O idioma: Norma, morfoloxía e sintaxe

De Manual de Estilo DOG

Revisión feita o 22 de febreiro de 2011 ás 15:08 por Dogadmin (Conversa | contribucións)

Páxinas principais

Índice

O galego

Os textos redactados en galego deberán respectar as últimas normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega (RAG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG). Poderán existir excepcións caso for preciso mencionar entidades ou facer citacións de fontes cuxo idioma orixinal sexa diferente do galego ou que sigan outras normas da lingua galega e así o requira o contexto.

O texto aprobado pola Real Academia Galega na sesión plenaria do día 12 de xullo de 2003 posibilitou a escolla entre diferentes opcións en varios dos seus puntos. Para a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) é aconsellable a utilización das seguintes formas:

  1. ao para a contracción a+o[1],
  2. terminación -ble (aceptable, accesible etc.),
  3. terminación -aría (panadería, enxeñaría etc.),
  4. formas con -x-x- (exaxeración, exaxerar etc.),
  5. preposición ata,
  6. a segunda forma do artigo só se utilizará nos casos en que é de uso obrigatorio (polo),
  7. preferirase a forma desde sobre dende,
  8. darase preferencia á forma pór e ás súas formas derivadas: antepor, apor, compor, contrapor, depor, descompor, dispor, expor, impor, indispor, opor, predispor, presupor, propor, repor, recompor, supor, superpor, traspor, xustapor,
  9. nas estruturas comparativas utilizarase exclusivamente a forma que + artigo (máis que na actualidade, maior que no turismo en xeral),
  10. para os nomes dos días utilizaranse as seguintes denominacións: luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo. As formas segunda feira, terza feira, cuarta/corta feira, quinta feira e sexta feira só se utilizarán cando se transcriban partes de textos que as empreguen.

Estas recomendacións xustifícanse principalmente para garantir a coherencia interna das publicacións do DOG. Caso se opte por algunha das opcións non aconselladas, debe procurarse garantir sempre a coherencia nos usos dentro dun mesmo texto ou publicación.

O castelán

Os textos redactados en castelán deberán respectar as últimas normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Español (RAE). Poderán existir excepcións caso for preciso mencionar entidades ou facer citacións de fontes cuxo idioma orixinal sexa diferente do castelán ou que sigan outras variantes da lingua castelá e así o requira o contexto.

Referencias

  1. Sobre este e os seguintes casos véxanse, respectivamente, as páxinas 66, 44, 52, 33, 123 e 65 de: REAL ACADEMIA GALEGA-INSTITUTO DA LINGUA GALEGA (2003): Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Ferramentas persoais