Signos de puntuación
De Manual de Estilo DOG
Páxinas principais |
Índice |
Introdución
A lingua escrita exixe o emprego de signos ortográficos e, entre eles, están os signos de puntuación. Unha correcta puntuación axuda a interpretar ben o texto e a captar a intención comunicativa da mensaxe. Polo tanto, puntuar ben un texto é imprescindible para que este se poida comprender adecuadamente.
A linguaxe administrativa tendeu a abusar dos períodos longos que dificultaban a comprensión e combinou isto cunha puntuación inadecuada. O realmente importante é respectar o contido, pero buscaremos sempre a forma máis axeitada e simple de redacción, que require normalmente que utilicemos períodos curtos e ben delimitados. Ademais, a presenza ou ausencia dos signos de puntuación pode ter repercusións no sentido da mensaxe.
Existe unha crenza errónea e moi estendida de que a función principal da puntuación nun texto escrito é sinalar os lugares onde deben ou adoitan facerse pausas para respirar. Esta é unha das razóns que se empregan para xustificar, por exemplo, o uso dunha coma entre o suxeito e o verbo. Aínda que poida haber coincidencia entre a localización destes signos e as pausas que realiza o lector, cómpre aclarar que a función principal da puntuación, sobre todo dos signos básicos (coma, punto, punto e coma e dous puntos), non é marcar as pausas para respirar, senón establecer límites sintácticos, marcar pautas para a lectura adecuada dun texto e facilitar, en consecuencia, a súa correcta interpretación.
Ademais dos signos básicos de puntuación (coma, punto, punto e coma e dous puntos), temos os chamados signos de inserción, denominados así porque insiren outro elemento do discurso: as parénteses [()] os corchetes ([]), a raia (—). Estes son signos dobres.
Falaremos, así mesmo, dos puntos suspensivos e dos signos de interrogación e admiración.
Algúns dos signos que imos tratar nesta epígrafe poden ter outras funcións diferentes da distribución da información no texto. É o caso da coma, do punto e das parénteses.
Regras xerais para puntual un texto
- Empregar frases breves e de sintaxe sinxela.
- A oración ou enunciado é a unidade de comunicación que posúe sentido completo e que remata con punto. Na linguaxe administrativa utilízanse con frecuencia oracións moi longas e complexas que se prolongan de forma innecesaria mediante o emprego de incisos e perífrases, de expresións redundantes, de locucións que nada achegan ou de secuencias que significan o mesmo. Como resultado, prodúcense enunciados excesivamente longos e dificilmente comprensibles. Cómpre empregar frases curtas e cunha sintaxe máis sinxela.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
O prazo para a presentación das solicitudes antes mencionadas será dun mes. Este mes contarase a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entendéndose como último día do prazo o día correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. | O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. |
- Non acumular incisos.
- Non se deben empregar moitos incisos xa que isto dificulta a delimitación da oración principal e, en consecuencia, a interpretación do fragmento ao se interromper a linearidade da lectura. Un modo de facilitar a comprensión destes fragmentos é delimitar unidades oracionais máis pequenas mediante o uso de puntos e seguido.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Transcorrido este prazo, e unha vez avaliados os documentos engadidos, publicaranse as listaxes provisionais de seleccionados e suplentes, ordenados por puntuación por cada un dos cursos e asignándolles a contía provisional correspondente da achega familiar, que poderá variar nas listaxes definitivas debido ás reclamacións a estas listaxes, que se exporán co mesmo procedemento indicado no punto 1. | Transcorrido este prazo, e unha vez avaliados os documentos engadidos, publicaranse as listaxes provisionais de seleccionados e suplentes. Ordenaranse por puntuación por cada un dos cursos e asignaráselles a contía provisional correspondente da achega familiar, que poderá variar nas listaxes definitivas debido ás reclamacións. Despois exporanse co mesmo procedemento indicado no punto 1. |
- Non acumular coordinacións.
- Ante a presenza de parágrafos longos cheos de coordinacións, unha das intervencións máis convenientes é a segmentación con puntos. Nada é tan claro e intelixible como os períodos breves. A división debe efectuarse con coidado para non perder información e explicitude. É preferible sempre dividir, aínda que para iso haxa que repetir expresións que faciliten o enlace co que precede e co que segue.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
A acción humanitaria incluirá non só a axuda proporcionada con carácter de urxencia ás vítimas dos desastres, tanto os desencadeados por catástrofes naturais como por conflitos armados, ou que se leve a cabo mediante operacións prolongadas para a poboación refuxiada e desprazada, senón aquela que se dirixa á protección das vítimas e dos seus dereitos fundamentais en toda a súa extensión mediante actuacións tales como a defensa dos dereitos humanos, o testemuño, a denuncia e o acompañamento. | A acción humanitaria incluirá a axuda proporcionada con carácter de urxencia ás vítimas dos desastres, tanto os desencadeados por catástrofes naturais como por conflitos armados, ou que se leve a cabo mediante operacións prolongadas para a poboación refuxiada e desprazada. Tamén incluirá aquela que se dirixa á protección das vítimas e dos seus dereitos fundamentais en toda a súa extensión, mediante actuacións tales como a defensa dos dereitos humanos, o testemuño, a denuncia e o acompañamento. |
Tamén se prevé que a Administración da Comunidade fomente a participación do seu persoal para a colaboración en accións, proxectos e programas de cooperación e axuda humanitaria e se regula a posibilidade de solicitar a colaboración e de contratar persoas físicas ou xurídicas especializadas, provenientes do sector privado ou doutras institucións, baixo a normativa propia da contratación pública. | Tamén se prevé que a Administración da Comunidade fomente a participación do seu persoal para a colaboración en accións, proxectos e programas de cooperación e axuda humanitaria. Así mesmo, regúlase a posibilidade de solicitar a colaboración e de contratar persoas físicas ou xurídicas especializadas, provenientes do sector privado ou doutras institucións, baixo a normativa propia da contratación pública. |
- Non abusar das oracións subordinadas.
- Non se debe realizar unha concatenación excesiva de frases subordinadas. Esta práctica xera dificultades de comprensión, ambigüidades e posibles dobres interpretacións. Para evitar isto hai que segmentar tamén a oración en varias oracións independentes.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
As solicitudes presentadas, as cales serán valoradas pola comisión creada para o efecto, que serán publicadas e contras as que se poderá reclamar, presentaranse no prazo establecido no punto anterior. | As solicitudes presentaranse no prazo establecido no punto anterior e serán valoradas pola comisión creada para o efecto. Serán publicadas e contra elas poderase reclamar. |
- Establecer pausas.
Un elemento que intervén na complexidade dos parágrafos é a falta de pausas, o que nos leva a ler parágrafos moi longos e esquecernos do inicio. As pausas establécense a través de todos os signos de puntuación, non só dos puntos ou comas.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Establecerase de conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 30/1992 do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na disposición adicional do Decreto 37/2006 do 2 de marzo, modificado polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro e demais normas aplicables. | Establecerase de conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; na disposición adicional do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, modificado polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, e demais normas aplicables. |
O Acordo do 11 de marzo de 2013 entre a Consellería de Facenda e a Consellería do Medio Rural e do Mar publicado no DOG núm. 58 do venres 22 de marzo, encomenda a xestión de determinadas materias relacionadas coas listas de contratación temporal de persoal laboral á Consellería do Medio Rural e do Mar. | O Acordo do 11 de marzo de 2013 entre a Consellería de Facenda e a Consellería do Medio Rural e do Mar (publicado no DOG núm. 58, do venres 22 de marzo) encomenda a xestión de determinadas materias relacionadas coas listas de contratación temporal de persoal laboral á Consellería do Medio Rural e do Mar. |
- Non abusar da repetición de elementos gramaticais.
- A repetición de elementos gramaticais é a que máis dana a recta interpretación. Ocorre a miúdo co relativo e a conxunción que. O seu abuso provoca falta de claridade e lectura dificultosa.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Por outra banda, tamén se debe ter en conta a cláusula de supletoriedade do dereito estatal a que alude o artigo 149.3 CE, que deu lugar a unha importante doutrina do Tribunal Constitucional que desmente a pretensión de aplicación supletoria do Regulamento estatal. | Por outra banda, tamén se debe ter en conta a cláusula de supletoriedade do dereito estatal a que alude o artigo 149.3 CE. Esta deu lugar a unha importante doutrina do Tribunal Constitucional que desmente a pretensión de aplicación supletoria do Regulamento estatal. |
Grafía dos signos de puntuación e inserción
- Os signos simples escríbense pegados á palabra que preceden e sepáranse da seguinte deixando un espazo en branco. O erro adoita darse coa coma, aínda que non exclusivamente.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Lei 30/1992 , do 26 de novembro , de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común | Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común |
Rúa Varsovia , 6 | Rúa Varsovia, 6 |
Tipo de contrato : mixto | Tipo de contrato: mixto |
- Os signos dobres colócanse da seguinte forma: para o primeiro debemos deixar un espazo entre a palabra precedente e o signo; despois deste, sen deixar espazo ningún, debemos comezar a escribir ata chegar, sen que haxa espazo, ao signo que pecha o período. E cómpre deixar un espazo en branco despois do signo se a seguir vai unha palabra e non outro signo.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
O gando nesta comarca non é rendible — segundo opinión do departamento de Economía —. | O gando nesta comarca non é rendible —segundo opinión do departamento de Economía—. |
Importe total: 164.463,44 ( incluído o IVE | Importe total: 164.463,44 (incluído o IVE) |
Resolución do 14 de marzo de 2005 (DOG do 8 de abril)pola que se fai pública a adxudicación dun contrato administrativo de consultoría e asistencia. | Resolución do 14 de marzo de 2005 (DOG do 8 de abril) pola que se fai pública a adxudicación dun contrato administrativo de consultoría e asistencia. |
- Nunca se deben poñer dous puntos seguidos.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Iso aconteceu no mes de abril.. | Iso aconteceu no mes de abril. |
- O punto que marca o final dunha oración desaparece ante os puntos suspensivos, o signo de admiración e o de interrogación.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Nas fragas do Courel abundan os carballos, os castiñeiros, as faias... . | Nas fragas do Courel abundan os carballos, os castiñeiros, as faias... |
Difundiron a campaña E logo!. | Difundiron a campaña E logo! |
Solicitou vostede a subvención o ano pasado?. | Solicitou vostede a subvención o ano pasado? |
- O punto que se xunta ás abreviaturas desaparece cando se indica o final dunha oración.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Presentarase a documentación complementaria que se considere precisa: documentos acreditativos, informes etc.. | Presentarase a documentación complementaria que se considere precisa: documentos acreditativos, informes etc. |
- Cando a raia coincide no texto co punto, mantéñense os dous signos. Acontece o mesmo se a raia se une aos signos de interrogación e exclamación.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
O gando nesta comarca non é rendible —segundo opinión do departamento de economía. | O gando nesta comarca non é rendible —segundo opinión do departamento de economíaz—. |
No piso había indicios de estar ocupado —quen viviría entón alí? | No piso había indicios de estar ocupado, —quen viviría entón alí? — |
- A coma (,) non se debe usar antes dos puntos suspensivos, aínda que o seu uso pode darse despois deles.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Cubriu todas as epígrafes: datos persoais, datos profesionais,... só falta asinar a solicitude. | Cubriu todas as epígrafes: datos persoais, datos profesionais..., só falta asinar a solicitude. |
- Xeralmente non se grafa punto, coma, punto e coma nin dous puntos antes ou despois de parénteses, excepto que estes signos sexan necesarios seguindo as regras xerais de puntuación.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Tivo dous traballos, aínda que nunca lle gustaron. (Repartidor e ebanista.) | Tivo dous traballos, aínda que nunca lle gustaron (repartidor e ebanista). |
O Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG do 29 de xullo) de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, na sección segunda do capítulo VI regula a provisión de determinados postos de xefatura e coordinación | O Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, na sección segunda do capítulo VI regula a provisión de determinados postos de xefatura e coordinación |
...termo municipal do Vicedo , (Lugo)... | ...termo municipal do Vicedo (Lugo)... |
No Edicto 232/2012, (publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 225, do 26 de novembro de 2012) estímase a demanda contra a empresa.
No Edicto 232/2012 (publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 225, do 26 de novembro de 2012); estímase a demanda contra a empresa. | No Edicto 232/2012 (publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 225, do 26 de novembro de 2012) estímase a demanda contra a empresa. |
Definitiva: 5 % do importe de adxudicación, (IVE excluído.). | Definitiva: 5 % do importe de adxudicación (IVE excluído). |
...dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo. (Expediente 25/2010.) | ...dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo (expediente 25/2010). |
- Antes de comiñas, dos signos de interrogación e exclamación e da raia tampouco se debe usar ningún outro signo de puntuación, excepto que corresponda segundo as regras xerais de puntuación.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
O capítulo I titúlase, «Disposicións xerais» | O capítulo I titúlase «Disposicións xerais» |
O capítulo I «Disposicións xerais»,... | O capítulo I, «Disposicións xerais»,... |
A lei presenta unha estrutura moi clara, –segundo o relator— xa que cada capítulo se corresponde coas funcións de cada órgano. | A lei presenta unha estrutura moi clara –segundo o relator— xa que cada capítulo se corresponde coas funcións de cada órgano. |
Para rematar, cómpre lembrar que o espazo entre palabras debe ser só un. É habitual encontrar textos con espazos de máis:
- *Tipo de contrato : contrato de subministración.
Particularidades tipográficas
Cando un termo apareza en cursiva ou en negra, a puntuación que o acompaña (punto, coma, punto e coma, parénteses, corchetes...) irá en xeral en redonda. Grafarase en cursiva ou negra se todo o texto que vai arredor tamén vai nese tipo de letra.
En redonda | En cursiva |
---|---|
De acordo coas disposicións citadas (véxase o artigo 14 bis), entenderase por ... | De acordo coas disposicións citadas (véxase o artigo 14 bis), entenderase por ... |
En redonda | En negra |
---|---|
O artigo 58 do regulamento (véxase o DO L 23, do 3.4.1975) | TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA (SALA DO SOCIAL) |
Regras xerais de uso dos signos de puntuación e inserción
A continuación incluímos unha listaxe de todos os signos de puntuación e de inserción que desenvolveremos:
- • Coma
- • Punto
- • Punto e coma
- • Dous puntos
- • Puntos suspensivos
- • Signos de interrogación e de exclamación
- • Corchetes
- • Parénteses
- • Raia
Coma
É o signo de puntuación máis complexo, pero tamén o que se utiliza máis. Unhas veces ten un uso sintacticamente obrigatorio e outras é mais subxectivo e arbitrario, é dicir, depende do estilo de quen redacta.
Os erros que se producen poden ser tanto pola elisión deste signo como por utilizar comas innecesarias debido á inseguridade á hora de puntuar os textos.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Pon en risco, non só a situación financeira, senón a sustentabilidade... | Pon en risco non só a situación financeira senón a sustentabilidade... |
Tanto no medio rural, como nas cidades | Tanto no medio rural como nas cidades |
Indicamos a continuación os casos principais de uso da coma.
- Nas datas, para separalas dos nomes de lugar, e nos enderezos, para separar o nome da vía do resto da información (número de portal, de piso, código postal etc.):
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2010
Avda. Fernández Ladreda, 43, 4º
- Non obstante, non se utiliza a coma (nin tampouco guión nin raia) para separar o código postal do nome da localidade:
15706 Santiago de Compostela
- Nas listas de nomes de persoa, para separar os apelidos do nome, e nas listas de topónimos, para separar o artigo do substantivo:
Camiña Leiro, Iván
Grove, O
- Nomes de empresas:
- Emprégase coma antes da abreviatura do tipo de sociedade: anónima, limitada ou doutro tipo (S.A., S.L., S.C.)
Frigoríficos Berbés, S.A.
Policlínico Bergantiños, S.A.
Asistencia no Fogar, S.L.
Os Regos Promocións, S.L.
Xermolo, S.C.
Tenrura, S.C.
- No caso de que polas regras habituais de puntuación corresponda coma despois da abreviatura do tipo de sociedade, esta non se omitirá:
A empresa Sigre Medicamento e Medio Ambiente, S.L., en calidade de adxudicataria, deberá constituír a garantía definitiva que corresponda.
- Citas de normativa:
- Nas leis e outras normas a data sepárase con comas:
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar.
A norma publicouse no Diario Oficial de Galicia número 44, do 2 de marzo de 2012.
- Gráfase ademais entre comas a denominación das normas para delimitar o seu nome concreto:
Incorrecto | Correcto |
---|---|
A Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia supón un avance no eido da conciliación da vida laboral e familiar. | A Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, supón un avance no eido da conciliación da vida laboral e familiar. |
O Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda outorga á Dirección Xeral de Tributos, entre outras funcións: a dirección, impulso, planificación, coordinación, control e execución da xestión, inspección e revisión dos tributos cedidos. | O Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, outorga á Dirección Xeral de Tributos, entre outras funcións, a dirección, impulso, planificación, coordinación, control e execución da xestión, inspección e revisión dos tributos cedidos. |
- Coordinación dos elementos dunha enumeración:
- As series de elementos coordinados que se pechan ao final cunha conxunción copulativa (por exemplo e) ou disxuntiva (por exemplo ou) sepáranse, en xeral, por medio dunha coma, pero non se emprega coma ante o último elemento da coordinación ao cal vai unida a conxunción.
Poderán asistir ao curso o estudantado, o profesorado, o persoal administrativo que realice tarefas relacionadas e as persoas interesadas.
...organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais.
- Porén, empregarase coma diante da conxunción cando existan varios niveis de coordinación, como veremos na seguinte epígrafe.
- Só se aconsella o uso de punto e coma cando os ditos elementos coordinados son complexos e inclúen comas no seu interior.
Opción con comas | Opción con punto e coma |
---|---|
Para facer efectivo este dereito, a lei regula, pormenorizadamente e seguindo unha sistemática lóxica, as competencias e planificación en materia de vivenda, a calidade e habitabilidade das vivendas, a protección dos adquirentes e arrendatarios de vivendas, o réxime legal das vivendas de protección pública e o réxime sancionador. | Para facer efectivo este dereito, a lei regula, pormenorizadamente e seguindo unha sistemática lóxica, as competencias e planificación en materia de vivenda; a calidade e habitabilidade das vivendas; a protección dos adquirentes e arrendatarios de vivendas; o réxime legal das vivendas de protección pública e o réxime sancionador. |
- Uso da coma para diferenciar os dous niveis da coordinación:
- A presenza de dous niveis de coordinación pódese resolver en parágrafos non moi complexos coa presenza dunha coma antes da conxunción copulativa que corresponda.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
A Xunta de Galicia establece a política de persoal, dirixe o seu desenvolvemento e aplicación e exerce a potestade regulamentaria en materia de persoal estatutario. | A Xunta de Galicia establece a política de persoal, dirixe o seu desenvolvemento e aplicación, e exerce a potestade regulamentaria en materia de persoal estatutario. |
- Hai unha coordinación entre dous elementos (o seu desenvolvemento e aplicación) inmediatamente seguida doutra conxunción e que une o que segue co que precede. A presenza da coma ante a segunda conxunción mostra que a súa acción se sitúa nun nivel distinto da anterior.
- Coordinacións con así como:
- As coordinacións de elementos poden ter lugar en diferentes niveis. Podemos empregar a conxunción copulativa pero pode ser conveniente, por razóns de claridade, acudir a outras expresións nas coordinacións do nivel inferior. Entre estes coordinadores encontramos a expresión conxuntiva así como.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
...os prazos de entrega aos seus destinatarios e os cambios de uso ou destino así como as prohibicións e limitacións á facultade de dispoñer. | ...os prazos de entrega aos seus destinatarios e os cambios de uso ou destino, así como as prohibicións e limitacións á facultade de dispoñer. |
...respectando o establecido con carácter básico pola normativa estatal así como as competencias exclusivas do Estado na materia. | ...respectando o establecido con carácter básico pola normativa estatal, así como as competencias exclusivas do Estado na materia. |
...obsérvase unha gran penetración social das bebidas alcohólicas, unha xeneralización do seu uso e abuso así como unha gran precocidade nos primeiros contactos co alcohol, o tabaco e as drogas ilegais. | ...obsérvase unha gran penetración social das bebidas alcohólicas, unha xeneralización do seu uso e abuso, así como unha gran precocidade nos primeiros contactos co alcohol, o tabaco e as drogas ilegais. |
- Nalgúns casos de enumeracións moi complexas o uso da expresión así como axuda a estruturalas. Vexamos o seguinte exemplo:
O Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, outorga á Dirección Xeral de Tributos, entre outras funcións, a dirección, impulso, planificación, coordinación, control e execución da xestión, inspección e revisión dos tributos cedidos, así como da xestión, inspección e revisión dos tributos propios e prezos que corresponden á Comunidade Autónoma, ao seus organismos autónomos e demais entidades de dereito público dependentes dela.
- Incisos:
- Unha das funcións básicas da coma é a delimitación de incisos, isto é, de elementos de carácter explicativo ou aclaratorio que se insiren no medio dunha oración. Estes elementos deben ir entre comas cando están necesariamente relacionados co contexto e ligados á sintaxe do fragmento. A ausencia dunha de ambas as comas é un erro frecuente. Os incisos poden ser de varios tipos: separación de conxuncións, locucións, expresións aclaratorias...
O título cuarto regula os aproveitamentos forestais distinguindo os non madeireiros, entre os cales destacan, pola súa importancia e incidencia social, económica e ambiental, o pastoreo e o aproveitamento cinexético, dos madeireiros...
- Atopamos incisos tamén ao principio e ao final das oracións. Colocaranse normalmente ao principio os incisos que afecten toda a oración e acheguen significados de tempo, espazo, causa, condición e concesión. Os que introduzan unha explicación ou xustificación do citado colócanse normalmente ao final.
- As comas usadas para realizar unha aclaración poden ser substituídas por raias. Pero lembremos que as raias indican un contraste máis ou menos brusco por medio do cal se fai unha observación á parte ou un comentario. Outro recurso que se pode empregar son as parénteses. Estas úsanse para engadir unha aclaración cando a información é complementaria.
- Debe evitarse o uso da coma en adverbios e grupos adverbiais que sirvan para dar énfase a unha expresión, pois nestes casos non son incisos.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Isto defendereino, mesmo, ante o Tribunal Supremo | Isto defendereino mesmo ante o Tribunal Supremo |
- Cómpre dicir que os incisos non deben ser moi longos, xa que neste caso interromperían o proceso da argumentación. Ademais, se se introducen moitos dificúltase que o lector sexa quen de seguir o fío do discurso.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Por isto é polo que o incremento da masa arborizada en cantidade e calidade constitúe un obxectivo básico, non só do sector forestal en particular, senón da sociedade galega do século XXI no seu conxunto, garantindo o aproveitamento continuado dos recursos forestais, especificamente da madeira, que segue sendo, nestes momentos, o segundo produto deficitario na Unión Europea —tras o enerxético—, o que pode supoñer unha vía de ordenación territorial, posibilitando un freo ao abandono sistemático das explotacións do rural de Galicia e permitindo, a través do desenvolvemento de explotacións e industrias forestais, a fixación da poboación evitando o despoboamento e a crise demográfica que atenazan o mundo rural galego. | Por isto é polo que o incremento da masa arborizada en cantidade e calidade constitúe un obxectivo básico non só do sector forestal en particular, senón da sociedade galega do século XXI no seu conxunto. Garántese así o aproveitamento continuado dos recursos forestais, especificamente da madeira, que segue sendo, nestes momentos, o segundo produto deficitario na Unión Europea —tras o enerxético—. Isto pode supor unha vía de ordenación territorial, posibilitando un freo ao abandono sistemático das explotacións do rural de Galicia e permitindo, a través do desenvolvemento de explotacións e industrias forestais, a fixación da poboación evitando o despoboamento e a crise demográfica que atenazan o mundo rural galego. |
- Coma no lugar do verbo omitido:
- Cando nunha oración se elide o verbo, xa sexa porque se mencionou previamente, xa sexa porque se sobreentende, esta elisión debe marcarse cunha coma que se coloca no lugar en que tería que estar o verbo. No seguinte exemplo a coma vai en lugar de elixe, que é o verbo omitido:
As vacacións de Nadal, Semana Santa e verán concédenselles por metade a ambos os proxenitores, sen facer maiores especificacións, pero déixase a posibilidade de chegar a acordos nesta materia en función das súas circunstancias. En caso de discrepancia entre os proxenitores, os anos pares elixe a nai e os impares, o pai.
- Coma nas oracións de relativo explicativas:
- Non se deben confundir as oracións de relativo explicativas coas especificativas, que non levan coma. Como o seu propio nome indica, as explicativas engaden informacións ou comentarios e, polo tanto, deben ir entre comas. As especificativas (tamén chamadas caracterizadoras) engaden trazos non inherentes e delimitan o subgrupo dos que comparten esa característica.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
O persoal que opte por permanecer en situación de servizo activo deberá presentar a documentación correspondente. | O persoal, que poderá optar por permanecer en servizo activo, deberá indicar a súa escolla. |
A orde que regula os programas de cualificación profesional é unha orde do ano 2008. | A Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 13 de maio de 2008, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do día 23, regula os programas de cualificación profesional... |
Retiraron as axudas que estaban mal tramitadas. (Significa que retiraron soamente aquelas que estaban mal tramitadas) | Retiraron as axudas, que estaban mal tramitadas. (Significa que retiraron todas as axudas xa que estaban todas mal tramitadas) |
- Uso da coma para marcar cambios de orde:
- A orde non marcada da oración é suxeito + verbo + complementos/oración subordinada adverbial. Cando se altera esta orde, nalgúns casos este cambio sinálase cunha coma.
Co devir histórico, a realidade dos nosos días variou moito.
Co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión administrativa, procede agora establecer a organización e as funcións desta consellería.
O órgano, ao se cumprir o prazo, resolveu favorablemente.
- Os conectores do discurso van con comas (porén, polo tanto, por tanto, no entanto, non obstante, en consecuencia, ademais...):
- Van seguidos de coma cando aparecen ao principio dunha oración e van delimitados entre comas cando se insiren no seu interior.
Ademais, este título primeiro regula a planificación en materia de vivenda.
As comunidades autónomas non terán, polo tanto, as mesmas competencias.
- Os ordenadores do discurso tamén levan coma (en primeiro lugar, por un lado, por unha banda...)
- Van seguidos de coma cando aparecen ao principio dunha oración e van delimitados por comas cando se insiren no seu interior.
En primeiro lugar, debemos ter en conta as características do terreo.
Para conceder a subvención terase en conta, por unha banda, o proxecto presentado e, por outra, o cumprimento dos requisitos da convocatoria.
- Casos en que non se emprega a coma:
- A seguir incluiremos aqueles casos en que non se debe empregar a coma ou onde se debe evitar.
- Nas enumeracións, antes da abreviatura etc. non é necesario escribir coma, aínda que é admisible por estar consolidado o seu uso:
...centros educativos, centros de profesores, institucións culturais etc.
...centros educativos, centros de profesores, institucións culturais, etc.
- Non se usa coma para separar o suxeito do predicado ou o verbo dos complementos:
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Os informes sobre a cuestión, son favorables. | Os informes sobre a cuestión son favorables. |
O estatuto definitivo aprobado na asemblea, será remitido aos servizos xurídicos. | O estatuto definitivo aprobado na asemblea será remitido aos servizos xurídicos. |
A dita relación, indicará as diferentes quendas establecidas. | A dita relación indicará as diferentes quendas establecidas. |
A disposición derradeira primeira do mencionado texto estatutario, establece que... | A disposición derradeira primeira do mencionado texto estatutario establece que... |
Consta no expediente, copia da cédula de citación... | Consta no expediente copia da cédula de citación... |
- Coma ante un complemento nominal especificativo:
- Podemos atopar unha coma incorrecta que separa do seu núcleo un complemento nominal de data. A causa é a analoxía ou semellanza coa denominación, por exemplo, dunha lei: A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Non debemos confundir estas citas, en que a data vai con comas por ser un sintagma explicativo, cos complementos que posúen valor especificativo, que deben ir sen coma, tanto se refiren a datas como se non.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
A creación de colexios profesionais, de acordo co que establece o artigo 6, da Lei 8/1997, do 8 de xullo... | A creación de colexios profesionais, de acordo co que establece o artigo 6 da Lei 8/1997, do 8 de xullo... |
- A coma é innecesaria ante un complemento circunstancial que incide directamente sobre o verbo:
- Os complementos circunstancia¬is adoitan unirse ao verbo sen coma. Isto contribúe en numerosos casos a expresar diferenzas de sentido: non é o mesmo Estuda en Madrid (complemento circuns¬tancial sen coma) ca En Madrid, estuda (tópico). Como regra práctica, os circunstanciais pospostos non levan coma.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Deberán superar un período formativo ou de prácticas, antes de obter nomeamento como persoal estatutario fixo. | Deberán superar un período formativo ou de prácticas antes de obter nomeamento como persoal estatutario fixo. |
Tal obxectivo foi cumprido, por medio do establecemento das normas básicas... | Tal obxectivo foi cumprido por medio do establecemento das normas básicas... |
- Determinados adverbios e expresións poden ir entre comas en determinados contextos, pero nunca levan comas cando focalizan ou salientan algún concepto: só, soamente, unicamente, exclusivamente, tamén, aínda, tampouco, mesmo, ata, nin sequera, exactamente, xustamente, xusto, precisamente, particularmente, precisamente, especialmente, especificamente, principalmente, en particular, sobre todo, mesmamente...:
- Nos seguintes exemplos observamos elementos focalizadores situados incorrectamente entre comas: precisamente, polo menos e tamén.
Incorrecto | Correcto |
---|---|
Precisamente, para regular esta situación de feito se ditou a Orde do Ministerio de Educación e Ciencia. | Precisamente para regular esta situación de feito se ditou a Orde do Ministerio de Educación e Ciencia. |
…encontrarse en servizo activo e ter prestado servizos como persoal estatutario fixo, polo menos, dous anos na categoría de procedencia. | …encontrarse en servizo activo e ter prestado servizos como persoal estatutario fixo polo menos dous anos na categoría de procedencia. |
Correspóndelle tamén, a dirección da xestión recadatoria nos seus dous períodos. | Correspóndelle tamén a dirección da xestión recadatoria nos seus dous períodos. |
- Vexamos agora exemplos onde non actúan como elemento focalizador, senón como introdutores dun inciso, caso en que si se acompañarían de comas:
Incorrecto | Correcto |
---|---|
A reunión precisamente vai ter lugar hoxe. | A reunión, precisamente, vai ter lugar hoxe. |
O obxectivo primordial é impulsar o emprego e conseguir en particular que os desempregados teñan a oportunidade de conseguir un posto de traballo. | O obxectivo primordial é impulsar o emprego e conseguir, en particular, que os desempregados teñan a oportunidade de conseguir un posto de traballo. |
- Nas sinaturas, que van centradas, non se grafa coma (nin tampouco punto) para separar a persoa do cargo que exerce:
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar
- As citas textuais non se introducen con comas:
- Lembremos que as citas textuais se introducen con dous puntos, como vemos na epígrafe correspondente:
Incorrecto | Correcto |
---|---|
O artigo 1.2 di, «os danos e perdas causados ás persoas...» | O artigo 1.2 di: «os danos e perdas causados ás persoas...» |
- Imos ver a continuación usos da coma diferentes do da puntuación dos textos.
- • Nas cantidades, úsase a coma decimal como elemento separador entre enteiros e decimais.
- Lembremos que non se usa nunca o punto nestes casos. Ademais, empregarase un espazo fixo ou protexido como separador entre millares e millóns. Se non se pode utilizar o espazo fixo, porase un punto [Escrita dos números]:
26 680,75 € e non *26 680.75 €
0,25 puntos por coñecemento da lingua galega
Segundos por salto: 13,24
- Porén, para separar as horas dos minutos nas expresións de horarios debe utiliarse o punto e non a coma [Horas]:
antes das 14.00 horas do día que se sinale e non *14,00 horas
- • Nas cantidades escritas en letra non se emprega coma entre os diferentes números:
un total dun millón trescentos vinte mil trescentos setenta e nove euros con trinta e un céntimos (1 320 379,31 €)
Punto
Como signo de puntuación colocarémolo ao final dunha cláusula (punto e seguido) ou ao final dun parágrafo (punto e á parte). Como regra xeral, debemos indicar que cómpre facer períodos curtos, o que supón aumentar o uso dos puntos en lugar de empregar períodos moi longos en que só atopamos un punto despois de varias liñas. Vexamos exemplos:
Incorrecto | Correcto |
---|---|
10. Certificado de superación do curso: é obrigatoria a asistencia a todas as sesións do curso e finalizado este a entidade organizadora realizará as probas pertinentes que avalíen os coñecementos adquiridos polos alumnos, en caso de superalas expedirá o certificado correspondente co que poderá solicitar á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade o carné de aplicador/manipulador de biocidas, nivel básico. | 10. Certificado de superación do curso. É obrigatoria a asistencia a todas as sesións do curso. Finalizado este, a entidade organizadora realizará as probas pertinentes que avalíen os coñecementos adquiridos polos alumnos. En caso de superalas, expedirá o certificado correspondente, co que se lle poderá solicitar á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade o carné de aplicador/manipulador de biocidas, nivel básico. |
O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica ao alumnado que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. | O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica ao alumnado que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. |
- Os sumarios do Diario Oficial de Galicia levarán sempre punto final, aínda que sexan curtos e non leven ningún verbo.
ANUNCIO de inicio de expediente sometido a avaliación ambiental.
EDICTO (32/2011).
- Os títulos dos artigos e disposicións van aliñados á esquerda e non se escribe punto final.
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
Disposición derradeira única
Disposición adicional primeira. Dereitos e deberes dos asociados
- Non se utiliza punto final nas subdivisións dos textos normativos que van centradas (títulos, capítulos, seccións e subseccións):
TÍTULO I
Disposicións xerais
CAPÍTULO II
Organización e funcionamento
Sección 1ª Dereitos de explotación
- No peche dos documentos a expresión do lugar e data non remata con punto final e ademais irá aliñada á esquerda:
Cerceda, 10 de setembro de 2010
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2010
- Dentro das táboas non se emprega punto final se se trata de expresións sen verbo:
Predio | Titularidades |
4 (porción) | Herdeiros de Manuel García |
5 | Herdeiros de Jesús Cuñarro |
6 (porción) | Herdeiros de Pedro Martínez |
7 | Descoñecido |
- No caso de haber frases con predicado verbal, estas levarán punto final.
Causas da exclusión: |
— Non presenta certificado de inscrición no rexistro de matrícula consular (artigo 4.3 da convocatoria). |
— Non presenta documentación xustificativa de ter superado o 75% dos créditos matriculados durante o curso 2011/12 (artigo 4.4 da convocatoria). |
- No caso de alternaren frases con predicado verbal e sen el, grafarase punto final en todo.
Motivos da exclusión: | |
Solicitude 322. | Non presentou a documentación complementaria. |
Solicitude 304. | Achega a documentación da fase específica incompleta. |
- Enumeracións: ENLACE PARTE ENUMERACIÓNS
- Cando os elementos dunha enumeración constitúen palabras soltas ou enunciados breves que non chegan a ser oracións nin teñen puntuación interna, e van dispostos en columna, non se introduce ningún signo de puntuación ao final:
Deberanse achegar os seguintes documentos:
— solicitude conforme o modelo publicado
— DNI do solicitante
— documento de acreditación de pagamento de taxas
- No resto dos casos ou cando se produza alternancia con exemplos do tipo anterior, empregarase algún signo de puntuación (coma, punto e coma ou punto) en función da independencia dos frases, agás no último, que rematará en punto:
Deberán presentar no Servizo de Persoal os seguintes documentos:
a) DNI ou pasaporte;
b) certificado da Xerencia que acredite o cumprimento das condicións exixidas na letra a) do punto 2.1 desta convocatoria;
c) fotocopia do título exixido para acceder ás probas, que deberá ser compulsado pola entidade correspondente.
Corresponden á Vicepresidencia da Xunta de Galicia as seguintes funcións e competencias:
a) Coordinar a planificación interdepartamental e a súa execución.
b) Asegurar e garantir as necesarias relacións coas administracións locais.
c) Coordinar o programa lexislativo da Xunta de Galicia e a elaboración de normas de carácter xeral e, en particular, a relación entre o poder executivo e o Parlamento de Galicia.
A partir de aquí veremos funcións do punto diferentes á puntuación dos textos.
- Abreviación
- As abreviaturas requiren polo xeral o uso do punto. Véxase a epígrafe sobre abreviaturas.
avda. de Arteixo
p. 12
Admón. pública
v. e pr. (visto e prace)
- No caso de abreviaturas con letra voada non se escribe o punto. O voado xa indica que se trata dunha abreviatura.
Diario Oficial de Galicia nº 92, do 18 de maio
Mª Xosé
1º
- Pola contra, a diferenza das abreviaturas, os símbolos, as siglas e os acrónimos non levan punto. Véxase a epígrafe correspondente.
DOG
BOE
Inem
media tensión subterránea nº 0, a 15/20 kV, cunha lonxitude de 2,141 km
máis IVE máis IPC
- Expresións numéricas, datas e horas
- Nas expresións numéricas prefírese o emprego do espazo fixo fronte ao punto para expresar os millares e os millóns. ENLACE PARTE DE MARÍA
1 354 manifestantes
Porén, existen excepcións:
- Nas cifras dos códigos postais non se escribe punto nin espazo:
15703 Santiago de Compostela
- A paxinación nunca se grafa con punto:
Na páxina 15508, artigo único, onde di: «15 días hábiles a partir da data da publicación da presente orde», debe dicir: «15 días hábiles a partir do seguinte ao 30 de abril de 2012».
Nas páxinas 4461 e 4462, no anexo 11, suprímense varias zonas de concentración.
- Expresión dos anos. Non levan punto de miles e tampouco espazo:
Dentro das actividades programadas para o ano 2012
Prazas incluídas na oferta de emprego público do ano 2009
- Expresión abreviada de datas. A expresión das datas abreviadas leva punto preferentemente para os textos que se publican no DOG, pero tamén se pode empregar o guión curto ou a barra inclinada:
14.3.2011 ENLACE PARTE DE MARÍA
- Expresión de horas. Para separar as horas dos minutos debe utilizarse o punto e non haberá espazo entre este e a cifra que marca os minutos. Tamén se admite o emprego dos dous puntos. ENLACE PARTE DE MARÍA
antes das 14.00 horas do día que se sinale
- Nos enderezos de páxinas web ou de correo electrónico úsase o punto como separador:
www.xunta.es
contratacion@vigo.org
- Subdivisión de textos con carácter normativo
- Cando nos referimos á subdivisión dos artigos dunha norma, úsase o punto como separador.
- Se o número en que se subdivide o artigo vai acompañado de letra, escríbese, así mesmo, punto antes desta e a letra vai seguida de paréntese:
– Número cardinal na subdivisión: no artigo 14.1.a)
– Número ordinal na subdivisión: artigo 14.1º. a)
- Na subdivisión dos textos normativos o número das seccións exprésase en ordinal, non con letra:
Sección 2ª
- Se usamos un número ordinal, cando este vaia seguido dun título porase punto a continuación, do mesmo xeito ca no emprego dos números cardinais:
1º. Réxime de incompatibilidades / 1. Réxime de incompatibilidades
- Subdivisión dos textos con números
- Na subdivisión dun texto usando numeración, tanto no caso da arábiga como no da romana, o número vai seguido de punto e espazo antes do texto:
1. O período de vixencia desta orde (…)
I. A nota media será a media aritmética das cualificacións (…)
Punto e coma
Serve para marcar o límite entre unidades sintácticas, pero este signo delimita no interior da oración bloques máis amplos ca os separados por comas. Acouta xeralmente unidades sintácticas independentes, xustapostas, que manteñen entre si unha relación forte desde o punto de vista informativo. Porén, este signo non especifica o tipo de relación semántica que se produce entre os segmentos que une, a diferenza da coma e dos dous puntos, que establecen un tipo de relación máis clara. A coma crea unha relación de subordinación entre o elemento que introduce ou pecha e outro elemento que está nun nivel sintáctico máis alto. Os dous puntos, pola súa banda, establecen unha relación de subordinación informativa do segmento que introducen, que se interpretará como unha explicación ou aclaración, unha consecuencia, unha causa ou un resumo do segmento anterior (isto é, da información previa aos dous puntos). O punto e coma é similar ao punto e seguido.
- Delimitación de unidades sintácticas xustapostas
- Empregamos o punto e coma para delimitar unidades sintácticas independentes e xustapostas, especialmente cando estas son complexas e teñen comas no seu interior:
O PNB de Bélxica foi de 87 654 millóns de euros; o de Dinamarca, de 96 528; o de Alemaña, de 340 755, e o de Grecia...
Prohíbese ter na estacada un número superior de fisgas ao de pescadores con permiso presentes nela, así como pedras ou calquera outro instrumento que sirva para bater as augas ou escorrentar os peixes de xeito que se facilite a súa captura; serán todos eles responsables do incumprimento destas condicións.
- Marcar pausas cando a coma non é suficiente
- Cando se considere que cunha coma se marcaría unha pausa moi feble, acudiremos ao punto e coma. No caso de que a pausa aínda necesite ser máis forte deberiamos usar o punto:
Non lles gusta o acordo; teremos que renegocialo.
En cumprimento do disposto na norma reguladora, resolveuse a concesión das subvencións para o fomento e a consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais; por conseguinte, deberán comprobar que os datos bancarios son correctos para que a Administración proceda a ingresarlles as contías que lles corresponden.
- Separación de elementos en enumeracións con puntuación interna nos seus elementos
- Se nos encontramos cunha enumeración con elementos non demasiado complexos pero que posúen puntuación interna, o contido quedará máis claro se empregamos o punto e coma para separalos. Porén, o último elemento adoita separarse con coma e coa conxunción e.
Lindeiros: norte, casa número 10 da rúa do Vilar; sur, casa de José María del Río; leste, coa rúa do Vilar, e oeste, co mencionado predio.
- Cando os elementos dunha enumeración están constituídos por oracións complexas que, pola súa vez, presentan puntuación interna, é necesario utilizar un signo de puntuación máis forte que a coma para delimitar adecuadamente onde acaba un elemento da enumeración e onde empeza o seguinte. Se usásemos comas nestes casos, complicariamos enormemente a lectura e, en consecuencia, a comprensión, xa que o texto se presenta como un bloque uniforme e confuso. Vexamos un exemplo de aplicación de punto e coma nunha enumeración complexa:
Á realización destas probas selectivas seralles de aplicación a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público; o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, modificado pola Lei 2/2009, do 23 de xuño; o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado; o Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna; os estatutos da Universidade da Coruña e o disposto na presente convocatoria.
- Fixémonos en que neste exemplo, ao encontrarnos a conxunción e que remata o período, xa non empregamos ningún signo de puntuación. Isto débese a que o último elemento non é complexo.
- No caso de precisarmos que unha enumeración gañe en lexibilidade, temos a opción de presentala en forma de lista cun elemento en cada parágrafo:
Medidas relativas a determinados produtos:
a) que importaron allos de países distintos dos novos Estados membros ou da Comunidade na súa composición en 30 de abril de 2004 durante dúas das tres campañas de importación anteriores como mínimo;
b) que importaron, polo menos, 50 toneladas de froitas e hortalizas mencionadas no artigo 1, número 2, do Regulamento (CE) nº 2200/1996 durante o ano civil anterior.
- Debemos advertir que non se debe abusar do punto e coma como recurso para seguir engadindo información dentro dun mesmo parágrafo do cal resulten moitas oracións complexas xustapostas que alongan innecesariamente o parágrafo e dificultan enormemente a lectura e a comprensión. Neste caso usaranse os puntos.
En elaboración