A abreviación

De Manual de Estilo DOG

Páxinas principais

Índice

Introdución

A abreviación, un dos procedementos máis usados na linguaxe administrativa, consiste no acurtamento dunha ou de varias palabas que queremos reducir en extensión para simplificar a escrita e evitar reiteracións.

O afán de simplificar un documento non debe entorpecer a súa comprensión. Así, a primeira vez que aparece nun texto normativo (leis, decretos, ordes) unha abreviación pouco usual debe facelo de forma desenvolvida. Esta norma non será tan estrita en textos que se publican nas seccións V e VI do DOG (edictos e anuncios).

ORDE do 27 de decembro de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.
ORDE do 24 de febreiro de 2012 pola que se establecen os prezos privados pola realización de determinacións analíticas no laboratorio de hixiene analítica do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga).
ORDE do 23 de xaneiro de 2012 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) para o ano 2012.
O depósito de 300 euros na c/c desta sala n.º [...] (n.º de recurso) [...].
ANUNCIO do 9 de febreiro de 2012, da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela, polo que se fai pública a formalización da subministración sucesiva de radiofármacos para o Servizo de Medicina Nuclear do CHUS.

Fronte ao criterio anterior, referido a expresións pouco usuais, outras, de circulación habitual, poden aparecer só baixo a forma abreviada:

A reducida presenza do sector industrial galego no mercado exterior tamén é unha quebra persistente na nosa economía, onde a exportación de bens no ano 2010 representou o 13% do PIB, fronte ao 14,3 % dos países da zona euro.


Hai catro subtipos de abreviación: abreviaturas, siglas, acrónimos e símbolos.

↑ Voltar ↑

Abreviaturas

  • A abreviatura é unha redución gráfica dunha palabra ou dun grupo de palabras: unha ou máis palabras represéntanse con menos letras das que a constitúen, pero lense de forma plena:
Admón. Administración
art. artigo
núm. número
esq. esquerda
  • Para non prexudicar a comprensión e a lexibilidade do texto, procuraremos non abusar das abreviaturas e limitaremos o seu uso a anexos, notas entre parénteses, enderezos, etc.

Empregaranse as abreviaturas máis correntes. Existen palabras que se poden abreviar de varias maneiras pero dáselles preferencia ás formas que son acurtamento de palabra fronte ás de superíndice:

tel. ou teléf. teléfono
núm. ou n.º número
  • Para que sexa rendible abreviar unha palabra cómpre eliminar polo menos tres letras. De aí que unha abreviatura como Dna. non sexa rendible, pois, co engadido do punto, temos os mesmos catro caracteres que na forma plena dona.
↑ Voltar ↑

Gramática das abreviaturas

  • O feminino das abreviaturas fórmase engadindo un -a:
Sr. (señor) Sra. (señora)
  • Nalgúns casos este a pode ir voado:
D. (don) D.ª (dona)
  • O plural fórmase engadindo –s ou –es (como na forma plena):
art. (artigo) arts. (artigos)
Sr. (señor) Sres. (señores)
  • No caso das abreviaturas formadas por unha soa letra, redóbrase a letra inicial:
p. (páxina) pp. (páxinas)
s. (seguinte) ss. (seguintes)
  • Algunhas abreviaturas só existen na súa forma plural:
VV.AA. (varios autores)
  • O plural das abreviaturas con letras voadas fórmase tamén neste tipo de letras:
n.o (número) n.os
↑ Voltar ↑

Grafía das abreviaturas

  • As abreviaturas sempre van seguidas de punto:
etc. (etcétera)
p.q. (punto quilométrico)
  • Nas abreviaturas con parte voada o punto vai antes desta:
n.o (número)
D.a (dona)
  • As abreviaturas escríbense en maiúscula ou en minúscula segundo como se escriba a forma plena:
Administración Admón.
dereita dta.

• Excepcións:

  • Os tratamentos escríbense en minúscula na forma plena, pero en maiúscula cando van abreviados:
Sr. señor
Dna. dona
  • Por tradición, escríbense con maiúscula outras abreviaturas que na forma plena se escriben con minúscula:
P.A. (por ausencia)
P.O. (por orde)
P.S. (por substitución)
  • As abreviaturas conservan o acento gráfico da palabra plena se aparece nelas a vogal tónica:
compañía cía.
teléfono teléf.


  • Hai abreviaturas que van seguidas dunha barra diagonal no canto dun punto abreviativo:
c/ (cada, conta, cargo)
r/ (rúa)
  • Tamén se utiliza a barra nas abreviaturas constituídas por varias palabras:
c/c (conta corrente)
s/n (sen número)
s/s (sen segundo)
↑ Voltar ↑

Siglas

As siglas son abreviacións de sintagmas, referidos, no ámbito administrativo, a conceptos como nomes de organismos e documentos administrativos. As siglas son formas constantes, é dicir, non permiten adaptacións por parte de cada usuario. Algunhas contan cunha gran tradición de uso e son coñecidas amplamente, ata o punto de que podemos descoñecer o sintagma que está detrás. Noutros casos, a súa formación é máis recente e o seu uso adoita restrinxirse a contextos reducidos.

↑ Voltar ↑

Regras de formación das siglas

  • Hai siglas que se forman só coas iniciais dos substantivos e adxectivos que constitúen o sintagma (exceptuando os artigos, as preposicións e as conxuncións):
DOG Diario Oficial de Galicia
BOE Boletín Oficial del Estado
DOUE Diario Oficial de la Unión Europea
  • Outras fórmanse coas iniciais de todas as palabras que integran o sintagma (incluídos os artigos, as preposicións e as conxuncións):
peme pequena e mediana empresa
  • As siglas escríbense sempre sen punto:
EGAP Escola Galega de Administración Pública
DOG Diario Oficial de Galicia
CC OO Comisións Obreiras
  • A orixe dalgunhas siglas está na abreviatura dun sintagma que, ao ser moi usado, pasa a considerarse unha sigla:
TC Tribunal Constitucional
RD real decreto

Nestes casos, para o DOG adoptamos o seguinte criterio:

  • Expresaranse como siglas e, por tanto, sen puntos abreviacións como:
OM orde ministerial
LMT liña de media tensión
CT centro de transformación
OCR órgano de corte en rede
  • Exprésanse como abreviaturas e, por tanto, con puntos as abreviacións que se refiren a tipos de empresas:
S.L. sociedade limitada
S.A. sociedade anónima
S.A.L. sociedade anónima limitada
S.L.L. sociedade limitada laboral
S.L.N.E. sociedade limitada nova empresa
S.Coop. sociedade cooperativa
C.B. comunidade de bens
  • As siglas escríbense normalmente todas con letras maiúsculas:
USC Universidade de Santiago de Compostela
UDC Universidade da Coruña

• Excepcións:

  • Escríbense en minúscula, salvo na primeira letra, as siglas de seis letras ou máis e que son pronunciables:
Cixtec Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable
  • Igualmente, as siglas lexicalizadas que constitúen nomes propios:
Seat Sociedade Española de Automóbiles de Turismo
Fiat Fábrica Italiana de Automóbiles de Turín
  • Escríbense con minúscula, tamén na primeira letra, as siglas que se transformaron en nomes comúns e xa pasaron a formar parte do léxico da lingua:
peme pequena e mediana empresa)
sida síndrome de inmunodeficiencia adquirida
láser light amplification by stimulated emission of radiation
tac tomografía axial computerizada

Algunhas siglas teñen algunha letra minúscula entre as maiúsculas:

PSdG Partido Socialista de Galicia
↑ Voltar ↑

Gramática das siglas

  • As siglas, aínda que poidan pluralizarse na expresión oral, non deben levar nunca marca gráfica de plural. Por tanto, escribiremos:
Varias ONG e non *Varias ONGs nin *Varias ONG’s
As ANPA de Galicia e non *As ANPAS de Galicia
  • O plural, como vemos nos exemplos, indícase cos determinantes que as preceden.
  • As siglas que xa están lexicalizadas si admiten formas de plural:
As pemes
Varios tacs
  • As siglas teñen o xénero do substantivo principal da sigla:
A Escola Galega de Administración Pública A EGAP
O Instituto Galego de Promoción Económica O Igape
A síndrome de inmunodeficiencia adquirida A sida
O imposto sobre o valor engadido O IVE
↑ Voltar ↑

Acrónimos

  • Os acrónimos representan a redución de sintagmas e fórmanse con máis letras que as iniciais das palabras que forman o sintagma:
Inem Instituto Nacional de Emprego
Seaga Servizos Agrarios Galegos, S.A.
  • As regras de formación das siglas son válidas para a formación de acrónimos, coa excepción de que os acrónimos non se escriben con todas as letras en maiúsculas.
  • Escríbense con inicial maiúscula se son nomes propios:
Feder Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
Platerga Plan Territorial de Emerxencias de Galicia
  • Escríbense en minúscula se son nomes comúns xa lexicalizados:
radar radio detection and ranging
módem modulator demodulator
bit binary digit
  • Estas palabras que pasaron a formar parte do léxico común teñen flexión de número.
radares
módems
bits
↑ Voltar ↑

Símbolos

Os símbolos son abreviacións de carácter científico ou técnico constituídas por letras ou por outros signos gráficos. En xeral, son fixados convencionalmente por institucións de normalización e posúen validez internacional.

Características dos símbolos:

  • Son invariables.
  • Son formas válidas para todas as linguas:
Au é o símbolo universal do ouro.
  • Nunca levan morfema de plural:
1 m, 2 m, 100 m
  • Poden ter unha ou máis letras:
t (tonelada)
ha (hectárea)
kWh (quilowatt-hora)
  • Poden estar escritos en maiúscula ou minúscula, ou nunha combinación de ambas, pero sen posibilidade de variación:
dm (decímetro)
Dm (decámetro)
  • Se todo o texto está escrito con maiúsculas, os símbolos permanecen coa súa forma invariable:
DISTANCIA EXPRESADA EN km
  • Poden estar representados por unha combinación de letras e números:
m2 (metro cadrado)
m3 (metro cúbico)
  • Nunca levan punto abreviativo:
15 cm
  • Non levan acento:
a (área)
  • O símbolo do euro é € e o código ISO é EUR.
↑ Voltar ↑
Ferramentas persoais
Xunta de Galicia