Normas xerais de todos os textos
De Manual de Estilo DOG
Páxinas principais |
Índice |
Criterios lingüísticos xerais
Os textos débense redactar nun nivel de linguaxe culto, pero ao mesmo tempo accesible, de xeito claro, preciso e sinxelo. A claridade e sinxeleza exixen respectar a orde normal dos elementos da oración, prescindir de hipérbatos e evitar todo aquilo que, sen achegar precisións de contido, complique ou recargue innecesariamente a redacción: perífrases superfluas (“ser de aplicación” por “aplicarse”), parellas de sinónimos léxicos e sintácticos (“cumprimento dos fins e das funcións establecidos”), epítetos triviais (“axeitada cobertura” ou “axeitada publicidade”). Nesa liña, evitarase o uso de formas de pasiva para aqueles casos en que o galego ten nas oracións activas a súa forma máis adecuada de expresión: “…polo Pleno do Concello acordouse” no canto de “…o Pleno do Concello acordou” ou “as taxas aboáronse polos interesados” en lugar de “os interesados aboaron as taxas”.
Formato electrónico
Os documentos enviaranse en formatos compatibles con Microsoft Word de Office 2010, con extensións .doc ou .docx. As táboas e relacións poderán ter a extensión .xls. No seu defecto, os documentos deberán ser sempre enviados en formatos editables e convertibles para a edición.
Tipo de letra
Na totalidade dos documentos que se envíen ao DOG deberase utilizar o tipo de letra Arial que, agás nas excepcións que se nomeen neste documento de forma explícita, será redonda e de tamaño 11.
Interliñado
Excepto no caso de excepcións concretas e que serán debidamente nomenadas e explicadas neste documento, na totalidade dos documentos que se envíen ao DOG deberase utilizar un espazamento de 1,5 entre liñas.
Xustificación
Na totalidade dos documentos que se envíen ao DOG deberase utilizar xustificación completa, agás nas excepcións que se nomeen neste documento de forma explícita.
Letra Cursiva
É aconsellable referirse aos apartados Sumario ou Título, Artigos, Seccións, Subseccións e Nomes propios para encontrar unha descrición detallada de cada un dos elementos para os cales se debe utilizar a letra cursiva.
Letra negra
É aconsellable referirse aos apartados Cabeceira, Títulos, Capítulos e Anexos para encontrar unha descrición detallada de cada un dos elementos para os cales se debe utilizar a letra cursiva.
Letra versaleta
A letra versaleta é un recurso de formatación que xa non se empregará na nova versión electrónica do DOG. Permitirase só o seu uso en documentos anexos, que así estean formatados, e nas citas de textos antigos do DOG en que aínda estaba vixente o seu uso.