Xénero

De Manual de Estilo DOG

Revisión feita o 29 de abril de 2013 ás 11:15 por Servizotraducion (Conversa | contribucións)

Páxinas principais

Índice

O xénero dalgunhas palabras

En galego, algunhas palabras presentan confusión con respecto ao xénero, debido, na maior parte dos casos, ás interferencias co castelán.

Para unha consulta dos casos en que hai discrepancias, incluímos unha listaxe ao final deste capítulo.

Recordamos algunhas regras básicas e reparamos nos casos que poden dar lugar a confusión:

  • Como regra xeral, os substantivos rematados en -o son masculinos (o cadro, o diñeiro, o lixo, o tellado, o testemuño...) e os substantivos rematados en –a son femininos (a cabeza, a casa, a encarga, a estrada, a estrea, a tea, a testemuña...).

Agora ben, hai excepcións á regra anterior. Así, hai palabras rematadas en –o que son de xénero feminino: a dínamo, a foto, a libido, a tribo...; e palabras rematadas en –a que son de xénero masculino: o albará, o diadema, o tramua...

  • Moitos substantivos e adxectivos rematados en –e referidos a seres sexuados serven para referirse tanto a masculino como a feminino: ausente, axente, cantante, importante, intérprete, representante...

Máis adiante, cando falemos da flexión de xénero, veremos que algúns substantivos e adxectivos deste grupo terminan en –a no feminino: presidenta, xefa...

  • Os substantivos rematados en –e referidos a seres ou conceptos non sexuados poden ser de xénero masculino ou feminino: o acne, o berce, o dote, a agravante, a árbore, a fraude...
  • O mesmo sucede con substantivos non sexuados terminados en consoante: o labor, o mel, o sal, a calor, a cor...
  • Hai substantivos que teñen dobre xénero, masculino e feminino. Nalgúns casos, a variación de xénero dá lugar a acepcións distintas:
o cal (=óxido de calcio) / a cal (= rego, canle)
o terminal (dun ordenador, por ex.) / a terminal (dun aeroporto, por ex.)

Noutros, a variación de xénero non comporta diferenzas de acepcións: o fin / a fin. Con todo, esta palabra adoita utilizarse en masculino cando equivale a finalidade (O fin da reunión é chegar a un acordo) e en feminino cando equivale a remate ou termo (A fin de semana vai ser chuviosa).

  • Hai palabras dun só xénero que poden ter correspondencia en castelán con palabras de dobre xénero, ás veces con distintas acepcións. Así
Galego Castelán
a(s) arte(s) el arte / la(s) arte(s)
a calor el calor / la calor
a fronte el frente / la frente
a marxe el margen / la margen
a orde la / el orden
a reuma el reuma / la reuma
o linde el linde / la linde
o mar el mar / la mar
  • As palabras que finalizan en –axe, -ixe ou –uxe teñen, por regra xeral, xénero feminino: a aliaxe, a blindaxe, a drenaxe, a listaxe, a porcentaxe, a reciclaxe, a vertixe, a ferruxe...
Excepcións: o garaxe, o traxe, o paxe.
A palabra personaxe ten dobre xénero, de xeito que diremos que Manuel é un personaxe importante, mentres que Manuela é unha personaxe importante.
  • As palabras rematadas en -me son normalmente masculinas: o billame (cast. grifería), o costume, o cume, o friame, o legume, o ligame, o lume, o pesadume, o raizame...
Hai dúas excepcións importantes: a servidume e a síndrome (por iso, dicimos e escribimos a sida, redución de a síndrome de inmunodeficiencia adquirida).
  • As voces cultas con orixe nos nomes gregos en –sis adoptan a terminación en –se e son todas de xénero feminino: a análise, a antítese, a crise, a a diagnose, a dose, a énfase, a esclerose, a paréntese, a tese...
  • As voces cultas con orixe nos nomes gregos en –itis e –tis adoptan a terminación en -ite e –te, e son todas de xénero feminino: a amigdalite, a apendicite, a artrite, a bronquite, a cute, a glote, a hepatite...
NOTA: Non pertence a este grupo a palabra gratis.
  • As voces cultas con orixe nos nomes gregos en –is adoptan a terminación en –e e son todas de xénero feminino: a acrópole, a epiderme, a metrópole, a necrópole...
  • Son masculinos os nomes das letras: o a, o e, o efe, o gue, o eme...
  • Cos substantivos femininos que comezan por a- tónico, os determinantes que debemos empregar son tamén femininos, a diferenza do castelán: a acta, a arte, a auga, a aula, a ave...
↑ Voltar ↑

Palabras con distinto xénero en castelán e en galego

Castelán masculino Galego feminino
el análisis a análise
el apocalipsis a apocalipse
el arbitraje a arbitraxe
el árbol a árbore
el arte a arte
el canal a canle, a cal
el encargo a encarga (tamén vale o encargo)
el énfasis a énfase
el estreno a estrea
el fin a fin ou o fin
el fraude a fraude
el frente (distinto de la frente) a fronte (sempre feminino, independentemente do xénero que teña en castelán)
el margen (tamén é correcto la margen) a marxe
el orden a orde
el origen a orixe
el paisaje a paisaxe
el paréntesis a paréntese
el peaje a peaxe
el pubis a pube
el puente a ponte
el recargo a recarga
el reciclaje a reciclaxe
el reuma (tamén é correcto la reuma) a reuma
el riego a rega
el sida a sida
el síndrome a síndrome
el sudor a suor
el testigo a testemuña
el vértigo a vertixe


Castelán feminino Galego masculino
la cal o cal
la cumbre o cume
la diadema o diadema
la enzima (tamén é correcto el enzima) o enzima
la labor o labor
la leche o leite
la legumbre o legume
la mar (tamén é correcto el mar) o mar
la masacre o masacre
la miel o mel
la pesadumbre a pesadume
la sal o sal
la sangre o sangue
la señal o sinal
↑ Voltar ↑
Ferramentas persoais
Xunta de Galicia