Toponimia
De Manual de Estilo DOG
Toponimia galega
A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, establece no seu artigo 10.1: «Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega[1].»
Daquela, os topónimos galegos deben empregarse sempre, calquera que sexa a lingua en que redactemos, na forma galega ditaminada pola Comisión de Toponimia e aprobada pola Xunta de Galicia[2]:
Galego | Castelán |
---|---|
Os concellos da Rúa, O Barco de Valdeorras e Rubiá están na comarca de Valdeorras. | Los ayuntamientos de A Rúa, O Barco de Valdeorras y Rubiá están en la comarca de Valdeorras. |
A Caguenla é un lugar da parroquia do Esto, no concello de Cabana de Bergantiños. | A Caguenla es un lugar de la parroquia de O Esto, en el municipio de Cabana de Bergantiños. |
OBSERVACIÓNS:
- Como vemos nos exemplos, cando redactamos en galego os artigos dos topónimos contraen coas preposición, igual que as palabras comúns. En castelán non se fai tal contracción.
- Respecto das denominacións das parroquias, o Nomenclátor inclúe entre parénteses a advocación de todas elas ―Laraxe ( San Mamede) ―, pero cando as citamos en textos administrativos, tal dato é prescindible, salvo que a advocación forme parte do nome da parroquia: San Martiño do Porto e Santa Cruz do Salto son dúas parroquias do concello de Cabanas.
Toponimia de fóra de Galicia
En certos ámbitos, como o xornalístico, os topónimos non galegos (españois e doutros países) adoitan adaptarse ao galego, tanto fonética como morfoloxicamente (Alxeria, Castela-A Mancha, Guadalaxara, Moscova, Texo, Xetafe, Xirona...).
Agora ben, no ámbito institucional, en topónimos do Estado español debe primar o criterio de oficialidade ou dobre oficialidade e non o de adaptación.
En consecuencia, estes son os criterios que se seguirán nos textos que se publiquen no DOG e tamén o recomendado para outras publicacións institucionais:
Topónimos españois
- Os topónimos estatais das comunidades autónomas onde o castelán é a única lingua oficial empregaranse na forma castelá: Badajoz, Castilla y León, Castilla-La Mancha, Jaén, Torrejón...
- OBSERVACIÓN: Empréganse en forma adaptada ao galego os topónimos Douro e Texo.
- Para a denominación das comunidades autónomas, e da súa forma de organización, véxase a epígrafe xxx
- Os topónimos das comunidades autónomas de Illes Balears, Cataluña, Comunidade Valenciana e País Vasco empregaranse, tanto nos textos redactados en castelán como nos redactados en galego, na forma oficial recollida na lexislación estatal ou autonómica respectiva:
- Así:
- • Girona e Lleida (Lei estatal 2/1992, do 28 de febreiro, BOE núm. 29, do 2 de febreiro).
- • Gipuzkoa e Bizkaia (Lei estatal 19/2011, do 5 de xullo, BOE núm. 160, do 6 de xullo).
- • Andratx, Eivissa... (Decret 2/2004, de 16 de gener, de modificació del Decret 36/1988, de 14 d'abril, pel qual es publiquen en el BOCAIB les formes oficials dels topònims de les Illes Balears).