Cuestións de estilo

De Manual de Estilo DOG

Revisión feita o 22 de febreiro de 2011 ás 13:03 por Dogadmin (Conversa | contribucións)

Páxinas principais

Índice

A redacción de documentos administrativos

Os textos que se publican no DOG considéranse como oficiais, polo cal deben caracterizarse pola impersonalidade, o uso do padrón culto do idioma, a clareza, a concisión, a formalidade e a uniformidade. Estas características responden á necesidade e á obriga de transmitir todo tipo de comunicacións oficiais de forma transparente e intelixible para o conxunto da cidadanía, sexa quen for a entidade emisora desa comunicación. Os textos deben ser redactados de forma que permitan sempre unha única interpretación, evitándose así calquera equívoco ou a existencia de máis dunha interpretación.

A seguir móstrase unha serie de consellos que deben terse en conta á hora de redactar textos para seren publicados no DOG:

  • Redactar de forma clara e concisa. Recoméndase que as frases teñan un máximo de trinta palabras, e que se utilice unha oración para cada concepto. Debe seguirse unha orde lóxica, cunha ordenación sintáctica sinxela (suxeito+verbo+complementos) e con oracións curtas ou coordinadas sen unha excesiva subordinación (aínda que sen confundir simplicidade con pobreza de expresión).
  • Evitar as formas non persoais nas oracións cando exista un suxeito claro.
  • A impersonalidade é a fórmula adecuada para evitar a translación de impresións individuais de quen comunica. Os asuntos tratados son na súa maioría de interese público ou que fan público algunha sentenza, resolución etc. en que non cabe calquera ton particular ou persoal.
  • Utilizar o tratamento protocolario só en situacións solemnes ou cando unha persoa exerza como cargo. A forma de tratamento xeral debe ser a de vostede.
  • Empregar unha linguaxe comprensible por calquera cidadán/á: hai que evitar o uso de dialectalismos ou de falas especializadas. A xerga técnica só será utilizada de forma xustificada cando o asunto así o requira. Se for preciso, débense concretar exactamente os termos especializados para evitar a ambigüidade e que non caiban dúbidas acerca do seu significado.
  • O uso da pasiva con suxeito expreso debe evitarse xa que contribúe a escurecer o sentido da oración que presenta un feito ao alterar a orde lóxica dos axentes que interveñen na acción:
(…) o dito plan *foi debatido no Consello Galego de Medio Ambiente (…) → (…) o Consello Galego de Medio Ambiente debateu o dito plan (…)
  • Evitar o uso de expresións sexistas e a discriminación nos tratamentos e no ton.
  • Procurar reducir os estranxeirismos e as formas arcaizantes.
  • Utilizar preferentemente as formas afirmativas; favorecen a comprensión e transmiten unha mensaxe positiva.

Toponimia

No DOG utilizaranse os nomes de provincias, concellos, parroquias e lugares de Galicia nas formas presentes no nomenclátor elaborado pola Comisión de Toponimia e aprobado pola Xunta de Galicia[1]. Para os topónimos non galegos seguiranse as indicacións dadas en Tradución de topónimos, nomes propios e siglas.

Tradución de topónimos, entidades e siglas

  • Os topónimos galegos manteñen sempre a forma presente no nomenclátor elaborado pola Comisión de Toponimia e aprobado pola Xunta de Galicia[2]:
Muxía (galego) → Muxía (castelán)
  • Os topónimos estatais non galegos tradúcense para o galego cando así estea consolidado no uso e mantense a forma oficial no resto dos casos:
Badajoz (castelán) → Badaxoz (galego)
Madrigalejo del Monte (castelán|galego)
  • Os topónimos cataláns e vascos manteñen a súa forma oficial:
Girona (castelán|catalán|galego)
Bilbao (éuscaro|castelán|galego)
Cando se tratar dun topónimo con forma bilingüe indicaranse as dúas formas separadas por barra lateral (neste caso respectarase a orde en que se inscribiran oficialmente) ou escollerase aquela cuxo uso estea consolidado no uso (no caso do galego, tamén se coinciden as formas):
Alacant (catalán|galego) → Alicante (castelán) ou Alicante/Alacant (catalán|castelán)
Elx (catalán|galego) → Elche (castelán) ou Elche/Elx(catalán|castelán)
Donostia (éuscaro|castelán|galego) ou Donostia/San Sebastián (castelán|galego)
Para os casos dubidosos consultarase o Rexistro de Entidades Locais do Ministerio de Política Territorial e Administración Pública[3].
  • Os topónimos internacionais tradúcense cando así estea consolidado no uso e mantense a forma orixinal no resto dos casos:
Xeorxia (galego) → Georgia (castelán)
  • Nos nomes das institucións inferiores ao ámbito autonómico galego mantense sempre a forma galega do topónimo e tradúcese a da institución:
Concello do Carballiño (galego) → Ayuntamiento de O Carballiño (castelán)
Concello da Coruña (galego) → Ayuntamiento de A Coruña (castelán)
Xunta de Goberno local (galego) → Junta de Gobierno local (castelán)
Nos nomes das institucións non galegas inferiores ao ámbito autonómico a institución tradúcese e o topónimo tradúcese para o galego cando así estea consolidado no uso e mantense a forma oficial no resto dos casos:
Ayuntamiento de Cáceres (castelán) → Concello de Cáceres (galego)
  • Nos nomes das institucións de ámbito autonómico galego mantense en galego a categoría da entidade e tradúcese a área de actuación nos seguintes casos:
  • Na denominación do goberno autonómico galego, que se debe manter inalterado:
Xunta de Galicia (galego) → Xunta de Galicia (castelán)
  • Na denominación das consellerías, onde se mantén Consellería en galego:
Consellería de Facenda (galego) → Consellería de Hacienda (castelán)
Nos demais casos tradúcese o nome completo:
Servizo Galego de Saúde (galego) → Servicio Gallego de Salud (castelán)
Secretaría Xeral da Emigración (galego) → Secretaría General de la Emigración (castelán)
Dirección Xeral de Mobilidade (galego) → Dirección General de Movilidad (castelán)
  • Os nomes das institucións non galegas de ámbito autonómico tradúcense cando así estea consolidado no uso e mantense a forma oficial no resto dos casos:
Junta de Andalucía (castelán|galego)
Generalitat Valenciana (castelán|galego)
Generalitat de Cataluña (castelán|galego)
  • Nos nomes de rúas, prazas, barrios e outros espazos urbanos tradúcense o tipo de vía ou espazo e, se for o caso, as preposicións ou artigos que introducen o nome propio (excepto se foren parte do mesmo):
(…) praza de Europa (…) (galego) → (…) plaza de Europa (…) (castelán)
(…) travesía da Moa (…) (galego) → (…) travesía de A Moa (…) (castelán)
O nome propio do espazo pode traducirse se está composto por palabras comúns, se non está regulado de forma específica pola autoridade competente (xeralmente os concellos) e se non existe unha tradición de uso asentada nun dos dous idiomas:
(…) praza do Obradoiro (…) (galego) → (…) plaza del Obradoiro (…) (castelán)
(…) rúa Areal (…) (galego) → (…) calle Areal (…) (castelán)
(…) praza do Exército Español (…) (galego) → (…) plaza del Ejército Español (…) (castelán)

Tratamentos protocolarios

A tendencia no DOG é a de non marcar cun tratamento especial os cargos a que se fai referencia no corpo do texto, xa que, polo xeral, non o acompaña o nome propio:

Con data do 3 de xaneiro de 2011 a conselleira de Facenda estimou os recursos presentados (…)
En febreiro de 2007 o presidente da Xunta de Galicia, o secretario xeral (…)

Nas sinaturas é preciso que apareza o nome propio da persoa que exerce o cargo, aínda que tampouco se acompaña de ningunha forma de tratamento:

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2010.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio
e Infraestruturas

A fórmula Excelentísimo/a e magnífico/a señor/a utilízase para reitores/as de universidades:

As solicitudes dirixiranse ao Excelentísimo e Magnífico Señor Reitor da Universidade da Coruña (…)

As fórmulas Excelentísimo/a señor/a (Excmo. Sr./a.) e Ilustrísimo señor (Ilmo. Sr.) aínda que foron de uso habitual cos poderes lexislativo e xudicial, na actualidade tenden a seren substituídas por señor/a (sr./a.). Esta última fórmula é de a adecuada para referirse aos/ás letrados/as, xuíces/as e procuradores/as:

(…) por instancia do procurador señor Pedreira (…)
(…) asistido pola letrada señora Romay (…)

Así mesmo, é a fórmula introdutoria dos apelidos das persoas cando se citan en sentenzas ou semellantes:

(…) recoñecida ao señor Prado mediante resolución (…)

A forma de tratamento don/a resérvase para introducir o nome completo en nomeamentos ou semellantes:

Nomear a dona María Dolores (…)

Contactos

Enderezos
  • Nos enderezos utilízase a vírgula para separar o nome da vía do resto da información (número de portal, de andar, código postal etc.):
(…) Avda. Fernández Ladreda, nº 43, 4º andar, 36003 Pontevedra (…)
Con todo, non se utiliza a vírgula para separa o código postal do nome da localidade:
(…) 15706 Santiago de Compostela (…)
  • O número de andar pódese especificar das seguintes formas:
  • Entre vírgulas, cando se especifica o tipo de nivel:
(…) , nº 43, 4º andar, (…)
  • Separado por guión do número de portal:
(…) , 43-5º, (…)
Se o número de andar vai acompañado dunha letra non se especifica o tipo de nivel e preferirase o guión como elemento separador:
(…) , 2-5º E, (…)
  • Preferirase utilizar a forma abreviada do tipo de vía por cuestións de espazo, en listas ou após dous puntos:
Enderezo: r/ Beiramar, 2-5º E, edif. Beiramar, Perillo-Oleiros.
Enderezos e correos electrónicos

Os enderezos electrónicos (ou URL[4]) poden conter un ou máis puntos, dous puntos e barras laterais e os correos electrónicos[5] un ou máis puntos e unha arroba; conforman unha unidade que é preferible non partir no fin da liña, tampouco deben conter espazos en branco. Exemplos:

http://www.xunta.es
xunta@xunta.es

Nos URL é preferible especificar o tipo de protocolo (http, https, ftp, sftp etc.):

(…) páxina web desta consellería (https://www.edu.xunta.es/substitutoslistas/) (…)
Teléfono e fax

Normalmente os números de fax e de teléfonos, fixos ou móbiles, se compoñen de nove cifras; para facilitar a súa lectura e comprensión recoméndase que se agrupen as tres primeiras cifras e se separen das restantes seis con espazo, e que, á súa vez, estas seis se agrupen de dúas en dúas separadas por outro espazo:

981 99 99 99
606 99 99 99

Caso for preciso indicar a existencia de máis de unha liña, deben separarse con unha barra lateral / e sen espazo entre ambos os números:

981 99 99 99/881 99 99 99

As extensións móstranse entre parénteses após o número de teléfono:

Teléfono: 981 99 99 99 (extensións 9999, 9999).

Os prefixos internacionais indícanse antes do número de teléfono antecedidos do signo + e separados do número de teléfono por un espazo:

+34 981 99 99 99

Linguaxe non sexista

Tendo sempre presente o principio de non discriminación por razón de sexo e para evitar prácticas ou expresións que poidan seren entendidas como sexistas, os textos publicados no DOG deberán evitar o uso do masculino gramatical como forma xenérica se fixeren referencia tanto ao xénero masculino como ao feminino:

  • Para os substantivos que designan seres animados recoméndase sempre debe dar preferencia ás formas non marcadas:
o funcionariado
as persoas
  • Tamén se pode facer explícita a alusión a ambos os sexos, neste caso debe facerse tanto no determinante como no substantivo:
(…) dos/as definitivamente seleccionados/as (…)
  • Nos formularios pódese utilizar a barra (/) para marcar a dobre posibilidade:
Don/Dona
Sr./Sra.
  • En ningún caso se debe utilizarse a arroba (@) como marca para evitar a forma masculina como a xenérica:
  • seleccionad@ → seleccionado/a

Moedas

Nas cantidades económicas deben utilizarse as formas euro e céntimo, vaian ou non antecedidas por un número, en minúscula. A palabra céntimo só será preciso especificala na expresión estendida da cantidade e se for caso:

(…) mil douscentos sesenta e oito euros con cincuenta e nove céntimos de euro (1.268,59 euros) (…)

O símbolo fica reservado para acompañar cantidades expresadas en algarismos árabes e por cuestións de espazo ou nas listas e enumeracións:

Contías concedidas
29.000,00 €
15.750,00 €
(…)

Referencias

  1. O nomenclátor está dispoñible en liña: http://cpapx.xunta.es/toponimia-oficial?content=/Portal-Cpapx/Contidos/Estandar/Secretaria_xeral/Servizos/busca_directa_toponimia.html
  2. Lei 3/1983, do 15 de xuño, do Parlamento de Galicia, de normalización lingüística, artigo 10.1: «Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.»
  3. Versión dixital: http://ssweb.mpt.es/REL/
  4. URL é o acrónimo de Uniform Resource Locator, localizador uniforme de recursos; utilízase para localizar recursos na internet.
  5. Tanto en galego como en castelán é frecuente utilizar os anglicismos email e e-mail; o seu uso non se recomenda excepto cando for preciso por razóns de espazo. A forma recomendada para ambos os idiomas é correo electrónico.
Ferramentas persoais