Maiúscula e minúscula en inicial de palabra
De Manual de Estilo DOG
(→Maiúscula en función demarcativa) |
(→Maiúscula en función demarcativa) |
||
Liña 157: | Liña 157: | ||
* Os enderezos electrónicos e de acceso a páxinas web irán en minúsculas, independentemente do lugar da frase en que se sitúen. | * Os enderezos electrónicos e de acceso a páxinas web irán en minúsculas, independentemente do lugar da frase en que se sitúen. | ||
+ | <blockquote style="background: white; border: 1px solid #ccccff; padding: 10px 50px 10px 50px; text-align:justify"> | ||
:http://www.xunta.es | :http://www.xunta.es | ||
+ | </blockquote> | ||
+ | |||
+ | === En función distintiva === | ||
+ | |||
+ | A función da maiúscula é distinguir o nome propio do común. Os nomes propios son substantivos creados para designar entes singularizados ou referirse a eles: persoas, lugares xeográficos, institucións, obras de creación, acontecementos etc. | ||
+ | Frecuentemente, os límites entre o nome común e o propio son moi difusos, polo que non podemos facer compartimentos con cada un deles. Ás veces os nomes propios poden comportarse como nomes comúns (tomar un valdeorras) e os comúns como propios (o Apóstolo). | ||
+ | Antes de entrarmos nunha clasificación do emprego da maiúscula en función do contexto, faremos algunhas observacións xerais: | ||
+ | Primeira. Existen termos que, dependendo dos contextos en que aparezan, deberán ir escritos en maiúscula ou en minúscula. Termos xenéricos como comunidade autónoma, concello, pleno ou seguridade social irán en minúscula, pero cando estes mesmos termos designan realidades particularizadas exixen a maiúscula. Ademais, tamén hai que ter en conta que algunhas expresións como comunidade autónoma ou concello poden designar dúas realidades, unha referida ao territorio e outra á institución. |
Revisión como estaba o 12 de xuño de 2012 ás 11:47
Páxinas principais |
Índice |
Consideracións previas
Para abordarmos o emprego da maiúscula en inicial de palabra, cómprenos partir dalgunhas consideracións:
- 1ª. O emprego das maiúsculas, con maior ou menor detalle, está fixado en cada lingua nas súas normas ortográficas. Así, as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego ocúpanse do seu emprego no capítulo 4, pero fano dunha forma tan esquemática que só lle dedican unha páxina. Loxicamente, é un capítulo que necesita un desenvolvemento moito máis exhaustivo. Pola contra, a Ortografía de la lengua española da RAE dedícalle máis de setenta páxinas, tal é o grao de detalle con que regula a materia.
- 2ª. En contextos determinados, entre os cales ten unha especial relevancia o administrativo, en castelán consolidouse un emprego da maiúscula que reborda, con moito, os límites marcados pola RAE, é dicir, que hai un emprego dela claramente abusivo.
- 3ª. En galego, desde os comezos do seu emprego no ámbito administrativo, intentouse non calcar o abuso do castelán, para o cal se foron consolidando usos contrapostos (na denominación dos cargos, por exemplo: director xeral fronte a Director General).
- 4ª. O emprego da maiúscula inicial non dá lugar a discusión en determinados contextos:
- en función demarcativa (despois de punto e outros signos ortográficos);
- en función distintiva, en moitas expresións denominativas (nomes propios de persoa, denominación de países, denominación de organismos etc.).
- 5ª. Noutros casos, sobre todo con expresións denominativas, o emprego da maiúscula ofrece dúbidas a quen redacta. Daquela, cómpre ter en conta cuestións como as seguintes:
- O emprego da maiúscula é convencional. Isto dá lugar a discrepancias entre linguas, posto que cada unha consolidou os seus propios usos, como pode verse nestes textos do ámbito europeo:
La presente Directiva entrará en vigor el vigésimo día siguiente al de su publicación en el Diario Oficial de la Unión Europea. / La présente directive entre en vigueur le vingtième jour suivant celui de sa publication au Journal officiel de l’Union européenne. / La presente direttiva entra in vigore il ventesimo giorno successivo alla pubblicazione nella Gazzetta ufficiale dell’Unione europea. / A presente directiva entra em vigor no vigésimo dia seguinte ao da sua publicação no Jornal Oficial da União Europeia.
En el marco de la Organización Marítima Internacional (OMI) / au sein de l'Organisation maritime internationale (OMI). / in sede di organizzazione marittima internazionale (IMO).
Visto el dictamen del Comité Económico y Social Europeo / vu l'avis du Comité économique et social européen / Having regard to the opinion of the European Economic and Social Committee.
- A maiúscula inicial pode aplicarse a palabras (Galicia) ou a sintagmas (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia). Neste segundo caso, pode suceder que a maiúscula se aplique a cada un dos substantivos e adxectivos, pero tamén que se aplique só á primeira palabra do sintagma (Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común). En todo caso, nunca se escriben con inicial maiúscula as iniciais das palabras auxiliares (preposicións, artigos...).
- O contexto pode determinar que unha expresión se escriba unhas veces en maiúscula e outras en minúscula. Así:
• Denominacións xenéricas fronte a denominacións específicas: en cada concello, o pleno é competente para... / O Pleno do Concello de Cambados...
• Singular fronte a plural: a Consellería de Facenda e mais a Consellería de Sanidade... / as consellerías de Facenda e de Sanidade...
• En determinadas condicións, a expresión en forma completa ou en forma abreviada: a Dirección Xeral de Función Pública... / esta dirección xeral...
• Expresións que aluden a conceptos da lingua común e que, ao mesmo tempo, poden dar nome a un organismo, ou que se refiren a conceptos diferentes: todos temos dereito á seguridade social/ estas prestacións corren por conta da Seguridade Social; o estado de benestar en que me atopo... / España aspira a consolidar o Estado de benestar...
En calquera caso, cómpre facer sempre un uso mesurado da maiúscula e coherente dentro no texto que redactemos. E pensar que, frecuentemente, non é lingüisticamente relevante, nin altera a comprensión dun texto, que determinadas expresións aparezan ás veces en maiúscula e ás veces en minúscula, dependendo do criterio do redactor: o dereito penal en España... / o Dereito penal / o Dereito Penal; os distintos estados europeos / os distintos Estados europeos; a administración non debe regular... / a Administración non debe regular...
Vemos, por tanto, que establecer regras absolutas de uso das maiúsculas é unha tarefa difícil. Intentaremos, iso si, proporcionar unha serie de recomendacións para tratar de esclarecer e unificar, no posible, o seu emprego. Para isto temos en conta a tradición existente a este respecto e a consolidación de certos usos tanto no Diario Oficial de Galicia coma noutras publicacións institucionais.
Maiúscula en función demarcativa e en función distintiva
A utilización da maiúscula obedece a dúas funcións fundamentais: a demarcativa, que vén motivada pola situación da palabra no texto, dependendo dos signos de puntuación; e a distintiva, determinada pola natureza, o contexto ou o significado da palabra a que se aplica.
Maiúscula en función demarcativa
O seu uso depende dos signos de puntuación.
Escribirase maiúscula inicial nos seguintes casos:
- Ao comezo dun texto.
Contra esta resolución cabe recurso de suplicación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
- Despois de punto e seguido e de punto e á parte.
Nas actuacións de control tributario posterior comprobaranse as declaracións tributarias presentadas e investigaranse os feitos impoñibles non declarados ou as obrigas de información non subministradas. O control esténdese á comprobación dos diferentes elementos da obriga tributaria e á súa cuantificación.
- Despois da interrogación ou da admiración de peche, sempre que non vaian seguidos de coma ou dous puntos.
Rematei o traballo! Agora podemos facer o que queiras.
- Logo de puntos suspensivos cando cerran un enunciado (é dicir, equivalen a un punto).
Dentro das actividades da Cidade da Cultura haberá exposicións, cine, teatro... As actividades serán todas pola tarde.
- Despois de dous puntos, como regra xeral utilízase sempre a minúscula:
As subdireccións xerais agruparanse por ámbitos competenciais: réxime xurídico, administrativo [...]
Denuncia: o acto polo cal calquera persoa [...]
Subscrición: a emisión dos bonos está destinada [...]
- Agora ben, hai algunhas excepcións, en que despois de dous puntos se emprega a maiúscula inicial:
- • Cando se transcribe unha cita textual, que vai na mesma liña e entre comiñas:
No procedemento de demanda ditouse a sentenza que no seu encabezamento e parte dispositiva é do teor literal seguinte: «Na Coruña, o vinte e catro de xaneiro de dous mil doce...».
- • Despois de certas fórmulas da linguaxe administrativa e xurídica como «Certifico:», «Solicito:», «Informo:», «Dispoño:», «Decido:», «Resolvo:»... Nestes casos, o texto que vai despois dos dous puntos escríbese en liña á parte:
DECIDO:
Que debo estimar e estimo parcialmente a demanda que en materia de cantidade foi interposta por...
- • Tras os dous puntos que se colocan despois de expresións de carácter anunciador como «Advertencia:», «Nota:» etc., cando o enunciado que vén a continuación ten plena independencia sintáctica e de sentido, sexa cal sexa a súa extensión:
Nota: As referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame.
- Esta mesma pauta aplícase en casos coma o seguinte, en que tamén se poderían alternar os dous puntos co punto e seguido:
Contido do curso
- - Módulo I: Normativa de aplicación.
- - Módulo II: Protocolo de detección de drogas na condución.
- - Módulo III: A presenza e efectos das drogas no organismo.
- Nos elementos dunha enumeración que se sitúan despois dos dous puntos utilizarase a inicial minúscula ou maiúscula en función da natureza dos termos da enumeración e da súa lonxitude. Así, por regra xeral, utilizaremos minúscula ou maiúscula segundo o indicado a seguir:
- • Escribiremos minúscula inicial cando os elementos da enumeración constitúen enunciados sen predicado verbal. Adoitan ser palabras ou frases curtas, precedidas de raia (—) ou de letras. De tratarse dunha listaxe en columna, non se introduce ningún signo de puntuación ao final de cada elemento da enumeración. No caso de frases de certa lonxitude, empregaremos unha coma (,) ou un punto e coma (;) como elemento de separación, menos no último, que remata en punto:
O obxecto deste concurso é a subministración dos seguintes víveres:
- − carnes
- − conxelados
- − froitas
- − verduras
- − outros perecedoiros
A Subdirección Xeral de Análise e Coordinación, con dependencia funcional da persoa titular da consellería, que realizará as seguintes funcións:
a) apoio técnico á persoa titular da consellería no ámbito da súa competencia;
b) análises e estudos socioeconómicos e da conxuntura económica;
c) estudos e traballos relativos á elaboración e seguimento da planificación económica.
- • Escribiremos maiúscula inicial cando os elementos da enumeración sexan frases con sentido completo ou enunciados longos, precedidos normalmente de números, letras ou raias. Cada parte da enumeración rematará en coma, punto e coma ou punto, en función do grao de cohesión entre as distintas frases:
Ter un contrato co comercializador en que se especifique:
1º. A identidade e o enderezo do subministrador;
2º. Os servizos prestados, o nivel de calidade proposto e o prazo para a conexión inicial;
3º. O tipo de servizo de mantemento que se ofreza;
4º. A forma de obter información actualizada sobre todas as tarifas aplicables e os gastos de mantemento.
As funcións da Comisión son:
− Analizar os problemas da xuventude galega e propoñer medidas concretas desde a Xunta de Galicia.
− Coordinar as actuacións dos distintos departamentos da Xunta relacionadas coa mocidade.
− Fomentar e cooperar en diversas accións para a mocidade, prestar servizos aos mozos e mozas galegos e mellorar a súa calidade de vida.
- Os enderezos electrónicos e de acceso a páxinas web irán en minúsculas, independentemente do lugar da frase en que se sitúen.
En función distintiva
A función da maiúscula é distinguir o nome propio do común. Os nomes propios son substantivos creados para designar entes singularizados ou referirse a eles: persoas, lugares xeográficos, institucións, obras de creación, acontecementos etc. Frecuentemente, os límites entre o nome común e o propio son moi difusos, polo que non podemos facer compartimentos con cada un deles. Ás veces os nomes propios poden comportarse como nomes comúns (tomar un valdeorras) e os comúns como propios (o Apóstolo). Antes de entrarmos nunha clasificación do emprego da maiúscula en función do contexto, faremos algunhas observacións xerais: Primeira. Existen termos que, dependendo dos contextos en que aparezan, deberán ir escritos en maiúscula ou en minúscula. Termos xenéricos como comunidade autónoma, concello, pleno ou seguridade social irán en minúscula, pero cando estes mesmos termos designan realidades particularizadas exixen a maiúscula. Ademais, tamén hai que ter en conta que algunhas expresións como comunidade autónoma ou concello poden designar dúas realidades, unha referida ao territorio e outra á institución.