Casos específicos do galego e erros frecuentes
De Manual de Estilo DOG
Revisión feita o 26 de marzo de 2012 ás 08:30 por Servizotraducion (Conversa | contribucións)
Páxinas principais |
Índice |
O uso do infinitivo conxugado e do futuro de subxuntivo
- O uso do infinitivo conxugado recoméndase:
- Se o infinitivo ten un suxeito expreso no texto:
- (…) de non estaren inscritos os bens ou dereitos no rexistro (…)
- Se o infinitivo non ten suxeito expreso, mais vai referido a un axente determinado non indicado no contexto:
- h) Documentación acreditativa de se encontraren ao día das (…)
- Se o infinitivo vai introducido por unha preposición ou locución prepositiva, ten suxeito propio aínda que coincida co do verbo principal e vai antes del:
- (…) sen prexuízo de os interesados poderen interpor (…)
- De ir despois do verbo principal, o uso é obrigatorio con suxeito diferente ou con elementos interpostos:
- Tamén deberán efectuar a devandita comunicación aquelas persoas físicas ou xurídicas que, sen estaren domiciliadas (…)
- Para alén de nestes casos, o uso do infinitivo conxugado é facultativo e debe utilizarse sempre que for posible gramaticalmente e que non resultar estilisticamente desaconsellable.
- Recoméndase utilizar o futuro de subxuntivo para expresar accións atemporais ou futuras non reais aínda que probables, así como nas oracións subordinadas cando na principal se empregue o presente ou o futuro de indicativo:
- De non presentaren esta certificación, non poderán ser declarados/as exentos/as (…)
- (…) se o expropiado non quixer aceptar o prezo xusto (…)
Usos incorrectos do xerundio
- Con valor de posterioridade:
- Instalar o electrodoméstico no prazo de 90 días desde a data da venda, e retirar o existente, *entregándoo a un xestor de residuos autorizado. → Instalar o electrodoméstico no prazo de 90 días desde a data da venda, e retirar o existente, o cal se entregará a un xestor de residuos autorizado.
- Con valor de complemento do nome:
- entregar o ditame á oficinista *falando por teléfono → entregar o ditame á oficinista mentres fala por teléfono
- Con valor de adxectivo especificativo:
- Esta orde desenvolve o Decreto 156/2007, do 19 de xullo, *regulando o procedemento de cualificación → Esta orde desenvolve o Decreto 156/2007, do 19 de xullo, que regula o procedemento de cualificación
- resultado do cal se elaborará unha listaxe *contendo unha orde de prelación → resultado do cal se elaborará unha listaxe que conteña unha orde de prelación
Usos incorrectos relacionados co infinitivo
- A construción substantivo + a + infinitivo é incorrecta, debe substituírse por outra:
- informes *a redactar → informes para redactar / que se van redactar
- Existen casos en que esta estrutura non é necesaria:
- erros *a corrixir → erros
- O infinitivo debe ir acompañado do verbo polo cal se rexe en casos como:
- (…) ; *facer constar expresamente no campo P-1 do modelo de instancia a localidade (…) → (…) ; deberase facer constar expresamente no campo P-1 do modelo de instancia a localidade (…)
- Salientar que segundo se recolle no plano 8 (…) → (…) Débese salientar que segundo se recolle no plano 8 (…)
- A construción ir + a + infinitivo non é correcta:
- (…) que se vai a ocupar (…) → (…) que se vai ocupar (…)
Colocación do pronome átono
- A posición normal do pronome en galego é despois do verbo. Con todo, existen contextos en que debe ser colocado antes:
- Oracións negativas:
- Non se subvencionarán aquelas propostas (…)
- Oracións subordinadas cos nexos que, cal, quen, canto, onde, como, cando, cuxo, se:
- (…) cuxo número se cita no anexo.
- Nas oracións interrogativas cando van antecedidos por un pronome interrogativo:
- Onde se encontra o rexistro?
- Prodúcese a próclise se os seguintes elementos aparecen situados antes do verbo:
- Os indefinidos algo, nada, alguén, ambos, bastante, calquera, entrambos, mesmo…
- (…) que ata o século XIX pouco ou nada se sabe de (…)
- Aínda, axiña, deseguida, enseguida, só, sempre, algures, ben, cedo, igual, mal, mellor, peor, tarde…
- (…) liña de axudas aínda se atopa en proceso (…)
- Os cursos impartidos sempre se valorarán (…)
- Usos interpolados, moi formais e arcaizantes:
- Xa ela che comentou o resultado. / Xa che ela comentou o resultado.
- Colocación anteverbal cos xerundios (efecto estilístico arcaizante):
- Non o facendo así / (…) de non o facer así (…)
Concordancia
- Se un determinante precede a dous ou máis substantivos coordinados con e ou con ou en singular, concordará en xénero e número co máis próximo:
- (…) cuxos datos persoais e último domicilio coñecido (…)
- (…) cuxo encabezamento e resolución (…)
- Cando o suxeito dunha oración está composto de dúas ou máis formas nominais en singular, o verbo aparecerá en plural se o suxeito que o precede está coordinado por unha copulativa:
- (…) nin o plan nin o catálogo contiñan ningunha previsión (…)
- Exceptúanse aqueles casos en que os elementos coordenados constitúen unha única unidade conceptual:
- A carga e descarga de animais farase en peiraos separados (…)
- Se os elementos van acompañados de determinante o verbo irá en plural:
- A dotación e o calendario de pagamentos das bolsas outorgadas por renuncias estableceranse na resolución (…)
- O invariable quen fai que o verbo vaia en singular cando este ten referentes en plural, excepto no caso dos verbos ser e parecer:
- (…) quen son os xogadores (…)
- (…) quen solicitaba maior información (…)
- Cando un adxectivo acompaña dous ou máis substantivos de xénero diferente, o adxectivo vai en plural e en masculino:
- Os locais e as instalacións abertos ao público (…)
Outros casos
A conxunción que
- Débese coidar a presenza da conxunción que en construcións subordinadas e en locucións adverbiais, en contextos como os seguintes:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Solicita se lle notifiquen os cambios no plan de desenvolvemento. | Solicita que se lle notifiquen os cambios no plan de desenvolvemento. |
Declara:
| Declara:
|
Que se rexistrarán como patrimonio unha vez sexan acordadas... | Que se rexistrarán como patromonio unha vez que sexan acordadas... |
- Cómpre sinalar tamén que a presenza da conxunción non exclúe a necesidade da preposición de con determinados verbos:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Infórmase que o prazo para a entrega da documentación será de dez días. | Infórmase de que o prazo para entrega da documentación será de dez días. |
Advírtese os interesados que o prazo remata o día 25. | Advírtese os interesados de que o prazo remata o día 25. |
Algún(s)/algunha(s) en frases negativas
A diferenza do castelán, en galego estes indefinidos, pospostos ao substantivo en estruturas negativas, non teñen valor negativo. Debemos empregar ningún(s)/ningunha(s).
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Non se prevé posibilidade algunha de modificación de proxecto. | Non se prevé posibilidade ningunha de modificación do proxecto. |
Unha vez transcorrido o prazo, non procederá reclamación algunha. | Unha vez transcorrido o prazo, non procederá reclamación ningunha. |
Que sexan presentados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa e sen percibir contraprestación algunha por parte dos usuarios. | Que sexan presentados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa e sen percibir contraprestación ningunha por parte dos usuarios. |
Complemento directo
- En xeral, o complemento directo constrúese sen a preposición a:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Autorízase á conselleira para ditar cantas normas sexan necesarias. | Autorízase a conselleira para ditar cantas normas sexan necesarias. |
Substituirase ao persoal necesario para poder cumprir os servizos mínimos. | Substituirase o persoal necesario para poder cumprir os servizos mínimos. |