Casos específicos do galego e erros frecuentes
De Manual de Estilo DOG
Revisión feita o 21 de febreiro de 2011 ás 19:54 por Dogadmin (Conversa | contribucións)
Páxinas principais |
Índice |
O uso do infinitivo conxugado e do futuro de subxuntivo
- O uso do infinitivo conxugado recoméndase:
- Se o infinitivo ten un suxeito expreso no texto:
- (…) de non estaren inscritos os bens ou dereitos no rexistro (…)
- Se o infinitivo non ten suxeito expreso, mais vai referido a un axente determinado non indicado no contexto:
- h) Documentación acreditativa de se encontraren ao día das (…)
- Se o infinitivo vai introducido por unha preposición ou locución prepositiva, ten suxeito propio aínda que coincida co do verbo principal e vai antes del:
- (…) sen prexuízo de os interesados poderen interpor (…)
- De ir despois do verbo principal, o uso é obrigatorio con suxeito diferente ou con elementos interpostos:
- Tamén deberán efectuar a devandita comunicación aquelas persoas físicas ou xurídicas que, sen estaren domiciliadas (…)
- Para alén destes casos o uso do infinitivo conxugado é facultativo e debe utilizarse sempre que for posible gramaticalmente e que non resultar estilisticamente desaconsellable.
- Recoméndase utilizar o futuro de subxuntivo para expresar accións atemporais ou futuras non reais aínda que probables, así como nas oracións subordinadas cando na principal se empregue o presente ou o futuro de indicativo:
- De non presentaren esta certificación, non poderán ser declarados/as exentos/as (…)
- (…) se o expropiado non quixer aceptar o prezo xusto (…)
Usos incorrectos do xerundio
- Con valor de posterioridade:
- Instalar o electrodoméstico no prazo de 90 días desde a data da venda, e retirar o existente, *entregándoo a un xestor de residuos autorizado. → Instalar o electrodoméstico no prazo de 90 días desde a data da venda, e retirar o existente, o cal se entregará a un xestor de residuos autorizado.
- Con valor de complemento do nome:
- entregar o ditame á oficinista *falando por teléfono → entregar o ditame á oficinista mentres fala por teléfono
- Con valor de adxectivo especificativo:
- Esta orde desenvolve o Decreto 156/2007, do 19 de xullo, *regulando o procedemento de cualificación → Esta orde desenvolve o Decreto 156/2007, do 19 de xullo, que regula o procedemento de cualificación
- resultado do cal se elaborará unha listaxe *contendo unha orde de prelación → resultado do cal se elaborará unha listaxe que conteña unha orde de prelación
Usos incorrectos relacionados co infinitivo
- A construción substantivo + a + infinitivo é incorrecta, debe substituírse por outra:
- informes *a redactar → informes para redactar / que se van redactar
- Existen casos en que esta estrutura non é necesaria:
- erros *a corrixir → erros
- O infinitivo debe ir acompañado do verbo polo cal se rexe en casos como:
- (…) ; *facer constar expresamente no campo P-1 do modelo de instancia a localidade (…) → (…) ; deberase facer constar expresamente no campo P-1 do modelo de instancia a localidade (…)
- Salientar que segundo se recolle no plano 8 (…) → (…) Débese salientar que segundo se recolle no plano 8 (…)
- A construción ir + a + infinitivo non é correcta:
- (…) que se vai a ocupar (…) → (…) que se vai ocupar (…)
Colocación do pronome átono
- A posición normal do pronome en galego é despois do verbo. Con todo, existen contextos en que debe ser colocado antes:
- Oracións negativas:
- Non se subvencionarán aquelas propostas (…)
- Oracións subordinadas cos nexos que, cal, quen, canto, onde, como, cando, cuxo, se:
- (…) cuxo número se cita no anexo.
- Nas oracións interrogativas cando van antecedidos por un pronome interrogativo:
- Onde se encontra o rexistro?
- Prodúcese a próclise se os seguintes elementos aparecen situados antes do verbo:
- Os indefinidos algo, nada, alguén, ambos, bastante, calquera, entrambos, mesmo…
- (…) que ata o século XIX pouco ou nada se sabe de (…)
- Aínda, axiña, deseguida, enseguida, só, sempre, algures, ben, cedo, igual, mal, mellor, peor, tarde…
- (…) liña de axudas aínda se atopa en proceso (…)
- Os cursos impartidos sempre se valorarán (…)
- Usos interpolados, moi formais e arcaizantes:
- Xa ela che comentou o resultado. / Xa che ela comentou o resultado.
- Colocación anteverbal cos xerundios (efecto estilístico arcaizante):
- Non o facendo así / (…) de non o facer así (…)
Concordancia
- Se un determinante precede a dous ou máis substantivos coordinados con e ou con ou en singular, concordará en xénero e número co máis próximo:
- (…) cuxos datos persoais e último domicilio coñecido (…)
- (…) cuxo encabezamento e resolución (…)
- Cando o suxeito dunha oración está composto de dúas ou máis formas nominais en singular, o verbo aparecerá en plural se o suxeito que o precede está coordinado por unha copulativa:
- (…) nin o plan nin o catálogo contiñan ningunha previsión (…)
- Exceptúanse aqueles casos en que os elementos coordenados constitúen unha única unidade conceptual:
- A carga e descarga de animais farase en peiraos separados (…)
- Se os elementos van acompañados de determinante o verbo irá en plural:
- A dotación e o calendario de pagamentos das bolsas outorgadas por renuncias estableceranse na resolución (…)
- O invariable quen fai que o verbo vaia en singular cando este ten referentes en plural, excepto no caso dos verbos ser e parecer:
- (…) quen son os xogadores (…)
- (…) quen solicitaba maior información (…)
- Cando un adxectivo acompaña dous ou máis substantivos de xénero diferente, o adxectivo vai en plural e en masculino:
- Os locais e as instalacións abertos ao público (…)
Outros casos
- Débese coidar a presenza do que nas frases subordinadas:
- Solicita se lle notifique (…) → Solicita que se lle notifique (…)
- A preposición a non se debe utilizar cando o complemento directo está explícito:
- A orde executarase automaticamente sen notificar *ao/á interesado/a. → A orde executarase automaticamente sen notificar o/a interesado/a.
- Nos contextos negativos é incorrecta a utilización de elementos como algún/algunha, algo, alguén, un/unha, calquera. Teñen que adoptar a forma ningún/ningunha, nada e ninguén:
- (…) unha declaración expresa de non atoparse incursos en *algunha das circunstancias (…) → (…) unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias (…)
- Ambos e ambas exixen a presenza do artigo cando funcionan como determinantes:
- (…) a ambos *lados das ramplas (…) → (…) a ambos os lados das ramplas (…)
- Mesmo(a) non ten valor anafórico. Para evitar este uso, segundo o contexto, pode acudirse a pronomes persoais, demostrativos ou posesivos, e nalgúns casos simplemente eliminalo:
- Desenvolver prácticas reais con este aparello, de xeito que lle permitan aoalumno poder facer uso do *mesmo con total autonomía e seguranza (…) → Desenvolver prácticas reais con este aparello, de xeito que lle permitan aoalumno poder facer uso deste con total autonomía e seguranza (…)
- Recoméndase reiterar o obxecto indirecto mediante o pronome correspondente naquelas construcións en que xa figura con esa función un sintagma nominal para conseguir unha maior precisión e unha linguaxe menos distante e artificiosa:
- 2. Esta comisión de valoración enviaralle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, no prazo (…)