Números, datas e horas
De Manual de Estilo DOG
Páxinas principais |
Índice |
Números cardinais
Os números cardinais pódense escribir con algarismos (cifras) ou en letra (por exemplo, 60 ou sesenta). A clareza e a concisión aconsellan escribilos da primeira forma, por iso a regra xeral para o tipo de textos que manexamos é que se deben escribir, en xeral, con algarismos.
Pódense escribir con letra nos seguintes casos:
• Números de menos de tres palabras no medio dun texto non técnico e cos cales non se vaian facer operacións.
- Ao cabo de cinco anos houbo que facer reformas
• Números de máis de tres palabras , xunto cos algarismos e entre parénteses, en cantidades monetarias.
- 1 345 EUR (mil trescentos corenta e cinco euros)
• A palabra millóns pódese escribir en letra cando se trata de cantidades aproximadas. Se son cantidades exactas escríbense en algarismos e suprímese a preposición de antes do nome da unidade:
50 millóns de habitantes 8 590 642 euros
• As medidas de calquera clase de magnitude ou cantidades de calquera cousa (tempo, distancia, extensión etc.) cando van seguidas do nome da unidade, pódense escribir en letra, pero non cando van seguidas do símbolo ou da abreviatura desa mesma unidade; así, é incorrecta a secuencia sesenta km.
Seguidas do nome da unidade | Seguidas do símbolo |
---|---|
sesenta quilómetros, 60 quilómetros | 60 km |
tres quilos, 3 quilos | 3 kg |
sete por centro, 7 por centro | 7 % |
cinco horas, 5 horas | 5 h |
• O día do mes e o ano nas datas dalgúns documentos, como os decretos.
- tres de maio de dous mil doce
• Cando forman parte de topónimos e nomes de rúas.
- Sete Camiños; Dúas Igrexas; rúa Vinte e Cinco de Xullo;
- barrio do Vinte e Un