Estilo da redacción

De Manual de Estilo DOG

(Diferenzas entre revisións)
(Manter o referente)
(Manter o referente)
Liña 241: Liña 241:
<blockquote style="background: white; border: 1px solid #ccccff; padding:1em; width:800px; text-align:justify">
<blockquote style="background: white; border: 1px solid #ccccff; padding:1em; width:800px; text-align:justify">
-
As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, a non ser que comuniquen que non poden asistir con corenta e oito horas de anticipación A renuncia deberase comunicar por escrito. Noutro caso  [] serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades.
+
As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, a non ser que comuniquen que non poden asistir con corenta e oito horas de anticipación A renuncia deberase comunicar por escrito. Noutro caso  [...] serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades.
</blockquote>
</blockquote>

Revisión como estaba o 30 de abril de 2012 ás 10:56

Páxinas principais

Índice

A redacción de documentos administrativos

Para os propósitos deste Manual considérase estilo os trazos constituídos por unha escolla de entre as posibilidades que ofrece a lingua. Esta escolla pode ser dunha persoa ou dun grupo, por exemplo, unha empresa, unha institución, etc., que decide utilizar a lingua nas súas comunicacións internas ou externas de determinada maneira. Non se trata, pois, do que é correcto ou incorrecto, senón do que é mellor ou peor, máis adecuado ou menos adecuado. Por iso, nesta parte do Manual, dedicada ás cuestións de estilo, non se ofrecen normas senón consellos ou orientacións.

Os textos que se publican no Diario Oficial de Galicia son textos oficiais, polo cal deben caracterizarse pola impersonalidade, o uso do padrón culto do idioma, a clareza, a concisión, a formalidade e a uniformidade. Estas características responden á necesidade e á obriga de transmitir todo tipo de comunicacións oficiais de forma transparente e intelixible para o conxunto da cidadanía, sexa quen for a entidade emisora desa comunicación. Os textos deben ser redactados de forma que permitan sempre unha única interpretación, evitándose así calquera equívoco ou a existencia de máis dunha interpretación.

A análise dos documentos permite concluír que os factores máis comúns que provocan escuridade e ambigüidade dos textos son construír frases demasiado longas e mal puntuadas, substituír os verbos por unha palabra derivada (nominalización), usar palabras longas e expresións complexas en lugar doutras máis correntes e curtas xunto con abreviaturas pouco usuais, ben como utilizar mal os elementos lingüísticos que permiten identificar o referente, é dicir, aquilo de que estamos a falar, como no exemplo seguinte:


Disposición transitoria primeira. Servizos Comúns.
Sen prexuízo da creación e posta en funcionamento do Instituto de Estudos do Territorio, os servizos comúns da consellería de adscrición deste exercerán en relación con aquel, as competencias que teñan atribuídas respecto á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe ata que aquel dispoña dos servizos propios necesarios para alcanzar a súa autonomía.


A seguir móstrase unha serie de consellos que poden terse en conta á hora de redactar textos para seren publicados no Diario Oficial de Galicia ou para calquera comunicación da Administración. Téñase en conta que, aínda que comecen por “débese”, non son obrigatorios senón orientativos nin hai que aplicar todos e cada un deles, senón que se trata máis dunha cuestión de equilibrio.

Frases curtas

Non se deben facer frases demasiado longas. Entendemos como frase o período comprendido entre dous puntos seguidos ou finais. Para isto débese evitar pór moitas oracións seguidas unidas por conxuncións, xerundios etc. Débese evitar tamén introducir incisos, citas ou referencias que interrompan o fío principal do que queremos dicir. Para isto reordenarase a información de maneira que o accesorio quede xunto ao principio ou ao final. En xeral, podemos seguir a regra de aumentar o número de puntos e diminuír o de comas respecto ao usual na linguaxe administrativa (puntuación).


Unha frase, un punto Tres frases, tres puntos
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, a interesada poderá interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta cédula, ante o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, significándolle que o recurso unicamente será admisible por motivos de infracción do ordenamento inherentes á imposición desta multa coercitiva, sendo motivo de inadmisión a reiteración das mesmas razós que se esgrimiron ou puideron esgrimirse fronte á resolución da cal este acordo é un mero acto de execución. Esta resolución pon fin á vía administrativa e a interesada poderá interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta cédula, ante o do director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. O recurso será admisible só por motivos de infracción do ordenamento inherentes á imposición desta multa coercitiva. Será motivo de inadmisión a reiteracion das mesmas razóns que se esgrimiron ou puideron esgrimirse fronte á resolución da cal este acordo é un mero acto de execución.


Con inciso, dúas comas Sen inciso, ningunha coma
A información que, con carácter mensual, deberán subministrar os habilitados A información que deberán subministrar os habilitados mensualmente


Un punto, trece comas Tres puntos, nove comas
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica configúrase como un órgano superior da Administración autonómica, con ámbito de actuación sobre todas as consellerías, organismos delas dependentes, centros, servizos e unidades, así como sobre os entes e empresas públicas da Administración da Comunidade Autónoma a que lle corresponde o impulso, asesoramento técnico e apoio en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións e a súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, e sinala que para poder facer efectiva a súa misión, e acadar os seus obxectivos, é imprescindible a dotación de prazas de persoal propio, para o exercicio das de dirección e xestión de proxectos tecnolóxicos, tanto no ámbito de proxectos transversais como para o reforzo das diferentes iniciativas sectoriais que se están a pór en marcha, co obxecto de comezar a paliar o déficit histórico existente neste eido de desempeño profesional. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica configúrase como un órgano superior da Administración autonómica con ámbito de actuación sobre todas as consellerías, organismos delas dependentes, centros, servizos e unidades, así como sobre os entes e empresas públicas da Administración da Comunidadede Autónoma. Corresponde a este órgano superior o impulso, asesoramento técnico e apoio en materia de tecnoloxías da informacións e as comunicacións e a súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

Para poder facer efectiva a súa misión e acadar os seus obxectivos é imprescindible a dotación de prazas de persoal propio para a dirección e a xestión de proxectos tecnolóxicos, tanto no ámbito de proxectos transversais como para o reforzo das diferentes iniciativas que se están a pór en marcha, co obxecto de comezar a paliar o déficit histórico existente neste eido de desempeño profesional.


Texto con suxeito moi longo (sombreado) Reestrutúrase a información de maneira que parte dos complementos do suxeito quedan noutra frase
As outras entidades instrumentais do sector público de Galicia respecto das cales a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia exerce xuridicamente, de forma directa ou indirecta, unha posición de dominio, entendendo como tales, para estes efectos, aquelas establecidas no artigo 45.b) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, quedarán exentas da aplicación deste artigo. As outras entidades instrumentais do sector público de Galicia respecto das cales a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia exerce xuridicamente unha posición de dominio, de forma directa ou indirecta, quedarán exentas da aplicación deste artigo. Enténdense como tales, para estes efectos, as establecidas no artigo 45.b) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.


Máis verbos

Débese tender a aumentar o número de verbos e diminuír o de nomes. Como regra práctica podemos dicir que se nunha frase hai moitas palabras que acaban en -ción ou -mento, teremos demasiados nomes e poucos verbos.


Un verbo, seis nomes Tres verbos, catro nomes
Disporase da autorización ou licenza antes da finalización do prazo de xustificación da subvención Disporase da autorización ou licenza antes de que finalice o prazo para xustificar a subvención
Máis substantivos Máis verbos
Axudas dirixidas, por unha banda, ao fomento da creación de emprego de calidade e, por outra, ao incremento da empregabilidade. Axudas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade.
Tipografía que permita a súa lexibilidade a unha distancia de 3 m Tipografía que permita que se lea a unha distancia de 3 m


Por coherencia, non é conveniente nas enumeracións mesturar frases que comecen por substantivo con outras que comecen por verbo.


Tomouse o seguinte acordo:

1. A aprobación do plan

2. Sometelo ao trámite de información

3. Notificar individualmente a todas as persoas

Tomouse o seguinte acordo:
1.  Aprobar o plan
2.  Sometelo ao trámite de información pública
3.  Notificar individualmente a todas as persoas
As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto a expansión e difusión do galego normativizado e da cultura galega nas tarefas de información xornalística e establecer subvencións ás publicacións periódicas escritas integramente en idioma galego. As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto a expansión e difusión do galego normativizado e da cultura galega nas tarefas de información xornalística e o establecemento subvencións ás publicacións periódicas escritas integramente en idioma galego.

As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto expandir e difundir o galego normativizado e da cultura galega nas tarefas de información xornalística e establecer subvencións ás publicacións periódicas escritas integramente en idioma galego.


Expresións directas e sinxelas

Débense dicir as cousas da maneira máis directa posible, eliminando os arrevesamentos innecesarios, sobre todo cando tentan ocultar ou non manifestan claramente o autor ou executante dunha acción. Ademais, téñase en conta o que se di sobre a pasiva reflexa.

Durante o período de información pública presentouse por parte da empresa unha alegación Durante o período de información pública a empresa presentou unha alegación
As reclamacións serán valoradas pola Comisión de Reclamacións, que examinará o expediente relativo ao concurso, valorará os aspectos procedementais e verificará o efectivo respecto, por parte da Comisión de Selección, da igualdade de condicións dos candidatos. As reclamacións serán valoradas pola Comisión de Reclamacións, que examinará o expediente relativo ao concurso, valorará os aspectos procedementais e verificará que a Comisión de Selección respecte efectivamente a igualdade de condicións dos candidatos.
Os bolseiros utilizarán os medios do centro de traballo para as tarefas que se lles encomenden por parte do director Os bolseiros utilizarán os medios do centro de traballo para as tarefas que lles encomende o director
As contías das axudas a outorgar pola Consellería de Medio Ambiente poderán acadar o 70 por cento As contías das axudas que outorgue a Consellería de Medio Ambiente poderán acadar o 70 por cento
O programa piloto de vacinación posto en marcha desde a Consellería de Sanidade O programa piloto de vacinación posto en marcha pola Consellería de Sanidade
Asinouse entre o IDAE e o Instituto Enerxético de Galicia o convenio de colaboración O IDAE e o Instituto Enerxético de Galicia asinaron o convenio de colaboración
Para participar é necesario completar a primeira fase do xogo por parte de todos os integrantes de cada equipo Para participar é necesario que todos os integrantes de cada equipo completen a primeira fase do xogo


Non se deben utilizar palabras de máis nin expresións innecesarias ou redundantes co obxecto de alongar ou adornar a frase, nin acumular adxectivous ou adverbios terminados en –mente.

procederá á sinatura dun documento asinará a resolución
proceder á notificación da resolución notificar a resolución
xustificación acreditativa da motivación para expropiar motivación para expropiar
áreas potencialmente prexudiciais a nivel de ruidos ou a nivel de polución do aire áreas potencialmente prexudiciais polos ruídos ou a polución do aire
Coa implementación destas medidas téntase articular o establecemento dun conxunto de actuacións concretas Con estas medidas téntase articular unhas actuacións concretas
co obxecto de comezar a paliar o déficit histórico existente neste eido de desempeño profesional para paliar o déficit existente neste eido profesional
co obxecto de cumprir coa finalidade de consiguir un maior desenvolvemento para conseguir un maior desenvolvemento
protección fronte a vectores animais posibles transmisores de doenzas protección fronte a vectores animais que poidan transmitir doenzas
táctica ofensiva de ataque ao lume táctica ofensiva contra o lume/táctica de ataque ao lume
por mor de razóns de emerxencia social por razóns de emerxencia social


É mellor utilizar palabras e expresións comúns e evitar as menos habituais se non o require a precisión do texto, é dicir, se queda perfectamente clara e inequívoca a expresión aves non digamos avifauna. Se hai que utilizar un termo moi técnico en documentos de interese xeral, pódense explicar mediante unha definición, exemplos ou un termo menos técnico. Convén evitar tamén os estranxeirismos e as palabras e expresións moi recentes, de moda e pouco asentadas no uso que non respondan a necesidades de precisión, como lei paraugas. A expresión para os efectos pódese substituír case sempre por para e as expresións se é o caso, se for o caso, de ser o caso moitas veces non engaden nada ao significado e pódense suprimir.


favorecer a aprendizaxe dun xeito deslocalizado e atemporal favorecer a aprendizaxe en calquera tempo e lugar
inequidade no acceso á vacina desigualdade no acceso á vacina
A instancia será datada e selada pola oficina de correos previamente á súa certificación A instancia será datada e selada pola oficina de correos antes da súa certificación
con posterioridade despois
sen que se poida producir ningunha adxudicación ex novo sen que se poida producir ningunha adxudicación nova
Prohíbense as etiquetas que non cumpran os requisitos e que poidan inducir a erro ou crear confusión nos usuarios respecto do consumo de enerxía ou, se for o caso, doutros recursos esenciais. Prohíbense as etiquetas que non cumpran os requisitos e que poidan inducir a erro ou crear confusión nos usuarios respecto do consumo de enerxía ou doutros recursos esenciais.
Para os efectos de dar cumprimento ao solicitado Para cumprir o solicitado
concederase un prazo de dez días para os efectos de formular alegacións perante o tribunal concederase un prazo de dez días para formular alegacións perante o tribunal
Este decreto será de aplicación ás explotacións en que se críen ou manteñan aves de curral, agás ratites Este decreto será de aplicación ás explotacións en que se crién ou manteñan aves de curral, agás avestruces e semellantes


Manter o referente

Nos textos a información progresa engadindo elementos novos aos elementos xa coñecidos. Estes elementos coñecidos, e precisamente por isto, non se repiten sempre da mesma maneira.

A directora da Axencia ditou unha resolución que declara que as obras non son legalizables […].
[…]
Ao non poderse notificar persoalmente aquela resolución, faise por medio desta cédula […]. Infórmase o interesado de que o texto íntegro da resolución está ao seu dispor nas dependencias da Axencia.

No exemplo anterior vemos un dos procedementos para manter o referente, a repetición da mesma palabra pero con determinantes diferentes, xa que cando a introducimos por primeira vez leva o artigo unha, a segunda vez o demostrativo aquela, co que se indica que nos referimos a algo que dixemos antes e está no texto relativamente lonxe e, finalmente, o artigo determinado a, para indicar que se trata da resolución xa coñecida.

Ademais da repetición, tamén se mantén o referente substituíndoo por pronomes: hai que modificar este artigo, hai que modificalo; foi modificado o contido do artigo, o contido nel, o seu contido, o contido deste (sobre a utilización de o mesmo, a mesma para esta función (ver Identificadores).

Outro caso de substitución é a elipse, na cal o referente non é substituído por nada, e son as concordancias e as inferencias que fai o lector o que permite establecer as asociacións para repor o referente. Así, no seguinte exemplo non é necesario substituír as persoas por nada:

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, a non ser que comuniquen que non poden asistir con corenta e oito horas de anticipación A renuncia deberase comunicar por escrito. Noutro caso [...] serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades.

En consecuencia é moi importante respectar as concordancias de xénero, número e persoa gramatical. Non se respectan as concordancias nos seguintes exemplos:

A obra, incluída no Plan de Obras de Mellora Ambiental 2007-2008 de Augas de Galicia, é necesario e preciso para o conxunto dos veciños. (A obra […] é necesaria e precisa)
Notifícase ao interesado a posta de manifesto dos documentos para que poidan obter copia dos que consideren pertinentes ([…] para que poida obter copia dos que considere[…]).
[…]co fin de que as persoas que dalgún xeito se consideren afectadas poidan examinar o expediente na secretaría deste concello e formular as reclamacións ou observacións que se consideren oportunas. ([…] que consideren oportunas)

Calquera dos procedementos para manter o referente é válido e ningún é mellor que outro. É o contexto o que nos debe indicar cal utilizar tendo en conta sempre que non se produzan ambigüidades. No entanto, cando se usan os demostrativos (este, ese) ou outros pronomes (el, ela) para referirse a algo xa citado, hai que ter en conta:

  • que o referente ten que estar o suficientemente próximo no texto para que o lector o manteña aínda na memoria e non teña que volver atrás
  • que só hai un referente posible; noutro caso producirase ambigüidade


O demostrativo ten dous posibles referentes, e o correcto é, ademais, o que está máis lonxe. É aconsellable repetir “instituto” abaixo. Na segunda mención, pódese substituír por “este”, xa que neste caso non hai confusión.
Os cambios producidos na estrutura xeral da Xunta de Galicia e o tempo transcorrido desde a creación do Instituto Galego de Consumo, así como a evolución do propio instituto coa creación do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, a creación das escalas de inspección e subinspección de consumo, o desenvolvemento no eido da seguranza dos produtos ou a arbitraxe de consumo, fan aconsellable proceder á actualización da normativa da estrutura orgánica deste. Os cambios producidos na estrutura xeral da Xunta de Galicia e o tempo transcorrido desde a creación do Instituto Galego de Consumo, así como a evolución do propio instituto [deste] coa creación do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, a creación das escalas de inspección e subinspección de consumo, o desenvolvemento no eido da seguranza dos produtos ou a arbitraxe de consumo, fan aconsellable proceder á actualización da normativa da estrutura orgánica do instituto.


O referente non está o suficientemente próximo para utilizar o demostrativo “esta” Dado o afastamento do referente, cómpe usar o demostrativo “aquela” ou ben reptetilo
Poderase realizar o pagamento total da estadía nunha soa vez, en concepto de gastos ocasionados, se a universidade beneficiaria acredita a realización total desta no momento da resolución final de adxudicación Poderase realizar o pagamento total da estadía nunha soa vez, en concepto de gastos ocasionados, se a universidade beneficiaria acredita a realización total daquela [da estadía]


Referente confuso (non se sabe se é mulleres ou asociacións) Substitúese o demostrativo pola repetición do referente (asociacións)
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de mulleres e as federacións de asociacións


Cando chegamos a destas temos que volver a ler devagar para saber a que se refire porque o posible referente máis próximo non concorda en número e os outros posibles están xa moi lonxe para referirse a eles co demostrativo de proximidade (estas) Repítese o referente
Non obstante, tendo en conta a data de convocatoria das axudas, o número de solicitudes presentadas, o elevado número de requirimentos que foi necesario realizar co obxecto de que os interesados emendasen a documentación inicialmente presentada, e as dificultades de valoración destas, xunto coa paralización da contabilidade orzamentaria Non obstante, tendo en conta a data de convocatoria das axudas, o número de solicitudes presentadas, o elevado número de requirimentos que foi necesario realizar co obxecto de que os interesados emendasen a documentación inicialmente presentada, e as dificultades de valoración das solicitudes, xunto coa paralización da contabilidade orzamentaria

O dito

Na linguaxe da Administración é característico referirse ao que xa se dixo utilizando o dito ou o devandito, por exemplo, o dito artigo. Cando se repite moito produce un efecto pesado. Para evitalo podemos alternalo por expresións como o citado artigo, o referido artigo, ese artigo, o artigo, etc.

A solicitude e demais documentación presentarase nos modelos normalizados que se inclúen como anexos desta resolución. Os ditos anexos publícanse no DOG. A solicitude e demais documentación presentarase nos modelos normalizados que se inclúen como anexos desta resolución. Estes anexos publícanse no DOG.
Para o caso das federacións de asociacións de mulleres, presentarase certificación da secretaría de la federación en que consten a relación nominal de asociacións que a compoñen, así como o número de asociadas de cada unha das ditas asociacións. Para o caso das federacións de asociacións de mulleres, presentarase certificación da secretaría de la federación en que consten a relación nominal de asociacións que a compoñen, así como o número de asociadas de cada unha /de cada asociación.


O presente

Tamén é un trazo típico da linguaxe administrativa utilizar con moita frecuencia o adxectivo presente. Normalmente recoméndase non utilizado e substituílo por este, esta: a presente lei, esta lei; o presente artigo, este artigo. No entanto, isto pode levar a confusión porque, como xa vimos antes, o demostrativo tamén se utiliza para referirnos ao xa citado, mentres que o presente é a maneira en que o texto que estamos a ler se refire a si mesmo. Isto é lóxico se pensamos que o significado propio de presente é “o que temos diante da nosa vista”, é dicir, o que estamos a ver cos nosos ollos.

Por tanto, non substituiremos presente por este, esta cando se poida producir confusión entre o citado e o texto que temos diante. No seguinte exemplo, se substituírmos presente por este parecería que nos referimos a un decreto citado (o 1127/2003), cando nos estamos a referir un texto novo que, precisamente, modifica o primeiro:

Tanto esta nova regulación da organización común do mercado vitivinícola como as súas normas de aplicación, aprobadas mediante regulamentos da Comisión, inciden de forma especial nunha desregularización e simplificación normativa. Este novo marco fai necesario realizar importantes modificacións no Real decreto 1127/2003, do 5 de setembro, polo que se considerou conveniente substituílo por unha nova norma.

Principalmente, o presente real decreto desenvolve a regulación comunitaria en materia de etiquetaxe e presentación de determinados produtos vitivinícolas, que está contida, ademais de na organización común de mercados agrícolas, no Regulamento (CE) n.º 607/2009 da Comisión, do 14 de xullo de 2009, polo que se establecen determinadas disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n.º 479/2008 do Consello no que atinxe ás denominacións.

No seguinte exemplo desta lei está xa moi lonxe do referente (Lei do Parlamento galego) para poderse interpretar e, por outro lado, tampouco é o texto que temos en presenza, así que o máis adecuado é utlizar esa lei ou mellor a lei citada:

A Lei do Parlamento galego 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define como espazos naturais protexidos aqueles espazos que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales. Correspóndelle á Consellería do Medio Rural o inicio de oficio e a tramitación do procedemento de declaración dun espazo natural protexido como Monumento Natural, dispoñendo o artigo 24 desta lei que serán declarados por Decreto da Xunta de Galicia, a proposta da Consellería do Medio Rural.

Por outro lado, as Directrices de técnica normativa[1] recomendan que cando se cite un precepto da mesma disposición non se deben utilizar expresións como “da presente lei” ou “deste real decreto”, a non ser que se citen conxuntamente preceptos da mesma disposición e doutra diferente, é dicir, nunha disposición non diremos “no artigo 12 desta lei” ou “no artigo 12 da presente lei” porque “desta lei” ou “da presente lei” xa se sobreentenden.


Estrutura clara

Tamén facilita a lectura e a comprensión que os documentos teñan unha estrutura lóxica e clara é dicir, partes que se diferencian tanto polo contido como visualmente.

O nivel inmediantamente superior á frase é o parágrafo. Os parágrafos caracterízanse pola unidade temática e, por tanto, unen frases relacionadas polo contido. Distínguese visualmente polo punto e á parte e poden numerarse e levar un título ou epígrafe. No seguinte exemplo, a primeira frase do segundo parágrafo (sombreada) non ten ningunha relación co que vén a seguir e ten máis relación co primeiro parágrafo. Pódese, no entanto, pór nun parágrafo á parte, xa que trata un aspecto distinto (o que se vai facer coas alegacións cando finalice o prazo):

 O que se fai público para coñecemento xeral e dos propietarios dos predios e demais titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación que se insire como anexo deste anuncio, así como das persoas que, sendo titulares de dereitos reais ou intereses económicos sobre os bens afectados, fosen omitidas, para que poidan examinar o proxecto de execución e presentar as obxeccións ou alegacións que consideren oportunas nesta Xefatura Territorial (Edificio administrativo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo) no prazo de 30 días hábiles contados a partir da última publicación deste anuncio ou da súa notificación individual.
Finalizado o prazo, o expediente, xunto coas alegacións recibidas, achegaranse á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria. Esta publicación realízase igualmente para os efectos determinados polo artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os interesados sexan descoñecidos, non se saiba o lugar ou o medio de notificación, ou ben cando, intentada a notificación, non se puido realizar.

Os textos longos e complexos acostuman dividirse en unidades superiores tales como seccións, capítulos, etc. Para que a numeración e os tipos de letra sexan coherentes ao longo do texto e recomendable facer unha planificación antes de escribilo, determinar como se van numerar e como se van chamar as distintas partes, cousa que despois vai facilitar as remisións internas.

As disposicións normativas como decretos, ordes e resolucións deben ter en conta as recomendacións específicas recollidas nas directrices de técnica normativa.

Toponimia

No DOG utilizaranse os nomes de provincias, concellos, parroquias e lugares de Galicia nas formas presentes no nomenclátor elaborado pola Comisión de Toponimia e aprobado pola Xunta de Galicia[2]. Para os topónimos non galegos seguiranse as indicacións dadas en Tradución de topónimos, entidades e siglas.

Tradución de topónimos, entidades e siglas

  • Os topónimos galegos manteñen sempre a forma presente no nomenclátor elaborado pola Comisión de Toponimia e aprobado pola Xunta de Galicia[3]:
Muxía (galego) Muxía (castelán)
  • Os topónimos estatais non galegos tradúcense para o galego cando así estea consolidado no uso e mantense a forma oficial no resto dos casos:
Badajoz (castelán) Badaxoz (galego)
Madrigalejo del Monte (castelán|galego)
  • Os topónimos cataláns e vascos manteñen a súa forma oficial:
Girona (castelán|catalán|galego)
Bilbao (éuscaro|castelán|galego)
Cando se tratar dun topónimo con forma bilingüe indicaranse as dúas formas separadas por barra lateral (neste caso respectarase a orde en que se inscribiran oficialmente) ou escollerase aquela cuxo uso estea consolidado (no caso do galego, tamén se coinciden as formas):
Alacant (catalán|galego) Alicante (castelán) ou Alicante/Alacant (catalán|castelán)
Elx (catalán|galego) Elche (castelán) ou Elche/Elx(catalán|castelán)
Donostia (éuscaro|castelán|galego) ou Donostia/San Sebastián (castelán|galego)
Para os casos dubidosos consultarase o Rexistro de Entidades Locais do Ministerio de Política Territorial e Administración Pública[4].
  • Os topónimos internacionais tradúcense cando así estea consolidado no uso e mantense a forma orixinal no resto dos casos:
Xeorxia (galego) Georgia (castelán)
  • Nos nomes das institucións inferiores ao ámbito autonómico galego mantense sempre a forma galega do topónimo e tradúcese a da institución:
Concello do Carballiño (galego) Ayuntamiento de O Carballiño (castelán)
Concello da Coruña (galego) Ayuntamiento de A Coruña (castelán)
Xunta de Goberno local (galego) Junta de Gobierno local (castelán)
Nos nomes das institucións non galegas inferiores ao ámbito autonómico a institución tradúcese e o topónimo tradúcese para o galego cando así estea consolidado no uso e mantense a forma oficial no resto dos casos:
Ayuntamiento de Cáceres (castelán) Concello de Cáceres (galego)
  • Nos nomes das institucións de ámbito autonómico galego mantense en galego a categoría da entidade e tradúcese a área de actuación nos seguintes casos:
  • Na denominación do goberno autonómico galego, que se debe manter inalterado:
Xunta de Galicia (galego) Xunta de Galicia (castelán)
  • Na denominación das consellerías, onde se mantén Consellería en galego:
Consellería de Facenda (galego) → Consellería de Hacienda (castelán)
Nos demais casos tradúcese o nome completo:
Servizo Galego de Saúde (galego) Servicio Gallego de Salud (castelán)
Secretaría Xeral da Emigración (galego) Secretaría General de la Emigración (castelán)
Dirección Xeral de Mobilidade (galego) Dirección General de Movilidad (castelán)
  • Os nomes das institucións non galegas de ámbito autonómico tradúcense cando así estea consolidado no uso e mantense a forma oficial no resto dos casos:
Junta de Andalucía (castelán|galego)
Generalitat Valenciana (castelán|galego)
Generalitat de Cataluña (castelán|galego)
  • Nos nomes de rúas, prazas, barrios e outros espazos urbanos tradúcense o tipo de vía ou espazo e, se for o caso, as preposicións ou artigos que introducen o nome propio (excepto se foren parte do mesmo):
(…) praza de Europa (…) (galego) (…) plaza de Europa (…) (castelán)
(…) travesía da Moa (…) (galego) (…) travesía de A Moa (…) (castelán)
O nome propio do espazo pode traducirse se está composto por palabras comúns, se non está regulado de forma específica pola autoridade competente (xeralmente os concellos) e se non existe unha tradición de uso asentada nun dos dous idiomas:
(…) praza do Obradoiro (…) (galego) (…) plaza del Obradoiro (…) (castelán)
(…) rúa Areal (…) (galego) (…) calle Areal (…) (castelán)
(…) praza do Exército Español (…) (galego) (…) plaza del Ejército Español (…) (castelán)

Tratamentos protocolarios

A tendencia no DOG é a de non marcar cun tratamento especial os cargos a que se fai referencia no corpo do texto, xa que, polo xeral, non o acompaña o nome propio:

Con data do 3 de xaneiro de 2011 a conselleira de Facenda estimou os recursos presentados (…)
En febreiro de 2007 o presidente da Xunta de Galicia, o secretario xeral (…)

Nas sinaturas é preciso que apareza o nome propio da persoa que exerce o cargo, aínda que tampouco se acompaña de ningunha forma de tratamento:

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2010.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio
e Infraestruturas

A fórmula Excelentísimo/a e magnífico/a señor/a utilízase para reitores/as de universidades:

As solicitudes dirixiranse ao Excelentísimo e Magnífico Señor Reitor da Universidade da Coruña (…)

As fórmulas Excelentísimo/a señor/a (Excmo. Sr./a.) e Ilustrísimo señor (Ilmo. Sr.) aínda que foron de uso habitual cos poderes lexislativo e xudicial, na actualidade tenden a seren substituídas por señor/a (sr./a.). Esta última fórmula é a adecuada para referirse aos/ás letrados/as, xuíces/as e procuradores/as:

(…) por instancia do procurador señor Pedreira (…)
(…) asistido pola letrada señora Romay (…)

Así mesmo, é a fórmula introdutoria dos apelidos das persoas cando se citan en sentenzas ou semellantes:

(…) recoñecida ao señor Prado mediante resolución (…)

A forma de tratamento don/a resérvase para introducir o nome completo en nomeamentos ou semellantes:

Nomear a dona María Dolores (…)

Contactos

Enderezos

  • Nos enderezos utilízase a vírgula para separar o nome da vía do resto da información (número de portal, de andar, código postal etc.):
(…) Avda. Fernández Ladreda, n.º 43, 4.º andar, 36003 Pontevedra (…)
Con todo, non se utiliza a vírgula para separar o código postal do nome da localidade:
(…) 15706 Santiago de Compostela (…)
  • O número de andar pódese especificar das seguintes formas:
  • Entre vírgulas, cando se especifica o tipo de nivel:
(…) , n.º 43, 4.º andar, (…)
  • Separado por guión do número de portal:
(…) , 43-5.º, (…)
Se o número de andar vai acompañado dunha letra non se especifica o tipo de nivel e preferirase o guión como elemento separador:
(…) , 2-5.º E, (…)
  • Preferirase utilizar a forma abreviada do tipo de vía por cuestións de espazo, en listas ou após dous puntos:
Enderezo: r/ Beiramar, 2-5.º E, edif. Beiramar, Perillo-Oleiros.

Enderezos e correos electrónicos

Os enderezos electrónicos (ou URL[5]) poden conter un ou máis puntos, dous puntos e barras laterais e os correos electrónicos[6] un ou máis puntos e unha arroba; conforman unha unidade que é preferible non partir no fin da liña, tampouco deben conter espazos en branco. Exemplos:

http://www.xunta.es
xunta@xunta.es

Nos URL é preferible especificar o tipo de protocolo (http, https, ftp, sftp etc.):

(…) páxina web desta consellería (https://www.edu.xunta.es/substitutoslistas/) (…)

Teléfono e fax

Normalmente os números de fax e de teléfono, fixos ou móbiles, están compostos por nove cifras; para facilitar a súa lectura e comprensión recoméndase que se agrupen as tres primeiras cifras e se separen das restantes seis con espazo, e que, á súa vez, estas seis se agrupen de dúas en dúas separadas por outro espazo:

981 99 99 99
606 99 99 99

Caso for preciso indicar a existencia de máis de unha liña, deben separarse con unha barra lateral / e sen espazo entre ambos os números:

981 99 99 99/881 99 99 99

As extensións móstranse entre parénteses após o número de teléfono:

Teléfono: 981 99 99 99 (extensións 9999, 9999).

Os prefixos internacionais indícanse antes do número de teléfono antecedidos do signo + e separados do número de teléfono por un espazo:

+34 981 99 99 99

Linguaxe non sexista

Tendo sempre presente o principio de non discriminación por razón de sexo e para evitar prácticas ou expresións que poidan seren entendidas como sexistas, os textos publicados no DOG deberán evitar o uso do masculino gramatical como forma xenérica se fixeren referencia tanto ao xénero masculino como ao feminino:

  • Para os substantivos que designan seres animados recoméndase sempre dar preferencia ás formas non marcadas:
o funcionariado
as persoas
  • Tamén se pode facer explícita a alusión a ambos os sexos, neste caso debe facerse tanto no determinante como no substantivo:
(…) dos/as definitivamente seleccionados/as (…)
  • Nos formularios pódese utilizar a barra (/) para marcar a dobre posibilidade:
Don/Dona
Sr./Sra.
  • En ningún caso se debe utilizar a arroba (@) como marca para evitar a forma masculina como a xenérica:
  • seleccionad@ seleccionado/a

Moedas

Nas cantidades económicas deben utilizarse as formas euro e céntimo, vaian ou non antecedidas por un número, en minúscula. A palabra céntimo só será preciso especificala na expresión estendida da cantidade e se for caso:

(…) mil douscentos sesenta e oito euros con cincuenta e nove céntimos de euro (1.268,59 euros) (…)

O símbolo fica reservado para acompañar cantidades expresadas en algarismos árabes e por cuestións de espazo ou nas listas e enumeracións:

Contías concedidas
29.000,00 €
15.750,00 €
(…)

Referencias

  1. RESOLUCIÓN de 28 de julio de 2005, de la Subsecretaría, por la que se da publicidad al Acuerdo del Consejo de Ministros, de 22 de julio de 2005, por el que se aprueban las Directrices de técnica normativa (BOE núm. 180, do 29 de xullo).
  2. O nomenclátor está dispoñible en liña: http://cpapx.xunta.es/toponimia-oficial?content=/Portal-Cpapx/Contidos/Estandar/Secretaria_xeral/Servizos/busca_directa_toponimia.html
  3. Lei 3/1983, do 15 de xuño, do Parlamento de Galicia, de normalización lingüística, artigo 10.1: «Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.»
  4. Versión dixital: http://ssweb.mpt.es/REL/
  5. URL é o acrónimo de Uniform Resource Locator, localizador uniforme de recursos; utilízase para localizar recursos na internet.
  6. Tanto en galego como en castelán é frecuente utilizar os anglicismos email e e-mail; o seu uso non se recomenda excepto cando for preciso por razóns de espazo. A forma recomendada para ambos os idiomas é correo electrónico.
Ferramentas persoais
Xunta de Galicia