Outros signos ortográficos
De Manual de Estilo DOG
(→Casos en que non se empregan comiñas) |
(→Guión (-)) |
||
Liña 658: | Liña 658: | ||
== Guión (-) == | == Guión (-) == | ||
- | Non debemos confundir o guión (-) coa raia (—) nin co signo menos (−). O guión ten unha tecla específica e é máis groso que a raia e | + | Non debemos confundir o guión (-) coa raia (—) nin co signo menos (−). O guión ten unha tecla específica e é máis groso que a raia e máis curto. |
Desde o punto de vista formal, como veremos a seguir ao analizarmos os usos do guión, nin antes nin despois do guión se deixa espazo en branco, o guión une directamente os elementos. | Desde o punto de vista formal, como veremos a seguir ao analizarmos os usos do guión, nin antes nin despois do guión se deixa espazo en branco, o guión une directamente os elementos. | ||
Liña 672: | Liña 672: | ||
:<font color="#0066cc">•</font> Se a flexión se realiza só na última palabra ou se a palabra composta é invariable, danse dúas solucións: | :<font color="#0066cc">•</font> Se a flexión se realiza só na última palabra ou se a palabra composta é invariable, danse dúas solucións: | ||
- | ::*Se a palabra composta está consolidada, escríbese cos seus elementos soldados: <font color="#0066cc">''socioeconómico, socioeconómica, sociopolítico, sociopolítica, xordomudo, xordomuda, fisicoquímico, fisicoquímica''</font>. | + | ::*Se a palabra composta está consolidada, escríbese cos seus elementos soldados: <font color="#0066cc">''socioeconómico, socioeconómica, sociopolítico, sociopolítica, xordomudo, xordomuda, fisicoquímico, fisicoquímica''</font>. Estas palabras adoitan xa estar recollidas no dicionario. |
::*Se, pola contra, dúas palabras se asocian de forma ocasional, o composto resultante escríbese cun guión de separación entre elas: <font color="#0066cc">''político-social; técnico-xurídico; teórico-práctica; contencioso-administrativa''</font>. | ::*Se, pola contra, dúas palabras se asocian de forma ocasional, o composto resultante escríbese cun guión de separación entre elas: <font color="#0066cc">''político-social; técnico-xurídico; teórico-práctica; contencioso-administrativa''</font>. |
Revisión como estaba o 9 de abril de 2013 ás 12:11
Páxinas principais |
Diérese (¨)
A diérese represéntase con dous puntos horizontais que se colocan, en galego, sobre as vogais u e i.
Coa letra u
Úsase coa letra u para indicar que esta vogal se pronuncia nas sílabas güe e güi: ambigüidade, antigüidade, argüír, bilingüe, bilingüismo, contigüidade, lingüística, piragüismo.
Coa letra i
Úsase coa letra i na primeira e segunda persoas de plural do pretérito imperfecto de indicativo dos verbos regulares rematados en -aer, -oer, -aír e -oír. Estas formas opóñense ás de presente de subxuntivo:
Verbo en infinitivo | Pretérito imperfecto indicativo | Presente de subxuntivo |
---|---|---|
caer | caïamos (ca-ï-a-mos) | caiamos (ca-ia-mos) |
doer | doïades (do-ï-a-mos) | doiades (do-ia-mos) |
saír | saïamos (sa-ï-a-mos) | saiamos (sa-ia-mos) |
oír | oïades (o-ï-a-mos) | oiades (o-ia-mos) |
Nos dous tempos verbais hai unha secuencia de tres vogais, das cales a vogal a final ten a intensidade tónica. A diferenza radica na separación silábica: no pretérito imperfecto de indicativo cada vogal forma unha sílaba mentres que no presente de subxuntivo a vogal a forma sílaba coa vogal i anterior. Temos que utilizar a diérese −non podemos usar o acento gráfico− para sinalar o hiato porque o -i- é, en ambos os casos, átono.
A diérese tamén se emprega, por extensión, nos verbos rematados en -uír, aínda que neste caso non se escriban igual as formas de pretérito imperfecto de indicativo e as de presente de subxuntivo:
Verbo en infinitivo | Pretérito imperfecto indicativo | Presente de subxuntivo |
---|---|---|
posuír | posuïamos (po-su-ï-a-mos) | posuamos (po-su-a-mos) |
distribuír | distribuïamos (dis-tri-bu-ï-a-mos) | distribuamos (dis-tri-bu-a-mos) |
constituír | constituïades (cons-ti-tu-ï-a-des) | constituades (cons-ti-tu-a-des) |
A diérese en palabras estranxeiras
A diérese aparece nalgúns estranxeirismos, como, por exemplo, no francés sobre a vogal e: Citroën.
Apóstrofo (')
En galego moderno non se utiliza habitualmente o apóstrofo. Con todo, pódese usar na citación de títulos de libros ou cabeceiras de publicacións cando o artigo inicial se integra coas preposicións de ou en:
O argumento d'A Esmorga
Iso está n'Os Eoas
Publicouse n'A Trabe de Ouro...
Este signo tamén o encontramos en nomes propios procedentes doutras linguas:
Caixa d'Estalvis i Pensións de Barcelona
L'Hospitalet de Llobregat
America's Cup
OBSERVACIÓNS:
Un erro tipográfico frecuente é a confusión entre o apóstrofo (') e o índice (´). A figura destes dous signos é semellante, pero a do índice ten forma de acento (no teclado prémese sobre a tecla de acento) mentres que o apóstrofo ten forma de coma (tecla do interrogante final). Véxanse as funcións do índice na epígrafe seguinte.
É incorrecto utilizar o apóstrofo na denominación dun evento diante da data. Xeralmente, expresarase o ano cos catro díxitos:
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Acción de Verán'12 | Acción de Verán 2012 |
Orzamentos'13 | Orzamentos 2013 |
Xacobeo'10 | Xacobeo 2010 |
Índice (´)
O índice utilízase á dereita doutro signo nos seguintes casos:
- • No campo da xeometría, na expresión dos graos dun ángulo, como signo de minutos (´) e segundos (´´): 6° 4´ 30´´ (6 graos, 4 minutos, 30 segundos).
- • En xeografía e astronomía indica tamén minutos (´) e segundos (´´): 12´23´´. O exemplo máis habitual disto encontrámolo nas coordenadas xeográficas: 42° 4´ 49.61´´ N.
- • No campo das matemáticas utilízase á dereita dunha letra que ten varias formas análogas pero con distinto valor: a´(a prima); a´´ (a segunda), a´´´ (a terceira).
OBSERVACIÓNS:
O índice, igual ca outros símbolos utilizados en contextos semellantes, non se separa da cifra ou letra a que acompaña.
Un erro tipográfico frecuente é a confusión entre o apóstrofo (‘) e o índice (´). A figura destes dous signos é semellante, pero a do índice ten forma de acento (no teclado prémese sobre a tecla de acento) mentres que o apóstrofo ten forma de coma (tecla do interrogante final).
Comiñas
Utilízanse, con carácter xeral, para delimitar un fragmento dun texto respecto do texto xeral. Tal fragmento pode consistir nunha única palabra ou nun sintagma.
Dada a súa función diacrítica, o seu emprego alterna con recursos tipográficos como a cursiva ou colocar o texto que se cita nun parágrafo á parte e cun tipo de letra máis pequeno que o do texto xeral.
Formato
Hai diferentes tipos de comiñas:
- • As latinas ou angulares (« »).
- • As altas ou inglesas (“ ”).
- • As simples (‘ ’).
As latinas ou angulares son as que se empregan habitualmente. As altas ou inglesas úsanse no caso de ter que utilizalas dentro dunha frase que xa está entre comiñas latinas. E se temos que usar por terceira vez comiñas, usaremos as simples, coma no seguinte exemplo:
- Na acta da reunión recóllese o seguinte: «Interveu o presidente e dixo: “Para axilizar a votación, cando eu diga ‘Votos a favor’ os que vaian votar en contra permanecerán sentados e sen facer ruído”».
Malia ser moi pouco probable, aínda se podería baixar un nivel máis utilizando as comiñas angulares simples (‹›).
As comiñas son un signo dobre e, polo tanto, sempre se deben pechar unha vez abertas. É frecuente encontrar documentos con descoidos na apertura ou peche das comiñas. Estes descoidos impiden delimitar con claridade o inicio e o final das palabras ou expresións citadas. Se ademais hai outras comiñas internas dificúltase moito a lectura.
Combinación con outros signos ortográficos
Os signos de puntuación (punto, coma, punto e coma e dous puntos) escribiranse sempre tras as comiñas de peche, con independencia de que o texto que vaia entre comiñas comprenda todo ou unha parte da frase.
Correcto | Incorrecto |
---|---|
A sentenza establece: «Esta resolución é firme e contra ela non cabe ningún recurso». | A sentenza establece: «Esta resolución é firme e contra ela non cabe ningún recurso.» A sentenza establece: «Esta resolución é firme e contra ela non cabe ningún recurso.». |
De conformidade co disposto na sentenza, «non cabe ningún recurso», polo que debemos anular a convocatoria. | De conformidade co disposto na sentenza, «non cabe ningún recurso.», polo que debemos anular a convocatoria. |
«Esta resolución é firme e contra ela non cabe ningún recurso». Ante esta sentenza só cabe anular a convocatoria. | «Esta resolución é firme e contra ela non cabe ningún recurso.» Ante esta sentenza só cabe anular a convocatoria. «Esta resolución é firme e contra ela non cabe ningún recurso.». Ante esta sentenza só cabe anular a convocatoria. |
Excepcións
Nos documentos de corrección de erros publicados no Diario Oficial de Galicia pode darse o caso dunha dobre puntuación cando a reprodución exacta do texto que se corrixe inclúe signos de puntuación.
- Onde di: «En ningún caso se admitirán expedientes non enviados en tempo e forma.», debe dicir: «Só en casos excepcionais se admitirán expedientes non enviados en tempo e forma.».
- Onde di: «Quedarán exceptuados do disposto no punto anterior:», debe dicir: «Quedarán exceptuados do disposto nos puntos anteriores:».
- Onde di: «..na súa reunión do trinta e un de outubro de dous mil doce,», debe dicir: «..na súa reunión do trinta de outubro de dous mil doce,».
O mesmo sucede nos actos modificadores.
- A alínea c) do número 1 do artigo 24 queda redactada do seguinte xeito:
- «c) Os expedientes correspondentes á farmacia hospitalaria e receitas médicas.».
Emprego das comiñas
Agruparemos o uso das comiñas arredor das seguintes epígrafes:
• Citas textuais.
• Citas de expresións e outros enunciados breves.
• Sintagmas ou palabras que se queren remarcar ou traídos doutros contextos.
• Expresións ou palabras que son obxecto de definición e aquelas que, dentro dun texto normativo, se fixan para referirse no sucesivo a un sintagma máis longo.
• Citas de rutas de acceso electrónico.
• Nos textos de corrección de erros.
• Para salientar unha letra, un número ou unha abreviación que designan un elemento específico ou para o cal segue unha explicación.
• Nomes moi longos de materias ou disciplinas.
• En publicacións e normativa.
Citas textuais
Introdúcense entre comiñas os textos que son reprodución exacta das palabras doutra persoa ou dun enunciado tirado doutro texto.
O correcto é introducilas nun estilo directo, precedidas de dous puntos. O emprego das comiñas non é correcto cando utilizamos un estilo indirecto:
Correcto | Incorrecto |
---|---|
A secretaria do xulgado afirmou: «Non procede neste momento admitir a reclamación». Ou: | A secretaria do xulgado afirmou que «Non procede neste momento admitir a reclamación». |
A sentenza establece: «Se o recurso é interposto pola parte demandada non se admitirá este sen a consignación do importe da condena». Ou: | A sentenza establece que «Se o recurso é interposto pola parte demandada non se admitirá este sen a consignación do importe da condena». |
O artigo 154 do Código civil establece: «Os fillos non emancipados están baixo a potestade dos pais». Ou: | O artigo 154 do Código civil establece que «Os fillos non emancipados están baixo a potestade dos pais». |
Citas curtas e citas longas
Se a cita que se sitúa entre comiñas é curta, adoita introducirse dentro do propio texto, precedida de dous puntos:
A Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, di no seu artigo 70.1: «As necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que se deban prover mediante a incorporación de persoal de novo ingreso serán obxecto da oferta de emprego público...».
Se o texto que se reproduce literalmente é longo, a cita irá en parágrafo á parte. Neste caso hai dúas opcións:
a) Con dous puntos e coas mesmas marxes do resto do texto. De escollermos esta forma cómpre pórlle comiñas.
Terase en conta o disposto no artigo 36 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia:
«O acceso á función pública e aos seus corpos ou escalas realizarase mediante concurso, oposición ou concurso-oposición libre, convocados publicamente e baseados nos principios de igualdade, mérito e capacidade, sen prexuízo do que sobre a carreira administrativa se dispón nesta lei. Na convocatoria cumprirá ter en conta o establecido no artigo 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.»
b) Con sangría. Neste caso non son necesarias as comiñas nin tampouco a cursiva. Presentarase nun parágrafo separado, sangrado na marxe esquerda e, xeralmente, nun corpo de letra inferior ao do texto xeral. Así mesmo, é especialmente importante omitir as partes non relevantes e substituír o seu contido por puntos suspensivos entre corchetes [...] ou entre parénteses (...), con preferencia para os primeiros.
Terase en conta o disposto no artigo 36 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia:
O acceso á función pública e aos seus corpos ou escalas realizarase mediante concurso, oposición ou concurso-oposición libre, convocados publicamente e baseados nos principios de igualdade, mérito e capacidade, sen prexuízo do que sobre a carreira administrativa se dispón nesta lei. Na convocatoria cumprirá ter en conta o establecido no artigo 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.
Supresión de palabras dunha cita
Cando se transcribe literalmente un texto utilízanse os puntos suspensivos para indicar a omisión dun fragmento. Sempre se empregan tres puntos suspensivos, nin máis nin menos.
- • Se a omisión se dá ao comezo ou ao final da cita, utilízanse simplemente os puntos suspensivos:
Onde di: «… ata unha contía máxima de 100.000 €»
Onde di: «Certificación do órgano competente acreditativa…»
- • Se a omisión se dá no interior da cita, utilízanse os puntos suspensivos encerrados entre corchetes [...] ou entre parénteses (...), con preferencia para os primeiros, para evitar que o lector poida pensar que os puntos suspensivos forman parte do texto orixinal:
O artigo 11.3 da LNL di: «Na resolución dos concursos e oposicións [...] será mérito preferente o coñecemento do idioma galego».
Aclaracións dentro das citas
As aclaracións dentro dunha cita textual sinálanse utilizando a raia (combinación Alt + 0151 no teclado numérico, cando utilizamos o procesador de textos):
A Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia di na exposición de motivos: «Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia –non emprega o termo Administración autonómica– é o nome que recibe a persoa xurídica pública na cal se integra a Xunta de Galicia».
Citas de expresións e outros enunciados breves
Van entre comiñas, coma nos seguintes exemplos:
Indicarase sempre a seguinte mención: «Financiado con fondos Feder».
...devoltas polo dito servizo de Correos por «ausente na repartición»
O Real decreto 1675/2010 modifica os requisitos de acceso á formación dos certificados de profesionalidade substituíndo o concepto de «competencias clave» por «requisitos formativos e profesionais»
Sintagmas ou palabras que se queren remarcar ou traídos doutros contextos
Introdúcense entre comiñas aquelas expresións que, dentro dun texto, aluden a conceptos que se pretende remarcar ou que se traen ao texto na forma exacta en que foron utilizados noutros contextos.
O cambio da denominación «comisión» pola de «consello» que adopta esta norma vén determinado polo establecido no artigo...
A interposición de recurso contra a resolución exixe a constitución ou depósito de 50 euros, mediante ingreso en efectivo, e especificarase o concepto de «recurso».
No Diario Oficial de Galicia, na denominación de determinados conceptos, segundo os citemos literalmente ou parafrasendo, aplicaremos os seguintes criterios:
- • Denominación de obras, proxectos de obras e similares:
- Se aludimos a eles de forma aproximada e a denominación encaixa facilmente no texto xeral (habitualmente con preposicións como sobre ou de) non se utilizarán comiñas:
...bens e dereitos necesarios para a realización das obras de ampliación e mellora do sistema de tratamento de auga potable de Monforte de Lemos.
O Concello de Paderne de Allariz acordou aprobar o proxecto técnico da obra de acondicionamento do entroncamento do acceso a Vilameá coa estrada OU-102
- Pola contra, se no texto que se vai publicar no DOG se pretende reproducir exactamente a denominación dunha obra ou proxecto (habitualmente precedida de expresións como denominado/a, da obra seguinte etc.), citarase entre comiñas e a primeira palabra da denominación expresarase con maiúscula inicial:
Decreto [...] polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción «Glorieta no p.q. 38+060 da AC-305», no concello de Ribeira (clave AC/12/099.06).
...aprobar o proxecto técnico da obra denominada «Acondicionamento do entroncamento do acceso a Vilameá coa estrada OU-102».
- • Denominación de xornadas, cursos, seminarios etc.:
- Utilizaranse as comiñas como alternativa á cursiva naqueles casos en que non poidamos empregar este tipo de letra:
A EGAP convocou para o vindeiro ano o «Curso superior de técnico de urbanismo 2013».
- • Nalgúns casos, un sintagma queda destacado do resto do texto polo emprego da maiúscula inicial. Agora ben, poden empregarse as comiñas se se aprecia que a denominación non queda ben delimitada:
Os datos recollidos na solicitude incorporaranse ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» para o seu tratamento, coa finalidade de xestión, avaliación, seguimento e estatística dos programas.
Expresións ou palabras que son obxecto de definición e aquelas que, dentro dun texto normativo, se fixan para referirse en diante a un sintagma máis longo
Este recurso é habitual en textos normativos:
Para os efectos desta lei, entenderase por «autoestrada»...
«Xovenca»: o bovino femia a partir da idade de oito meses que non pariu aínda.
O Catalogo común das variedades de especies de plantas agrícolas, no sucesivo «o Catálogo común», recolle...
Citas de rutas de acceso electrónico
Expresaranse do seguinte xeito, introducíndoas entre comiñas:
Os datos poderán consultarse na páxina web www.xunta.es, seguindo a ruta «Función pública - Procesos selectivos - Xeración e presentación de instancias»
Nos textos de corrección de erros
Enmárcase entre comiñas o texto que se publicou e o texto que o substitúe:
Onde di: «...no prazo de quince días...», debe dicir: «...no prazo de vinte días...».
Para salientar unha letra, un número ou unha abreviación que designan un elemento específico ou para o cal segue unha explicación
Introduciranse entre comiñas do seguinte xeito:
Solicitarase o permiso de circulación clase «C» e «E».
Usarase a seguinte fórmula: P=(pm*O)/10, onde «P» é a puntuación que se quere obter, «pm» é a puntuación máxima da epígrafe do criterio de que se trate, «O» será a valoración sobre 10 asignada á oferta que se está a puntuar e «10» é a valoración correspondente á mellor oferta.
Nomes moi longos de materias ou disciplinas
Nos casos en que o nome dunha materia ou disciplina resulte demasiado longo, cando se cite dentro dun texto e poidan xurdir dúbidas sobre a delimitación de tal sintagma, este escribirase entre comiñas e só se grafará en maiúscula a inicial da primeira palabra:
Os alumnos poderán elixir entre «Dereito social e público aplicado ao traballo social» e «Métodos e técnicas de investigación aplicadas ao traballo social».
En publicacións e normativa
Sinálanse entre comiñas as seguintes partes de publicacións ou normas, que se grafan, ademais, con maiúscula inicial:
- • Os títulos dos artigos dalgunha publicación periódica, de conferencias, de relatorios etc.
Publicouse na Regap un artigo titulado «O emprego público: planificación e acceso».
- • Os títulos de capítulos ou partes de libros:
A primeira parte desta obra titúlase «A constitución política do presente».
- • Os títulos de poemas:
O poema que gañou o concurso titúlase «O amencer».
- • Os títulos de partes dunha norma:
O capítulo I leva por rúbrica «Disposicións xerais e ámbito territorial» e nel recóllese...
Será de aplicación o título IV, «Infraccións e sancións».
Casos en que non se empregan comiñas
- • Non se grafan entre comiñas os nomes de leis, ordes ou outras normas nin tampouco de resolucións, anuncios ou textos similares, mesmo no caso de que a cita da norma vaia dentro da denominación doutra norma. O nome da norma gráfase con maiúscula inicial e, polo tanto, esa letra inicial maiúscula xa delimita.
RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2012, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se modifica a Resolución do 28 de decembro de 2011 pola que...
Aprobouse a Orde do 23 de decembro de 2010 pola que se establecen...
Refírese ao Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula...
Observarase o establecido no Código civil e na Lei de axuizamento criminal.
- • Tampouco se escriben entre comiñas os títulos de obras completas, que se sinalan en cursiva.
- • Cando os enunciados non se están a reproducir literalmente non se grafan entre comiñas:
Correcto | Incorrecto |
---|---|
A actividade para a cal solicita licenza identifícase co rexistro de entrada número 398/2012, para ampliación dunha explotación de vacún de leite. | A actividade para a cal solicita licenza identifícase co rexistro de entrada número 398/2012, para «ampliación de explotación de vacún de leite». |
- • Non se empregan as comiñas cando se trata de nomes propios que xa están identificados con letras maiúsculas:
Correcto | Incorrecto |
---|---|
O trofeo Teresa Herrera de fútbol | O trofeo «Teresa Herrera» de fútbol |
O IES Rosalía de Castro | O IES «Rosalía de Castro» |
A empresa A Morgadana | A empresa «A Morgadana» |
- • Non se usan as comiñas para citar plans ou denominacións similares.
- Nestes casos, a maiúscula inicial xa identifica o enunciado.
Correcto | Incorrecto |
---|---|
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a talleres de reparación de vehículos, Plan Renove para talleres de reparación de vehículos, para a adquisición de equipamento e adecuación das súas instalacións | Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a talleres de reparación de vehículos, «Plan Renove para talleres de reparación de vehículos», para a adquisición de equipamento e adecuación das súas instalacións |
RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se anuncia a contratación da xestión do servizo público, na modalidade de concesión, denominado Punto de Encontro Familiar de Santiago de Compostela por procedemento aberto e tramitación urxente. | RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se anuncia a contratación da xestión do servizo público, na modalidade de concesión, denominado «Punto de Encontro Familiar de Santiago de Compostela» por procedemento aberto e tramitación urxente. |
- • As voces e locucións latinas e as palabras estranxeiras non integradas escríbense en cursiva e non entre comiñas: ad hoc, ex novo, lobbying. (Véxanse Letra cursiva).
- • Tamén se grafan en cursiva, e non entre comiñas, os nomes propios de aeronaves, naves, armas, bateas, permisos mineiros etc. (Véxase Letra cursiva).
O barco Bonitiña
A batea Manueliña
- • Non se deben utilizar as comiñas nin a cursiva cando se citen nomes de entidades.
Novagalicia Banco e non *«Novagalicia Banco» ou *Novagalicia Banco
Barra diagonal ou oblicua (/)
A barra diagonal, tamén chamada barra oblicua, escríbese sen espazos de separación.
- • A barra emprégase na denominación dos textos legais:
- En leis, decretos e outros documentos legais sepáranse o número de orde da norma e o ano de promulgación desta con barra:
Lei 30/1992
Decreto 135/1983
Real decreto 1/2002
- • Utilizaremos a barra diagonal para indicar períodos que comprenden parte dun ano e parte do seguinte.
Lanzaron o programa para o curso 2010/11
- • Expresión de cocientes:
4/2
2/3
- • Marcas, modelos, claves, códigos.
- A barra pode empregarse para indicar unha marca, modelo, clave, código ou expresións similares expresadas en cifras.
Good Year 165/70
clave 2011/0066_AIA/IPPC
- • Tamén se usa a barra para expresar dúas opcións.
Deberase presentar documento nacional de identidade e/ou pasaporte.
Indicará o/s motivos/s polo/s que solicita que se revise o seu expediente.
- Adoita ser habitual en certos textos para evitar a linguaxe sexista (Véxase: Linguaxe non sexista):
Os/as nenos/as
Os/as teclistas
- Con todo, debemos advertir que non é recomendable utilizar a barra cando se trata de texto continuado. Débese restrinxir o seu uso aos cadros, táboas ou listaxes. O emprego abusivo da barra crea textos en que se dificulta a lectura. Por tanto sempre que sexa posible desenvolveranse os sintagmas:
Indicará o motivo ou os motivos polos que solicita que se revise o seu expediente.
Os nenos e as nenas
Os teclistas e as teclistas
- • A barra diagonal serve para contrapor termos antagónicos, identificar trazos comúns en caso de equivalencia ou marcar palabras que se diferencian nalgún aspecto:
real/imaxinario
provisional/provisorio
diálogo/dialogo
- • Nalgunhas abreviacións tamén se emprega a barra:
km/h
r/ (abreviatura en galego de rúa)
s/n
- • Nos enderezos da internet.
http://egap.xunta.es/matricula
- • Pódese empregar a barra diagonal na expresión de datas abreviadas, e tamén o guión curto, aínda que para o formato do DOG se prefire o punto:
22.6.2012
22/6/2012
22-6-2012
Arroba (@)
- • A arroba úsase nos enderezos de correo electrónico. Non se deixa espazo entre a arroba e os caracteres a que se une:
xunta@xunta.es
- • Non debe utilizarse este signo para evitar a linguaxe sexista (Véxase: Linguaxe non sexista):
alumnado; alumnos e alumnas e non *alumn@s
Guión (-)
Non debemos confundir o guión (-) coa raia (—) nin co signo menos (−). O guión ten unha tecla específica e é máis groso que a raia e máis curto.
Desde o punto de vista formal, como veremos a seguir ao analizarmos os usos do guión, nin antes nin despois do guión se deixa espazo en branco, o guión une directamente os elementos.
Usos do guión
En determinadas palabras compostas
As palabras compostas pódense escribir xuntas (xordomudo), separadas por guión (alemán-galego) ou separadas sen guión (garda civil), segundo os seguintes criterios:
- • De se realizar a flexión de xénero e número nas dúas palabras, estas escríbense de forma separada: garda civil > gardas civís. O mesmo ocorre se a flexión afecta a primeira palabra: piso piloto > pisos piloto; sofá cama > sofás cama.
- • Se a flexión se realiza só na última palabra ou se a palabra composta é invariable, danse dúas solucións:
- Se a palabra composta está consolidada, escríbese cos seus elementos soldados: socioeconómico, socioeconómica, sociopolítico, sociopolítica, xordomudo, xordomuda, fisicoquímico, fisicoquímica. Estas palabras adoitan xa estar recollidas no dicionario.
- Se, pola contra, dúas palabras se asocian de forma ocasional, o composto resultante escríbese cun guión de separación entre elas: político-social; técnico-xurídico; teórico-práctica; contencioso-administrativa.
No tocante á flexión nominal, o primeiro termo é invariable e o segundo concorda en xénero e número co substantivo que modifica: recurso contencioso-administrativo; xurisdición contencioso-administrativa.
OBSERVACIÓN:
Escríbense de forma separada e sen guión as seguintes expresións: alcalde presidente, alcaldesa presidenta, decreto lei, director xerente, directora xerente, maxistrado xuíz, maxistrada xuíza, real decreto lei.
Palabras que teñen como primeiro elemento non
Escríbense con guión algunhas palabras que teñen como primeiro elemento non: non-agresión, non-aliñado, non-fumador, non-intervención, non-proliferación, non-violencia.
Palabras estranxeiras compostas
Algúns estranxeirismos compostos gráfanse con guión:
foie-gras
fox-térrier
best-séller
ping-pong
Porén, non se emprega o guión noutras palabras xa consolidadas como unha soa:
zigzag
ioió
Nomes dobremente compostos dos puntos cardinais
Estas palabras complexas escríbense con guión:
les-nordeste ou les-nordés
nor-nordeste ou nor-nordés
oés-noroeste
sur-suroeste
Nos nomes compostos só por dúas coordenadas non se utiliza o guión:
nordeste ou nordés
noroeste
sueste
suroeste
O prefixo ex
No caso do prefixo ex, emprégase guión cando vai diante dun nome e significa «estado ou posición anterior».
ex-alumna
ex-presidente
ex-secretario
Nas locucións latinas que levan o elemento ex, os dous compoñentes escríbense separados. Ademais, toda a expresión vai en cursiva:
ex lege
ex novo
Unión ocasional de elementos
Utilízase o guión para ligar dúas ou máis palabras, siglas, cifras de anos ou outros elementos que ocasionalmente se combinan creando encadeamentos de topónimos, períodos ou outros, sen que formen unha palabra composta. O guión ten unha función relacional, normalmente equivalente á dunha preposición ou conxunción.
Autovía Brión-Noia
Alto de Santo Domingo-Ourense
Período 2006-2010
Feder Galicia 2010-2012
expedientes INC-OU-171/2010-VNA e INCOU-180/2010-LSA (…)
Signo menos (−)
O signo menos tamén se denomina semimenos. Cómpre non confundilo co guión (-) nin coa raia (—). Ten a mesma largura que outros signos matemáticos (% + * =) e úsase en operacións aritméticas e para expresar números negativos. Escríbese premendo no teclado numérico a tecla correspondente.
Consérvese entre 35º e −25º
Realizarase a seguinte operación: 5 − 24 + 7