Acentuación gráfica

De Manual de Estilo DOG

(Diferenzas entre revisións)
(Acentuación gráfica (Introdución))
(Os monosílabos)
Liña 100: Liña 100:
*Tampouco é necesario acento para distinguir o artigo indefinido ''un'' do pronome indefinido ''un'' ou do numeral ''un''.
*Tampouco é necesario acento para distinguir o artigo indefinido ''un'' do pronome indefinido ''un'' ou do numeral ''un''.
 +
 +
<blockquote style="background: white; border: 1px solid #ccccff; padding:0px 10px 0px 10px; text-align:justify">
 +
:::''Deberá presentar <font color="maroon">un</font> certificado de servizos prestados.''<br>
 +
:::''<font color="maroon">Un</font> deles será o que se presente xunto coa solicitude.''<br>
 +
:::''Terá <font color="maroon">un</font>, non dous.''
 +
</blockquote>
== Notas e Referencias ==
== Notas e Referencias ==
<references/>
<references/>

Revisión como estaba o 13 de abril de 2012 ás 12:45

Páxinas principais


Índice

Acentuación gráfica (Introdución)

  • No galego, ao igual ca no castelán, só empregamos un acento, o acento agudo (´). Nunca debe omitirse o acento pois unha palabra pode variar totalmente de significado segundo o leve ou non. Son habituais as parellas de substantivo e forma verbal que se opoñen polo acento:
ánimo/animo
diálogo/dialogo
hábito/habito
exército/exercito
público/publico
  • Tamén se opoñen polo acento o pretérito pluscuamperfecto e o futuro de indicativo dos verbos regulares:
pagara/pagará
(A empresa alegou que xa pagara a liquidación antes da reclamación. / A consellería pagará as subvencións no mes de maio.)
subvencionaran/subvencionarán
(Os organismos que subvencionaran no ano anterior os proxectos presentaron unha memoria. / As consellerías subvencionarán todos os proxectos que se presenten en prazo e que cumpran os requisitos.)
  • Ademais dos anteriores, podemos encontrar outros casos:
área/area
ágora/agora
traía/traia
á/a

Regras xerais de acentuación

A continuación recordaremos as regras xerais de acentuación do galego:

Agudas

  • Levan acento gráfico as palabras agudas polisílabas que rematan en vogal (ventá, esquí); en vogal + n (común, almacén); en vogal + s (ventás, esquís) ou en vogal + ns (comúns, almacéns).
  • Non levan acento gráfico as palabras agudas polisílabas que levan un ditongo decrecente[1] na última sílaba (seguido ou non de –n ou –s): ademais, controis, xudeu, xersei, azuis.
  • Non levan acento gráfico as palabras agudas polisílabas rematadas nunha consoante distinta de –n ou –s (anel, dobrez) nin nun grupo consonántico distinto de –ns (robots, anoraks).
  • Como regra xeral, non levan acento gráfico as palabras monosílabas, excepto se se trata de acento diacrítico. É erro frecuente atopar acento nalgunhas destas palabras, como por exemplo si. Outras palabras monosílabas sen acento son: min, di, sa, ten, bos, man, ben, cen, el, ti.

Graves

  • Acentúanse as palabras graves que rematan nunha consoante distinta de –n ou –s (réptil, réquiem, ítem); nun grupo consonántico que non sexa –ns (cómics, látex, ítems) ou que levan ditongo decrecente na última sílaba (hóckey). Estas últimas son moi pouco frecuentes.
  • Non levan acento gráfico as palabras graves rematadas en vogal ou ditongo crecente (pagamento, premio); en vogal + n (escriben); en vogal + s (lapis) ou en vogal + ns (dolmens).

Esdrúxulas

  • As palabras esdrúxulas sempre levan acento gráfico (lóxico, público). É frecuente a ausencia de acento nestas palabras e nalgúns casos ademais isto pode entorpecer a comprensión do texto ou xerar dúbidas, sobre todo cando a falta de acento converte a palabra noutra:
Será considerado ben de interese *publico > público
*Limites da parcela > Límites
Deberá acreditar ter feito o *deposito de 300 euros > depósito

Sobresdrúxulas

  • As palabras sobresdrúxulas, ao igual ca as esdrúxulas, levan sempre acento gráfico (cámbiaselle).
  • Un dos erros habituais na acentuación destas palabras é colocar o acento noutra sílaba: *notíficaselle en lugar de notifícaselle.
  • Cómpre lembrar que os adverbios rematados en –mente en galego non son palabras sobresdrúxulas senón graves, polo que a diferenza do castelán nunca levan acento gráfico: ultimamente, facilmente, adecuadamente, utilmente, fisicamente.
  • No entanto, no caso de apareceren varios adverbios rematados en -mente coordinados, esta terminación só aparece no derradeiro e os anteriores, se o tiñan, manteñen o seu acento:
cómoda e facilmente
medidas acertadas económica, social e politicamente

Dúbidas en relación coa acentuación

Despois de lembrarmos as regras xerais, pasamos a solucionar algunhas dúbidas que xorden habitualmente en relación coa acentuación.

Os monosílabos

  • As excepcións á regra xeral de non acentuación dos monosílabos corresponden con palabras que deben levar acento diacrítico. O acento diacrítico úsase para distinguir unha palabra doutra que se escribe igual pero que ten outro significado (oso/óso, e/é). A listaxe de palabras con acento diacrítico verémola máis adiante xa que se trata de casos especiais de acentuación.
  • Unha cuestión que debemos ter sempre en conta é que a acentuación diacrítica do galego non coincide co castelán. Isto leva a acentuar, por exemplo, o pronome persoal el ou o adverbio de afirmación e pronome reflexivo si.
  • A forma si en galego non leva acento en ningún caso, a pesar de ser unha forma con varios significados. En castelán a acentuación diacrítica de débese a que conflúe coa conxunción condicional si, pero en galego esta conxunción é se. Os distintos significados no galego distínguense polo contexto e non é necesario acento gráfico.
Se todos din que si non fará falta volver votar.
Gardou para si toda a información.
Composición en si menor.
  • En canto ao pronome persoal el, tampouco leva acento gráfico en galego. En castelán oponse ao artigo el, que en galego é o.
Deberán entregarllo a el e non a ela.
  • Tampouco é necesario acento para distinguir o artigo indefinido un do pronome indefinido un ou do numeral un.
Deberá presentar un certificado de servizos prestados.
Un deles será o que se presente xunto coa solicitude.
Terá un, non dous.

Notas e Referencias

  1. Ditongo decrecente: formado por vogal forte (a, e, o) seguida de vogal débil (i, u) que se articulan na mesma sílaba. Tamén imos considerar que son decrecentes os ditongos formados por dúas vogais débiles (iu, ui). Ditongo crecente: formado por vogal débil (i, u) seguida de vogal forte (a, e, o) que se pronuncian na mesma sílaba. Hiato: encontro de vogais que pertencen a sílabas diferentes.
Ferramentas persoais