Acentuación gráfica
De Manual de Estilo DOG
(Diferenzas entre revisións)
(→Acento diacrítico) |
(→Acento diacrítico) |
||
Liña 756: | Liña 756: | ||
{| border="0" align="right" width="50px" | {| border="0" align="right" width="50px" | ||
- | | align="center" style="background:#0088cc; color:white"|[[Introdución|'''Subir''']] | + | | align="center" style="background:#0088cc; color:white"|[[#Introdución|'''Subir''']] |
|} | |} | ||
Revisión como estaba o 3 de maio de 2012 ás 09:22
Páxinas principais |
Acentuación gráfica (Introdución)
- No galego, ao igual ca no castelán, só empregamos un acento, o acento agudo (´). Nunca debe omitirse o acento pois unha palabra pode variar totalmente de significado segundo o leve ou non. Son habituais as parellas de substantivo e forma verbal que se opoñen polo acento:
ánimo/animo
diálogo/dialogo
hábito/habito
exército/exercito
público/publico
- Tamén se opoñen polo acento o pretérito pluscuamperfecto e o futuro de indicativo dos verbos regulares:
- pagara/pagará
- pagara/pagará
(A empresa alegou que xa pagara a liquidación antes da reclamación. / A consellería pagará as subvencións no mes de maio.)
- subvencionaran/subvencionarán
- subvencionaran/subvencionarán
(Os organismos que subvencionaran no ano anterior os proxectos presentaron unha memoria. / As consellerías subvencionarán todos os proxectos que se presenten en prazo e que cumpran os requisitos.)
- Ademais dos anteriores, podemos encontrar outros casos:
área/area
ágora/agora
traía/traia
á/a
Regras xerais de acentuación
A continuación recordaremos as regras xerais de acentuación do galego:
Agudas
- Levan acento gráfico as palabras agudas polisílabas que rematan en vogal (ventá, esquí); en vogal + n (común, almacén); en vogal + s (ventás, esquís) ou en vogal + ns (comúns, almacéns).
- Non levan acento gráfico as palabras agudas polisílabas que levan un ditongo decrecente[1] na última sílaba (seguido ou non de –n ou –s): ademais, controis, xudeu, xersei, azuis.
- Non levan acento gráfico as palabras agudas polisílabas rematadas nunha consoante distinta de –n ou –s (anel, dobrez) nin nun grupo consonántico distinto de –ns (robots, anoraks).
- Como regra xeral, non levan acento gráfico as palabras monosílabas, excepto se se trata de acento diacrítico. É erro frecuente atopar acento nalgunhas destas palabras, como por exemplo si. Outras palabras monosílabas sen acento son: min, di, sa, ten, bos, man, ben, cen, el, ti.
Graves
- Acentúanse as palabras graves que rematan nunha consoante distinta de –n ou –s (réptil, réquiem, ítem); nun grupo consonántico que non sexa –ns (cómics, látex, ítems) ou que levan ditongo decrecente na última sílaba (hóckey). Estas últimas son moi pouco frecuentes.
- Non levan acento gráfico as palabras graves rematadas en vogal ou ditongo crecente (pagamento, premio); en vogal + n (escriben); en vogal + s (lapis) ou en vogal + ns (dolmens).
Esdrúxulas
- As palabras esdrúxulas sempre levan acento gráfico (lóxico, público). É frecuente a ausencia de acento nestas palabras e nalgúns casos ademais isto pode entorpecer a comprensión do texto ou xerar dúbidas, sobre todo cando a falta de acento converte a palabra noutra:
- Será considerado ben de interese *publico > público
- *Limites da parcela > Límites
- Deberá acreditar ter feito o *deposito de 300 euros > depósito
Sobresdrúxulas
- As palabras sobresdrúxulas, ao igual ca as esdrúxulas, levan sempre acento gráfico (cámbiaselle).
- Un dos erros habituais na acentuación destas palabras é colocar o acento noutra sílaba: *notíficaselle en lugar de notifícaselle.
- Cómpre lembrar que os adverbios rematados en –mente en galego non son palabras sobresdrúxulas senón graves, polo que a diferenza do castelán nunca levan acento gráfico: ultimamente, facilmente, adecuadamente, utilmente, fisicamente.
- No entanto, no caso de apareceren varios adverbios rematados en -mente coordinados, esta terminación só aparece no derradeiro e os anteriores, se o tiñan, manteñen o seu acento:
- cómoda e facilmente
- medidas acertadas económica, social e politicamente
Dúbidas en relación coa acentuación
Despois de lembrarmos as regras xerais, pasamos a solucionar algunhas dúbidas que xorden habitualmente en relación coa acentuación.
Os monosílabos
- As excepcións á regra xeral de non acentuación dos monosílabos corresponden con palabras que deben levar acento diacrítico. O acento diacrítico úsase para distinguir unha palabra doutra que se escribe igual pero que ten outro significado (oso/óso, e/é). A listaxe de palabras con acento diacrítico verémola máis adiante xa que se trata de casos especiais de acentuación.
- Unha cuestión que debemos ter sempre en conta é que a acentuación diacrítica do galego non coincide co castelán. Isto leva a acentuar, por exemplo, o pronome persoal el ou o adverbio de afirmación e pronome reflexivo si.
- A forma si en galego non leva acento en ningún caso, a pesar de ser unha forma con varios significados. En castelán a acentuación diacrítica de sí débese a que conflúe coa conxunción condicional si, pero en galego esta conxunción é se. Os distintos significados no galego distínguense polo contexto e non é necesario acento gráfico.
- Se todos din que si non fará falta volver votar.
- Gardou para si toda a información.
- Composición en si menor.
- En canto ao pronome persoal el, tampouco leva acento gráfico en galego. En castelán oponse ao artigo el, que en galego é o.
- Deberán entregarllo a el e non a ela.
- Tampouco é necesario acento para distinguir o artigo indefinido un do pronome indefinido un ou do numeral un.
- Deberá presentar un certificado de servizos prestados.
- Un deles será o que se presente xunto coa solicitude.
- Terá un, non dous.
Acentuación nas contraccións
- Existen algunhas construcións en galego nas cales é necesario empregar a contracción da preposición a co artigo fronte ao castelán, que só emprega a preposición a.
- Así, debemos escribir:
- Volver á casa e non *Volver a casa
- Feito á man e non *Feito a man
- Quedo á súa disposición e non *Quedo a súa disposición
- Tamén se dan erros na acentuación das contracción sen seren por interferencia do castelán, senón por dúbidas na acentuación das contraccións da preposición a + artigo a/as.
- Con referencia á cuestión anteriormente citada e non *Con referencia a cuestión
- O acto de apertura de proposicións terá lugar ás 12.00 horas e non *terá lugar as 12.00 horas
Demostrativos
- Non se acentúan en ningún caso os pronomes demostrativos. Non é necesario o acento xa que a diferenza entre pronomes e adxectivos se produce polo contexto.
- Este é un dos riscos derivados da falta de prevención. / Este risco deriva da falta de prevención.
- Aquel será o obxecto da subvención. / Aquel obxecto comporta a subvención.
Interrogativos e exclamativos
- Os pronomes interrogativos e exclamativos (cal, cando, canto, como, onde, que, quen e por que) non se acentúan en interrogativas e exclamativas directas:
- Cal quere?
- Cando volve?
- Que sorte!
- Tampouco se acentúan polo xeral as formas do interrogativo e exclamativo cando introducen oracións indirectas:
- Preguntoulle cando volvía.
- Pregúntelle onde está.
- Segundo as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego só se acentuarán cando for preciso para evitar posibles ambigüidades.
- dille qué queres (dille o que queres) / dille que queres, xa sabes qué (dille que si queres o que che ofrecen)
- xa sabes cánto custou (xa sabes o prezo) / xa sabes canto lle custou (xa sabes o traballo que lle custou)
As palabras agudas rematadas en ditongo decrecente, por exemplo ademais, non se acentúan
- Como xa dixemos ao falar das regras xerais, non se acentúan as palabras agudas polisílabas que finalizan en ditongo decrecente (seguido ou non de –n ou –s) e tampouco as palabras graves que finalizan en ditongo crecente. Fixémonos nos seguintes exemplos:
• Agudas rematadas en ditongo decrecente: partiu, xudeu, xersei, perdeu
• Agudas rematadas en ditongo decrecente seguido de –s: ademais, controis, azuis
• Graves rematadas en ditongo crecente: premio, egua, tenue, femia
Acentuación de diptongos e hiatos
- Os ditongos compórtanse como vogais simples no tocante á acentuación: levan acento gráfico cando lles corresponde segundo as regras xerais. Lembremos que non levan acento as palabras agudas rematadas en ditongo decrecente (ademais, xersei, participou).
- Nos ditongos o acento gráfico colócase sempre sobre a vogal forte (a, e, o) xa que esta é a vogal tónica: hidráulico, tráiler, aprovéitase, éuscaro, adóitase, cirurxián, diésel, acuático, quórum.
- Nas combinacións de varias vogais, o í ou o ú tónicos acentúanse cando hai un hiato.
auditoría
cirurxía
saúdo
proteína
transeúnte
oínte
rúa
súa
dúas
ruído
xuízo
había
país
- Fixémonos no último exemplos (país). Se non leva acento convértese noutra palabra (pais).
- Unha das cousas que hai que ter en conta á hora de acentuar é que moitas formas que en galego son hiato (as vogais pertencen a sílabas diferentes) en castelán son ditongo ou se dan as dúas opcións. Así, non teñen dobre acentuación en galego palabras que si a teñen no castelán. Por tanto, as únicas formas posibles en galego son con acentuación esdrúxula, xa que se trata de hiatos:
- período (pe-rí-o-do)
- austríaco (aus-trí-a-co)
- cardíaco (car-dí-a-co)
- Encontramos tamén hiato nas formas dos verbos que finalizan en -aír, -oír e –uír e tamén noutras formas verbais:
saír
oír
construír
atribuír
concluír
constituír
atribuído
substituíndo
constrúen
sería
amplíe
avalío
constitúe
substitúe
conclúo
- Na acentuación das secuencias –iu– e –ui– xorden a miúdo dúbidas de en que vogal se coloca o acento gráfico xa que se trata de dúas vogais febles. Lembremos a seguinte norma para non equivocarnos: se as vogais forman ditongo o acento recae sobre a primeira vogal e se forman hiato o acento vai sobre a segunda vogal. Tamén podemos pensar en cal é vogal que leva a intensidade.
- Observemos os seguintes exemplos de ditongo acentuado -úi- e -íu-:
- púidose (o acento vai sobre a primeira vogal)
- púidenlle (o acento vai sobre a primeira vogal)
- seguíuselle (o acento tamén vai sobre a primeira vogal (í) xa que a letra u anterior neste caso non se pronuncia, acompaña o g)
- partíullelo
- dirixíuselle
- Observemos agora os seguintes exemplos de combinación de dúas vogais febles (i, u) que pertencen a sílabas distintas, é dicir, que forman hiato. Como xa dixemos, no caso de levar acento algunha delas, este recae sempre sobre a segunda vogal. Polo tanto, teremos -uí- ou -iú-:
diúrno
viúvo
miúdo
circuíto
concluínte
constituínte
contribuínte
fluído
gratuíto
posuír
prexuízo
ruído
xenuíno
xuíza
- Nas formas do verbo prohibir (prohibe, prohiben) as vogais forman hiato pero non levan acento gráfico porque o h intercalado xa indica que as dúas vogais pertencen a sílabas diferentes: pro-hi-bir, pro-hi-bo, pro-hi-be, pro-hi-ben, etc.
- É erro frecuente acentuar as formas de presente do verbo adecuar. Lembremos o que din as Normas ortográficas do galego en relacións cos verbos que teñen a terminación –uar e ao mesmo tempo aplicámolo aos rematados en –iar.
«Entre os acabados en -iar, -uar, aínda que regulares
sempre, cómpre distinguir: a) aqueles en que ia, io, ie ou
ua, uo, ue son sempre ditongo (cambio, cambia, cambie;
minguo, mingua, mingüe), e b) os que teñen aquelas
secuencias conservadas como hiato (afío, afía, afíe, e
mesmo a-fi-ar, ou acentúo, acentúa, acentúe).»
- No verbo adecuar atopámonos ante un ditongo (a-de-cuar), polo que se conxugaría como minguar: adecuo, adecuas, adecua, adecuamos, adecuades, adecuan.
- As combinacións de tres vogais poden constituír un tritongo e nos casos en que non forman tritongo poden conformar ou dúas sílabas ou tres sílabas diferentes.
- Os casos de tritongo son moi pouco frecuentes en galego, aínda que hai algúns exemplos moi comúns: plural de palabras rematadas en –ial, –ual ou formas dos verbos rematados en –iar e –uar. Lembremos que a regra xeral di que non levan acento gráfico as palabras agudas polisílabas con ditongo decrecente na ultima sílaba (seguido ou non de –n ou –s). Os casos de tritongos equipáranse aos ditongos decrecentes, polo que tampouco levan acento gráfico: oficiais, circunstanciais, iguais, residuais, adecuei, cambiou, minguou, Uruguai.
- Moitas veces as secuencias de tres vogais constitúen vogal + ditongo decrecente e tampouco lles corresponde acento: anuais (a-nu-ais), actuou (ac-tu-ou), adiou (a-di-ou), continuou (con-ti-u-ou).
- A unión de tres vogais é unha secuencia habitual nas formas verbais. Nestes casos, cando a intensidade recae sobre a vogal feble (i, u), esta acentúase graficamente para indicar que forma hiato:
contribuíu
distribuíu
substituíu
concluíu
diminuíu
retribuíu
saíu
posuía
baía
traía
caía
saía
- Os tres últimos exemplos (traía, caía, saía) son formas de pretérito imperfecto. Se omitimos o acento convértense en formas de presente de subxuntivo: traia, caia, saia.
Palabras monosílabas ou bisílabas
- Cando falamos das regras xerais de acentuación dixemos que non se acentúan as palabras monosílabas excepto nos casos de acentuación diacrítica. Debemos ter en conta que hai certas palabras agudas que en galego tenden a pronunciarse bisílabas e non monosílabas como en castelán. Por tanto, as palabras que se pronuncian bisílabas deben seguir as regras das polisílabas. Ás veces estas palabras aparecen grafadas sen acento debido á interferencia do castelán. Non teñen ditongo, senón hiato, e deben levar acento por seren polisílabas e agudas as seguintes palabras:
guión (gui-ón)
ión (i-ón)
ruán (ru-án)
truán (tru-án)
Acentuación correcta das formas verbais no pretérito imperfecto
- Hai frecuentes casos de erros no uso do acento gráfico que se deben ao descoñecemento das formas estándares en galego. As Normas ortográficas e morfolóxicas do galego establecen que a primeira e segunda persoa do plural dos tempos verbais imperfecto de indicativo, pluscuamperfecto de indicativo e condicional son palabras graves e non esdrúxulas, e non levan acento porque rematan en –s.
• Imperfecto de indicativo: viamos, colliamos, seguiamos, viades, colliades, seguiades.
• Pluscuamperfecto de indicativo: viramos, colleramos, seguiramos, virades , collerades, seguirades.
• Condicional: veriamos, colleriamos, seguiriamos, veriades, colleriades, seguiriades.
- Pola contra, no caso do pretérito de subxuntivo levan acento ao seren palabras esdrúxulas: vísemos, collésemos, seguísemos.
Acentuación dos verbos con pronomes enclíticos
- Cando os verbos levan pronomes enclíticos, no tocante á acentuación gráfica compórtanse como se fosen unha soa palabra e levan acento gráfico ou non segundo as regras de acentuación. Así, ao cambiar a posición da sílaba tónica, algúns verbos que non levan acento gráfico pasan a telo e, pola contra, algunhas formas verbais que si o levan deixan de telo:
proporcionará (futuro) + a → proporcionaraa
proporcionara (pluscuamperfecto) + a → proporcionáraa
fixeron + o → fixérono
traen + o → tráeno
mantén + se → mantense
As formas verbais con acento diacrítico
- As formas verbais que levan acento diacrítico mantéñeno cando se unen cunha forma átona do pronome, aínda que non lles corresponda seguindo as regras xerais de acentuación para as formas polisílabas. Deste xeito distinguimos por exemplo dalo (dar + pronome o) de dálo (dás + pronome o).
dá → dáo, dáme, dálle
pór → pólo, pórlle
O verbo pór
- O verbo pór leva acento diacrítico pero os derivados de pór non o levan xa que se trata de palabras agudas rematadas en –r que non precisan do acento diacrítico:
antepor
compor
contrapor
propor
predispor
Palabras compostas
- Nesta subepígrafe cómpre distinguir entre palabras compostas soldadas, palabras compostas que se escriben con guión e palabras compostas que se escriben de forma separada.
As palabras compostas xa soldadas
- As palabras compostas xa soldadas, isto é, as palabras que se escriben xuntas e sen guión, compórtanse para os efectos de acentuación como unha soa palabra e seguen as regras xerais de acentuación, independentemente de como se acentúen por separado os elementos que as forman. Polo tanto, nunca mantén o acento gráfico o primeiro termo das palabras compostas xa soldadas.
Riotorto (río levaría acento pero nesta palabra composta non porque a sílaba tónica é tor)
foraborda (< fóra)
baloncesto (< balón)
sociopolítico
antiaéreo
contaquilómetros
As palabras compostas con guión
- As palabras compostas con guión sempre conservan a acentuación gráfica que lle corresponde a cada un dos termos por separado:
teórico-práctico
técnico-administrativo
As palabras compostas que se escriben de forma separada
- As palabras compostas que se escriben de forma separada tamén manteñen a acentuación gráfica de cada termo:
gardas civís
sofá cama
- Teñamos en conta que os numerais ordinais décimo primeiro, décimo sétimo, décimo noveno, vixésimo terceiro, etc. se escriben de forma separada, polo que se aplican as regras de acentuación a cada unha das palabras.
Estranxeirismos latinismos
- Os estranxeirismos e latinismos levan ou non acento gráfico de acordo coas normas xerais de acentuación do galego, independentemente de que se trate de préstamos totalmente adaptados ou non. A tendencia con respecto a estas formas vai ser a adaptación ás normas ortográficas do galego. Así, usaremos a forma currículo, adaptación da forma latina curriculum vitae. Para as locucións latinas véxase a epígrafe «Algunhas locucións latinas e as súas equivalencias en lingua galega».
- Imos ver a continuación exemplos e cal é a grafía e acentuación correctas. Teñamos en conta que o y final dalgúns estranxeirismos se equipara ao i do galego.
• Palabras agudas: anorak, ballet, boicot, carné, chalé, iceberg, islam, relax, spray, voleibol, xampú.
• Palabras graves: accésit, álbum, béisbol, cámping, campus, corpus, dóping, ítem, hippy, hobby, hóckey, ioga, karaoke, líder, mitin, penalti, pizza, quórum, réquiem, rugby, superávit, tándem, télex, tícket.
• Palabras esdrúxulas: bádminton, búmerang, cárdigan, décatlon, déficit, hábitat, hándicap, ómnibus, párkinson.
Acentuación de nomes propios e apelidos
- É frecuente a ausencia de acentos en nomes propios e apelidos. Lembremos que os nomes propios deben seguir as regras de acentuación dos nomes comúns.
Maria Jesus → María Jesús
Rafael Gonzalez Alio → Rafael González
Valcarcel → Valcárcel
Guillen → Guillén
Xose → Xosé
Rios → Ríos ou Riós
Miguez → Míguez ou Miguez
- Nos dous últimos exemplos caben dúas posibilidades. O apelido pode ser Ríos ou Riós ou Míguez ou Miguez, polo que a ausencia do acento leva á dúbida.
As vogais maiúsculas
- Existe unha falsa crenza bastante estendida da non obrigatoriedade de acentuación gráfica das maiúsculas. Tanto se son iniciais como se están integradas nunha palabra escrita enteiramente en maiúsculas deben levar acento se así lles corresponde segundo as regras de acentuación. Por tanto, o acento nas letras maiúsculas é obrigatorio.
CONSELLERÍA DE SANIDADE
HOSPITAL CLÍNICO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
DISPOSICIÓNS XERAIS
É prioritario atender as necesidades básicas
- Porén, non se acentúan as maiúsculas que forman parte das siglas:
DNI
OCDE
Siglas, acrónimos, abreviaturas e símbolos
- As siglas, como acabamos de dicir na epígrafe anterior, non se acentúan nunca:
ENAGAS
ACOTES
- Os acrónimos si se deben someter ás regras de acentuación gráfica:
láser
módem
euríbor
- As abreviaturas manteñen o acento no caso de incluír a vogal que leva o acento na palabra completa:
páx. (de páxina)
íd. (de ídem)
teléf. (de teléfono)
núm. (de número)
- Os símbolos nunca levan acento, aínda que manteñan a letra que leva o acento na palabra que representan:
a (de área)
ha (de hectárea)
Listaxe de palabras cultas e a súa acentuación correcta
- No caso dos cultismos son frecuentes os erros na acentuación, fundamentalmente cando a sílaba tónica non coincide coa do castelán. Presentamos a continuación unha listaxe coa acentuación correcta:
acne
áloe
alvéolo
amálgama
amoníaco
anódino
atmosfera
auréola
bronquíolo
cepelín
chofer
ciclope
cóengo
conclave
diocese/arquidiocese
eléctrodo
elite
endócrino
epizootia
exexese
flúor
hemacia
heroe
hipermetrope
ibero/celtibero
isóbara
medula
mísil
neon
óboe
olimpíada
omoplata
osmose
parasito
pelicano
período
petróglifo
psoríase
quefir
raíl
réptil
reuma
réxime
rícino
rubéola
téxtil
- Polo xeral, os cultismos que comparten unha mesma terminación teñen todos a mesma acentuación. Por exemplo, dentro dos elementos químicos, teñen acentuación grave: neon, argon, cripton, radon, xenon e taxon.
- Inserimos a continuación un cadro con terminacións cultas e a súa acentuación correcta:
Terminación | Exemplos |
-almía | oftalmía |
-atlon | decatlon, péntatlon, tríatlon |
-cito | leucocito, linfocito |
-clise | énclise, próclise |
-éola | auréola, rubéola |
-éolo | alvéolo, nucléolo |
-glifo | petróglifo, xeróglifo |
-íaco | amoníaco, austríaco, cardíaco, celíaco, zodíaco |
-íase | litíase, psoríase |
-íolo | bronquíolo, gladíolo |
-lito | aerólito, electrólito |
-ólise | electrólise, fotólise, hidrólise, pirólise, radiólise |
-osfera | atmosfera, biosfera, estratosfera |
-osmose | osmose, exosmose |
-óstato | aeróstato, termóstato |
-plexía | hemiplexía, paraplexía, tetraplexía |
-tipo | estereotipo, logotipo, prototipo |
Acento diacrítico
- Utilízase o acento gráfico con función diacrítica para distinguir algunhas parellas de palabras con significados distintos que se escriben igual.
- Como xa dixemos ao falar das formas verbais con acento diacrítico, mantense o acento cando se unen cunha forma átona do pronome, aínda que non lles corresponda seguindo as regras xerais de acentuación para as formas polisílabas. Deste xeito distínguese, por exemplo, dalo (dar + pronome o) de dálo (dás + pronome o).
- Cando unha palabra leva acento diacrítico para diferenciala doutra, mantén este acento na flexión de número, aínda que en plural xa non coincida con outra palabra:
só («único») / so (baixo) → sós («únicos»)
- Pola contra, as formas femininas do adxectivo só non levan acento porque non é necesario distinguilas doutras palabras: soa, soas.
- Inserimos a continuación a listaxe de palabras con acento diacrítico en galego:
á (prep. a + a artigo; extremidade das aves) | a (artigo; pron.; prep.) |
ás (a + as artigo; extremidades das aves; carta co número 1) | as (artigo; pron.) |
bésta (arma; resorte en vehículos) | besta (animal) |
bóla (esfera) | bola (peza de pan) |
cá (ca + a) | ca (conx. comparativa) |
cás (ca + as) | cas (preposición)[2] |
chá (plana) | cha (che + a) |
chás (planas) | chas (che + as) |
có (ca + o) | co (con + o) |
cós (ca + os) | cos (con + os) |
cómpre (é mester) | compre (merque) |
cómpren (son mester) | compren (merquen) |
dá (pres. e imp. de dar) | da (de + a) |
dás (pres. de dar) | das (de + as) |
dó (compaixón; aflición; nota musical) | do (de + o) |
é (pres. de ser) | e (conx.) |
fóra (adv.) | fora (pluscuamperfecto de ser e ir) |
má (ruín) | ma (me + a) |
más (ruíns) | mas (me + as) |
máis (adv. e pron.) | mais (conx.)[3] |
nó (lazo) | no (en + o) |
nós (pron. tónico; pl. de nó) | nos (pron. átono; en + os) |
ó (a + o) | o (artigo; pron.) |
ós (a + os) | os (artigo; pron.) |
óso (parte do esqueleto) | oso (animal) |
pé (parte do corpo) | pe (letra) |
póla (rama) | pola (galiña; por + a) |
pór (poñer) | por (prep.) |
présa (apuro) | presa (prendida; presada; encoro) |
sé (sede eclesiástica; imp. de ser) | se (conx.; pron.) |
só (adv. e adx.) | so (prep.) |
té (infusión) | te (pron.; letra) |
vén (pres. de vir) | ven (pres. de ver; imperativo de vir) |
vés (pres. de vir) | ves (pres. de ver) |
vós (pron. tónico) | vos (pron. átono) |
Subir |
Notas e Referencias
- ↑ Ditongo decrecente: formado por vogal forte (a, e, o) seguida de vogal débil (i, u) que se articulan na mesma sílaba. Tamén imos considerar que son decrecentes os ditongos formados por dúas vogais débiles (iu, ui). Ditongo crecente: formado por vogal débil (i, u) seguida de vogal forte (a, e, o) que se pronuncian na mesma sílaba. Hiato: encontro de vogais que pertencen a sílabas diferentes.
- ↑ Non se debe confundir cas (preposición que aparece en enunciados do tipo Está en cas da súa nai) coa forma coas (contracción da prep. con + artigo as: Defínese coas seguintes características). A contracción da preposición con co artigo a en singular é coa: Presentarase a instancia xunto coa seguinte documentación. Teñamos en conta ademais que a conxunción ca e a preposición a non contraen nunca: Déuselles máis información a uns ca a outros.
- ↑ A locución conxuntiva e mais non leva acento ao igual que a conxunción mais («pero»): Presentaranse os/as interesados/as e mais os/as seus/súas representantes; Os/as aspirantes realizarán o exercicio durante o tempo previsto na convocatoria mais os/as que se presenten pola quenda de minusválidos/as poderán solicitar a ampliación de tempo con anterioridade á realización do exercicio. Pola contra, non esquezamos poñer acento ao adverbio de cantidade máis: Non se concederán máis licenzas de obra.