Normas xerais de todos os textos

De Manual de Estilo DOG

Revisión feita o 9 de decembro de 2021 ás 11:57 por Dogadmin (Conversa | contribucións)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)

Páxinas principais

Índice

Contido desta sección

Recollemos aquí unha serie de pautas de estilo, no tocante a aspectos formais, que se aplicarán na edición do DOG. Mais tamén serían aplicables a outros documentos ou publicacións institucionais.

Os formatos fixados refírense ao produto final, é dicir, aos textos na súa fase de publicación, aínda que moitas desas normas de estilo poden ser aplicadas polos emisores publicadores xa na fase previa de redacción dos orixinais.

↑ Voltar ↑

Formato electrónico

  • Os documentos de texto que se envíen para publicar no DOG realizaranse en formatos compatibles con Microsoft Word de Office 2010, coas extensións .doc ou .docx. As táboas e relacións poderán ter a extensión .xls (Microsoft Excel).
  • En todo caso, os documentos deberán ser sempre enviados en formatos editables e convertibles para a edición.
  • Só se admitirán imaxes excepcionalmente, as cales se reproducirán no DOG tal e como foron enviadas. Nestes casos, é inescusable que o organismo responsable da súa elaboración vele pola corrección lingüística dos textos que tales imaxes poidan conter (en cuestións xerais de lingua e noutras como a toponimia). De non ser así, os textos remitidos ao DOG poderán ser devoltos para a súa debida corrección.

  • Cando no texto se introduzan enlaces de acceso a páxinas web, cómpre asegurarse de que efectivamente redirixen o/a usuario/a á páxina que se indica (por exemplo, para cubrir un formulario).
↑ Voltar ↑

Tipo de letra, interliñado e xustificación

  • Nos documentos que se envíen ao DOG utilizarase o tipo de letra Xunta Sans, de tamaño 11; cun interliñado de 1,5 liñas e xustificación completa.
  • Só en casos xustificados se poderá facer excepción ás normas anteriores.
↑ Voltar ↑

Letra maiúscula

Respecto do uso da maiúscula en inicial de palabra, véxase o punto correspondente das normas lingüísticas ( Uso de minúsculas e maiúsculas nas Normas de estilo e redacción).

En canto ao emprego noutros contextos, é importante ter en conta:

  • Expresaranse con todos os caracteres en maiúscula:
  • A primeira palabra do sumario dos documentos: ORDE do 10 de xuño de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras...; RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2011 pola que se lles da publicidade ás axudas; ANUNCIO de información pública etc.
  • Nos acrónimos só se expresará en maiúscula a primeira letra: Inega, Sergas, Seaga etc. Para máis detalles, véxase o capítulo correspondente á abreviación.
  • Excepcionalmente, palabras que aparezan deste xeito en formularios.
  • Non se admite o emprego da maiúscula en todas as letras de palabras e sintagmas fóra dos casos anteriores, como sucede con moita frecuencia en edictos de xulgados, en que aparecen deste xeito os nomes e apelidos das persoas citadas.
  • Nas táboas admitirase transitoriamente o emprego de caracteres maiúsculos en nomes, apelidos, enderezos etc. se, por razóns de prazos, non se poden transformar a minúsculas. Con todo, deberase tender ao uso da minúscula, con carácter xeral, nas táboas. Ademais, cómpre ter en conta que a norma lingüística obriga a acentuar tamén as letras maiúsculas.
↑ Voltar ↑

Letra cursiva

Expresaranse en cursiva:

  • O sumario completo das disposicións e anuncios. Neste caso poranse en redonda aquelas expresións que, nun texto redactado en redonda, deban ir en cursiva.
  • O título dos artigos dunha disposición normativa.
  • Os nomes dos boletíns oficiais e das publicacións periódicas: Diario Oficial de Galicia, Boletín Oficial del Estado, La Vanguardia etc. Nos boletíns oficiais das provincias só se expresan en cursiva (e en maiúsculas inicial) as palabras Boletín Oficial: Boletín Oficial da provincia de Lugo, Boletín Oficial da provincia da Coruña...
  • Os nomes científicos de animais e vexetais: Canis lupus; Pinus pinaster...
  • Os títulos de obras literarias e de arte en xeral: Longa noite de pedra; Pranto pola muller caída...
  • As denominacións dos congresos, cumios, xornadas, cursos, seminarios, simposios etc.: RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2011 pola que se convoca o Curso superior de técnico de urbanismo 2013.
Nestas denominacións utilizarase a letra maiúscula segundo se establece nesta epígrafe.
Se a denominación dos eventos indicados é xenérica (precedida, xeralmente, dun artigo indeterminado) e encaixa facilmente no texto xeral (precedida de expresións do tipo sobre), expresaranse en minúscula e sen cursiva: RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2011 pola que se convoca un curso sobre intervención policial con menores.
Observación: Cómpre ter en conta que esta pauta non se pode aplicar aos sumarios do DOG, por non permitir o programa de maquetación o emprego da cursiva.
Caso de o texto non permitir o emprego da cursiva, utilizaranse as comiñas como alternativa: A EGAP convocou para o vindeiro ano o «Curso superior de técnico de urbanismo 2013».
  • Os nomes propios de aeronaves, naves, armas, ciclóns etc.: o buque Prestige, o ciclón Claus... Nesta epígrafe incluímos tamén as denominacións de bateas e permisos mineiros, que aparecen con moita frecuencia no DOG: autorización para transmisión da concesión da batea Farruquiña; explotación da concesión mineira A Farixa etc.
  • As voces e locucións latinas: a fortiori, ab initio, erga omnes... Con todo, expresaranse en redonda aquelas locucións que xa estean moi consolidadas, tanto en galego coma en castelán: per cápita, déficit, currículum vítae etc.
  • As palabras non galegas, en textos en galego, ou non castelás, en textos neste idioma, cando non estean aínda asimiladas: background, clearing, lobby... Pero expresaranse en redonda aquelas que xa estean integradas: club, estándar, interfaz etc.

Non se escribirán en cursiva:

  • Os nomes de institucións, centros de ensino, empresas e edificios: o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; o IES Rosalía de Castro; o CEIP Curros Enríquez; a empresa Alimentos Cruz del Sur, S.A. etc.
  • Os títulos de obras normativas ou legais: o Código civil, a Lei de axuizamento criminal, a Lei orgánica do Tribunal Constitucional ...

Nas epígrafes referidas a sumario, artigos, seccións e subseccións aparecen referencias máis detalladas sobre a utilización da letra cursiva.

↑ Voltar ↑

Letra negra ou grosa

Escríbense en letra negra ou grosa:

  • Os encabezamentos dos títulos, capítulos e anexos.
  • Excepcionalmente, certas expresións en formularios que poidan utilizala para destacar algún contido.

Nas epígrafes referidas a cabeceira, títulos, capítulos e anexos aparecen referencias máis concretas sobre o emprego da letra negra.

↑ Voltar ↑

Letra versaleta

A letra versaleta non se emprega nos textos que se publican no DOG, aínda que, excepcionalmente, se permite o seu uso en documentos anexos que conteñan este formato e nas citas de textos antigos do DOG en que poida aparecer.


↑ Voltar ↑
Ferramentas persoais