Uso de minúsculas e maiúsculas
De Manual de Estilo DOG
Revisión feita o 21 de febreiro de 2011 ás 20:55 por Dogadmin (Conversa | contribucións)
Páxinas principais |
Índice |
Minúsculas iniciais
Utilízanse as minúsculas iniciais:
- Nos nomes comúns que acompañan nomes de vías, lugares comúns e nomes xeográficos (excepto cando constitúen locucións onomásticas):
- praza de Luís Seoane
- rúa Doutor Maceira
- provincia de Ourense
- República Arxentina
- Nos substantivos que significan accidentes xeográficos, seguidos ou non das designacións que os especifican toponimicamente:
- río Umia
- Existen abundantes exemplos na xeografía galega de palabras relativas a accidentes xeográficos e seguidas de designacións toponímicas que se escriben con maiúsculas iniciais:
- Illa de Arousa
- Serra de Outes
- Nos días da semana e os meses:
- domingo
- abril
- Exceptúanse os incluídos en locucións:
- Venres das Dores
- Mércores Santo
- Nos nomes dos puntos cardeais:
- Lindeiros: norte, parc. 9009, estrada Pereiro-Oiras; sur, parc. 9002, camiño (…)
- Nos nomes de cargos, postos ou dignidades xerárquicas, sexan cales foren os respectivos graos, ben como os vocábulos que designan títulos, calquera que sexa a importancia destes:
- o presidente do organismo autónomo
- director xeral do Igape
- condesa de Pardo Bazán
- Nas enumeracións ou alíneas que completan ou continúan a frase interrompida por dous puntos (agás se foren nomes propios):
- - Sistema de adxudicación: procedementos negociado (…)
- a) Tramitación: ordinaria.
- b) Dependencia que tramita o expediente: Secretaría Xeral.
- Quer no corpo do texto quer nun título, as letras das alíneas deben ir sempre en minúscula:
- a) Tramitación: ordinaria.
b) DA ADMINISTRACIÓN
LOCAL
Maiúsculas iniciais
Utilízanse as maiúsculas iniciais:
- Nas palabras que expresan actos das autoridades estatais, autonómicas ou provinciais, cando designan diplomas ou documentos oficiais e tanto se aparece citada a súa data como se segue o nome específico:
- Resolución 1/2010
- Resolución do 7 de outubro
- Lei 62/1997[1]
- (…) Orde do 16 de marzo de 2010 (…)
- As outras palabras que compoñan o título van con minúscula:
- (…) o Estatuto de autonomía de Galicia (…)
- (…) o Código penal (…)
- Cando calquera destas palabras é citada sen ser seguida da data, do número ou do nome específico, utilízase a inicial minúscula. Escríbense con inicial maiúscula as palabras regulamento, código, directiva, cédula, decreto, lei cando se refiren a un documento identificado no texto.
- Nos tipos de documentos con título propio:
- (…) a realización dun Plan de reequilibrio territorial de Galicia 2007-2010 (…)
- Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica
- Caso ese título propio for utilizado para crear unha sigla ou acrónimo de uso frecuente, escribiranse todas as palabras do título con inicial maiúscula:
- (…) o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Abegondo (PXOM) (…)
- Nas palabras que signifiquen entidade ou colectividade como organismo determinado:
- Estado
- Goberno
- Nos nomes de persoas (antropónimos), apelidos, topónimos e nas designacións de vías, rúas ou barrios:
- Francisco
- María del Pilar
- Rodríguez
- Lugo
- rúa Nova
- avenida de Fisterra
- rotonda Lourido
- O uso de maiúsculas iniciais nos topónimos compostos por máis dunha palabra non afecta aos elementos conectores:
- Sobrado dos Monxes
- Olesa de Beonesvalls
- Nos nomes relacionados con eras históricas, épocas célebres e festas públicas tradicionais:
- Renacemento
- Barroco
- Nadal
- Semana Santa
- Entroido
- Día das Letras Galegas
- Nos nomes de gremios, corporacións, institucións e organismos públicos, de escolas de calquera especie ou grao de ensino, edificios e establecementos de calquera natureza:
- Universidade de Vigo
- Facultade de Medicina
- Instituto Nacional da Saúde
- Academia Galega de Seguridade Pública
- Escola Superior de Arte Dramática de Galicia
- Nos nomes dos premios e nos títulos de libros, publicacións periódicas e producións artísticas de calquera xénero (excepto as partículas monosilábicas como artigos definidos e contraccións de palabras a non ser que figuren no primeiro elemento do título; escríbense con maiúscula inicial os artigos indefinidos e as palabras flexivas):
- Diario de Ferrol
- El Correo Gallego
- Medallas Castelao
- Nos substantivos, adxectivos, pronomes e expresións que representen tratamento cortés ou de reverencia, veñan ou non acompañados doutra palabra a que se liguen directamente, ou cando están ligados a un ou máis nomes propios ou a designativos de categoría, función ou calidade:
- El-Rei
- Ilmo. Sr.
- Súa Alteza
- Día de San Xosé
- A Inmaculada
- En designacións de edificios, construcións arquitectónicas diversas ou calquera designación similar:
- Torre do Reloxo
- Catedral de Santiago de Compostela
- Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas
- Nas designacións de feitos históricos ou acontecementos importantes e de actos ou iniciativas públicas:
- Guerra Civil
- Na puntuación emprégase a maiúscula en comezo de frase, sempre despois de punto e despois de dous puntos (neste caso só se escriben con maiúscula inicial as enumeracións que son frases completas e enunciados independentes).
Maiúsculas en toda a palabra
Utilízanse as maiúsculas en toda a palabra:
- Na palabra sumario que encabeza o índice do DOG (centrado e en negra):
SUMARIO
- Nos títulos das seccións no sumario e na cabeceira (centrado e en negra) que anuncia o comezo da súa sección:
I. DISPOSICIÓNS XERAIS
- Nos nomes das administracións, entidades e empresas que publican a disposición, anuncio ou outro, cando se sitúan no sumario e na cabeceira (en negra) antecedendo ao seu sumario :
- CONSELLERÍA DE FACENDA
- Orde do 30 de decembro de 2010 pola que
- (…)
- Nos encabezamentos e títulos de capítulos de ordes e leis:
Capítulo i
Obxecto e ámbito de aplicación
- Nas palabras que anuncian a parte do texto en que se ditaminan resolucións e ordes (centrado na columna, en cursiva e seguido de dous puntos):
DISPOÑO:
RESOLVE:
- Na palabra anexo cando anuncia o comezo da súa sección (centrado na columna, en cursiva e enumerado en romanos):
ANEXO I
- Nas siglas:
- NRC (número de referencia completo)
- BOE
Referencias
- ↑ Mais: “(…) polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo (…)”.