Signos de puntuación

De Manual de Estilo DOG

Revisión feita o 26 de marzo de 2013 ás 12:10 por Servizotraducion (Conversa | contribucións)

Páxinas principais


Índice

Introdución

A lingua escrita exixe o emprego de signos ortográficos e, entre eles, están os signos de puntuación. Unha correcta puntuación axuda a interpretar ben o texto e a captar a intención comunicativa da mensaxe. Polo tanto, puntuar ben un texto é imprescindible para que este se poida comprender adecuadamente.

A linguaxe administrativa tendeu a abusar dos períodos longos que dificultaban a comprensión e combinou isto cunha puntuación inadecuada. O realmente importante é respectar o contido, pero buscaremos sempre a forma máis axeitada e simple de redacción, que require normalmente que utilicemos períodos curtos e ben delimitados. Ademais, a presenza ou ausencia dos signos de puntuación pode ter repercusións no sentido da mensaxe.

Existe unha crenza errónea e moi estendida de que a función principal da puntuación nun texto escrito é sinalar os lugares onde deben ou adoitan facerse pausas para respirar. Esta é unha das razóns que se empregan para xustificar, por exemplo, o uso dunha coma entre o suxeito e o verbo. Aínda que poida haber coincidencia entre a localización destes signos e as pausas que realiza o lector, cómpre aclarar que a función principal da puntuación, sobre todo dos signos básicos (coma, punto, punto e coma e dous puntos), non é marcar as pausas para respirar, senón establecer límites sintácticos, marcar pautas para a lectura adecuada dun texto e facilitar, en consecuencia, a súa correcta interpretación.

Ademais dos signos básicos de puntuación (coma, punto, punto e coma e dous puntos), temos os chamados signos de inserción, denominados así porque insiren outro elemento do discurso: as parénteses [()] os corchetes ([]), a raia (—). Estes son signos dobres.

Falaremos, así mesmo, dos puntos suspensivos e dos signos de interrogación e admiración.

Algúns dos signos que imos tratar nesta epígrafe poden ter outras funcións diferentes da distribución da información no texto. É o caso da coma, do punto e das parénteses.


↑ Voltar ↑

Regras xerais para puntual un texto

  • Empregar frases breves e de sintaxe sinxela.
A oración ou enunciado é a unidade de comunicación que posúe sentido completo e que remata con punto. Na linguaxe administrativa utilízanse con frecuencia oracións moi longas e complexas que se prolongan de forma innecesaria mediante o emprego de incisos e perífrases, de expresións redundantes, de locucións que nada achegan ou de secuencias que significan o mesmo. Como resultado, prodúcense enunciados excesivamente longos e dificilmente comprensibles. Cómpre empregar frases curtas e cunha sintaxe máis sinxela.


Incorrecto Correcto
O prazo para a presentación das solicitudes antes mencionadas será dun mes. Este mes contarase a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entendéndose como último día do prazo o día correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.


  • Non acumular incisos.
Non se deben empregar moitos incisos xa que isto dificulta a delimitación da oración principal e, en consecuencia, a interpretación do fragmento ao se interromper a linearidade da lectura. Un modo de facilitar a comprensión destes fragmentos é delimitar unidades oracionais máis pequenas mediante o uso de puntos e seguido.


Incorrecto Correcto
Transcorrido este prazo, e unha vez avaliados os documentos engadidos, publicaranse as listaxes provisionais de seleccionados e suplentes, ordenados por puntuación por cada un dos cursos e asignándolles a contía provisional correspondente da achega familiar, que poderá variar nas listaxes definitivas debido ás reclamacións a estas listaxes, que se exporán co mesmo procedemento indicado no punto 1.
Transcorrido este prazo, e unha vez avaliados os documentos engadidos, publicaranse as listaxes provisionais de seleccionados e suplentes. Ordenaranse por puntuación por cada un dos cursos e asignaráselles a contía provisional correspondente da achega familiar, que poderá variar nas listaxes definitivas debido ás reclamacións. Despois exporanse co mesmo procedemento indicado no punto 1.


  • Non acumular coordinacións.
Ante a presenza de parágrafos longos cheos de coordinacións, unha das intervencións máis convenientes é a segmentación con puntos. Nada é tan claro e intelixible como os períodos breves. A división debe efectuarse con coidado para non perder información e explicitude. É preferible sempre dividir, aínda que para iso haxa que repetir expresións que faciliten o enlace co que precede e co que segue.


Incorrecto Correcto
A acción humanitaria incluirá non só a axuda proporcionada con carácter de urxencia ás vítimas dos desastres, tanto os desencadeados por catástrofes naturais como por conflitos armados, ou que se leve a cabo mediante operacións prolongadas para a poboación refuxiada e desprazada, senón aquela que se dirixa á protección das vítimas e dos seus dereitos fundamentais en toda a súa extensión mediante actuacións tales como a defensa dos dereitos humanos, o testemuño, a denuncia e o acompañamento.
A acción humanitaria incluirá a axuda proporcionada con carácter de urxencia ás vítimas dos desastres, tanto os desencadeados por catástrofes naturais como por conflitos armados, ou que se leve a cabo mediante operacións prolongadas para a poboación refuxiada e desprazada. Tamén incluirá aquela que se dirixa á protección das vítimas e dos seus dereitos fundamentais en toda a súa extensión, mediante actuacións tales como a defensa dos dereitos humanos, o testemuño, a denuncia e o acompañamento.
Tamén se prevé que a Administración da Comunidade fomente a participación do seu persoal para a colaboración en accións, proxectos e programas de cooperación e axuda humanitaria e se regula a posibilidade de solicitar a colaboración e de contratar persoas físicas ou xurídicas especializadas, provenientes do sector privado ou doutras institucións, baixo a normativa propia da contratación pública.
Tamén se prevé que a Administración da Comunidade fomente a participación do seu persoal para a colaboración en accións, proxectos e programas de cooperación e axuda humanitaria. Así mesmo, regúlase a posibilidade de solicitar a colaboración e de contratar persoas físicas ou xurídicas especializadas, provenientes do sector privado ou doutras institucións, baixo a normativa propia da contratación pública.


  • Non abusar das oracións subordinadas.
Non se debe realizar unha concatenación excesiva de frases subordinadas. Esta práctica xera dificultades de comprensión, ambigüidades e posibles dobres interpretacións. Para evitar isto hai que segmentar tamén a oración en varias oracións independentes.


Incorrecto Correcto
As solicitudes presentadas, as cales serán valoradas pola comisión creada para o efecto, que serán publicadas e contras as que se poderá reclamar, presentaranse no prazo establecido no punto anterior.
As solicitudes presentaranse no prazo establecido no punto anterior e serán valoradas pola comisión creada para o efecto. Serán publicadas e contra elas poderase reclamar.


  • Establecer pausas.

Un elemento que intervén na complexidade dos parágrafos é a falta de pausas, o que nos leva a ler parágrafos moi longos e esquecernos do inicio. As pausas establécense a través de todos os signos de puntuación, non só dos puntos ou comas.


Incorrecto Correcto
Establecerase de conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 30/1992 do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na disposición adicional do Decreto 37/2006 do 2 de marzo, modificado polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro e demais normas aplicables.
Establecerase de conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; na disposición adicional do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, modificado polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, e demais normas aplicables.
O Acordo do 11 de marzo de 2013 entre a Consellería de Facenda e a Consellería do Medio Rural e do Mar publicado no DOG núm. 58 do venres 22 de marzo, encomenda a xestión de determinadas materias relacionadas coas listas de contratación temporal de persoal laboral á Consellería do Medio Rural e do Mar.
O Acordo do 11 de marzo de 2013 entre a Consellería de Facenda e a Consellería do Medio Rural e do Mar (publicado no DOG núm. 58, do venres 22 de marzo) encomenda a xestión de determinadas materias relacionadas coas listas de contratación temporal de persoal laboral á Consellería do Medio Rural e do Mar.


  • Non abusar da repetición de elementos gramaticais.
A repetición de elementos gramaticais é a que máis dana a recta interpretación. Ocorre a miúdo co relativo e a conxunción que. O seu abuso provoca falta de claridade e lectura dificultosa.


Incorrecto Correcto
Por outra banda, tamén se debe ter en conta a cláusula de supletoriedade do dereito estatal a que alude o artigo 149.3 CE, que deu lugar a unha importante doutrina do Tribunal Constitucional que desmente a pretensión de aplicación supletoria do Regulamento estatal.
Por outra banda, tamén se debe ter en conta a cláusula de supletoriedade do dereito estatal a que alude o artigo 149.3 CE. Esta deu lugar a unha importante doutrina do Tribunal Constitucional que desmente a pretensión de aplicación supletoria do Regulamento estatal.
↑ Voltar ↑

Grafía dos signos de puntuación e inserción

  • Os signos simples escríbense pegados á palabra que preceden e sepáranse da seguinte deixando un espazo en branco. O erro adoita darse coa coma, aínda que non exclusivamente.


Incorrecto Correcto
Lei 30/1992 , do 26 de novembro , de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común
Rúa Varsovia , 6
Rúa Varsovia, 6
Tipo de contrato : mixto
Tipo de contrato: mixto


  • Os signos dobres colócanse da seguinte forma: para o primeiro debemos deixar un espazo entre a palabra precedente e o signo; despois deste, sen deixar espazo ningún, debemos comezar a escribir ata chegar, sen que haxa espazo, ao signo que pecha o período. E cómpre deixar un espazo en branco despois do signo se a seguir vai unha palabra e non outro signo.


Incorrecto Correcto
O gando nesta comarca non é rendible segundo opinión do departamento de Economía .
O gando nesta comarca non é rendible segundo opinión do

departamento de Economía.

Importe total: 164.463,44 ( incluído o IVE
Importe total: 164.463,44 (incluído o IVE)
Resolución do 14 de marzo de 2005 (DOG do 8 de abril)pola que se fai pública a adxudicación dun contrato administrativo de consultoría e asistencia.
Resolución do 14 de marzo de 2005 (DOG do 8 de abril) pola que se fai pública a adxudicación dun contrato administrativo de consultoría e asistencia.


  • Nunca se deben poñer dous puntos seguidos.


Incorrecto Correcto
Iso aconteceu no mes de abril..
Iso aconteceu no mes de abril.


  • O punto que marca o final dunha oración desaparece ante os puntos suspensivos, o signo de admiración e o de interrogación.


Incorrecto Correcto
Nas fragas do Courel abundan os carballos, os castiñeiros, as faias... .
Nas fragas do Courel abundan os carballos, os castiñeiros, as faias...
Difundiron a campaña E logo!.
Difundiron a campaña E logo!
Solicitou vostede a subvención o ano pasado?.
Solicitou vostede a subvención o ano pasado?


  • O punto que se xunta ás abreviaturas desaparece cando se indica o final dunha oración.


Incorrecto Correcto
Presentarase a documentación complementaria que se considere precisa: documentos acreditativos, informes etc..
Presentarase a documentación complementaria que se considere precisa: documentos acreditativos, informes etc.


  • Cando a raia coincide no texto co punto, mantéñense os dous signos. Acontece o mesmo se a raia se une aos signos de interrogación e exclamación.


Incorrecto Correcto
O gando nesta comarca non é rendible segundo opinión do departamento de economía.
O gando nesta comarca non é rendible segundo opinión do departamento de economíaz.
No piso había indicios de estar ocupado quen viviría entón alí?
No piso había indicios de estar ocupado, quen viviría entón alí? —


  • A coma (,) non se debe usar antes dos puntos suspensivos, aínda que o seu uso pode darse despois deles.


Incorrecto Correcto
Cubriu todas as epígrafes: datos persoais, datos profesionais,... só falta asinar a solicitude.
Cubriu todas as epígrafes: datos persoais, datos profesionais..., só falta asinar a solicitude.


  • Xeralmente non se grafa punto, coma, punto e coma nin dous puntos antes ou despois de parénteses, excepto que estes signos sexan necesarios seguindo as regras xerais de puntuación.


Incorrecto Correcto
Tivo dous traballos, aínda que nunca lle gustaron. (Repartidor e ebanista.)
Tivo dous traballos, aínda que nunca lle gustaron (repartidor e ebanista).
O Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG do 29 de xullo) de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, na sección segunda do capítulo VI regula a provisión de determinados postos de xefatura e coordinación
O Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, na sección segunda do capítulo VI regula a provisión de determinados postos de xefatura e coordinación
...termo municipal do Vicedo , (Lugo)...
...termo municipal do Vicedo (Lugo)...
No Edicto 232/2012, (publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 225, do 26 de novembro de 2012) estímase a demanda contra a empresa.

No Edicto 232/2012 (publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 225, do 26 de novembro de 2012); estímase a demanda contra a empresa.

No Edicto 232/2012 (publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 225, do 26 de novembro de 2012) estímase a demanda contra a empresa.
Definitiva: 5 % do importe de adxudicación, (IVE excluído.).
Definitiva: 5 % do importe de adxudicación (IVE excluído).
...dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo. (Expediente 25/2010.)
...dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo (expediente 25/2010).


  • Antes de comiñas, dos signos de interrogación e exclamación e da raia tampouco se debe usar ningún outro signo de puntuación, excepto que corresponda segundo as regras xerais de puntuación.


Incorrecto Correcto
O capítulo I titúlase, «Disposicións xerais»
O capítulo I titúlase «Disposicións xerais»
O capítulo I «Disposicións xerais»,...
O capítulo I, «Disposicións xerais»,...
A lei presenta unha estrutura moi clara, –segundo o relator— xa que cada capítulo se corresponde coas funcións de cada órgano.
A lei presenta unha estrutura moi clara –segundo o relator— xa que cada capítulo se corresponde coas funcións de cada órgano.


Para rematar, cómpre lembrar que o espazo entre palabras debe ser só un. É habitual encontrar textos con espazos de máis:

*Tipo de contrato : contrato de subministración.
↑ Voltar ↑

Particularidades tipográficas

Cando un termo apareza en cursiva ou en negra, a puntuación que o acompaña (punto, coma, punto e coma, parénteses, corchetes...) irá en xeral en redonda. Grafarase en cursiva ou negra se todo o texto que vai arredor tamén vai nese tipo de letra.


En redonda En cursiva
De acordo coas disposicións citadas (véxase o artigo 14 bis), entenderase por ...
De acordo coas disposicións citadas (véxase o artigo 14 bis), entenderase por ...
En redonda En negra
O artigo 58 do regulamento (véxase o DO L 23, do 3.4.1975)
TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA
(SALA DO SOCIAL)


↑ Voltar ↑

Regras xerais de uso dos signos de puntuación e inserción

A continuación incluímos unha listaxe de todos os signos de puntuación e de inserción que desenvolveremos:

Coma
Punto
Punto e coma
Dous puntos
Puntos suspensivos
Signos de interrogación e de exclamación
Corchetes
Parénteses
Raia

Coma

É o signo de puntuación máis complexo, pero tamén o que se utiliza máis. Unhas veces ten un uso sintacticamente obrigatorio e outras é mais subxectivo e arbitrario, é dicir, depende do estilo de quen redacta.
Os erros que se producen poden ser tanto pola elisión deste signo como por utilizar comas innecesarias debido á inseguridade á hora de puntuar os textos.


Incorrecto Correcto
Pon en risco, non só a situación financeira, senón a sustentabilidade...
Pon en risco non só a situación financeira senón a sustentabilidade...
Tanto no medio rural, como nas cidades
Tanto no medio rural como nas cidades


Indicamos a continuación os casos principais de uso da coma.

  • Nas datas, para separalas dos nomes de lugar, e nos enderezos, para separar o nome da vía do resto da información (número de portal, de piso, código postal etc.):
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2010
Avda. Fernández Ladreda, 43, 4º

Non obstante, non se utiliza a coma (nin tampouco guión nin raia) para separar o código postal do nome da localidade:

15706 Santiago de Compostela
  • Nas listas de nomes de persoa, para separar os apelidos do nome, e nas listas de topónimos, para separar o artigo do substantivo:
Camiña Leiro, Iván
Grove, O
  • Nomes de empresas:

Emprégase coma antes da abreviatura do tipo de sociedade: anónima, limitada ou doutro tipo (S.A., S.L., S.C.)

Frigoríficos Berbés, S.A.
Policlínico Bergantiños, S.A.
Asistencia no Fogar, S.L.
Os Regos Promocións, S.L.
Xermolo, S.C.
Tenrura, S.C.

No caso de que polas regras habituais de puntuación corresponda coma despois da abreviatura do tipo de sociedade, esta non se omitirá:

A empresa Sigre Medicamento e Medio Ambiente, S.L., en calidade de adxudicataria, deberá constituír a garantía definitiva que corresponda.
  • Citas de normativa:

Nas leis e outras normas a data sepárase con comas:

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar.

A norma publicouse no Diario Oficial de Galicia número 44, do 2 de marzo de 2012.

Gráfase ademais entre comas a denominación das normas para delimitar o seu nome concreto:


Incorrecto Correcto
A Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia supón un avance no eido da conciliación da vida laboral e familiar.
A Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, supón un avance no eido da conciliación da vida laboral e familiar.
O Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda outorga á Dirección Xeral de Tributos, entre outras funcións: a dirección, impulso, planificación, coordinación, control e execución da xestión, inspección e revisión dos tributos cedidos.
O Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, outorga á Dirección Xeral de Tributos, entre outras funcións, a dirección, impulso, planificación, coordinación, control e execución da xestión, inspección e revisión dos tributos cedidos.



  • Coordinación dos elementos dunha enumeración:

As series de elementos coordinados que se pechan ao final cunha conxunción copulativa (por exemplo e) ou disxuntiva (por exemplo ou) sepáranse, en xeral, por medio dunha coma, pero non se emprega coma ante o último elemento da coordinación ao cal vai unida a conxunción.




↑ Voltar ↑
Ferramentas persoais
Xunta de Galicia