Observacións sobre algunhas construcións gramaticais

De Manual de Estilo DOG

Páxinas principais

Índice

Complemento directo

  • En xeral, o complemento directo constrúese sen a preposición a:


Construcións incorrectas Construcións correctas
Autorízase á conselleira para ditar cantas normas sexan necesarias. Autorízase a conselleira para ditar cantas normas sexan necesarias.
Substituirase ao persoal necesario para poder cumprir os servizos mínimos. Substituirase o persoal necesario para poder cumprir os servizos mínimos.
O tribunal convocará aos opositores para a realización da proba. O tribunal convocará os opositores para a realización da proba.
A formación profesional ten por finalidade preparar ao alumnado para a actividade nun campo profesional. A formación profesional ten por finalidade preparar o alumnado para a actividade nun campo profesional.
Os requisitos de titulación establecidos nesta lei non afectarán ao profesorado que estea prestando os seus servizos en centros docentes. Os requisitos de titulación establecidos nesta lei non afectarán o profesorado que estea prestando os seus servizos en centros docentes.
A aceptación das alteracións non exime ao beneficiario das sancións que lle poidan corresponder. A aceptación das alteracións non exime o beneficiario das sancións que lle poidan corresponder.


  • Nalgúns casos si precisa ser marcado coa preposición a para evitar confusións entre o suxeito e o complemento directo cando a orde sintáctica (suxeito + verbo + complementos) non abonda para facer esa función.


Construcións incorrectas Construcións correctas
A designación dos vogais suplentes realizarana os que designen os titulares. A designación dos vogais suplentes realizarana os que designen aos titulares.
Informarase o aspirante do material necesario para a realización da proba. Informarase ao aspirante do material necesario para a realización da proba.

(Así evítase a posible ambigüidade de que a frase poida entenderse do seguinte xeito: «O aspirante informarase (el mesmo) do material...»).

↑ Voltar ↑

O pronome SE nas construcións impersoais

  • O pronome SE emprégase en construcións impersoais, activas e pasivas, para indeterminar o suxeito ou o complemento axente. Dado que se trata de deixar na indeterminación, son incorrectos os usos do pronome SE e mais o complemento axente:


Construcións incorrectas Construcións correctas
As solicitudes presentaranse polos aspirantes no prazo dun mes. Os aspirantes presentarán as solicitudes no prazo dun mes.

As solicitudes serán presentadas polos aspirantes no prazo dun mes.
As solicitudes presentaranas os aspirantes no prazo dun mes.

As propostas elaboraranse por este servizo. Este servizo elaborará as propostas.

As propostas serán elaboradas por este servizo.
As propostas elaboraas este servizo.

A modificación do plan asinarase polo alcalde no próximo pleno. O alcalde asinará a modificación do plan no próximo pleno.

A modificación do plan será asinada polo alcalde no próximo pleno.
A modificación asinaraa o alcalde no próximo pleno.

Acórdase que polo representante da administración se dea comezo ao levantamento das actas previas. Acórdase que o presentante da administración dea comezo ao levantamento das actas previas.
↑ Voltar ↑

Usos incorrectos do xerundio

Xerundio como adxetivo especificativo

Construcións incorrectas Construcións correctas
Os órganos de contratación non necesitarán, tampouco, publicar o anuncio convocando a licitación cando se trate de adxudicar os contratos. Os órganos de contratación non necesitarán, tampouco, publicar o anuncio mediante o cal convoquen a licitación cando se trate de adxudicar os contratos.
O acordo rexeitando un subcontratista deberáselle notificar por escrito ao licitador ou ao adxudicatario. O acordo polo cal se rexeite un subcontratista deberáselle notificar por escrito ao licitador ou ao adxudicatario.
Cada contribuínte recibirá no seu domicilio un sobre contendo as instrucións e mais a solicitude. Cada contribuínte recibirá no seu domicilio un sobre coas instrucións e mais a solicitude.
Non anotar a viaxe ou anotala faltando datos esenciais. Non anotar a viaxe ou anotala sen os datos esenciais.
↑ Voltar ↑

Xerundio como nexo (abundancia de xerundios)

Cómpre evitar o uso do xerundio como nexo entre bloques longos de texto:

Construcións incorrectas Construcións correctas
O persoal rexerase polo dereito laboral en todo aquilo que sexa de aplicación, séndolle aplicable tamén o réxime de incompatibilidade previsto na lei. O persoal rexerase polo dereito laboral en todo aquilo que sexa de aplicación. Tamén lle será aplicable o réxime de incompatibilidade previsto na lei.
A designación dos vogais realizaraa a Comisión Nacional do Mercado de Valores de entre os candidatos propostos polas entidades mencionadas nos puntos anteriores tendo prioridade na designación aquela candidatura que represente os mercados e sistemas. A designación dos vogais realizaraa a Comisión Nacional do Mercado de Valores de entre os candidatos propostos polas entidades mencionadas nos puntos anteriores. Terá prioridade na designación aquela candidatura que represente os mercados e sistemas.
A citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica «Liña de media tensión, centro de transformación e rede de baixa tensión, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE 27 de decembro de 2000, núm. 310), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico». A citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica «Liña de media tensión, centro de transformación e rede de baixa tensión. Para isto presenta o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE 27 de decembro de 2000, núm. 310), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xunta a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico».
Correspóndelle ao/á xefe/a territorial competente por razón de territorio, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, a resolución das adxudicacións das estadías levantando acta do devandito sorteo e remitindo o resultado aos respectivos director/a das residencias. Correspóndelle ao/á xefe/a territorial competente por razón de territorio, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, a resolución das adxudicacións das estadías, quen levantará acta do devandito sorteo e remitirá o resultado aos respectivos director/a das residencias.
↑ Voltar ↑

Xerundio con valor de posterioridade

Construcións incorrectas Construcións correctas
A autorización das restantes variacións por riba do inicialmente orzado correspóndelle ao Consello Reitor, debendo dar conta, posteriormente, á consellería competente en materia de facenda. A autorización das restantes variacións por riba do inicialmente orzado... correspóndelle ao Consello Reitor, que deberá dar conta, posteriormente, á consellería competente en materia de facenda.
Os titulares destes centros directivos serán nomeados e, se é o caso, separados por orde do ministro de Industria, Turismo e Comercio, debendo ser informado posteriormente o Consello de Administración. Os titulares destes centros directivos serán nomeados e, se é o caso, separados por orde do ministro de Industria, Turismo e Comercio, e deberá ser informado posteriormente o Consello de Administración.
As resolucións que carezan da documentación non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda. As resolucións que carezan da documentación non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda.
Os documentos quedarán en poder dos beneficiarios, segundo o establecido no Regulamento XXX, debendo indicar o beneficiario o lugar de custodia e depósito da documentación. Os documentos quedarán en poder dos beneficiarios, segundo o establecido no Regulamento XXX. O beneficiario deberá indicar o lugar de custodia e depósito da documentación.


↑ Voltar ↑

Estrutura substantivo + a + infinitivo

Esta é unha estrutura calcada do francés que convén evitar. Temos varias opcións para substituíla:

Construcións incorrectas Construcións correctas
Cantidades a deducir — Cantidades deducibles

— Cantidades para deducir
— Cantidades que se deben deducir

Documentación a presentar — Documentación que hai que presentar

— Documentación que cómpre presentar

Os solicitantes dispoñen dun prazo de dez días a contar a partir da entrega da solicitude. Os solicitantes dispoñen dun prazo de dez días contados a partir da entrega da solicitude.
Constitúen postos a ocupar por persoal directivo aqueles así definidos na relación de postos de traballo. — Constitúen postos que ocupará persoal directivo aqueles así definidos na relación de postos de traballo.

— Constitúen postos que serán ocupados por persoal directivo aqueles así definidos na relación de postos de traballo.

Para outras áreas a explotar dentro desta concesión será preciso revisar esta declaración de impacto ambiental. — Para explotar outras áreas dentro desta concesión será preciso revisar esta declaración de impacto ambiental.

— Para outras áreas que se pretendan explotar dentro desta concesión será preciso revisar esta declaración de impacto ambiental.

↑ Voltar ↑

A conxunción que

  • Débese coidar a presenza da conxunción que en construcións subordinadas e en locucións adverbiais, en contextos como os seguintes:


Construcións incorrectas Construcións correctas
Solicita se lle notifiquen os cambios no plan de desenvolvemento. Solicita que se lle notifiquen os cambios no plan de desenvolvemento.
Declara:
– Que non solicitou axudas para a mesma finalidade.
– Solicitou axudas para a mesma finalidade e non lle foron concedidas.
Declara:
– Que non solicitou axudas para a mesma finalidade.
Que solicitou axudas para a mesma finalidade e non lle foron concedidas.
Que se rexistrarán como patrimonio unha vez sexan acordadas... Que se rexistrarán como patromonio unha vez que sexan acordadas...


  • Cómpre sinalar tamén que a presenza da conxunción non exclúe a necesidade da preposición de con determinados verbos:


Construcións incorrectas Construcións correctas
Infórmase que o prazo para a entrega da documentación será de dez días. Infórmase de que o prazo para entrega da documentación será de dez días.
Advírtese os interesados que o prazo remata o día 25. Advírtese os interesados de que o prazo remata o día 25.
↑ Voltar ↑

Algún(s)/algunha(s) en frases negativas

  • A diferenza do castelán, en galego estes indefinidos, pospostos ao substantivo en estruturas negativas, non teñen valor negativo. Debemos empregar ningún(s)/ningunha(s).


Construcións incorrectas Construcións correctas
Non se prevé posibilidade algunha de modificación de proxecto. Non se prevé posibilidade ningunha de modificación do proxecto.
Unha vez transcorrido o prazo, non procederá reclamación algunha. Unha vez transcorrido o prazo, non procederá reclamación ningunha.
Que sexan presentados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa e sen percibir contraprestación algunha por parte dos usuarios. Que sexan presentados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa e sen percibir contraprestación ningunha por parte dos usuarios.
↑ Voltar ↑

Ambos e ambas

  • Poden ser núcleo ou modificador. Se son núcleo non exixen a presenza do artigo:
Ambos solicitaron a inclusión na póliza do seguro dunha nova cláusula.
Fixérono entre ambos.
  • Pero exixen a presenza de artigo cando funcionan como determinante:


Construcións incorrectas Construcións correctas
A totalidade da axuda repartiuse entre ambas partes. A totalidade da axuda repartiuse entre ambas as partes.
Ambos alcaldes asinaron o acordo. Ambos os alcaldes asinaron o acordo.
↑ Voltar ↑

Mesmo, -a, -os, -as con valor anafórico

  • Este identificador non debe empregarse, con valor pronominal, para referirse a un antecedente substantivo (o denominado valor anafórico).
  • No seu lugar debemos empregar solucións como pronomes persoais (el, ela...), demostrativos (este, ese, aquel) ou posesivos (seu, súa...). Nalgúns casos podemos incluso eliminalo.


Construcións incorrectas Construcións correctas
Deberán colaborar coa Inspección de Servizos nas funcións que lle sexan encomendadas á mesma. Deberán colaborar coa Inspección de Servizos nas funcións que lle sexan encomendadas a esta.
Os fabricantes de aparellos ou elementos de elevación, así como os importadores dos mesmos, deberán contar cun técnico titulado competente. Os fabricantes de aparellos ou elementos de elevación, así como os seus importadores, deberán contar cun técnico titulado competente.
Proponse a prevención de conflitos e a resolución pacífica dos mesmos. Proponse a prevención de conflitos e a súa resolución pacífica.
O sistema educativo organízase en etapas, ciclos, cursos e niveis de forma que se asegure a transición entre os mesmos e, de ser o caso, dentro de cada un deles. O sistema educativo organízase en etapas, ciclos, cursos e niveis de forma que se asegure a transición entre estes e, de ser o caso, dentro de cada un deles.
Para a realización das probas de avaliación nas distintas competencias clave poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas inscritas ás mesmas. Para a realización das probas de avaliación nas distintas competencias clave poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas inscritas.


  • Si é correcto o seu emprego no caso de que mesmo, -a, -os, -as actúe como identificador, adxectivo ou pronome:
Debe optar entre a readmisión inmediata do demandante nas mesmas condicións que posuía con anterioridade.
O procedemento que se seguirá será o mesmo que para a concesión das axudas.
↑ Voltar ↑

Ir + infinitivo

A perífrase ir + infinitivo nunca leva preposición a en galego.


Construcións incorrectas Construcións correctas
Que no concello onde vive o estudante non exista oferta correspondente ao curso que vaia a realizar. Que no concello onde vive o estudante non exista oferta correspondente ao curso que vaia realizar.
A persoa que vai a solicitar a axuda debe entregar a documentación requirida. A persoa que vai solicitar a axuda debe entregar a documentación requirida.
↑ Voltar ↑

Vir de + infinitivo

Esta construción ás veces emprégase falsamente como perífrase de anterioridade recente Vir de + Infinitivo. Esta construción existe, e pode ter esa acepción temporal, pero o auxiliar nunca perde o significado de desprazamento físico (vir de):

Construcións incorrectas Construcións correctas
O presidente vén de asinar un acordo cos sindicatos. — O presidente acaba de asinar un acordo cos sindicatos

— O presidente asinou un acordo cos sindicatos
— O presidente vén de asinar un acordo cos sindicatos no salón de actos

A Xunta de Galicia vén de autorizar a sinatura dun convenio de colaboración co concello. — A Xunta de Galicia autorizou a sinatura dun convenio de colaboración co concello.

— A Xunta de Galicia acaba de autorizar a sinatura dun convenio de colaboración co concello.
— (Neste exemplo non pode darse a idea de desprazamento físico).

↑ Voltar ↑

Ter + participio

Esta construción, como perífrase, fai referencia a unha acción rematada e reiterada:

Terán dereito á axuda aquelas entidades que teñan asignado as funcións indicadas.

Non é perífrase verbal cando o verbo ter conserva o significado de posesión e o participio:

Terán dereito á axuda aquelas entidades que teñan asignadas as funcións indicadas.
↑ Voltar ↑

Ferramentas persoais
Xunta de Galicia