuación. Unha correcta puntuación axuda a interpretar ben o texto e a captar a intención comunicativa da mensaxe. Polo tanto, puntuar ben un texto é imprescindible para que este se poida comprender adecuadamente.

A linguaxe administrativa tendeu a abusar dos períodos longos que dificultaban a comprensión e combinou isto cunha puntuación inadecuada. O realmente importante é respectar o contido, pero buscaremos sempre a forma máis axeitada e simple de redacción, que require normalmente que utilicemos períodos curtos e ben delimitados. Ademais, a presenza ou ausencia dos signos de puntuación pode ter repercusións no sentido da mensaxe.

Existe unha crenza errónea e moi estendida de que a función principal da puntuación nun texto escrito é sinalar os lugares onde deben ou adoitan facerse pausas para respirar. Esta é unha das razóns que se empregan para xustificar, por exemplo, o uso dunha coma entre o suxeito e o verbo. Aínda que poida haber coincidencia entre a localización destes signos e as pausas que realiza o lector, cómpre aclarar que a función principal da puntuación, sobre todo dos signos básicos (coma, punto, punto e coma e dous puntos), non é marcar as pausas para respirar, senón establecer límites sintácticos, marcar pautas para a lectura adecuada e facilitar, en consecuencia, a súa correcta interpretación.

Ademais dos signos básicos de puntuación (coma, punto, punto e coma e dous puntos), temos os chamados signos de inserción, denominados así porque insiren outro elemento do discurso: as parénteses [()] os corchetes ([]), a raia (—). Estes son signos dobres.

Falaremos, así mesmo, dos puntos suspensivos e dos signos de interrogación e admiración.

Algúns dos signos que imos tratar nesta epígrafe poden ter outras funcións diferentes da distribución da información no texto. É o caso da coma, do punto e das parénteses.


↑ Voltar ↑

Regras xerais para puntuar un texto

  • Empregar frases breves e de sintaxe sinxela.
A oración ou enunciado é a unidade de comunicación que posúe sentido completo e que remata con punto. Na linguaxe administrativa utilízanse con frecuencia oracións moi longas e complexas que se prolongan de forma innecesaria mediante o emprego de incisos e perífrases, de expresións redundantes, de locucións que nada achegan ou de secuencias que significan o mesmo. Como resultado, prodúcense enunciados excesivamente longos e dificilmente comprensibles. Cómpre empregar frases curtas e cunha sintaxe máis sinxela.


Incorrecto Correcto
O prazo para a presentación das solicitudes antes mencionadas será dun mes. Este mes contarase a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entendéndose como último día do prazo o día correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.


  • Non acumular incisos.
Non se deben empregar moitos incisos xa que isto dificulta a delimitación da oración principal e, en consecuencia, a interpretación do fragmento ao se interromper a linearidade da lectura. Un modo de facilitar a comprensión destes fragmentos é delimitar unidades oracionais máis pequenas mediante o uso de puntos e seguido.


Incorrecto Correcto
Transcorrido este prazo, e unha vez avaliados os documentos engadidos, publicaranse as listaxes provisionais de seleccionados e suplentes, ordenados por puntuación por cada un dos cursos e asignándolles a contía provisional correspondente da achega familiar, que poderá variar nas listaxes definitivas debido ás reclamacións a estas listaxes, que se exporán co mesmo procedemento indicado no punto 1.
Transcorrido este prazo, e unha vez avaliados os documentos engadidos, publicaranse as listaxes provisionais de seleccionados e suplentes. Ordenaranse por puntuación por cada un dos cursos e asignaráselles a contía provisional correspondente da achega familiar, que poderá variar nas listaxes definitivas debido ás reclamacións. Despois exporanse co mesmo procedemento indicado no punto 1.


  • Non acumular coordinacións.
Ante a presenza de parágrafos longos cheos de coordinacións, unha das intervencións máis convenientes é a segmentación con puntos. Nada é tan claro e intelixible como os períodos breves. A división debe efectuarse con coidado para non perder información e explicitude. É preferible sempre dividir, aínda que para iso haxa que repetir expresións que faciliten o enlace co que precede e co que segue.


Incorrecto Correcto
A acción humanitaria incluirá non só a axuda proporcionada con carácter de urxencia ás vítimas dos desastres, tanto os desencadeados por catástrofes naturais como por conflitos armados, ou que se leve a cabo mediante operacións prolongadas para a poboación refuxiada e desprazada, senón aquela que se dirixa á protección das vítimas e dos seus dereitos fundamentais en toda a súa extensión mediante actuacións tales como a defensa dos dereitos humanos, o testemuño, a denuncia e o acompañamento.
A acción humanitaria incluirá a axuda proporcionada con carácter de urxencia ás vítimas dos desastres, tanto os desencadeados por catástrofes naturais como por conflitos armados, ou que se leve a cabo mediante operacións prolongadas para a poboación refuxiada e desprazada. Tamén incluirá aquela que se dirixa á protección das vítimas e dos seus dereitos fundamentais en toda a súa extensión, mediante actuacións tales como a defensa dos dereitos humanos, o testemuño, a denuncia e o acompañamento.
Tamén se prevé que a Administración da Comunidade fomente a participación do seu persoal para a colaboración en accións, proxectos e programas de cooperación e axuda humanitaria e se regula a posibilidade de solicitar a colaboración e de contratar persoas físicas ou xurídicas especializadas, provenientes do sector privado ou doutras institucións, baixo a normativa propia da contratación pública.
Tamén se prevé que a Administración da Comunidade fomente a participación do seu persoal para a colaboración en accións, proxectos e programas de cooperación e axuda humanitaria. Así mesmo, regúlase a posibilidade de solicitar a colaboración e de contratar persoas físicas ou xurídicas especializadas, provenientes do sector privado ou doutras institucións, baixo a normativa propia da contratación pública.


  • Non abusar das oracións subordinadas.
Non se debe realizar unha concatenación excesiva de frases subordinadas. Esta práctica xera dificultades de comprensión, ambigüidades e posibles dobres interpretacións. Para evitar isto hai que segmentar tamén a oración en varias oracións independentes.


Incorrecto Correcto
As solicitudes presentadas, as cales serán valoradas pola comisión creada para o efecto, que serán publicadas e contras as que se poderá reclamar, presentaranse no prazo establecido no punto anterior.
As solicitudes presentaranse no prazo establecido no punto anterior e serán valoradas pola comisión creada para o efecto. Serán publicadas e contra elas poderase reclamar.


  • Establecer pausas.
Un elemento que intervén na complexidade dos parágrafos é a falta de pausas, o que nos leva a ler parágrafos moi longos e esquecernos do inicio. As pausas establécense a través de todos os signos de puntuación, non só dos puntos ou comas.


Incorrecto Correcto
Establecerase de conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 30/1992 do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na disposición adicional do Decreto 37/2006 do 2 de marzo, modificado polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro e demais normas aplicables.
Establecerase de conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; na disposición adicional do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, modificado polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, e demais normas aplicables.
O Acordo do 11 de marzo de 2013 entre a Consellería de Facenda e a Consellería do Medio Rural e do Mar publicado no DOG núm. 58 do venres 22 de marzo, encomenda a xestión de determinadas materias relacionadas coas listas de contratación temporal de persoal laboral á Consellería do Medio Rural e do Mar.
O Acordo do 11 de marzo de 2013 entre a Consellería de Facenda e a Consellería do Medio Rural e do Mar (publicado no DOG núm. 58, do venres 22 de marzo) encomenda a xestión de determinadas materias relacionadas coas listas de contratación temporal de persoal laboral á Consellería do Medio Rural e do Mar.


  • Non abusar da repetición de elementos gramaticais.
A repetición de elementos gramaticais é a que máis dana a recta interpretación. Ocorre a miúdo co relativo e a conxunción que. O seu abuso provoca falta de claridade e lectura dificultosa.


Incorrecto Correcto
Por outra banda, tamén se debe ter en conta a cláusula de supletoriedade do dereito estatal a que alude o artigo 149.3 CE, que deu lugar a unha importante doutrina do Tribunal Constitucional que desmente a pretensión de aplicación supletoria do regulamento estatal.
Por outra banda, tamén se debe ter en conta a cláusula de supletoriedade do dereito estatal a que alude o artigo 149.3 CE. Esta deu lugar a unha importante doutrina do Tribunal Constitucional que desmente a pretensión de aplicación supletoria do regulamento estatal.
↑ Voltar ↑

Grafía dos signos de puntuación e inserción

  • Os signos simples escríbense pegados á palabra que preceden e sepáranse da seguinte deixando un espazo en branco. O erro adoita darse coa coma, aínda que non exclusivamente.


Incorrecto Correcto
Lei 30/1992 , do 26 de novembro , de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común
Rúa Varsovia , 6
Rúa Varsovia, 6
Tipo de contrato : mixto
Tipo de contrato: mixto


  • Os signos dobres colócanse da seguinte forma: para o primeiro debemos deixar un espazo entre a palabra precedente e o signo; despois deste, sen deixar espazo ningún, debemos comezar a escribir ata chegar, sen que haxa espazo, ao signo que pecha o período. E cómpre deixar un espazo en branco despois do signo se a seguir vai unha palabra e non outro signo.


Incorrecto Correcto
O gando nesta comarca non é rendible segundo opinión do departamento de Economía.
O gando nesta comarca non é rendible segundo opinión do departamento de Economía.

Importe total: 164.463,44 ( incluído o IVE
Importe total: 164.463,44 (incluído o IVE)
Resolución do 14 de marzo de 2005 (DOG do 8 de abril)pola que se fai pública a adxudicación dun contrato administrativo de consultoría e asistencia.
Resolución do 14 de marzo de 2005 (DOG do 8 de abril) pola que se fai pública a adxudicación dun contrato administrativo de consultoría e asistencia.


  • Nunca se deben poñer dous puntos seguidos.


Incorrecto Correcto
Iso aconteceu no mes de abril..
Iso aconteceu no mes de abril.


  • O punto que marca o final dunha oración desaparece ante os puntos suspensivos, o signo de admiración e o de interrogación.


Incorrecto Correcto
Nas fragas do Courel abundan os carballos, os castiñeiros, as faias... .
Nas fragas do Courel abundan os carballos, os castiñeiros, as faias...
Difundiron a campaña E logo!.
Difundiron a campaña E logo!
Solicitou vostede a subvención o ano pasado?.
Solicitou vostede a subvención o ano pasado?


  • O punto que se xunta ás abreviaturas desaparece cando se indica o final dunha oración.


Incorrecto Correcto
Presentarase a documentación complementaria que se considere precisa: documentos acreditativos, informes etc..
Presentarase a documentación complementaria que se considere precisa: documentos acreditativos, informes etc.


  • Cando a raia coincide no texto co punto, mantéñense os dous signos. Acontece o mesmo se a raia se une aos signos de interrogación e exclamación.


Incorrecto Correcto
O gando nesta comarca non é rendible segundo opinión do departamento de economía.
O gando nesta comarca non é rendible segundo opinión do departamento de economía.
No piso había indicios de estar ocupado quen viviría entón alí?
No piso había indicios de estar ocupado, quen viviría entón alí? —


  • A coma (,) non se debe usar antes dos puntos suspensivos, aínda que o seu uso pode darse despois deles.


Incorrecto Correcto
Cubriu todas as epígrafes: datos persoais, datos profesionais,... só falta asinar a solicitude.
Cubriu todas as epígrafes: datos persoais, datos profesionais..., só falta asinar a solicitude.


  • Xeralmente non se grafa punto, coma, punto e coma nin dous puntos antes ou despois de parénteses, excepto que estes signos sexan necesarios seguindo as regras xerais de puntuación.


Incorrecto Correcto
Tivo dous traballos, aínda que nunca lle gustaron. (Repartidor e ebanista.)
Tivo dous traballos, aínda que nunca lle gustaron (repartidor e ebanista).
O Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG do 29 de xullo) de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, na sección segunda do capítulo VI regula a provisión de determinados postos de xefatura e coordinación.
O Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, na sección segunda do capítulo VI regula a provisión de determinados postos de xefatura e coordinación.
...termo municipal do Vicedo , (Lugo)...
...termo municipal do Vicedo (Lugo)...
No Edicto 232/2012, (publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 225, do 26 de novembro de 2012) estímase a demanda contra a empresa.

No Edicto 232/2012 (publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 225, do 26 de novembro de 2012); estímase a demanda contra a empresa.

No Edicto 232/2012 (publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 225, do 26 de novembro de 2012) estímase a demanda contra a empresa.
Definitiva: 5 % do importe de adxudicación, (IVE excluído.).
Definitiva: 5 % do importe de adxudicación (IVE excluído).
...dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo. (Expediente 25/2010.)
...dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo (expediente 25/2010).


  • Antes de comiñas, dos signos de interrogación e exclamación e da raia tampouco se debe usar ningún outro signo de puntuación, excepto que corresponda segundo as regras xerais de puntuación.


Incorrecto Correcto
O capítulo I titúlase, «Disposicións xerais»
O capítulo I titúlase «Disposicións xerais»
O capítulo I «Disposicións xerais»,...
O capítulo I, «Disposicións xerais»,...
A lei presenta unha estrutura moi clara, —segundo o relator— xa que cada capítulo se corresponde coas funcións de cada órgano.
A lei presenta unha estrutura moi clara —segundo o relator— xa que cada capítulo se corresponde coas funcións de cada órgano.


Para rematar, cómpre lembrar que o espazo entre palabras debe ser só un. É habitual encontrar textos con espazos de máis:

*Tipo de contrato : contrato de subministración.
↑ Voltar ↑

Particularidades tipográficas

Cando un termo apareza en cursiva ou en negra, a puntuación que o acompaña (punto, coma, punto e coma, parénteses, corchetes...) irá en xeral en redonda. Grafarase en cursiva ou negra se todo o texto que vai arredor tamén vai nese tipo de letra.


En redonda En cursiva
De acordo coas disposicións citadas (véxase o artigo 14 bis), entenderase por ...
De acordo coas disposicións citadas (véxase o artigo 14 bis), entenderase por ...
En redonda En negra
O artigo 58 do regulamento (véxase o DO L 23, do 3.4.1975)
TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA
(SALA DO SOCIAL)


↑ Voltar ↑

Regras xerais de uso dos signos de puntuación e inserción

A continuación incluímos unha listaxe de todos os signos de puntuación e de inserción que desenvolveremos:

Coma
Punto
Punto e coma
Dous puntos
Puntos suspensivos
Signos de interrogación e de exclamación
Corchetes
Parénteses
Raia
↑ Voltar ↑

Coma

É o signo de puntuación máis complexo, pero tamén o que se utiliza máis. Unhas veces ten un uso sintacticamente obrigatorio e outras é mais subxectivo e arbitrario, é dicir, depende do estilo de quen redacta.
Os erros que se producen poden ser tanto pola elisión deste signo como por utilizar comas innecesarias debido á inseguridade á hora de puntuar os textos.


Incorrecto Correcto
Pon en risco, non só a situación financeira, senón a sustentabilidade...
Pon en risco non só a situación financeira senón a sustentabilidade...
Tanto no medio rural, como nas cidades
Tanto no medio rural como nas cidades


Indicamos a continuación os casos principais de uso da coma.

  • Nas datas, para separalas dos nomes de lugar, e nos enderezos, para separar o nome da vía do resto da información (número de portal, de piso, código postal etc.)
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2010
Avda. Fernández Ladreda, 43, 4º
Non obstante, non se utiliza a coma (nin tampouco guión nin raia) para separar o código postal do nome da localidade:
15706 Santiago de Compostela
↑ Voltar ↑
  • Nas listas de nomes de persoa, para separar os apelidos do nome, e nas listas de topónimos, para separar o artigo do substantivo
Camiña Leiro, Iván
Grove, O
↑ Voltar ↑
  • Nomes de empresas
Emprégase coma antes da abreviatura do tipo de sociedade: anónima, limitada ou doutro tipo (S.A., S.L., S.C.)
Frigoríficos Berbés, S.A.
Policlínico Bergantiños, S.A.
Asistencia no Fogar, S.L.
Os Regos Promocións, S.L.
Xermolo, S.C.
Tenrura, S.C.
No caso de que polas regras habituais de puntuación corresponda coma despois da abreviatura do tipo de sociedade, esta non se omitirá:
A empresa Sigre Medicamento e Medio Ambiente, S.L., en calidade de adxudicataria, deberá constituír a garantía definitiva que corresponda.
↑ Voltar ↑
  • Citas de normativa
Nas leis e outras normas a data sepárase con comas:
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar.

A norma publicouse no Diario Oficial de Galicia número 44, do 2 de marzo de 2012.
Gráfase ademais entre comas a denominación das normas para delimitar o seu nome concreto:


Incorrecto Correcto
A Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia supón un avance no eido da conciliación da vida laboral e familiar.
A Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, supón un avance no eido da conciliación da vida laboral e familiar.
O Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda outorga á Dirección Xeral de Tributos, entre outras funcións: a dirección, impulso, planificación, coordinación, control e execución da xestión, inspección e revisión dos tributos cedidos.
O Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, outorga á Dirección Xeral de Tributos, entre outras funcións, a dirección, impulso, planificación, coordinación, control e execución da xestión, inspección e revisión dos tributos cedidos.


↑ Voltar ↑
  • Coordinación dos elementos dunha enumeración
As series de elementos coordinados que se pechan ao final cunha conxunción copulativa (por exemplo e) ou disxuntiva (por exemplo ou) sepáranse, en xeral, por medio dunha coma, pero non se emprega coma ante o último elemento da coordinación ao cal vai unida a conxunción.
Poderán asistir ao curso o estudantado, o profesorado, o persoal administrativo que realice tarefas relacionadas e as persoas interesadas.

...organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais.
Porén, empregarase coma diante da conxunción cando existan varios niveis de coordinación, como veremos na seguinte epígrafe.
Só se aconsella o uso de punto e coma cando os ditos elementos coordinados son complexos e inclúen comas no seu interior.


Opción con comas Opción con punto e coma
Para facer efectivo este dereito, a lei regula, pormenorizadamente e seguindo unha sistemática lóxica, as competencias e planificación en materia de vivenda, a calidade e habitabilidade das vivendas, a protección dos adquirentes e arrendatarios de vivendas, o réxime legal das vivendas de protección pública e o réxime sancionador.
Para facer efectivo este dereito, a lei regula, pormenorizadamente e seguindo unha sistemática lóxica, as competencias e planificación en materia de vivenda; a calidade e habitabilidade das vivendas; a protección dos adquirentes e arrendatarios de vivendas; o réxime legal das vivendas de protección pública e o réxime sancionador.


↑ Voltar ↑
  • Uso da coma para diferenciar os dous niveis da coordinación
A presenza de dous niveis de coordinación pódese resolver en parágrafos non moi complexos coa presenza dunha coma antes da conxunción copulativa que corresponda.


Incorrecto Correcto
A Xunta de Galicia establece a política de persoal, dirixe o seu desenvolvemento e aplicación e exerce a potestade regulamentaria en materia de persoal estatutario.
A Xunta de Galicia establece a política de persoal, dirixe o seu desenvolvemento e aplicación, e exerce a potestade regulamentaria en materia de persoal estatutario.


Hai unha coordinación entre dous elementos (o seu desenvolvemento e aplicación) inmediatamente seguida doutra conxunción e que une o que segue co que precede. A presenza da coma ante a segunda conxunción mostra que a súa acción se sitúa nun nivel distinto da anterior.
↑ Voltar ↑
  • Coordinacións con así como
As coordinacións de elementos poden ter lugar en diferentes niveis. Podemos empregar a conxunción copulativa pero pode ser conveniente, por razóns de claridade, acudir a outras expresións. Entre estes coordinadores encontramos a expresión conxuntiva así como.


Incorrecto Correcto
...os prazos de entrega aos seus destinatarios e os cambios de uso ou destino así como as prohibicións e limitacións á facultade de dispoñer.
...os prazos de entrega aos seus destinatarios e os cambios de uso ou destino, así como as prohibicións e limitacións á facultade de dispoñer.
...respectando o establecido con carácter básico pola normativa estatal así como as competencias exclusivas do Estado na materia.
...respectando o establecido con carácter básico pola normativa estatal, así como as competencias exclusivas do Estado na materia.
...obsérvase unha gran penetración social das bebidas alcohólicas, unha xeneralización do seu uso e abuso así como unha gran precocidade nos primeiros contactos co alcohol, o tabaco e as drogas ilegais.
...obsérvase unha gran penetración social das bebidas alcohólicas, unha xeneralización do seu uso e abuso, así como unha gran precocidade nos primeiros contactos co alcohol, o tabaco e as drogas ilegais.


Nalgúns casos de enumeracións moi complexas o uso da expresión así como axuda a estruturalas. Vexamos o seguinte exemplo:
O Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, outorga á Dirección Xeral de Tributos, entre outras funcións, a dirección, impulso, planificación, coordinación, control e execución da xestión, inspección e revisión dos tributos cedidos, así como da xestión, inspección e revisión dos tributos propios e prezos que corresponden á Comunidade Autónoma, ao seus organismos autónomos e demais entidades de dereito público dependentes dela.
↑ Voltar ↑
  • Incisos
Unha das funcións básicas da coma é a delimitación de incisos, isto é, de elementos de carácter explicativo ou aclaratorio que se insiren no medio dunha oración. Estes elementos deben ir entre comas cando están necesariamente relacionados co contexto e ligados á sintaxe do fragmento. A ausencia dunha de ambas as comas é un erro frecuente. Os incisos poden ser de varios tipos: separación de conxuncións, locucións, expresións aclaratorias...
O título cuarto regula os aproveitamentos forestais distinguindo os non madeireiros, entre os cales destacan, pola súa importancia e incidencia social, económica e ambiental, o pastoreo e o aproveitamento cinexético, dos madeireiros...
Atopamos incisos tamén ao principio e ao final das oracións. Colocaranse normalmente ao principio os incisos que afecten toda a oración e acheguen significados de tempo, espazo, causa, condición e concesión. Os que introduzan unha explicación ou xustificación do citado colócanse normalmente ao final.
As comas usadas para realizar unha aclaración poden ser substituídas por raias. Pero lembremos que as raias indican un contraste máis ou menos brusco por medio do cal se fai unha observación á parte ou un comentario. Outro recurso que se pode empregar son as parénteses. Estas úsanse para engadir unha aclaración cando a información é complementaria.
Debe evitarse o uso da coma en adverbios e grupos adverbiais que sirvan para dar énfase a unha expresión, pois nestes casos non son incisos.


Incorrecto Correcto
Isto defendereino, mesmo, ante o Tribunal Supremo
Isto defendereino mesmo ante o Tribunal Supremo


Cómpre dicir que os incisos non deben ser moi longos, xa que neste caso interromperían o proceso da argumentación. Ademais, se se introducen moitos dificúltase que o lector sexa quen de seguir o fío do discurso.


Incorrecto Correcto
Por isto é polo que o incremento da masa arborizada en cantidade e calidade constitúe un obxectivo básico, non só do sector forestal en particular, senón da sociedade galega do século XXI no seu conxunto, garantindo o aproveitamento continuado dos recursos forestais, especificamente da madeira, que segue sendo, nestes momentos, o segundo produto deficitario na Unión Europea —tras o enerxético—, o que pode supoñer unha vía de ordenación territorial, posibilitando un freo ao abandono sistemático das explotacións do rural de Galicia e permitindo, a través do desenvolvemento de explotacións e industrias forestais, a fixación da poboación evitando o despoboamento e a crise demográfica que atenazan o mundo rural galego.
Por isto é polo que o incremento da masa arborizada en cantidade e calidade constitúe un obxectivo básico non só do sector forestal en particular, senón da sociedade galega do século XXI no seu conxunto. Garántese así o aproveitamento continuado dos recursos forestais, especificamente da madeira, que segue sendo, nestes momentos, o segundo produto deficitario na Unión Europea —tras o enerxético—. Isto pode supor unha vía de ordenación territorial, posibilitando un freo ao abandono sistemático das explotacións do rural de Galicia e permitindo, a través do desenvolvemento de explotacións e industrias forestais, a fixación da poboación evitando o despoboamento e a crise demográfica que atenazan o mundo rural galego.


↑ Voltar ↑
  • Coma no lugar do verbo omitido
Cando nunha oración se elide o verbo, xa sexa porque se mencionou previamente, xa sexa porque se sobreentende, esta elisión debe marcarse cunha coma que se coloca no lugar en que tería que estar o verbo. No seguinte exemplo a coma vai en lugar de elixe, que é o verbo omitido:
As vacacións de Nadal, Semana Santa e verán concédenselles por metade a ambos os proxenitores, sen facer maiores especificacións, pero déixase a posibilidade de chegar a acordos nesta materia en función das súas circunstancias. En caso de discrepancia entre os proxenitores, os anos pares elixe a nai e os impares, o pai.
↑ Voltar ↑
  • Coma nas oracións de relativo explicativas
Non se deben confundir as oracións de relativo explicativas coas especificativas, que non levan coma. Como o seu propio nome indica, as explicativas engaden informacións ou comentarios e, polo tanto, deben ir entre comas. As especificativas (tamén chamadas caracterizadoras) engaden trazos non inherentes e delimitan o subgrupo dos que comparten esa característica.


Especificativa Explicativa
O persoal que opte por permanecer en situación de servizo activo deberá presentar a documentación correspondente.
O persoal, que poderá optar por permanecer en servizo activo, deberá indicar a súa escolla.
A orde que regula os programas de cualificación profesional é unha orde do ano 2008.
A Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 13 de maio de 2008, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do día 23, regula os programas de cualificación profesional...
Retiraron as axudas que estaban mal tramitadas. (Significa que retiraron soamente aquelas que estaban mal tramitadas)
Retiraron as axudas, que estaban mal tramitadas. (Significa que retiraron todas as axudas xa que estaban todas mal tramitadas)


↑ Voltar ↑
  • Uso da coma para marcar cambios de orde
A orde non marcada da oración é suxeito + verbo + complementos/oración subordinada adverbial. Cando se altera esta orde, nalgúns casos este cambio sinálase cunha coma.
Co devir histórico, a realidade dos nosos días variou moito.
Co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión administrativa, procede agora establecer a organización e as funcións desta consellería.
O órgano, ao se cumprir o prazo, resolveu favorablemente.
↑ Voltar ↑
  • Os conectores do discurso van con comas (porén, polo tanto, por tanto, no entanto, non obstante, en consecuencia, ademais...)
Van seguidos de coma cando aparecen ao principio dunha oración e van delimitados entre comas cando se insiren no seu interior.
Ademais, este título primeiro regula a planificación en materia de vivenda.
As comunidades autónomas non terán, polo tanto, as mesmas competencias.
↑ Voltar ↑
  • Os ordenadores do discurso tamén levan coma (en primeiro lugar, por un lado, por unha banda...)
Van seguidos de coma cando aparecen ao principio dunha oración e van delimitados por comas cando se insiren no seu interior.
En primeiro lugar, debemos ter en conta as características do terreo.
Para conceder a subvención terase en conta, por unha banda, o proxecto presentado e, por outra, o cumprimento dos requisitos da convocatoria.
↑ Voltar ↑
  • Casos en que non se emprega a coma
A seguir incluiremos aqueles casos en que non se debe empregar a coma ou onde se debe evitar.
↑ Voltar ↑
  • Nas enumeracións, antes da abreviatura etc. non é necesario escribir coma, aínda que é admisible por estar consolidado o seu uso
...centros educativos, centros de profesores, institucións culturais etc.
...centros educativos, centros de profesores, institucións culturais, etc.
↑ Voltar ↑
  • Non se usa coma para separar o suxeito do predicado ou o verbo dos complementos


Incorrecto Correcto
Os informes sobre a cuestión, son favorables.
Os informes sobre a cuestión son favorables.
O estatuto definitivo aprobado na asemblea, será remitido aos servizos xurídicos.
O estatuto definitivo aprobado na asemblea será remitido aos servizos xurídicos.
A dita relación, indicará as diferentes quendas establecidas.
A dita relación indicará as diferentes quendas establecidas.
A disposición derradeira primeira do mencionado texto estatutario, establece que...
A disposición derradeira primeira do mencionado texto estatutario establece que...
Consta no expediente, copia da cédula de citación...
Consta no expediente copia da cédula de citación...


↑ Voltar ↑
  • Coma ante un complemento nominal especificativo
Podemos atopar unha coma incorrecta que separa do seu núcleo un complemento nominal de data. A causa é a analoxía ou semellanza coa denominación, por exemplo, dunha lei: A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Non debemos confundir estas citas, en que a data vai con comas por ser un sintagma explicativo, cos complementos que posúen valor especificativo, que deben ir sen coma, tanto se refiren a datas como se non.


Incorrecto Correcto
A creación de colexios profesionais, de acordo co que establece o artigo 6, da Lei 8/1997, do 8 de xullo...
A creación de colexios profesionais, de acordo co que establece o artigo 6 da Lei 8/1997, do 8 de xullo...


↑ Voltar ↑
  • A coma é innecesaria ante un complemento circunstancial que incide directamente sobre o verbo
Os complementos circunstanciais adoitan unirse ao verbo sen coma. Isto contribúe en numerosos casos a expresar diferenzas de sentido: non é o mesmo Estuda en Madrid (complemento circunstancial sen coma) ca En Madrid, estuda (tópico). Como regra práctica, os circunstanciais pospostos non levan coma.


Incorrecto Correcto
Deberán superar un período formativo ou de prácticas, antes de obter nomeamento como persoal estatutario fixo.
Deberán superar un período formativo ou de prácticas antes de obter nomeamento como persoal estatutario fixo.
Tal obxectivo foi cumprido, por medio do establecemento das normas básicas...
Tal obxectivo foi cumprido por medio do establecemento das normas básicas...


↑ Voltar ↑
  • Determinados adverbios e expresións poden ir entre comas en determinados contextos, pero nunca levan comas cando focalizan ou salientan algún concepto: só, soamente, unicamente, exclusivamente, tamén, aínda, tampouco, mesmo, ata, nin sequera, exactamente, xustamente, xusto, precisamente, particularmente, precisamente, especialmente, especificamente, principalmente, en particular, sobre todo, mesmamente...
Nos seguintes exemplos observamos elementos focalizadores situados incorrectamente entre comas: precisamente, polo menos e tamén.


Incorrecto Correcto
Precisamente, para regular esta situación de feito se ditou a Orde do Ministerio de Educación e Ciencia.
Precisamente para regular esta situación de feito se ditou a Orde do Ministerio de Educación e Ciencia.
…encontrarse en servizo activo e ter prestado servizos como persoal estatutario fixo, polo menos, dous anos na categoría de procedencia.
…encontrarse en servizo activo e ter prestado servizos como persoal estatutario fixo polo menos dous anos na categoría de procedencia.
Correspóndelle tamén, a dirección da xestión recadatoria nos seus dous períodos.
Correspóndelle tamén a dirección da xestión recadatoria nos seus dous períodos.


Vexamos agora exemplos onde non actúan como elemento focalizador, senón como introdutores dun inciso, caso en que si se acompañarían de comas:


Incorrecto Correcto
A reunión precisamente vai ter lugar hoxe.
A reunión, precisamente, vai ter lugar hoxe.
O obxectivo primordial é impulsar o emprego e conseguir en particular que os desempregados teñan a oportunidade de obter un posto de traballo.
O obxectivo primordial é impulsar o emprego e conseguir, en particular, que os desempregados teñan a oportunidade de obter un posto de traballo.


↑ Voltar ↑
  • Nas sinaturas, que van centradas, non se grafa coma (nin tampouco punto) para separar a persoa do cargo que exerce
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar
↑ Voltar ↑
  • As citas textuais non se introducen con comas
Lembremos que as citas textuais se introducen con dous puntos, como vemos na epígrafe correspondente:


Incorrecto Correcto
O artigo 1.2 di, «os danos e perdas causados ás persoas...»
O artigo 1.2 di: «os danos e perdas causados ás persoas...»


  • Imos ver a continuación usos da coma diferentes do de puntuar os textos
Nas cantidades, úsase a coma decimal como elemento separador entre enteiros e decimais.
Lembremos que non se usa nunca o punto nestes casos. Ademais, empregarase un espazo fixo ou protexido como separador entre millares e millóns. Se non se pode utilizar o espazo fixo, porase un punto [Escrita dos números]:
  26 680,75 € e non *26 680.75 €
  0,25 puntos por coñecemento da lingua galega
  Segundos por salto: 13,24
Porén, para separar as horas dos minutos nas expresións de horarios debe utiliarse o punto e non a coma [Horas]:
  antes das 14.00 horas do día que se sinale e non *14,00 horas
Nas cantidades escritas en letra non se emprega coma entre os diferentes números:
un total dun millón trescentos vinte mil trescentos setenta e nove euros con trinta e un céntimos (1 320 379,31 €)
↑ Voltar ↑

Punto

Como signo de puntuación colocarémolo ao final dunha cláusula (punto e seguido) ou ao final dun parágrafo (punto e á parte). Como regra xeral, debemos indicar que cómpre facer períodos curtos, o que supón aumentar o uso dos puntos en lugar de empregar períodos moi longos en que só atopamos un punto despois de varias liñas. Vexamos exemplos:


Incorrecto Correcto
10. Certificado de superación do curso: é obrigatoria a asistencia a todas as sesións do curso e finalizado este a entidade organizadora realizará as probas pertinentes que avalíen os coñecementos adquiridos polos alumnos, en caso de superalas expedirá o certificado correspondente co que poderá solicitar á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade o carné de aplicador/manipulador de biocidas, nivel básico.
10. Certificado de superación do curso. É obrigatoria a asistencia a todas as sesións do curso. Finalizado este, a entidade organizadora realizará as probas pertinentes que avalíen os coñecementos adquiridos polos alumnos. En caso de superalas, expedirá o certificado correspondente, co que se lle poderá solicitar á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade o carné de aplicador/manipulador de biocidas, nivel básico.
O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica ao alumnado que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.
O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica ao alumnado que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.


↑ Voltar ↑
  • Os sumarios do Diario Oficial de Galicia levarán sempre punto final, aínda que sexan curtos e non leven ningún verbo.
ANUNCIO de inicio de expediente sometido a avaliación ambiental.
EDICTO (32/2011).
↑ Voltar ↑
  • Os títulos dos artigos e disposicións van aliñados á esquerda e non se escribe punto final
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
Disposición derradeira única
Disposición adicional primeira. Dereitos e deberes dos asociados
↑ Voltar ↑
  • Non se utiliza punto final nas subdivisións dos textos normativos que van centradas (títulos, capítulos, seccións e subseccións)
TÍTULO I
Disposicións xerais
CAPÍTULO II
Organización e funcionamento
Sección 1ª   Dereitos de explotación
↑ Voltar ↑
  • No peche dos documentos a expresión do lugar e data non remata con punto final e ademais irá aliñada á esquerda
Cerceda, 10 de setembro de 2010
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2010
↑ Voltar ↑
  • Dentro das táboas non se emprega punto final se se trata de expresións sen verbo


Predio Titularidades
4 (porción)
Herdeiros de Manuel García
5
Herdeiros de Jesús Cuñarro
6 (porción)
Herdeiros de Pedro Martínez
7
Descoñecido


No caso de haber frases con predicado verbal, estas levarán punto final.


Causas da exclusión:
— Non presenta certificado de inscrición no rexistro de matrícula consular (artigo 4.3 da convocatoria).
— Non presenta documentación xustificativa de ter superado o 75% dos créditos matriculados durante o curso 2011/12 (artigo 4.4 da convocatoria).


No caso de alternaren frases con predicado verbal e sen el, grafarase punto final en todo.


Motivos da exclusión:
Solicitude 322. Non presentou a documentación complementaria.
Solicitude 304. Achega a documentación da fase específica incompleta.


↑ Voltar ↑
Cando os elementos dunha enumeración constitúen palabras soltas ou enunciados breves que non chegan a ser oracións nin teñen puntuación interna e van dispostos en columna, non se introduce ningún signo de puntuación ao final:
Deberanse achegar os seguintes documentos:
— solicitude conforme o modelo publicado
— DNI do solicitante
— documento de acreditación de pagamento de taxas
No resto dos casos ou cando se produza alternancia con exemplos do tipo anterior, empregarase algún signo de puntuación (coma, punto e coma ou punto) en función da independencia dos frases, agás no último, que rematará en punto:
Deberán presentar no Servizo de Persoal os seguintes documentos:
a) DNI ou pasaporte;
b) certificado da Xerencia que acredite o cumprimento das condicións exixidas na letra a) do punto 2.1 desta convocatoria;
c) fotocopia do título exixido para acceder ás probas, que deberá ser compulsado pola entidade correspondente.



Corresponden á Vicepresidencia da Xunta de Galicia as seguintes funcións e competencias:

a) Coordinar a planificación interdepartamental e a súa execución.

b) Asegurar e garantir as necesarias relacións coas administracións locais.

c) Coordinar o programa lexislativo da Xunta de Galicia e a elaboración de normas de carácter xeral e, en particular, a relación entre o poder executivo e o Parlamento de Galicia.

↑ Voltar ↑


A partir de aquí veremos funcións do punto diferentes á puntuación dos textos.

  • Abreviación
As abreviaturas requiren polo xeral o uso do punto. [A abreviación]
avda. de Arteixo
p. 12
Admón. pública
v. e pr. (visto e prace)
No caso de abreviaturas con letra voada non se escribe o punto. O voado xa indica que se trata dunha abreviatura.
Diario Oficial de Galicia nº 92, do 18 de maio
Mª Xosé

Pola contra, a diferenza das abreviaturas, os símbolos, as siglas e os acrónimos non levan punto. [A abreviación]
DOG
BOE
Inem
media tensión subterránea nº 0, a 15/20 kV, cunha lonxitude de 2,141 km
máis IVE máis IPC
↑ Voltar ↑
  • Expresións numéricas, datas e horas
Nas expresións numéricas prefírese o emprego do espazo fixo fronte ao punto para expresar os millares e os millóns. [Escrita dos números]
1 354 manifestantes

Porén, existen excepcións:

↑ Voltar ↑
  • Nas cifras dos códigos postais non se escribe punto nin espazo
15703 Santiago de Compostela
↑ Voltar ↑
  • A paxinación nunca se grafa con punto
Na páxina 15508, artigo único, onde di: «15 días hábiles a partir da data da publicación da presente orde», debe dicir: «15 días hábiles a partir do seguinte ao 30 de abril de 2012».
Nas páxinas 4461 e 4462, no anexo 11, suprímense varias zonas de concentración.
↑ Voltar ↑
  • Expresión dos anos. Non levan punto de miles e tampouco espazo:
Dentro das actividades programadas para o ano 2012
Prazas incluídas na oferta de emprego público do ano 2009
↑ Voltar ↑
  • Expresión abreviada de datas. A expresión das datas abreviadas leva punto preferentemente para os textos que se publican no DOG, pero tamén se pode empregar o guión curto ou a barra inclinada [Datas]:
14.3.2011
↑ Voltar ↑
  • Expresión de horas. Para separar as horas dos minutos debe utilizarse o punto e non haberá espazo entre este e a cifra que marca os minutos. Tamén se admite o emprego dos dous puntos. [Horas]
antes das 14.00 horas do día que se sinale
↑ Voltar ↑
  • Nos enderezos de páxinas web ou de correo electrónico úsase o punto como separador:
www.xunta.es
contratacion@vigo.org
↑ Voltar ↑
  • Subdivisión de textos con carácter normativo
Cando nos referimos á subdivisión dos artigos dunha norma, úsase o punto como separador.
Se o número en que se subdivide o artigo vai acompañado de letra, escríbese, así mesmo, punto antes desta e a letra vai seguida de paréntese:
– Número cardinal na subdivisión: no artigo 14.1.a)
– Número ordinal na subdivisión: artigo 14.1º. a)
Na subdivisión dos textos normativos o número das seccións exprésase en ordinal, non con letra:
Sección 2ª
Se usamos un número ordinal, cando este vaia seguido dun título porase punto a continuación, do mesmo xeito ca no emprego dos números cardinais:
1º. Réxime de incompatibilidades / 1. Réxime de incompatibilidades
↑ Voltar ↑
  • Subdivisión dos textos con números
Na subdivisión dun texto usando numeración, tanto no caso da arábiga como no da romana, o número vai seguido de punto e espazo antes do texto:
1. O período de vixencia desta orde (…)
I. A nota media será a media aritmética das cualificacións (…)
↑ Voltar ↑

Punto e coma

Serve para marcar o límite entre unidades sintácticas, pero este signo delimita no interior da oración bloques máis amplos ca os separados por comas. Acouta xeralmente unidades sintácticas independentes, xustapostas, que manteñen entre si unha relación forte desde o punto de vista informativo. Porén, este signo non especifica o tipo de relación semántica que se produce entre os segmentos que une, a diferenza da coma e dos dous puntos, que establecen un tipo de relación máis clara. A coma crea unha relación de subordinación entre o elemento que introduce ou pecha e outro elemento que está nun nivel sintáctico máis alto. Os dous puntos, pola súa banda, establecen unha relación de subordinación informativa do segmento que introducen, que se interpretará como unha explicación ou aclaración, unha consecuencia, unha causa ou un resumo do segmento anterior (isto é, da información previa aos dous puntos). O punto e coma é similar ao punto e seguido.

  • Delimitación de unidades sintácticas xustapostas
Empregamos o punto e coma para delimitar unidades sintácticas independentes e xustapostas, especialmente cando estas son complexas e teñen comas no seu interior:
O PNB de Bélxica foi de 87 654 millóns de euros; o de Dinamarca, de 96 528; o de Alemaña, de 340 755, e o de Grecia...

Prohíbese ter na estacada un número superior de fisgas ao de pescadores con permiso presentes nela, así como pedras ou calquera outro instrumento que sirva para bater as augas ou escorrentar os peixes de xeito que se facilite a súa captura; serán todos eles responsables do incumprimento destas condicións.
  • Marcar pausas cando a coma non é suficiente
Cando se considere que cunha coma se marcaría unha pausa moi feble, acudiremos ao punto e coma. No caso de que a pausa aínda necesite ser máis forte deberiamos usar o punto:
Non lles gusta o acordo; teremos que renegocialo.

En cumprimento do disposto na norma reguladora, resolveuse a concesión das subvencións para o fomento e a consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais; por conseguinte, deberán comprobar que os datos bancarios son correctos para que a Administración proceda a ingresarlles as contías que lles corresponden.
  • Separación de elementos en enumeracións con puntuación interna nos seus elementos
Se nos encontramos cunha enumeración con elementos non demasiado complexos pero que posúen puntuación interna, o contido quedará máis claro se empregamos o punto e coma para separalos. Porén, o último elemento adoita separarse coa conxunción e.
Lindeiros: norte, casa número 10 da rúa do Vilar; sur, casa de José María del Río; leste, coa rúa do Vilar, e oeste, co mencionado predio.
Cando os elementos dunha enumeración están constituídos por oracións complexas que, pola súa vez, presentan puntuación interna, é necesario utilizar un signo de puntuación máis forte que a coma para delimitar adecuadamente onde acaba un elemento da enumeración e onde empeza o seguinte. Se usásemos comas nestes casos, complicariamos enormemente a lectura e, en consecuencia, a comprensión, xa que o texto se presenta como un bloque uniforme e confuso. Vexamos un exemplo de aplicación de punto e coma nunha enumeración complexa:
Á realización destas probas selectivas seralles de aplicación a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público; o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, modificado pola Lei 2/2009, do 23 de xuño; o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado; o Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna; os estatutos da Universidade da Coruña e o disposto na presente convocatoria.
Fixémonos en que neste exemplo, ao encontrarnos a conxunción e que remata o período, xa non empregamos ningún signo de puntuación. Isto débese a que o último elemento non é complexo.
No caso de precisarmos que unha enumeración gañe en lexibilidade, temos a opción de presentala en forma de lista cun elemento en cada parágrafo:
Medidas relativas a determinados produtos:

a) que importaron allos de países distintos dos novos Estados membros ou da Comunidade na súa composición en 30 de abril de 2004 durante dúas das tres campañas de importación anteriores como mínimo;
b) que importaron, polo menos, 50 toneladas de froitas e hortalizas mencionadas no artigo 1, número 2, do Regulamento (CE) nº 2200/1996 durante o ano civil anterior.
Debemos advertir que non se debe abusar do punto e coma como recurso para seguir engadindo información dentro dun mesmo parágrafo do cal resulten moitas oracións complexas xustapostas que alongan innecesariamente o parágrafo e dificultan enormemente a lectura e a comprensión. Neste caso usaranse os puntos.


Incorrecto Correcto
A aplicación e desenvolvemento desta norma persegue facilitar aos propietarios de montes o manexo sustentable dos recursos, achegando solucións para a consecución de terreos con posibilidade dunha adecuada xestión técnica e tratando de superar as limitacións do minifundio a través de sociedades de fomento forestal (Sofor) ou doutros instrumentos que permitan unha adecuada xestión en común do monte; a tal fin estrutúrase un marco xurídico que simplifica os medios necesarios para o seu cumprimento, permitindo unha maior axilidade ao conxunto do sector con novos instrumentos de ordenación e xestión forestal, simplificando así mesmo o procedemento de autorización; e todo iso coa necesaria seguridade xurídica, tanto para os propietarios como para aqueles que operen no sector, ordenando os aproveitamentos forestais con criterios técnicos, de tal xeito que permita optimizar as distintas actividades forestais sen menoscabo dos dereitos dos propietarios e dos intereses colectivos da sociedade.
A aplicación e desenvolvemento desta norma persegue facilitarlles aos propietarios de montes o manexo sustentable dos recursos, achegando solucións para a consecución de terreos con posibilidade dunha adecuada xestión técnica e tratando de superar as limitacións do minifundio a través de sociedades de fomento forestal (Sofor) ou doutros instrumentos que permitan unha adecuada xestión en común do monte. Para tal fin estrutúrase un marco xurídico que simplifica os medios necesarios para o seu cumprimento, permite unha maior axilidade ao conxunto do sector con novos instrumentos de ordenación e xestión forestal, e simplifica, así mesmo, o procedemento de autorización. Todo iso coa necesaria seguridade xurídica, tanto para os propietarios como para aqueles que operen no sector, ordenando os aproveitamentos forestais con criterios técnicos, de tal xeito que permita optimizar as distintas actividades forestais sen menoscabo dos dereitos dos propietarios e dos intereses colectivos da sociedade.


Atopamos, ademais, exemplos en que cumpriría punto e non punto e coma xa que a pausa que corresponde é maior ca que establece a coma. Ademais, deste xeito a oración gaña en claridade expositiva:


Incorrecto Correcto
Esta cualificación total obterase pola suma das correspondentes a cada unha das probas, que se cualificarán de 0 a 15 puntos a primeira e de 0 a 15 puntos a segunda; suma que non poderá realizarse no suposto de que a cualificación obtida en calquera das probas for inferior a seis (6) puntos, caso en que non se superará o exercicio. Esta cualificación total obterase pola suma das correspondentes a cada unha das probas, que se cualificarán de 0 a 15 puntos a primeira e de 0 a 15 puntos a segunda. A suma non poderá realizarse no suposto de que a cualificación obtida en calquera das probas for inferior a seis (6) puntos, caso en que non se superará o exercicio.


↑ Voltar ↑

Dous puntos

Este signo de puntuación presenta uns usos máis delimitados ca os signos anteriores. Indica unha pausa bastante breve, pero cunha función sintáctica moi precisa: indicar que o discurso que vai a continuación é unha explicación ou unha consecuencia do anteriormente dito.

  • Antes das enumeracións


Incorrecto Correcto
Tipos, de tres ou dous volumes, monovolumes, todoterreos, furgonetas e outros.

Tipos; de tres ou dous volumes, monovolumes, todo terreos, furgonetas e outros.

Tipos: de tres ou dous volumes, monovolumes, todoterreos, furgonetas e outros.


↑ Voltar ↑
  • Despois do verbo resolutivo que expón o obxectivo principal do texto, escrito en letras maiúsculas, tipo DISPOÑO ou RESOLVE


... esta consellería
RESOLVE:
tendo en conta os criterios de eficacia, austeridade e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa,
DISPOÑO:
DECIDO:
Que debo estimar e estimo a demanda presentada por...
O decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela
CERTIFICA:


↑ Voltar ↑
  • Para introducir citas textuais directas
As marcas tipográficas das citas directas son os dous puntos que se empregan para introducilas e as comiñas para delimitalas:
...e di a súa exposición de motivos: «O servizo ao cidadán exixe...»
Porén, cando se trate de texto longo pode ir en parágrafo á parte sen comiñas. [Comiñas].
Tamén existe o que se chama cita mixta. Unha cita mixta presenta unha estrutura sintáctica de cita indirecta pero inclúe fragmentos literais entre comiñas.
Sostén o recorrente que non lle foi computado na executoria 1172007 o tempo de prisión provisional sufrido nela «por ter coincidido coa prisión provisional decretada noutro procedemento e co incumprimento da pena imposta na sentenza firme».
↑ Voltar ↑
  • Listaxes denominativas
Código do posto: MA.C02.00.008.15770.001.
Denominación do posto: asesor/a xurídico/a.
Grupo: A1.
Nivel: 30.
Corpo ou escala: xeral (escala de letrados).
↑ Voltar ↑
  • Nalgúns documentos administrativos obsérvase un uso innecesario dos dous puntos, que nalgúns casos mesmo é abusivo


Incorrecto Correcto
Os nomeamentos de persoal estatutario temporal poderán ser: de interinidade, de carácter eventual ou de substitución. Os nomeamentos de persoal estatutario temporal poderán ser de interinidade, de carácter eventual ou de substitución.
Obxecto do contrato: execución da obra: «Explotación dos servizos de cafetaría no edificio do Centro Social do Mar». Obxecto do contrato: execución da obra de explotación dos servizos de cafetaría no edificio do Centro Social do Mar.
Datos da actividade:

1. Denominación: mediación policial: ferramentas básicas para a resolución do conflito

Datos da actividade

1. Denominación: Mediación policial. Ferramentas básicas para a resolución do conflito


Unha norma que debemos ter en conta verbo deste signo ortográfico é non repetilo en exceso no mesmo parágrafo. Así, buscaremos outro signo axeitado:


Incorrecto Correcto
Lote 2: Importe neto: 11.759,04 euros. Importe total: 12.699,76 euros (incluído o 8% de IVE). Lote 2. Importe neto: 11.759,04 euros. Importe total: 12.699,76 euros (incluído o 8% de IVE).


Pola contra, non sería uso abusivo de dous puntos se nunha enumeración nos atopamos con que os diferentes elementos van precedidos por unha parte introdutoria (encabezamento) e esta finaliza con dous puntos, mesmo no caso de que esta parte introdutoria preceda outra parte introdutoria:
O Regulamento (CE) nº 1623/2000 queda modificado como segue:
1) O artigo 92 modifícase como segue:
a) O punto 2 modifícase como segue:
i) A letra c) substitúese polo texto seguinte:
«c) O lugar de establecemento e unha copia dos plans das instalacións».
↑ Voltar ↑

Puntos suspensivos

Os puntos suspensivos son sempre tres e van unidos á palabra que os antecede.

  • Omisión de texto
Os puntos suspensivos empréganse para indicar a omisión dun texto nunha transcrición literal cando se produce ao principio ou ao final da cita:
«...os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes.»
«Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso de alzada...»
Se a omisión se produce no medio do texto, os puntos suspensivos van encerrados entre corchetes [...] ou entre parénteses (...), con preferencia para os primeiros, para evitar que o lector pense que os puntos suspensivos forman parte do texto orixinal:
«De acordo co establecido no número 5 do artigo 11 do Decreto 326/2004, do 29 de decembro, polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e polo que se crea o Rexistro de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento [...], os vogais do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento serán nomeados polo titular do departamento competente...»
↑ Voltar ↑
  • Enumeracións sen concluír
Cando non se desexa concluír unha enumeración, pode optarse quer polo uso da abreviatura etc. quer polos puntos suspensivos:
(planos, informes, memorias económicas anuais da entidade, fotografías...)
(planos, informes, memorias económicas anuais da entidade, fotografías etc.)
aspectos nela recollidos (instalacións, condicións de manexo…)
aspectos nela recollidos (instalacións, condicións de manexo etc.)
ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, CATASTRO...)
ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, CATASTRO etc.)
↑ Voltar ↑
  • Os puntos suspensivos non se unen a etcétera
En ningún caso se debe utilizar de forma combinada a abreviatura etc. (nin a súa forma plena etcétera) e os puntos suspensivos, xa que resulta redundante:


Incorrecto Correcto
colocáronse uns focos en cobre moi grandes, vistosos, ornamentados etc... colocáronse uns focos en cobre moi grandes, vistosos, ornamentados etc.

colocáronse uns focos en cobre moi grandes, vistosos, ornamentados...


↑ Voltar ↑

Signos de interrogación e de exclamación

No Diario Oficial de Galicia a utilización dos signos de interrogación e de admiración (?/!) vese restrinxida practicamente á cita de nomes de campañas, actividades, proxectos ou formularios onde aparezan preguntas:

A campaña E logo! ten como obxectivos...

RESOLUCIÓN conxunta do 16 de febreiro do 2012, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, pola que se convoca a fase autonómica do concurso de premios sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis-7. A publicidade: compras ou cómprante?

Foi vostede beneficiario da axuda o ano pasado?

Como observamos nos exemplos anteriores, en galego a entoación interrogativa ou exclamativa márcase ao final do enunciado por medios dos signos ? e !, respectivamente. Para facilitar a lectura e evitar ambigüidades poderase indicar o inicio destas entoacións cos signos ¿ e ¡, respectivamente.

↑ Voltar ↑

Corchetes

Cómpre utilizar con rigor estes signos dobres de maneira que cando se abran se pechen. Os corchetes teñen, igual que os dous puntos ou as parénteses, uns usos moi determinados.

  • Intercalar unha aclaración
Os corchetes empréganse nas citas textuais para intercalar no texto unha aclaración que non consta no texto orixinal:
«O orzamento [da Comunidade Autónoma de Galicia] aprobarase anualmente».
↑ Voltar ↑
  • Supresión de palabras dunha cita
Cando nunha transcrición literal dun texto queremos indicar a omisión dun fragmento no interior da cita, empréganse puntos suspensivos encerrados entre corchetes [...] ou entre parénteses (...), con preferencia para os primeiros, para evitar que o lector poida pensar que os puntos suspensivos forman parte do texto orixinal:
«O presidente, actuando en nome do ente público Portos de Galicia [...] acorda darlle publicidade á adxudicación do seguinte contrato administrativo de consultoría e asistencia:»
Se a omisión se dá ao comezo ou final da cita, utilízanse simplemente os puntos suspensivos:
«...os beneficiarios terán como data límite para a presentación da solicitude o 29 de decembro de 2012.»

«Porén, o interesado poderá optar por interpor contra esta resolución recurso de reposición...»
↑ Voltar ↑

Parénteses

Empréganse para indicar oracións ou expresións intercaladas.

Avda. Miguel, 33 (entrada por r/ Barahona), 24003 León

Selección de solucións de instalación ou de fabricación en carpintaría (portas e ventás, escaleiras, tarimas e varandas, cubertas e soportais, armazóns horizontais e verticais etc.)

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 17 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a talleres de reparación de vehículos (procedemento IN530C).

Podemos atopar casos de dobre parénteses se precisamos intercalar dentro dunha paréntese máis información complementaria:

O proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia (convocado pola Orde da Consellería de Facenda do 27 de xullo de 2011 (DOG núm. 144, do 28 de xullo)) rematou no ano 2012.
↑ Voltar ↑
  • Ademais do seu uso como signo de puntuación, as parénteses presentan outros usos que veremos a continuación
Utilízase a paréntese dereita [)] xunto coas letras minúsculas ou maiúsculas para representar as subdivisións dos textos en alíneas ou epígrafes: a), b), A), B)... Nunca se debe empregar a paréntese de inicio nestes casos.
2. A organización básica do Goberno e da Administración da Área Metropolitana de Vigo está determinada pola seguinte estrutura:

a) a Asemblea Metropolitana
b) a presidenta ou o presidente
c) a Xunta de Goberno Metropolitana
d) o Comité de Cooperación
e) a Comisión Especial de Contas
↑ Voltar ↑

Raia

A raia escríbese no procesador de textos premendo as teclas alt + 0151 no teclado numérico. É importante non confundir a raia co guión nin co signo menos, pois as súas funcións son distintas. A raia emprégase nos incisos e nas enumeracións que van en forma de viñeta.

  • Incisos
Encomendar a xestión de determinadas materias relacionadas coas listas de contratación temporal do persoal laboral da Xunta de Galicia —reguladas no Decreto 37/2006, do 2 de marzo— dedicado ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e Pladiga á Consellería do Medio Rural e do Mar.

Cumprindo o disposto no artigo 8.1 do Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental, sométese a información pública por un período de vinte días hábiles, co fin de que durante este —que comezará a contar desde o día seguinte ao da inserción deste edicto no BOP e no DOG— poidan examinar o expediente, na Secretaría deste concello, as persoas que dalgún xeito se consideren afectadas polas actividades que se pretenden instalar e formular por escrito as reclamacións ou observacións que consideren oportunas.

Ese proceso de reforma para a obrigada harmonización comunitaria foi paralelo ao de modernización do dereito desta clase de sociedades, cuxo réxime xurídico, superada a dualidade de leis —a Lei de sociedades anónimas e a Lei de sociedades de responsabilidade limitada—, contén agora o texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo.
Como xa dixemos na epígrafe dedicada á coma, para realizar aclaracións poden empregarse comas, raias e parénteses. As raias indican un contraste máis ou menos brusco por medio do cal se fai unha observación á parte ou un comentario, e as parénteses úsanse para engadir unha aclaración pero que é unha información complementaria. No caso de usarmos comas, os incisos deben estar necesariamente relacionados co contexto e ligados á sintaxe do fragmento. Á hora de escollermos entre un signo ou outro teremos en conta o anterior, pero nalgúns contextos poderá haber máis dunha opción.
↑ Voltar ↑
  • Enumeracións
Pode usarse a raia nas enumeracións para que resulten máis fáciles de ler e de identificar os seus elementos:


Opción correcta sen raias Opción correcta con raias
A froita que se distribuirá será a seguinte: plátanos, mazás, peras e laranxas. A froita que se distribuirá será a seguinte:

— plátanos
— mazás
— peras
— laranxas


Con relativa frecuencia aparecen tras dous puntos amplas enumeracións, non de palabras simples ou complexas, senón de enunciados ou expresións. Cando isto ocorre é conveniente establecer unha lista das partes que se citan. Esta disposición tipográfica establece unha orde visual e xerárquica que nos orienta e evita, así mesmo, a perda da comprensión.


Opción correcta sen raias

A presente lei estrutúrase en nove títulos: o preliminar, relativo ao obxecto e aos principios xerais da política de vivenda; o título primeiro, relativo ás competencias e á planificación en materia de vivenda; o título segundo, dedicado á calidade das vivendas; o título terceiro, relativo á protección dos adquirentes e arrendatarios de vivendas; o título cuarto, abrangue todo o réxime das vivendas de protección pública; o título quinto, sobre as actuacións para o fomento do alugamento; o título sexto refírese á colaboración público-privada; o título sétimo, regula os órganos colexiados en materia de vivenda; o oitavo e derradeiro título dedícase a regular o réxime sancionador. Ademais, recóllense dúas disposicións adicionais, cinco disposicións transitorias, unha derrogatoria e seis derradeiras.



Opción correcta con raias

A presente lei estrutúrase en nove títulos:
— o preliminar, relativo ao obxecto e aos principios xerais da política de vivenda
— o título primeiro, relativo ás competencias e á planificación en materia de vivenda
— o título segundo, dedicado á calidade das vivendas
— o título terceiro, relativo á protección dos adquirentes e arrendatarios de vivendas
— o título cuarto, abrangue todo o réxime das vivendas de protección pública
— o título quinto, sobre as actuacións para o fomento do alugamento
— o título sexto, refírese á colaboración público-privada
— o título sétimo, regula os órganos colexiados en materia de vivenda
— o oitavo e derradeiro título, dedícase a regular o réxime sancionador.
Ademais, recóllense dúas disposicións adicionais, cinco disposicións transitorias, unha derrogatoria e seis derradeiras.


Opción correcta sen raias

A reforma introducida no noso dereito contable pola Lei 16/2007 define dous conceptos de grupo: o regulado no artigo 42 do Código de comercio, que poderiamos denominar de subordinación, formado por unha sociedade dominante e outra ou outras dependentes controladas pola primeira, e o grupo de coordinación, integrado por empresas controladas por calquera medio por unha ou varias persoas, físicas ou xurídicas, que actúen conxuntamente ou se encontren baixo dirección única por acordos…



Opción correcta con raias

A reforma introducida no noso dereito contable pola Lei 16/2007 define dous conceptos de grupo:
— O regulado no artigo 42 do Código de comercio, que poderiamos denominar de subordinación, formado por unha sociedade dominante e outra ou outras dependentes controladas pola primeira.
— O grupo de coordinación, integrado por empresas controladas por calquera medio por unha ou varias persoas, físicas ou xurídicas, que actúen conxuntamente ou se encontren baixo dirección única por acordos…


En ocasións, os termos que se relacionan non son expresións simples, nin sequera breves enunciados, senón auténticos parágrafos, polo que resultaría imposible establecer unha relación de dependencia adecuada. Porén, coa axuda da raia restablécese a orde visual e mental:


Opción correcta sen raias

Neste sentido, e sen esquecer outras disposicións encargadas de regular os requisitos para o recoñecemento e gozo das distintas prestacións, así como as condicións exixidas para a prestación de servizos sociais polas entidades públicas e privadas, aprobáronse sucesivamente as seguintes normas de rango legal: a Lei 3/1998, do 24 de xuño, de accesibilidade e supresión de barreiras, co obxecto de garantir a accesibilidade e o uso de bens e servizos da Comunidade a todas as persoas e, en particular, ás que teñan algún tipo de discapacidade; a Lei 14/2002, do 25 de xullo, de promoción, atención e protección á infancia en Castilla y León, cuxa finalidade é garantir os dereitos dos menores de idade, promover o seu pleno desenvolvemento e integración sociofamiliar e regular as actuacións para a atención daqueles que se encontren en situación de risco ou de desamparo; a Lei 5/2003, do 3 de abril, de atención e protección ás persoas maiores de Castilla y León, destinada a prestar unha atención integral e continuada ás persoas maiores, promovendo o seu desenvolvemento persoal e social, fomentando a súa participación e a súa integración social, e a Lei 8/2006, do 10 de outubro, do voluntariado en Castilla y León, cuxo obxecto é promover, fomentar e ordenar a participación solidaria dos cidadáns nas actividades organizadas de voluntariado e regular as relacións que se poidan establecer con respecto ás ditas actividades.>



Opción correcta con raias

Neste sentido, e sen esquecer outras disposicións encargadas de regular os requisitos para o recoñecemento e gozo das distintas prestacións, así como as condicións exixidas para a prestación de servizos sociais polas entidades públicas e privadas, aprobáronse sucesivamente as seguintes normas de rango legal:
— a Lei 3/1998, do 24 de xuño, de accesibilidade e supresión de barreiras, co obxecto de garantir a accesibilidade e o uso de bens e servizos da Comunidade a todas as persoas e, en particular, ás que teñan algún tipo de discapacidade;
— a Lei 14/2002, do 25 de xullo, de promoción, atención e protección á infancia en Castilla y León, cuxa finalidade é garantir os dereitos dos menores de idade, promover o seu pleno desenvolvemento e integración sociofamiliar e regular as actuacións para a atención daqueles que se encontren en situación de risco ou de desamparo;
— a Lei 5/2003, do 3 de abril, de atención e protección ás persoas maiores de Castilla y León, destinada a prestar unha atención integral e continuada ás persoas maiores, promovendo o seu desenvolvemento persoal e social, fomentando a súa participación e a súa integración social;
— a Lei 8/2006, do 10 de outubro, do voluntariado en Castilla y León, cuxo obxecto é promover, fomentar e ordenar a participación solidaria dos cidadáns nas actividades organizadas de voluntariado e regular as relacións que se poidan establecer con respecto ás ditas actividades.


↑ Voltar ↑

Ferramentas persoais
Xunta de Galicia