Normas xerais de todos os textos
De Manual de Estilo DOG
Páxinas principais |
Índice |
Contido desta sección
Aquí recollemos pautas de estilo referidas a aspectos formais que se aplicarán na edición do DOG.
Os formatos que se establecen refírense ao produto final, é dicir, aos textos xa publicados. Pero, obviamente, moitas das cuestións poden ser aplicadas nos orixinais que se envíen para publicar. De non ser así, serán aplicadas no Servizo de Tradución ou na fase de composición e maquetación do DOG.
Formato electrónico
Os documentos que se envíen para publicar no DOG serano en formatos compatibles con Microsoft Word de Office 2010, coas extensións .doc ou .docx. As táboas e relacións poderán ter a extensión .xls. En todo caso, os documentos deberán ser sempre enviados en formatos editables e convertibles para a edición. Só excepcionalmente se admitirán imaxes, que se reproducirán no DOG tal como foron enviadas. Nestes casos, é inescusable que o organismo responsable da elaboración das imaxes vele pola corrección lingüística dos textos que tales imaxes poidan conter. De non ser así, os textos remitidos ao DOG poderán ser devoltos para a súa corrección.
Tipo de letra, interliñado e xustificación
Nos documentos que se envíen ao DOG utilizarase o tipo de letra Arial, redonda e de tamaño 11; un interliñado de 15 pt e xustificación completa. Só en casos xustificados se poderá facer excepción ás normas anteriores.
Letra maiúscula
Respecto do uso da maiúscula en inicial de palabra, véxase o punto correspondente das normas lingüísticas. En canto o emprego noutros contextos, é importante ter en conta: ‒ Expresaranse con todos os caracteres en maiúscula: -A primeira palabra do sumario dos documentos: ORDE do 10 de xuño de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras...; RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2011 pola que se lles da publicidade ás axudas; ANUNCIO de información pública; etc. -As fórmulas introdutorias do tipo DISPOÑO, RESOLVO, etc. -As palabras TÍTULO, CAPÍTULO e ANEXO cando encabecen as correspondentes partes en que se dividen algúns textos. -As siglas: DOG, BOE, OCDE, ... Nos acrónimos só se expresará en maiúscula a primeira letra: Inega, Sergas, Seaga, etc. Para máis detalles, véxase o capítulo correspondente á abreviación. -Excepcionalmente, palabras que aparezan deste xeito en formularios. ‒ Non está permitido o emprego da maiúscula en todas as letras de palabras e sintagmas fóra dos casos anteriores, como sucede con moita frecuencia en editos de xulgados, en que aparecen deste xeito os nomes e apelidos das persoas citadas.
Letra cursiva
Irán sempre en cursiva: - o sumario completo das disposicións e anuncios. Neste caso poranse en redonda aquelas expresións que, nun texto redactado en redonda, deban ir en cursiva;
- o título dos artigos dunha disposición normativa;
- o título das seccións e subseccións dunha disposición normativa;
- os nomes dos boletíns oficiais e das publicacións periódicas: Diario Oficial de Galicia, Boletín Oficial del Estado, La Vanguardia, etc.;
- os nomes científicos de animais e vexetais;
- os títulos de obras literarias e de arte en xeral;
- os nomes propios de aeronaves, naves, armas, ciclóns, etc.: o buque Prestige. Nesta epígrafe incluímos tamén as denominacións de bateas e permisos mineiros, que aparecen con moita frecuencia no DOG: autorización para transmisión da concesión da batea Farruquiña; explotación da concesión mineira A Farixa; etc. - as voces e locucións latinas: a fortiori, ab initio, erga omnes, etc. Con todo, expresaranse en redonda aquelas locucións que xa estean moi consolidadas, tanto en galego como en castelán: per cápita, déficit, curriculum vitae, etc. - as palabras non galegas, en textos en galego, ou non castelás, en textos neste idioma, cando non estean aínda asimiladas: background, clearing, lobby¸etc. Pero expresaranse en redonda aquelas que xa estean integradas: club, estándar, interfaz, etc. Non irán en cursiva: - os nomes de institucións, centros de ensino, empresas e edificios: o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; o IES Rosalía de Castro; o IES A Sardiñeiras; a empresa Alimentos Cruz del Sur, S.A.; etc. - os títulos de obras normativas ou legais: o Código civil, a Lei de axuizamento criminal, a Lei orgánica do Tribunal Constitucional, ... Nas epígrafes referidas a sumario ou título, artigos, seccións e subseccións aparecen referencias máis detalladas sobre a utilización da letra cursiva.
Letra negra ou grosa
Irán en letra negra ou grosa: - os encabezamentos dos títulos, capítulos e anexos - excepcionalmente, certas expresións en formularios que poidan utilizala para destacar algún contido Nas epígrafes referidas a cabeceira, títulos, capítulos e anexos aparecen referencias máis concretas sobre o emprego da letra negra. Letra versaleta A letra versaleta non se empregará nos textos que se publiquen no DOG, aínda que, excepcionalmente, se permitirá o seu uso en documentos anexos que conteñan este formato e nas citas de textos antigos do DOG en que poida aparecer.