Observacións sobre algunhas construcións gramaticais
De Manual de Estilo DOG
Páxinas principais |
Complemento directo
- En xeral, o complemento directo constrúese sen a preposición a:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Autorízase á conselleira para ditar cantas normas sexan necesarias. | Autorízase a conselleira para ditar cantas normas sexan necesarias. |
Substituirase ao persoal necesario para poder cumprir os servizos mínimos. | Substituirase o persoal necesario para poder cumprir os servizos mínimos. |
O tribunal convocará aos opositores para a realización da proba. | O tribunal convocará os opositores para a realización da proba. |
A formación profesional ten por finalidade preparar ao alumnado para a actividade nun campo profesional. | A formación profesional ten por finalidade preparar o alumnado para a actividade nun campo profesional. |
Os requisitos de titulación establecidos nesta lei non afectarán ao profesorado que estea prestando os seus servizos en centros docentes. | Os requisitos de titulación establecidos nesta lei non afectarán o profesorado que estea prestando os seus servizos en centros docentes. |
A aceptación das alteracións non exime ao beneficiario das sancións que lle poidan corresponder. | A aceptación das alteracións non exime o beneficiario das sancións que lle poidan corresponder. |
- Nalgúns casos si precisa ser marcado coa preposición a para evitar confusións entre o suxeito e o complemento directo cando a orde sintáctica (suxeito + verbo + complementos) non abonda para facer esa función.
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
A designación dos vogais suplentes realizarana os que designen os titulares. | A designación dos vogais suplentes realizarana os que designen aos titulares. |
Informarase o aspirante do material necesario para a realización da proba. | Informarase ao aspirante do material necesario para a realización da proba.
(Así evítase a posible ambigüidade de que a frase poida entenderse do seguinte xeito: «O aspirante informarase (el mesmo) do material...»). |
O pronome SE nas construcións impersoais
- O pronome SE emprégase en construcións impersoais, activas e pasivas, para indeterminar o suxeito ou o complemento axente. Dado que se trata de deixar na indeterminación, son incorrectos os usos do pronome SE e mais o complemento axente:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
As solicitudes presentaranse polos aspirantes no prazo dun mes. | Os aspirantes presentarán as solicitudes no prazo dun mes. As solicitudes serán presentadas polos aspirantes no prazo dun mes. |
As propostas elaboraranse por este servizo. | Este servizo elaborará as propostas. As propostas serán elaboradas por este servizo. |
A modificación do plan asinarase polo alcalde no próximo pleno. | O alcalde asinará a modificación do plan no próximo pleno. A modificación do plan será asinada polo alcalde no próximo pleno. |
Acórdase que polo representante da administración se dea comezo ao levantamento das actas previas. | Acórdase que o presentante da administración dea comezo ao levantamento das actas previas. |
Usos incorrectos do xerundio
Xerundio como adxetivo especificativo
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Os órganos de contratación non necesitarán, tampouco, publicar o anuncio convocando a licitación cando se trate de adxudicar os contratos. | Os órganos de contratación non necesitarán, tampouco, publicar o anuncio mediante o cal convoquen a licitación cando se trate de adxudicar os contratos. |
O acordo rexeitando un subcontratista deberáselle notificar por escrito ao licitador ou ao adxudicatario. | O acordo polo cal se rexeite un subcontratista deberáselle notificar por escrito ao licitador ou ao adxudicatario. |
Cada contribuínte recibirá no seu domicilio un sobre contendo as instrucións e mais a solicitude. | Cada contribuínte recibirá no seu domicilio un sobre coas instrucións e mais a solicitude. |
Non anotar a viaxe ou anotala faltando datos esenciais. | Non anotar a viaxe ou anotala sen os datos esenciais. |
Xerundio como nexo (abundancia de xerundios)
Cómpre evitar o uso do xerundio como nexo entre bloques longos de texto:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
O persoal rexerase polo dereito laboral en todo aquilo que sexa de aplicación, séndolle aplicable tamén o réxime de incompatibilidade previsto na lei. | O persoal rexerase polo dereito laboral en todo aquilo que sexa de aplicación. Tamén lle será aplicable o réxime de incompatibilidade previsto na lei. |
A designación dos vogais realizaraa a Comisión Nacional do Mercado de Valores de entre os candidatos propostos polas entidades mencionadas nos puntos anteriores tendo prioridade na designación aquela candidatura que represente os mercados e sistemas. | A designación dos vogais realizaraa a Comisión Nacional do Mercado de Valores de entre os candidatos propostos polas entidades mencionadas nos puntos anteriores. Terá prioridade na designación aquela candidatura que represente os mercados e sistemas. |
A citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica «Liña de media tensión, centro de transformación e rede de baixa tensión, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE 27 de decembro de 2000, núm. 310), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico». | A citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica «Liña de media tensión, centro de transformación e rede de baixa tensión. Para isto presenta o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE 27 de decembro de 2000, núm. 310), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xunta a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico». |
Correspóndelle ao/á xefe/a territorial competente por razón de territorio, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, a resolución das adxudicacións das estadías levantando acta do devandito sorteo e remitindo o resultado aos respectivos director/a das residencias. | Correspóndelle ao/á xefe/a territorial competente por razón de territorio, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, a resolución das adxudicacións das estadías, quen levantará acta do devandito sorteo e remitirá o resultado aos respectivos director/a das residencias. |
Xerundio con valor de posterioridade
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
A autorización das restantes variacións por riba do inicialmente orzado correspóndelle ao Consello Reitor, debendo dar conta, posteriormente, á consellería competente en materia de facenda. | A autorización das restantes variacións por riba do inicialmente orzado... correspóndelle ao Consello Reitor, que deberá dar conta, posteriormente, á consellería competente en materia de facenda. |
Os titulares destes centros directivos serán nomeados e, se é o caso, separados por orde do ministro de Industria, Turismo e Comercio, debendo ser informado posteriormente o Consello de Administración. | Os titulares destes centros directivos serán nomeados e, se é o caso, separados por orde do ministro de Industria, Turismo e Comercio, e deberá ser informado posteriormente o Consello de Administración. |
As resolucións que carezan da documentación non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda. | As resolucións que carezan da documentación non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda. |
Os documentos quedarán en poder dos beneficiarios, segundo o establecido no Regulamento XXX, debendo indicar o beneficiario o lugar de custodia e depósito da documentación. | Os documentos quedarán en poder dos beneficiarios, segundo o establecido no Regulamento XXX. O beneficiario deberá indicar o lugar de custodia e depósito da documentación. |
Estrutura substantivo + a + infinitivo
Esta é unha estrutura calcada do francés que convén evitar. Temos varias opcións para substituíla:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Cantidades a deducir | — Cantidades deducibles — Cantidades para deducir |
Documentación a presentar | — Documentación que hai que presentar — Documentación que cómpre presentar |
Os solicitantes dispoñen dun prazo de dez días a contar a partir da entrega da solicitude. | Os solicitantes dispoñen dun prazo de dez días contados a partir da entrega da solicitude. |
Constitúen postos a ocupar por persoal directivo aqueles así definidos na relación de postos de traballo. | — Constitúen postos que ocupará persoal directivo aqueles así definidos na relación de postos de traballo. — Constitúen postos que serán ocupados por persoal directivo aqueles así definidos na relación de postos de traballo. |
Para outras áreas a explotar dentro desta concesión será preciso revisar esta declaración de impacto ambiental. | — Para explotar outras áreas dentro desta concesión será preciso revisar esta declaración de impacto ambiental. — Para outras áreas que se pretendan explotar dentro desta concesión será preciso revisar esta declaración de impacto ambiental. |
A conxunción que
- Débese coidar a presenza da conxunción que en construcións subordinadas e en locucións adverbiais, en contextos como os seguintes:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Solicita se lle notifiquen os cambios no plan de desenvolvemento. | Solicita que se lle notifiquen os cambios no plan de desenvolvemento. |
Declara:
| Declara:
|
Que se rexistrarán como patrimonio unha vez sexan acordadas... | Que se rexistrarán como patromonio unha vez que sexan acordadas... |
- Cómpre sinalar tamén que a presenza da conxunción non exclúe a necesidade da preposición de con determinados verbos:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Infórmase que o prazo para a entrega da documentación será de dez días. | Infórmase de que o prazo para entrega da documentación será de dez días. |
Advírtese os interesados que o prazo remata o día 25. | Advírtese os interesados de que o prazo remata o día 25. |
Algún(s)/algunha(s) en frases negativas
- A diferenza do castelán, en galego estes indefinidos, pospostos ao substantivo en estruturas negativas, non teñen valor negativo. Debemos empregar ningún(s)/ningunha(s).
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Non se prevé posibilidade algunha de modificación de proxecto. | Non se prevé posibilidade ningunha de modificación do proxecto. |
Unha vez transcorrido o prazo, non procederá reclamación algunha. | Unha vez transcorrido o prazo, non procederá reclamación ningunha. |
Que sexan presentados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa e sen percibir contraprestación algunha por parte dos usuarios. | Que sexan presentados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa e sen percibir contraprestación ningunha por parte dos usuarios. |
Ambos e ambas
- Poden ser núcleo ou modificador. Se son núcleo non exixen a presenza do artigo:
- Ambos solicitaron a inclusión na póliza do seguro dunha nova cláusula.
- Fixérono entre ambos.
- Ambos solicitaron a inclusión na póliza do seguro dunha nova cláusula.
- Pero exixen a presenza de artigo cando funcionan como determinante:
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
A totalidade da axuda repartiuse entre ambas partes. | A totalidade da axuda repartiuse entre ambas as partes. |
Ambos alcaldes asinaron o acordo. | Ambos os alcaldes asinaron o acordo. |
Mesmo, -a, -os, -as con valor anafórico
- Este identificador non debe empregarse, con valor pronominal, para referirse a un antecedente substantivo (o denominado valor anafórico).
- No seu lugar debemos empregar solucións como pronomes persoais (el, ela...), demostrativos (este, ese, aquel) ou posesivos (seu, súa...). Nalgúns casos podemos incluso eliminalo.
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Deberán colaborar coa Inspección de Servizos nas funcións que lle sexan encomendadas á mesma. | Deberán colaborar coa Inspección de Servizos nas funcións que lle sexan encomendadas a esta. |
Os fabricantes de aparellos ou elementos de elevación, así como os importadores dos mesmos, deberán contar cun técnico titulado competente. | Os fabricantes de aparellos ou elementos de elevación, así como os seus importadores, deberán contar cun técnico titulado competente. |
Proponse a prevención de conflitos e a resolución pacífica dos mesmos. | Proponse a prevención de conflitos e a súa resolución pacífica. |
O sistema educativo organízase en etapas, ciclos, cursos e niveis de forma que se asegure a transición entre os mesmos e, de ser o caso, dentro de cada un deles. | O sistema educativo organízase en etapas, ciclos, cursos e niveis de forma que se asegure a transición entre estes e, de ser o caso, dentro de cada un deles. |
Para a realización das probas de avaliación nas distintas competencias clave poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas inscritas ás mesmas. | Para a realización das probas de avaliación nas distintas competencias clave poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas inscritas. |
- Si é correcto o seu emprego no caso de que mesmo, -a, -os, -as actúe como identificador, adxectivo ou pronome:
- Debe optar entre a readmisión inmediata do demandante nas mesmas condicións que posuía con anterioridade.
- O procedemento que se seguirá será o mesmo que para a concesión das axudas.
Ir + infinitivo
A perífrase ir + infinitivo nunca leva preposición a en galego.
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
Que no concello onde vive o estudante non exista oferta correspondente ao curso que vaia a realizar. | Que no concello onde vive o estudante non exista oferta correspondente ao curso que vaia realizar. |
A persoa que vai a solicitar a axuda debe entregar a documentación requirida. | A persoa que vai solicitar a axuda debe entregar a documentación requirida. |
Vir de + infinitivo
Esta construción ás veces emprégase falsamente como perífrase de anterioridade recente Vir de + Infinitivo. Esta construción existe, e pode ter esa acepción temporal, pero o auxiliar nunca perde o significado de desprazamento físico (vir de):
Construcións incorrectas | Construcións correctas |
---|---|
O presidente vén de asinar un acordo cos sindicatos. | — O presidente acaba de asinar un acordo cos sindicatos — O presidente asinou un acordo cos sindicatos |
A Xunta de Galicia vén de autorizar a sinatura dun convenio de colaboración co concello. | — A Xunta de Galicia autorizou a sinatura dun convenio de colaboración co concello. — A Xunta de Galicia acaba de autorizar a sinatura dun convenio de colaboración co concello. |
Ter + participio
Esta construción, como perífrase, fai referencia a unha acción rematada e reiterada:
Terán dereito á axuda aquelas entidades que teñan asignado as funcións indicadas.
Non é perífrase verbal cando o verbo ter conserva o significado de posesión e o participio:
Terán dereito á axuda aquelas entidades que teñan asignadas as funcións indicadas.