Escrita dos números
De Manual de Estilo DOG
Revisión feita o 3 de maio de 2013 ás 11:45 por Servizotraducion (Conversa | contribucións)
Páxinas principais |
Índice |
Números cardinais
- Os números cardinais pódense escribir con algarismos (cifras) ou en letra (por exemplo, 60 ou sesenta). A clareza e a concisión aconsellan escribilos da primeira forma, por iso a regra xeral para o tipo de textos que manexamos é que se deben escribir, en xeral, con algarismos.
- Pódense escribir con letra nos seguintes casos:
- • Números de menos de tres palabras no medio dun texto non técnico e cos cales non se vaian facer operacións.
- Ao cabo de cinco anos houbo que facer reformas
- • Números de máis de tres palabras, xunto cos algarismos e entre parénteses, en cantidades monetarias.
- 1 345 EUR (mil trescentos corenta e cinco euros)
- • A palabra millóns pódese escribir en letra cando se trata de cantidades aproximadas. Se son cantidades exactas escríbense en algarismos e suprímese a preposición de antes do nome da unidade:
50 millóns de habitantes 8 590 642 euros
- • As medidas de calquera clase de magnitude ou cantidades de calquera cousa (tempo, distancia, extensión etc.) cando van seguidas do nome da unidade, pódense escribir en letra, pero non cando van seguidas do símbolo ou da abreviatura desa mesma unidade; así, é incorrecta a secuencia sesenta km.
Seguidas do nome da unidade | Seguidas do símbolo |
---|---|
sesenta quilómetros, 60 quilómetros | 60 km |
tres quilos, 3 quilos | 3 kg |
sete por cento, 7 por cento | 7 % |
cinco horas, 5 horas | 5 h |
- • O día do mes e o ano nas datas dalgúns documentos, como os decretos.
- tres de maio de dous mil doce
- • Cando forman parte de topónimos e nomes de rúas.
- Sete Camiños; Dúas Igrexas; rúa Vinte e Cinco de Xullo;
- barrio do Vinte e Un
Números ordinais e partitivos
- Os números ordinais e partitivos escríbense sempre en letras, non sendo que se trate de números de identificación dun texto:
- […]diminución proporcional do salario entre un oitavo e a metade da duración da xornada
- Falecemento dun familiar de terceiro grao
- Sección 1ª
Puntuación e espazos na escrita dos números
- O sistema internacional de unidades (SI) recomenda que os números superiores á unidade se escriban en grupos de tres, cada serie separada por un espazo. As casas decimais sepáranse con coma sen espazo; tampouco se separan con espazos as cifras dos decimais.
- Para introducir o espazo cun procesador de texto débese utilizar a combinación de teclas correspondente ao espazo fixo ou protexido, que ten como finalidade que o número non poida quedar separado en distintas liñas (no procesador Word de Microsoft o espazo fixo é Alt + 0160 ou control+maiúscula+barra espazadora). Se non se pode utilizar o espazo fixo, porase no seu lugar un punto.
- 123 344,5343 ou 123.344,5343
- Escríbense sen espazos os números de elementos pospostos aos substantivos a que se refiren usados para identificar un elemento dentro dunha serie, e os anos.
- DNI 12345678Z, cuarto 317, páxina 27585, artigo 212, ano 2010
- As medidas de temperaturas, distancias, porcentaxes etc. seguidas dun símbolo ou calquera cantidade seguida dunha abreviatura van separadas por un espazo fixo do símbolo da unidade de medida que se utilice. Os graos dun ángulo e de alcohol non van separados por espazo, pero si os graos centígrados ( V. símbolos):
3 % 250 g ángulo de 90° 25 °C 2 vols.
- Nas coordenadas xeográficas tampouco se separan as cifras dos símbolos de grao, minuto e segundo:
42° 4ʹ 49.61″ N 8° 45ʹ 41.94″ W
Anos e períodos plurianuais
- Os anos cítanse cos catro números:
- ano 2009
- Decreto 80/2000 non Decreto 80/00
- Cando se indica un período abranguido por dous ou máis anos, as catro cifras dos dous anos citados, primeiro e último, sepáranse por un trazo:
- período 1984-2009
- Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015
- Os períodos entre dous anos, é dicir que comprenden parte dun ano e parte do seguinte, cítanse coas catro cifras do primeiro ano e, neste caso, só as dúas últimas do segundo, separadas por barra:
- campaña agrícola 1998/99
- curso académico 2008/09
- ano hidrolóxico 2007/08
Datas
- As datas escríbense normalmente da seguinte maneira:
- 22 de xuño de 2012
- A data en letra escríbese ao final dalgúns documentos como os decretos.
- A data abreviada utilízase en notas, referencias, cadros, citacións etc. Consiste en expresar todos os elementos en número, separados por punto, sen utilizar ceros innecesarios e o ano coas catros cifras. A mesma data do exemplo anterior ten este formato abreviado:
- 22.6.2012
- Este é o formato de preferencia para o DOG. Con todo, tamén son admisibles os formatos que utilizan como elemento de separación a barra oblicua (/) ou o guión curto (-):
- 22/6/2012 ou 22-6-2012.
Horas
- As expresións que teñen que ver coas horas utilízanse para dúas finalidades diferentes: a duración e os horarios.
- A duración é o espazo de tempo necesario para algunha cousa ou durante o cal algunha cousa acontece, e exprésase coas magnitudes físicas de hora, minuto e segundo. Pódese escribir en letra cando se utiliza a sintaxe normal da lingua ou en cifras cando se utilizan os símbolos das unidades.
- O exame dura catro horas e media
- O tren tarda dúas horas e cuarto
- Tempo de carreira: 2 h 15 min 25 s
- Os horarios son expresións de puntos exactos ou intervalos na secuencia temporal, e empréganse normalmente para indicar cando ten lugar un acontecemento ou o seu principio e final. Escríbense en letra, como no caso anterior, cando se emprega a sintaxe normal da lingua e en número cando se quere dar a hora con máis precisión. Utilízase preferentemente o formato de 24 horas, sen ceros innecesarios nas horas:
- A reunión finalizou ás oito menos dez
- A reunión comezou ás 19.51 horas
- Cando se escriben con números, sepáranse as unidades con punto (non con coma nin con dous puntos). Neste caso non é correcto utilizar os símbolos das magnitudes de tempo; se se quere abreviar, elídese simplemente o nome da unidade:
Correcto | Incorrecto |
---|---|
O acto comeza ás 16.30 horas | O acto comeza ás 16,30 horas |
O acto comeza ás 16.30 | O acto comeza ás 16.30 h |
- NOTA: Aínda que a maioría dos manuais condenan o formato dos horarios que utiliza dous puntos para separar as unidades, este é o recomendado pola Norma ISO 8601:1988-6, que é a única que ten aplicación internacional para a escrita de horarios e cuxo uso está cada vez máis estendido. Conforme esta norma, as horas son períodos de 24 e sepáranse dos minutos e dos segundos por dous puntos, incluíndo un cero para facer dúas cifras:
- 09:20
- 23:00
- Para as divisións pódense dar fraccións decimais en vez de sexaxesimais:
- 20:25,50 é o mesmo que 20:25:30