Maiúscula e minúscula en inicial de palabra
De Manual de Estilo DOG
Revisión feita o 7 de maio de 2012 ás 12:32 por Servizotraducion (Conversa | contribucións)
Páxinas principais |
Índice |
Minúsculas iniciais
Utilízanse as minúsculas iniciais:
- Nos nomes comúns que acompañan nomes de vías, lugares comúns e nomes xeográficos (excepto cando constitúen locucións onomásticas):
- praza de Luís Seoane
- rúa Doutor Maceira
- provincia de Ourense
- República Arxentina
- Nos substantivos que significan accidentes xeográficos, seguidos ou non das designacións que os especifican toponimicamente:
- río Umia
- Existen abundantes exemplos na xeografía galega de palabras relativas a accidentes xeográficos e seguidas de designacións toponímicas que se escriben con maiúsculas iniciais:
- Illa de Arousa
- Serra de Outes
- Nos días da semana e os meses:
- domingo
- abril
- Exceptúanse os incluídos en locucións:
- Venres das Dores
- Mércores Santo
- Nos nomes dos puntos cardeais:
- Lindeiros: norte, parc. 9009, estrada Pereiro-Oiras; sur, parc. 9002, camiño (…)
- Nos nomes de cargos, postos ou dignidades xerárquicas, sexan cales foren os respectivos graos, ben como os vocábulos que designan títulos, calquera que sexa a importancia destes:
- o presidente do organismo autónomo
- director xeral do Igape
- condesa de Pardo Bazán
- Nas enumeracións ou alíneas que completan ou continúan a frase interrompida por dous puntos (agás se foren nomes propios):
- - Sistema de adxudicación: procedementos negociado (…)
- a) Tramitación: ordinaria.
- b) Dependencia que tramita o expediente: Secretaría Xeral.
- Quer no corpo do texto quer nun título, as letras das alíneas deben ir sempre en minúscula:
- a) Tramitación: ordinaria.
- DA ADMINISTRACIÓN LOCAL
Maiúsculas iniciais
Utilízanse as maiúsculas iniciais:
- Nas palabras que expresan actos das autoridades estatais, autonómicas ou provinciais, cando designan diplomas ou documentos oficiais e tanto se aparece citada a súa data como se segue o nome específico:
- Resolución 1/2010
- Resolución do 7 de outubro
- Lei 62/1997[1]
- (…) Orde do 16 de marzo de 2010 (…)
- As outras palabras que compoñan o título van con minúscula:
- (…) o Estatuto de autonomía de Galicia (…)
- (…) o Código penal (…)
- Cando calquera destas palabras é citada sen ser seguida da data, do número ou do nome específico, utilízase a inicial minúscula. Escríbense con inicial maiúscula as palabras regulamento, código, directiva, cédula, decreto, lei cando se refiren a un documento identificado no texto.
- Nos tipos de documentos con título propio:
- (…) a realización dun Plan de reequilibrio territorial de Galicia 2007-2010 (…)
- Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica
- Caso ese título propio for utilizado para crear unha sigla ou acrónimo de uso frecuente, escribiranse todas as palabras do título con inicial maiúscula:
- (…) o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Abegondo (PXOM) (…)
- Nas palabras que signifiquen entidade ou colectividade como organismo determinado:
- Estado
- Goberno
- Nos nomes de persoas (antropónimos), apelidos, topónimos e nas designacións de vías, rúas ou barrios:
- Francisco
- María del Pilar
- Rodríguez
- Lugo
- rúa Nova
- avenida de Fisterra
- rotonda Lourido
- O uso de maiúsculas iniciais nos topónimos compostos por máis dunha palabra non afecta aos elementos conectores:
- Sobrado dos Monxes
- Olesa de Beonesvalls
- Nos nomes relacionados con eras históricas, épocas célebres e festas públicas tradicionais:
- Renacemento
- Barroco
- Nadal
- Semana Santa
- Entroido
- Día das Letras Galegas
- Nos nomes de gremios, corporacións, institucións e organismos públicos, de escolas de calquera especie ou grao de ensino, edificios e establecementos de calquera natureza:
- Universidade de Vigo
- Facultade de Medicina
- Instituto Nacional da Saúde
- Academia Galega de Seguridade Pública
- Escola Superior de Arte Dramática de Galicia
- Nos nomes dos premios e nos títulos de libros, publicacións periódicas e producións artísticas de calquera xénero (excepto as partículas monosilábicas como artigos definidos e contraccións de palabras a non ser que figuren no primeiro elemento do título; escríbense con maiúscula inicial os artigos indefinidos e as palabras flexivas):
- Diario de Ferrol
- El Correo Gallego
- Medallas Castelao
- Nos substantivos, adxectivos, pronomes e expresións que representen tratamento cortés ou de reverencia, veñan ou non acompañados doutra palabra a que se liguen directamente, ou cando están ligados a un ou máis nomes propios ou a designativos de categoría, función ou calidade:
- El-Rei
- Ilmo. Sr.
- Súa Alteza
- Día de San Xosé
- A Inmaculada
- En designacións de edificios, construcións arquitectónicas diversas ou calquera designación similar:
- Torre do Reloxo
- Catedral de Santiago de Compostela
- Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas
- Nas designacións de feitos históricos ou acontecementos importantes e de actos ou iniciativas públicas:
- Guerra Civil
- Na puntuación emprégase a maiúscula en comezo de frase, sempre despois de punto e despois de dous puntos (neste caso só se escriben con maiúscula inicial as enumeracións que son frases completas e enunciados independentes).
Maiúsculas en toda a palabra
Utilízanse as maiúsculas en toda a palabra:
- Na primeira palabra do Sumario ou Título da cabeceira dos documentos. Esta palabra delimita en grande medida o tipo de documento de que se trata e polo tanto utilizarase en maiúscula para facilitar a comprensión do documento:
RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2011, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se lles dá publicidade aos beneficiarios das axudas concedidas ás empresas xornalísticas e de radiodifusión.
CÉDULA do 15 de febreiro de 2011, do Servizo de Mobilidade de Ourense, pola que se notifican os acordos de incoación de expedientes sancionadores por infracción da normativa vixente en materia de transportes terrestres, devoltos polo servizo de Correos porque intentada a notificación non se puido efectuar. (Expediente OU-00037-O-2011).
- No tipo de documento e no nome da entidade publicadora contidos na cabeceira dos documentos. Consúltese a sección Tipo de documento e nome da entidade emisora das Normas e modelos para crear documentos:
- DISPOSICIÓNS XERAIS
- CONSELLERÍA DE FACENDA
- Nos encabezamentos de títulos e capítulos de ordes e leis. Consúltense as seccións Títulos e Capítulos das Normas e modelos para crear documentos:
CAPÍTULO I
Obxecto e ámbito de aplicación
- Na fórmula introdutoria da parte dispositiva dos documentos. Consúltese a sección Fórmula introdutoria das Normas e modelos para crear documentos:
DISPOÑO:
RESOLVE:
- Na palabra anexo cando anuncia o comezo da súa sección. Consúltese a sección Anexos das Normas e modelos para crear documentos:
ANEXO I
- Nas siglas:
- NRC (número de referencia completo)
- BOE
Referencias
- ↑ Mais: “(…) polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo (…)”.