A abreviación

De Manual de Estilo DOG

Revisión feita o 23 de marzo de 2012 ás 13:20 por Servizotraducion (Conversa | contribucións)

Páxinas principais

Índice

Introdución

A abreviación, un dos procedementos máis usados na linguaxe administrativa, consiste no acurtamento dunha ou de varias palabas que queremos reducir en extensión para simplicar a escrita e evitar reiteracións.

O afán de simplificar un documento non debe entorpecer a súa comprensión. Así, a primeira vez que aparece nun texto normativo (leis, decretos, ordes) unha abreviación pouco usual debe facelo de forma desenvolvida. Esta norma non será tan estrita en textos que se publican nas seccións V e VI do DOG (edictos e anuncios).

ORDE do 27 de decembro de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.
ORDE do 24 de febreiro de 2012 pola que se establecen os prezos privados pola realización de determinacións analíticas no laboratorio de hixiene analítica do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga).
ORDE do 23 de xaneiro de 2012 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) para o ano 2012.
O depósito de 300 euros na c/c desta Sala n.º [...] (n.º de recurso) [...].
ANUNCIO do 9 de febreiro de 2012, da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela, pola que se fai pública a formalización da subministración sucesiva de radiofármacos para o Servizo de Medicina Nuclear do CHUS.

Fronte ao criterio anterior, referido a expresións pouco usuais, outras, de circulación habitual, poden aparecer só baixo a forma abreviada:

A reducida presenza do sector industrial galego no mercado exterior tamén é unha quebra persistente na nosa economía, onde a exportación de bens no ano 2010 representou o 13% do PIB, fronte ao 14,3 % dos países da zona euro.


Hai catro subtipos de abreviación: abreviaturas, siglas, acrónimos e símbolos.

Abreviaturas

  • A abreviatura é unha redución gráfica dunha palabra ou dun grupo de palabras: unha ou máis palabras represéntanse con menos letras das que a constitúen, pero lense de forma plena:
Admón. → Administración
art. → artigo
núm. → número
esq. → esquerda
  • Para non prexudicar a comprensión e a lexibilidade do texto, procuraremos non abusar das abreviaturas e limitaremos o seu uso a anexos, notas entre parénteses, enderezos, etc.

Empregaranse as abreviaturas máis correntes. Existen palabras que se poden abreviar de varias maneiras pero dáselles preferencia ás formas que son acurtamento de palabra fronte ás de superíndice:

tel. ou teléf. → teléfono
núm. ou n.º → número
  • Para que sexa rendible abreviar unha palabra cómpre eliminar polo menos tres letras. De aí que unha abreviatura como Dna. non sexa rendible, pois, co engadido do punto, temos os mesmos catro caracteres que na forma plena dona.


Gramática das abreviaturas

  • O feminino das abreviaturas fórmase engadindo un -a:
Sr. (señor) → Sra. (señora)
  • Nalgúns casos este a pode ir voado:
D. (don) → D.ª (dona)
  • O plural fórmase engadindo –s ou –es (como na forma plena):
art. (artigo) → arts. (artigos)
Sr. (señor) → Sres. (señores)
  • No caso das abreviaturas formadas por unha soa letra, redóbrase a letra inicial:
p. (páxina) → pp. (páxinas)
s. (seguinte) → ss. (seguintes)
  • Algunhas abreviaturas só existen na súa forma plural:
VV.AA. (varios autores)
  • O plural das abreviaturas con letras voadas fórmase tamén neste tipo de letras:
n.º (número) → n.os

Grafía das abreviaturas

  • As abreviaturas sempre van seguidas de punto:
etc. (etcétera)
p.q. (punto quilométrico)
  • Nas abreviaturas con parte voada o punto vai antes desta:
n.º (número)
D.ª (dona)
  • As abreviaturas escríbense en maiúscula ou en minúscula segundo como se escriba a forma plena:
Administración → Admón.
dereita → dta.

• Excepcións:

  • Os tratamentos escríbense en minúscula na forma plena, pero en maiúscula cando van abreviados:
Sr. → señor
Dna. → dona
  • Por tradición, escríbense con maiúscula outras abreviaturas que na forma plena se escriben con minúscula:
P.A. (por ausencia)
P.O. (por orde)
P.S. (por substitución)
  • As abreviaturas conservan o acento gráfico da palabra plena se aparece nelas a vogal tónica:
compañía → cía.
teléfono → teléf.


  • Hai abreviaturas que van seguidas dunha barra diagonal no canto dun punto abreviativo:
c/ (cada, conta, cargo)
r/ (rúa)
  • Tamén se utiliza a barra nas abreviaturas constituídas por varias palabras:
c/c (conta corrente)
s/n (sen número)
s/s (sen segundo)

Siglas

As siglas son abreviacións de sintagmas, referidos, no ámbito administrativo, a conceptos como nomes de organismos e documentos administrativos. As siglas son formas constantes, é dicir, non permiten adaptacións por parte de cada usuario. Algunhas contan cunha gran tradición de uso e son coñecidas amplamente, ata o punto de que podemos descoñecer o sintagma que está detrás. Noutros casos, a súa formación é máis recente e o seu uso adoita restrinxirse a contextos reducidos.

Regras de formación das siglas

  • Hai siglas que se forman só coas iniciais dos substantivos e adxectivos que constitúen o sintagma (exceptuando os artigos, as preposicións e as conxuncións):
DOG → Diario Oficial de Galicia
BOE → Boletín Oficial del Estado
DOUE → Diario Oficial de la Unión Europea
  • Outras fórmanse coas iniciais de todas as palabras que integran o sintagma (incluídos os artigos, as preposicións e as conxuncións):
peme → pequena e mediana empresa
  • As siglas escríbense sempre sen punto:
EGAP (Escola Galega de Administración Pública)
DOG (Diario Oficial de Galicia)
CC OO (Comisións Obreiras)
  • A orixe dalgunhas siglas está na abreviatura dun sintagma que, ao ser moi usado, pasa a considerarse unha sigla:
TC → Tribunal Constitucional
RD → real decreto

• Nestes casos, para o DOG adoptamos o seguinte criterio:

  • Expresaranse como siglas e, por tanto, sen puntos abreviacións como:
OM→ orde ministerial
LMT→ liña de media tensión
CT→ centro de transformación
OCR→ órgano de corte en rede
  • Exprésanse como abreviaturas e, por tanto, con puntos as abreviacións que se refiren a tipos de empresas:
S.L.→ sociedade limitada
S.A.→ sociedade anónima
S.A.L.→ sociedade anónima limitada
S.L.L.→ sociedade limitada laboral
S.L.N.E.→ sociedade limitada nova empresa
S.Coop.→ sociedade cooperativa
C.B.→ comunidade de bens

As siglas escríbense normalmente todas con letras maiúsculas:

USC (Universidade de Santiago de Compostela)
UDC (Universidade da Coruña)
Ferramentas persoais
Xunta de Galicia