Enderezos e teléfonos

De Manual de Estilo DOG

Revisión feita o 22 de marzo de 2013 ás 11:09 por Servizotraducion (Conversa | contribucións)

Páxinas principais


Índice

Enderezos

A estrutura básica dos enderezos consta das seguintes liñas de datos:

1. Identidade do destinatario (nome e apelidos, nome da institución ou empresa, etc.).
2. Tipo (rúa, avenida, praza) e nome da vía, número e, andar, escaleira, etc.; ou ben nome da aldea, número, e parroquia.
3. Código postal, localidade, concello.
4. Provincia.

Non é sempre necesario incluír todos estes datos, mais manterase a orde básica mencionada:

Fundación Illa de San Simón
Praza da Estrela, 9, 4º piso
36201 Vigo
Pontevedra
Residencia de Tempo Libre
Rúa de Cansadoura, 2
36340 Panxón, Nigrán
Pontevedra
Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA)
Morzós, 10, baixo, As Encrobas
15187 Cerceda
A Coruña
Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre
Praderrei, s/n
36119 Campo Lameiro
Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar
Edificio Administrativo de Monelos
Praza de Luis Seoane, s/n
A Coruña

Cando os enderezos aparecen no medio dun texto escribiranse mantendo a mesma secuencia dos exemplos anteriores, pero sen separalos en liñas diferentes e delimitando cada grupo de datos por coma, excepto o código postal e a localidade, que se separan entre si por un espazo.

Lugar de presentación da comunicación: Concello de Cuntis, praza da Constitución, 36670 Cuntis, Pontevedra
Enderezo: Vilanova, Moreira, 36863 Ponteareas, Pontevedra
Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición exerceranse ante o Cixtec (rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela)

O tipo de vía, dado que é un nome xenérico común, irá sen abreviar e en minúscula, a non ser que comece liña ou vaia despois de punto, casos en que se escribirá con maiúscula, conforme as normas ortográficas xerais:

[...] con domicilio para efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña
A documentación pódese consultar na Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela,

A Coruña)

O interesado poderá comparecer nas oficinas do Servizo de Infraestruturas, sitas na rolda da Muralla, 70-1º, baixo, en Lugo
O envío debe ser realizado ao seguinte enderezo:
Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)
Rúa da Vesada, s/n, San Lázaro
15703 Santiago de Compostela
A Coruña

Canto á lingua dos enderezos, se se tratar dun enderezo de Galicia, expresarase en galego cando a lingua do documento sexa esta e en castelán cando sexa o castelán, no que se refire aos xenéricos. Os nomes específicos irán na forma que conste como oficial nese concello.

Galego Castelán
Casa da Cultura
Rúa Raíña Dona Urraca, 12
Salvaterra de Miño
Casa de la Cultura
Calle Raíña Dona Urraca, 12
Salvaterra de Miño
Rúa do Progreso, 32
32003 Ourense
Calle Progreso, 32
32003 Ourense
Estrada de Catabois
Carretera de Catabois
Praza de Galicia
Plaza de Galicia
portais 2 e 3, 2º andar
portales 2 y 3, 2º piso
baixo esquerda
bajo izquierda

Cando se trate de localidades de fóra de Galicia, o enderezo irá na lingua oficial, ou nunha das linguas oficiais, da localidade de destino; neste caso o nome xenérico da vía pode ir en abreviatura e, se se escribe por extenso, irá en maiúscula:

Utilizarase o modelo que se xunta nesta convocatorio dirixido ao seguinte enderezo:
Ministerio de Justicia, Subdirección General de Medios Personales al Servicio de la Administración de Justicia, Sección Concursos, c/San Bernardo, 21, 28015 Madrid.
en Carrer Felipe de Paz, 14, 4º, Barcelona, 08028 Barcelona
en Calle del Coronel Aranda, 7-2º, puerta 13, 33006 Oviedo


↑ Voltar ↑

Enderezos e correos electrónicos

Os enderezos electrónicos (ou URL[1]) poden conter un ou máis puntos, dous puntos e barras laterais e os correos electrónicos[2] un ou máis puntos e unha arroba; conforman unha unidade que é preferible non partir no fin da liña, tampouco deben conter espazos en branco. Exemplos:

http://www.xunta.es
xunta@xunta.es

Nos URL é preferible especificar o tipo de protocolo (http, https, ftp, sftp etc.):

(…) páxina web desta consellería (https://www.edu.xunta.es/substitutoslistas/) (…)
↑ Voltar ↑

Teléfono e fax

Normalmente os números de fax e de teléfono, fixos ou móbiles, están compostos por nove cifras; para facilitar a súa lectura e comprensión recoméndase que se agrupen as tres primeiras cifras e se separen das restantes seis con espazo, e que, á súa vez, estas seis se agrupen de dúas en dúas separadas por outro espazo:

981 99 99 99
606 99 99 99

Caso for preciso indicar a existencia de máis de unha liña, deben separarse con unha barra lateral / e sen espazo entre ambos os números:

981 99 99 99/881 99 99 99

As extensións móstranse entre parénteses após o número de teléfono:

Teléfono: 981 99 99 99 (extensións 9999, 9999).

Os prefixos internacionais indícanse antes do número de teléfono antecedidos do signo + e separados do número de teléfono por un espazo:

+34 981 99 99 99
↑ Voltar ↑

Referencias

  1. URL é o acrónimo de Uniform Resource Locator, localizador uniforme de recursos; utilízase para localizar recursos na internet.
  2. Tanto en galego como en castelán é frecuente utilizar os anglicismos email e e-mail; o seu uso non se recomenda excepto cando for preciso por razóns de espazo. A forma recomendada para ambos os idiomas é correo electrónico.
↑ Voltar ↑

Ferramentas persoais
Xunta de Galicia