Signos de puntuación
De Manual de Estilo DOG
Páxinas principais |
Índice |
Introdución
A lingua escrita exixe o emprego de signos ortográficos e, entre eles, están os signos de puntuación. Unha correcta puntuación axuda a interpretar ben o texto e a captar a intención comunicativa da mensaxe. Polo tanto, puntuar ben un texto é imprescindible para que este se poida comprender adecuadamente.
A linguaxe administrativa tendeu a abusar dos períodos longos que dificultaban a comprensión e combinou isto cunha puntuación inadecuada. O realmente importante é respectar o contido, pero buscaremos sempre a forma máis axeitada e simple de redacción, que require normalmente que utilicemos períodos curtos e ben delimitados. Ademais, a presenza ou ausencia dos signos de puntuación pode ter repercusións no sentido da mensaxe.
Existe unha crenza errónea e moi estendida de que a función principal da puntuación nun texto escrito é sinalar os lugares onde deben ou adoitan facerse pausas para respirar. Esta é unha das razóns que se empregan para xustificar, por exemplo, o uso dunha coma entre o suxeito e o verbo. Aínda que poida haber coincidencia entre a localización destes signos e as pausas que realiza o lector, cómpre aclarar que a función principal da puntuación, sobre todo dos signos básicos (coma, punto, punto e coma e dous puntos), non é marcar as pausas para respirar, senón establecer límites sintácticos, marcar pautas para a lectura adecuada dun texto e facilitar, en consecuencia, a súa correcta interpretación.
Ademais dos signos básicos de puntuación (coma, punto, punto e coma e dous puntos), temos os chamados signos de inserción, denominados así porque insiren outro elemento do discurso: as parénteses [()] os corchetes ([]), a raia (—). Estes son signos dobres.
Falaremos, así mesmo, dos puntos suspensivos e dos signos de interrogación e admiración.
Algúns dos signos que imos tratar nesta epígrafe poden ter outras funcións diferentes da distribución da información no texto. É o caso da coma, do punto e das parénteses.
Regras xerais para puntual un texto
- Empregar frases breves e de sintaxe sinxela.
- A oración ou enunciado é a unidade de comunicación que posúe sentido completo e que remata con punto. Na linguaxe administrativa utilízanse con frecuencia oracións moi longas e complexas que se prolongan de forma innecesaria mediante o emprego de incisos e perífrases, de expresións redundantes, de locucións que nada achegan ou de secuencias que significan o mesmo. Como resultado, prodúcense enunciados excesivamente longos e dificilmente comprensibles. Cómpre empregar frases curtas e cunha sintaxe máis sinxela.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
O prazo para a presentación das solicitudes antes mencionadas será dun mes. Este mes contarase a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entendéndose como último día do prazo o día correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. | O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. |
- Non acumular incisos.
- Non se deben empregar moitos incisos xa que isto dificulta a delimitación da oración principal e, en consecuencia, a interpretación do fragmento ao se interromper a linearidade da lectura. Un modo de facilitar a comprensión destes fragmentos é delimitar unidades oracionais máis pequenas mediante o uso de puntos e seguido.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Transcorrido este prazo, e unha vez avaliados os documentos engadidos, publicaranse as listaxes provisionais de seleccionados e suplentes, ordenados por puntuación por cada un dos cursos e asignándolles a contía provisional correspondente da achega familiar, que poderá variar nas listaxes definitivas debido ás reclamacións a estas listaxes, que se exporán co mesmo procedemento indicado no punto 1. | Transcorrido este prazo, e unha vez avaliados os documentos engadidos, publicaranse as listaxes provisionais de seleccionados e suplentes. Ordenaranse por puntuación por cada un dos cursos e asignaráselles a contía provisional correspondente da achega familiar, que poderá variar nas listaxes definitivas debido ás reclamacións. Despois exporanse co mesmo procedemento indicado no punto 1. |
- Non acumular coordinacións.
- Ante a presenza de parágrafos longos cheos de coordinacións, unha das intervencións máis convenientes é a segmentación con puntos. Nada é tan claro e intelixible como os períodos breves. A división debe efectuarse con coidado para non perder información e explicitude. É preferible sempre dividir, aínda que para iso haxa que repetir expresións que faciliten o enlace co que precede e co que segue.