Signos de puntuación

De Manual de Estilo DOG

Revisión feita o 25 de marzo de 2013 ás 08:28 por Servizotraducion (Conversa | contribucións)

Páxinas principais


Índice

Introdución

A lingua escrita exixe o emprego de signos ortográficos e, entre eles, están os signos de puntuación. Unha correcta puntuación axuda a interpretar ben o texto e a captar a intención comunicativa da mensaxe. Polo tanto, puntuar ben un texto é imprescindible para que este se poida comprender adecuadamente.

A linguaxe administrativa tendeu a abusar dos períodos longos que dificultaban a comprensión e combinou isto cunha puntuación inadecuada. O realmente importante é respectar o contido, pero buscaremos sempre a forma máis axeitada e simple de redacción, que require normalmente que utilicemos períodos curtos e ben delimitados. Ademais, a presenza ou ausencia dos signos de puntuación pode ter repercusións no sentido da mensaxe.

Existe unha crenza errónea e moi estendida de que a función principal da puntuación nun texto escrito é sinalar os lugares onde deben ou adoitan facerse pausas para respirar. Esta é unha das razóns que se empregan para xustificar, por exemplo, o uso dunha coma entre o suxeito e o verbo. Aínda que poida haber coincidencia entre a localización destes signos e as pausas que realiza o lector, cómpre aclarar que a función principal da puntuación, sobre todo dos signos básicos (coma, punto, punto e coma e dous puntos), non é marcar as pausas para respirar, senón establecer límites sintácticos, marcar pautas para a lectura adecuada dun texto e facilitar, en consecuencia, a súa correcta interpretación.

Ademais dos signos básicos de puntuación (coma, punto, punto e coma e dous puntos), temos os chamados signos de inserción, denominados así porque insiren outro elemento do discurso: as parénteses [()] os corchetes ([]), a raia (—). Estes son signos dobres.

Falaremos, así mesmo, dos puntos suspensivos e dos signos de interrogación e admiración.

Algúns dos signos que imos tratar nesta epígrafe poden ter outras funcións diferentes da distribución da información no texto. É o caso da coma, do punto e das parénteses.


↑ Voltar ↑

Regras xerais para puntual un texto

  • Empregar frases breves e de sintaxe sinxela.
A oración ou enunciado é a unidade de comunicación que posúe sentido completo e que remata con punto. Na linguaxe administrativa utilízanse con frecuencia oracións moi longas e complexas que se prolongan de forma innecesaria mediante o emprego de incisos e perífrases, de expresións redundantes, de locucións que nada achegan ou de secuencias que significan o mesmo. Como resultado, prodúcense enunciados excesivamente longos e dificilmente comprensibles. Cómpre empregar frases curtas e cunha sintaxe máis sinxela.


Incorrecto Correcto
O prazo para a presentación das solicitudes antes mencionadas será dun mes. Este mes contarase a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entendéndose como último día do prazo o día correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.


  • Non acumular incisos.
Non se deben empregar moitos incisos xa que isto dificulta a delimitación da oración principal e, en consecuencia, a interpretación do fragmento ao se interromper a linearidade da lectura. Un modo de facilitar a comprensión destes fragmentos é delimitar unidades oracionais máis pequenas mediante o uso de puntos e seguido.


Incorrecto Correcto
Transcorrido este prazo, e unha vez avaliados os documentos engadidos, publicaranse as listaxes provisionais de seleccionados e suplentes, ordenados por puntuación por cada un dos cursos e asignándolles a contía provisional correspondente da achega familiar, que poderá variar nas listaxes definitivas debido ás reclamacións a estas listaxes, que se exporán co mesmo procedemento indicado no punto 1.
Transcorrido este prazo, e unha vez avaliados os documentos engadidos, publicaranse as listaxes provisionais de seleccionados e suplentes. Ordenaranse por puntuación por cada un dos cursos e asignaráselles a contía provisional correspondente da achega familiar, que poderá variar nas listaxes definitivas debido ás reclamacións. Despois exporanse co mesmo procedemento indicado no punto 1.


  • Non acumular coordinacións.
Ante a presenza de parágrafos longos cheos de coordinacións, unha das intervencións máis convenientes é a segmentación con puntos. Nada é tan claro e intelixible como os períodos breves. A división debe efectuarse con coidado para non perder información e explicitude. É preferible sempre dividir, aínda que para iso haxa que repetir expresións que faciliten o enlace co que precede e co que segue.


Incorrecto Correcto
A acción humanitaria incluirá non só a axuda proporcionada con carácter de urxencia ás vítimas dos desastres, tanto os desencadeados por catástrofes naturais como por conflitos armados, ou que se leve a cabo mediante operacións prolongadas para a poboación refuxiada e desprazada, senón aquela que se dirixa á protección das vítimas e dos seus dereitos fundamentais en toda a súa extensión mediante actuacións tales como a defensa dos dereitos humanos, o testemuño, a denuncia e o acompañamento.
A acción humanitaria incluirá a axuda proporcionada con carácter de urxencia ás vítimas dos desastres, tanto os desencadeados por catástrofes naturais como por conflitos armados, ou que se leve a cabo mediante operacións prolongadas para a poboación refuxiada e desprazada. Tamén incluirá aquela que se dirixa á protección das vítimas e dos seus dereitos fundamentais en toda a súa extensión, mediante actuacións tales como a defensa dos dereitos humanos, o testemuño, a denuncia e o acompañamento.
Tamén se prevé que a Administración da Comunidade fomente a participación do seu persoal para a colaboración en accións, proxectos e programas de cooperación e axuda humanitaria e se regula a posibilidade de solicitar a colaboración e de contratar persoas físicas ou xurídicas especializadas, provenientes do sector privado ou doutras institucións, baixo a normativa propia da contratación pública.
Tamén se prevé que a Administración da Comunidade fomente a participación do seu persoal para a colaboración en accións, proxectos e programas de cooperación e axuda humanitaria. Así mesmo, regúlase a posibilidade de solicitar a colaboración e de contratar persoas físicas ou xurídicas especializadas, provenientes do sector privado ou doutras institucións, baixo a normativa propia da contratación pública.



  • Non abusar das oracións subordinadas.
Non se debe realizar unha concatenación excesiva de frases subordinadas. Esta práctica xera dificultades de comprensión, ambigüidades e posibles dobres interpretacións. Para evitar isto hai que segmentar tamén a oración en varias oracións independentes.


Incorrecto Correcto
As solicitudes presentadas, as cales serán valoradas pola comisión creada para o efecto, que serán publicadas e contras as que se poderá reclamar, presentaranse no prazo establecido no punto anterior.
As solicitudes presentaranse no prazo establecido no punto anterior e serán valoradas pola comisión creada para o efecto. Serán publicadas e contra elas poderase reclamar.



  • Establecer pausas.

Un elemento que intervén na complexidade dos parágrafos é a falta de pausas, o que nos leva a ler parágrafos moi longos e esquecernos do inicio. As pausas establécense a través de todos os signos de puntuación, non só dos puntos ou comas.


Incorrecto Correcto
Establecerase de conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 30/1992 do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na disposición adicional do Decreto 37/2006 do 2 de marzo, modificado polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro e demais normas aplicables.
Establecerase de conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; na disposición adicional do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, modificado polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, e demais normas aplicables.
O Acordo do 11 de marzo de 2013 entre a Consellería de Facenda e a Consellería do Medio Rural e do Mar publicado no DOG núm. 58 do venres 22 de marzo, encomenda a xestión de determinadas materias relacionadas coas listas de contratación temporal de persoal laboral á Consellería do Medio Rural e do Mar.
O Acordo do 11 de marzo de 2013 entre a Consellería de Facenda e a Consellería do Medio Rural e do Mar (publicado no DOG núm. 58, do venres 22 de marzo) encomenda a xestión de determinadas materias relacionadas coas listas de contratación temporal de persoal laboral á Consellería do Medio Rural e do Mar.



  • Non abusar da repetición de elementos gramaticais.
A repetición de elementos gramaticais é a que máis dana a recta interpretación. Ocorre a miúdo co relativo e a conxunción que. O seu abuso provoca falta de claridade e lectura dificultosa.


Incorrecto Correcto
Por outra banda, tamén se debe ter en conta a cláusula de supletoriedade do dereito estatal a que alude o artigo 149.3 CE, que deu lugar a unha importante doutrina do Tribunal Constitucional que desmente a pretensión de aplicación supletoria do Regulamento estatal.
Por outra banda, tamén se debe ter en conta a cláusula de supletoriedade do dereito estatal a que alude o artigo 149.3 CE. Esta deu lugar a unha importante doutrina do Tribunal Constitucional que desmente a pretensión de aplicación supletoria do Regulamento estatal.


↑ Voltar ↑

== Grafía dos signos de puntuación e inserción ==

Ferramentas persoais
Xunta de Galicia