Outros signos ortográficos

De Manual de Estilo DOG

Revisión feita o 13 de decembro de 2012 ás 11:20 por Servizotraducion (Conversa | contribucións)

Páxinas principais


Índice

Diérese (¨)

A diérese represéntase con dous puntos horizontais que se colocan, en galego, sobre as vogais u e i.

Coa letra u

Úsase coa letra u para indicar que esta vogal se pronuncia nas sílabas güe e güi: ambigüidade, antigüidade, argüír, bilingüe, bilingüismo, contigüidade, lingüística, piragüismo.

↑ Voltar ↑

Coa letra i

Úsase coa letra i na primeira e segunda persoas de plural do pretérito imperfecto de indicativo dos verbos regulares rematados en -aer, -oer, -aír e -oír. Estas formas opóñense ás de presente de subxuntivo:


Verbo en infinitivo Pretérito imperfecto indicativo Presente de subxuntivo
caer caïamos (ca-ï-a-mos) caiamos (ca-ia-mos)
doer doïades (do-ï-a-mos) doiades (do-ia-mos)
saír saïamos (sa-ï-a-mos) saiamos (sa-ia-mos)
oír oïades (o-ï-a-mos) oiades (o-ia-mos)
↑ Voltar ↑

Nos dous tempos verbais hai unha secuencia de tres vogais, das cales a vogal a final ten a intensidade tónica. A diferenza radica na separación silábica: no pretérito imperfecto de indicativo cada vogal forma unha sílaba mentres que no presente de subxuntivo a vogal a forma sílaba coa vogal i anterior. Temos que utilizar a diérese −­non podemos usar o acento gráfico­− para sinalar o hiato porque o -i- é, en ambos os casos, átono.

A diérese tamén se emprega, por extensión, nos verbos rematados en -uír, aínda que neste caso non se escriban igual as formas de pretérito imperfecto de indicativo e as de presente de subxuntivo:

Verbo en infinitivo Pretérito imperfecto indicativo Presente de subxuntivo
posuír posuïamos (po-su-ï-a-mos) posuamos (po-su-a-mos)
distribuír distribuïamos (dis-tri-bu-ï-a-mos) distribuamos (dis-tri-bu-a-mos)
constituír constituïades (cons-ti-tu-ï-a-des) constituades (cons-ti-tu-a-des)
↑ Voltar ↑

A diérese en palabras estranxeiras

A diérese aparece nalgúns estranxeirismos, como, por exemplo, no francés sobre a vogal e: Citroën.

↑ Voltar ↑

Apóstrofo (')

En galego moderno non se utiliza habitualmente o apóstrofo. Con todo, pódese usar na citación de títulos de libros ou cabeceiras de publicacións cando o artigo inicial se integra coas preposicións de ou en:

O argumento d’A Esmorga
Iso está n’Os Eoas
Publicouse n’A Trabe de Ouro...

Este signo tamén o encontramos en nomes propios procedentes doutras linguas:

Caixa d’Estalvis i Pensións de Barcelona
L’Hospitalet de Llobregat
America’s Cup

OBSERVACIÓNS:

Un erro tipográfico frecuente é a confusión entre o apóstrofo (‘) e o índice (´). A figura destes dous signos é semellante, pero a do índice ten forma de acento (no teclado prémese sobre a tecla de acento) mentres que o apóstrofo ten forma de coma (tecla do interrogante final). Véxanse as funcións do índice na epígrafe seguinte.

É incorrecto utilizar o apóstrofo na denominación dun evento diante da data. Xeralmente, expresarase o ano cos catro díxitos:

Incorrecto Correcto
Acción dVerán'12 Acción de Verán 2012
Orzamentos '13 Orzamentos 2013
Xacobeo '10 Xacobeo 2010
Ferramentas persoais
Xunta de Galicia