Maiúscula e minúscula en inicial de palabra

De Manual de Estilo DOG

Revisión feita o 13 de xuño de 2012 ás 12:17 por Servizotraducion (Conversa | contribucións)

Páxinas principais


Índice

Consideracións previas

Para abordarmos o emprego da maiúscula en inicial de palabra, cómprenos partir dalgunhas consideracións:

1ª. O emprego das maiúsculas, con maior ou menor detalle, está fixado en cada lingua nas súas normas ortográficas. Así, as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego ocúpanse do seu emprego no capítulo 4, pero fano dunha forma tan esquemática que só lle dedican unha páxina. Loxicamente, é un capítulo que necesita un desenvolvemento moito máis exhaustivo. Pola contra, a Ortografía de la lengua española da RAE dedícalle máis de setenta páxinas, tal é o grao de detalle con que regula a materia.
2ª. En contextos determinados, entre os cales ten unha especial relevancia o administrativo, en castelán consolidouse un emprego da maiúscula que reborda, con moito, os límites marcados pola RAE, é dicir, que hai un emprego dela claramente abusivo.
3ª. En galego, desde os comezos do seu emprego no ámbito administrativo, intentouse non calcar o abuso do castelán, para o cal se foron consolidando usos contrapostos (na denominación dos cargos, por exemplo: director xeral fronte a Director General).
4ª. O emprego da maiúscula inicial non dá lugar a discusión en determinados contextos:
  • en función demarcativa (despois de punto e outros signos ortográficos);
  • en función distintiva, en moitas expresións denominativas (nomes propios de persoa, denominación de países, denominación de organismos etc.).
5ª. Noutros casos, sobre todo con expresións denominativas, o emprego da maiúscula ofrece dúbidas a quen redacta. Daquela, cómpre ter en conta cuestións como as seguintes:
  • O emprego da maiúscula é convencional. Isto dá lugar a discrepancias entre linguas, posto que cada unha consolidou os seus propios usos, como pode verse nestes textos do ámbito europeo:
La presente Directiva entrará en vigor el vigésimo día siguiente al de su publicación en el Diario Oficial de la Unión Europea. / La présente directive entre en vigueur le vingtième jour suivant celui de sa publication au Journal officiel de l’Union européenne. / La presente direttiva entra in vigore il ventesimo giorno successivo alla pubblicazione nella Gazzetta ufficiale dell’Unione europea. / A presente directiva entra em vigor no vigésimo dia seguinte ao da sua publicação no Jornal Oficial da União Europeia.
En el marco de la Organización Marítima Internacional (OMI) / au sein de l'Organisation maritime internationale (OMI). / in sede di organizzazione marittima internazionale (IMO).
Visto el dictamen del Comité Económico y Social Europeo / vu l'avis du Comité économique et social européen / Having regard to the opinion of the European Economic and Social Committee.
  • A maiúscula inicial pode aplicarse a palabras (Galicia) ou a sintagmas (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia). Neste segundo caso, pode suceder que a maiúscula se aplique a cada un dos substantivos e adxectivos, pero tamén que se aplique só á primeira palabra do sintagma (Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común). En todo caso, nunca se escriben con inicial maiúscula as iniciais das palabras auxiliares (preposicións, artigos...).
  • O contexto pode determinar que unha expresión se escriba unhas veces en maiúscula e outras en minúscula. Así:
Denominacións xenéricas fronte a denominacións específicas: en cada concello, o pleno é competente para... / O Pleno do Concello de Cambados...
Singular fronte a plural: a Consellería de Facenda e mais a Consellería de Sanidade... / as consellerías de Facenda e de Sanidade...
En determinadas condicións, a expresión en forma completa ou en forma abreviada: a Dirección Xeral de Función Pública... / esta dirección xeral...
Expresións que aluden a conceptos da lingua común e que, ao mesmo tempo, poden dar nome a un organismo, ou que se refiren a conceptos diferentes: todos temos dereito á seguridade social/ estas prestacións corren por conta da Seguridade Social; o estado de benestar en que me atopo... / España aspira a consolidar o Estado de benestar...

En calquera caso, cómpre facer sempre un uso mesurado da maiúscula e coherente dentro no texto que redactemos. E pensar que, frecuentemente, non é lingüisticamente relevante, nin altera a comprensión dun texto, que determinadas expresións aparezan ás veces en maiúscula e ás veces en minúscula, dependendo do criterio do redactor: o dereito penal en España... / o Dereito penal / o Dereito Penal; os distintos estados europeos / os distintos Estados europeos; a administración non debe regular... / a Administración non debe regular...

Vemos, por tanto, que establecer regras absolutas de uso das maiúsculas é unha tarefa difícil. Intentaremos, iso si, proporcionar unha serie de recomendacións para tratar de esclarecer e unificar, no posible, o seu emprego. Para isto temos en conta a tradición existente a este respecto e a consolidación de certos usos tanto no Diario Oficial de Galicia coma noutras publicacións institucionais.

↑ Voltar ↑

Maiúscula en función demarcativa e en función distintiva

A utilización da maiúscula obedece a dúas funcións fundamentais: a demarcativa, que vén motivada pola situación da palabra no texto, dependendo dos signos de puntuación; e a distintiva, determinada pola natureza, o contexto ou o significado da palabra a que se aplica.

↑ Voltar ↑

Maiúscula en función demarcativa

O seu uso depende dos signos de puntuación.

Escribirase maiúscula inicial nos seguintes casos:

  • Ao comezo dun texto.
Contra esta resolución cabe recurso de suplicación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
  • Despois de punto e seguido e de punto e á parte.
Nas actuacións de control tributario posterior comprobaranse as declaracións tributarias presentadas e investigaranse os feitos impoñibles non declarados ou as obrigas de información non subministradas. O control esténdese á comprobación dos diferentes elementos da obriga tributaria e á súa cuantificación.
  • Despois da interrogación ou da admiración de peche, sempre que non vaian seguidos de coma ou dous puntos.
Rematei o traballo! Agora podemos facer o que queiras.
  • Logo de puntos suspensivos cando cerran un enunciado (é dicir, equivalen a un punto).
Dentro das actividades da Cidade da Cultura haberá exposicións, cine, teatro... As actividades serán todas pola tarde.
  • Despois de dous puntos, como regra xeral utilízase sempre a minúscula:
As subdireccións xerais agruparanse por ámbitos competenciais: réxime xurídico, administrativo [...]
Denuncia: o acto polo cal calquera persoa [...]
Subscrición: a emisión dos bonos está destinada [...]
  • Agora ben, hai algunhas excepcións, en que despois de dous puntos se emprega a maiúscula inicial:
Cando se transcribe unha cita textual, que vai na mesma liña e entre comiñas:
No procedemento de demanda ditouse a sentenza que no seu encabezamento e parte dispositiva é do teor literal seguinte: «Na Coruña, o vinte e catro de xaneiro de dous mil doce...».
Despois de certas fórmulas da linguaxe administrativa e xurídica como «Certifico:», «Solicito:», «Informo:», «Dispoño:», «Decido:», «Resolvo:»... Nestes casos, o texto que vai despois dos dous puntos escríbese en liña á parte:
DECIDO:
Que
debo estimar e estimo parcialmente a demanda que en materia de cantidade foi interposta por...
Tras os dous puntos que se colocan despois de expresións de carácter anunciador como «Advertencia:», «Nota:» etc., cando o enunciado que vén a continuación ten plena independencia sintáctica e de sentido, sexa cal sexa a súa extensión:
Nota: As referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame.
Esta mesma pauta aplícase en casos coma o seguinte, en que tamén se poderían alternar os dous puntos co punto e seguido:
Contido do curso
- Módulo I: Normativa de aplicación.
- Módulo II: Protocolo de detección de drogas na condución.
- Módulo III: A presenza e efectos das drogas no organismo.
  • Nos elementos dunha enumeración que se sitúan despois dos dous puntos utilizarase a inicial minúscula ou maiúscula en función da natureza dos termos da enumeración e da súa lonxitude. Así, por regra xeral, utilizaremos minúscula ou maiúscula segundo o indicado a seguir:
Escribiremos minúscula inicial cando os elementos da enumeración constitúen enunciados sen predicado verbal. Adoitan ser palabras ou frases curtas, precedidas de raia (—) ou de letras. De tratarse dunha listaxe en columna, non se introduce ningún signo de puntuación ao final de cada elemento da enumeración. No caso de frases de certa lonxitude, empregaremos unha coma (,) ou un punto e coma (;) como elemento de separación, menos no último, que remata en punto:
O obxecto deste concurso é a subministración dos seguintes víveres:
− carnes
− conxelados
− froitas
− verduras
− outros perecedoiros

A Subdirección Xeral de Análise e Coordinación, con dependencia funcional da persoa titular da consellería, que realizará as seguintes funcións:
a) apoio técnico á persoa titular da consellería no ámbito da súa competencia;
b) análises e estudos socioeconómicos e da conxuntura económica;
c) estudos e traballos relativos á elaboración e seguimento da planificación económica.
Escribiremos maiúscula inicial cando os elementos da enumeración sexan frases con sentido completo ou enunciados longos, precedidos normalmente de números, letras ou raias. Cada parte da enumeración rematará en coma, punto e coma ou punto, en función do grao de cohesión entre as distintas frases:
Ter un contrato co comercializador en que se especifique:
1º. A identidade e o enderezo do subministrador;
2º. Os servizos prestados, o nivel de calidade proposto e o prazo para a conexión inicial;
3º. O tipo de servizo de mantemento que se ofreza;
4º. A forma de obter información actualizada sobre todas as tarifas aplicables e os gastos de mantemento.

As funcións da Comisión son:
− Analizar os problemas da xuventude galega e propoñer medidas concretas desde a Xunta de Galicia.
− Coordinar as actuacións dos distintos departamentos da Xunta relacionadas coa mocidade.
− Fomentar e cooperar en diversas accións para a mocidade, prestar servizos aos mozos e mozas galegos e mellorar a súa calidade de vida.
  • Os enderezos electrónicos e de acceso a páxinas web irán en minúsculas, independentemente do lugar da frase en que se sitúen.
http://www.xunta.es
↑ Voltar ↑

En función distintiva

A función da maiúscula é distinguir o nome propio do común. Os nomes propios son substantivos creados para designar entes singularizados ou referirse a eles: persoas, lugares xeográficos, institucións, obras de creación, acontecementos etc.

Frecuentemente, os límites entre o nome común e o propio son moi difusos, polo que non podemos facer compartimentos con cada un deles. Ás veces os nomes propios poden comportarse como nomes comúns (tomar un valdeorras) e os comúns como propios (o Apóstolo).

Antes de entrarmos nunha clasificación do emprego da maiúscula en función do contexto, faremos algunhas observacións xerais:

Primeira. Existen termos que, dependendo dos contextos en que aparezan, deberán ir escritos en maiúscula ou en minúscula. Termos xenéricos como comunidade autónoma, concello, pleno ou seguridade social irán en minúscula, pero cando estes mesmos termos designan realidades particularizadas exixen a maiúscula. Ademais, tamén hai que ter en conta que algunhas expresións como comunidade autónoma ou concello poden designar dúas realidades, unha referida ao territorio e outra á institución.

Maiúscula Minúscula
O Pleno do Concello de Santiago de Compostela, na súa reunión do día... Os concellos reuniranse en pleno e en comisións.
O 20 de febreiro de 2006, o Concello de Aranga presenta un escrito en que manifesta a súa desconformidade coa autorización do proxecto do parque eólico Cordal de Montouto. O 20 de febreiro de 2006, o Concello de Aranga presenta un escrito en que manifesta a súa desconformidade coa autorización do proxecto [...]. Cómpre non esquecer que no concello de Aranga existen xa dous parques eólicos empresariais...
A imposibilidade de aprobar estas medidas por medio do decreto lei, xa que o ordenamento xurídico da Comunidade Autónoma de Galicia non ten prevista a devandita norma, fai necesario a aprobación con carácter urxente desta lei.

Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma.

As persoas solicitantes de exención acreditarán a procedencia doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro.

As características dos diferentes tipos de instalacións destinadas á mocidade para a realización de actividades no tempo libre no territorio da comunidade autónoma para os efectos do inicio da súa actividade. Os documentos que acompañarán os produtos vitivinícolas cando o inicio do transporte teña lugar nun punto do territorio da comunidade autónoma de Galicia e o destino sexa calquera lugar do territorio da Unión Europea.

Consecuencia disto, resulta oportuno integrar no réxime xeral da Seguridade Social, como asimiladas a traballadores por conta allea...

A cotización á Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais farase aplicando as regras de cotización...

Pola súa parte, a recente Lei 52/2003, do 10 de decembro, de disposicións específicas en materia de seguridade social, introduciu modificacións...

Advírtaselle igualmente ao recorrente que non sexa traballador ou beneficiario do réxime público de seguridade social...

Segunda. Cando o mesmo substantivo encabeza a denominación de varias entidades pódese realizar, pluralizándoo, unha mención conxunta. Nese caso irá en minúscula:

As consellerías de Sanidade e Educación convocan un curso sobre consumo responsable.

Terceira. Cando nos referimos a institucións ou entidades que se citaron anteriormente (uso anafórico) e que non queremos repetir en forma completa, eses nomes expresaranse:

a) en minúscula cando o substantivo vai acompañado de demostrativos, posesivos ou elementos anafóricos como o dito ou o citado, por interpretar os citados substantivos como comúns:
A Consellería de Xustiza determinará o número de xulgados. Esta consellería terá un prazo de dous anos para [...]
O recurso presentarase ante a Xerencia Territorial de Pontevedra. A a citada xerencia territorial...
A Deputación Provincial de Ourense asume a xestión do matadoiro. A dita deputación provincial...
b) en maiúscula cando o substantivo se emprega precedido do artigo determinado (o, a), por entender que se mantén o nome do organismo aínda que en forma abreviada:
O pagamento das axudas efectuarase con cargo á partida [...] da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2012. A Consellería establecerá os prazos para presentar [...]
Esta regulación é competencia da Dirección Xeral de Orzamentos. Para iso, a Dirección Xeral fixará o prazo [...]
A Escola Galega de Administración Pública levará a cabo unhas xornadas o próximo mes. A Escola fixará os horarios...

Cuarta. En determinados sintagmas, a denominación dunha realidade xeográfica, un organismo, unha entidade, unha asociación etc. está composta de elementos xenéricos e específicos. Non sempre é doado interpretar se o xenérico forma parte da denominación ―caso en que se escribiría con maiúscula― ou non ―caso en que se escribiría con minúscula. Así:

a) En nomes xeográficos, enderezos e denominacións de locais, edificios de todo tipo e establecementos comerciais, por exemplo, a norma xeral é que o xenérico vaia en minúscula e o específico con maiúscula: o río Tambre, o monte Aloia, a praza da Constitución, o hotel Rías Altas, a panadaría O Forno de Leña, a catedral de Santiago, o mosteiro de Carboeiro...
b) Nas denominacións de organismos públicos e outros entes de natureza pública (colexios profesionais, fundacións etc.) considérase que o xenérico está integrado na denominación e, por tanto, escríbese en maiúscula: o Concello de Viveiro, a Consellería de Facenda, o Consello da Cultura Galega, o Colexio de Avogados da Coruña, a Fundación Pública de Medicina Xenómica...
c) Un terceiro grupo está integrado pola denominación de entidades de tipo público ou privado en que podemos considerar que o xenérico está integrado ou non na denominación. Para estes casos, establecemos o seguinte criterio:
c.1) Escribiremos o xenérico en maiúscula, por entender que forma parte da denominación, naqueles casos en que non haxa un nome específico que o acompañe: a Biblioteca Pública de Noia, a Casa do Mar de Baiona, o Centro de Saúde de Boimorto, o Centro Social de Bouzas, o Centro Sociocultural de Vite, o Colexio Público da Ramallosa, a Confraría de Pescadores de Moaña, o Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela...
c.2) En cambio, cando a entidade conta cun nome particularizado, podemos entender que o xenérico non forma parte da denominación e que funciona como un clasificador. Neste caso expresarémolo en minúscula: o ambulatorio Concepción Arenal, a asociación Amigos da Terra, a asociación de veciños A Xuntanza, o centro de saúde Abente e Lago, o centro de saúde San José, o colexio público Celso Emilio Ferreiro, o ente público Axencia Galega de Emerxencias, o ente público de natureza consorcial Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, o ente público Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, o ente público Portos de Galicia, a entidade pública empresarial Augas de Galicia, o instituto de educación secundaria Antón Fraguas, o organismo autónomo Academia Galega de Seguridade Pública, o organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, o sindicato Xóvenes Agricultores...

OBSERVACIÓN: Os criterios fixados nos puntos c.1) e c.2) deben manexarse con flexibilidade e deixar certa liberdade aos redactores para interpretar en cada contexto se o xenérico debe ou non formar parte da denominación. Por outra banda, en determinados contextos (por exemplo, listaxes que se publican no DOG) semella máis coherente aplicar unha mesma regra para as denominacións do grupo c.1) e c.2) e grafalos do mesmo xeito, tanto que o xenérico vaia acompañado dun específico como que non: Colexio Público de Vite, Colexio Público Celso Emilio Ferreiro...

Establecemos a seguir unha clasificación do emprego da maiúscula e da minúscula segundo distintas referencias.

↑ Voltar ↑

Nomes referidos a persoas en divindades

Maiúscula Minúscula
Os nomes e apelidos, incluídos os alcumes, pseudónimos e hipocorísticos: Emilia Pardo Bazán, Celso Emilio Ferreiro, Ben-Cho-Sey, Rañolas, Farruco, Xocas...

As denominacións de divindades: Deus, Alá, Xehová...
O seres mitolóxicos ou da crenza popular: Xúpiter, a Santa Compaña, Barriga Verde, Pedro Chosco...

Os nomes de obxectos, aparellos, produtos, enfermidades etc. que pasan a ser designados co nome propio do seu descubridor, inventor, fabricante ou persoa que os popularizou: Ten alzhéimer; Sabe ler en braille.
↑ Voltar ↑

Nomes xeográficos, de monumentos, de edificios, de instalacións e das partes destes

Maiúscula Minúscula
Os nomes de planetas, constelacións e estrelas: a Vía Láctea, a Lúa, a Terra, Marte...

As denominacións xeográficas e xeopolíticas: Oriente Próximo, o Terceiro Mundo...
Os topónimos: Galicia, España, Barcelona...
No caso dos topónimos galegos, se levan artigo este tamén se escribirá con inicial maiúscula: A Veiga, O Carballiño... No caso de ir precedido dunha preposición, o artigo do topónimo contrae con esta, segundo a regra xeral: O Concello da Baña asinou un convenio coa Deputación da Coruña.
En topónimos non galegos, de levaren artigo, este tamén se escribe con maiúscula: Representantes da Xunta de Galicia participaron en El Hierro na Conferencia Sectorial de Turismo.
A designación xenérica dos accidentes xeográficos cando forma parte do topónimo: a Costa da Morte, a Serra de Outes...
O símbolo dos puntos cardinais: N, S, E (ou L), W (ou O), NE (ou NL), NW (ou NO) SE (ou SL), SW (ou SO).
Os puntos cardinais cando se empregan nun sentido xeográfico-político: Os países do Sur non teñen un nivel mínimo de benestar para a súa poboación.
O nome dos puntos cardinais ou referencias xeográficas cando forma parte dun nome propio de lugar: Corea do Norte, Oriente Medio, o Polo Norte, Iemen do Sur... (pero a España do norte, a Italia meridional, Alemaña occidental...).
Nos nomes de monumentos e edificios singulares, todos os substantivos e adxectivos: o Museo do Pobo Galego, a Casa das Ciencias, o Pazo dos Deportes de Ourense, o Pazo de Raxoi, o Edificio Administrativo de San Caetano, o Edificio Administrativo de San Lázaro...

As palabras sol, terra e lúa nos contextos que non son propios de astronomía: Unha posta de sol; Hai que ter os pés na terra; Hai que plantar en lúa chea...

O adxectivo que acompaña o nome dunha entidade xeográfica, cando é puramente de situación física: Europa meridional, África setentrional...
A designación xenérica dos nomes de demarcacións e divisións territoriais: a provincia de Ourense, a comarca de Deza...
A designación xenérica dos nomes de accidentes, lugares xeográficos e indicativos de situación ou enderezo: o río Sil, o monte Pindo, a parroquia de Santa Cristina de Fecha, a cidade de Lugo, a rolda da Muralla, a avenida de Arteixo...
O nome dos puntos cardinais cando fai referencia a coordenadas xeográficas, á dirección ou orientación referente a estes puntos: O norte da cidade está colapsado hoxe; O sur da rexión sufriu inundacións; O acceso leste da cidade xa está aberto; o vento do sur anuncia chuvia...
As designacións xenéricas de edificios e instalacións e das dependencias destes: o auditorio municipal de Cangas, a biblioteca municipal de Melide, o castelo de Vimianzo; o mosteiro de Samos, o polígono industrial do Milladoiro, o recinto feiral de Amio, o parque eólico de Zobra, o salón de sesións, a sala de xuntas...

↑ Voltar ↑

Profesións, cargos oficiais, títulos nobiliarios e dignidades eclesiásticas

Maiúscula Minúscula
As abreviacións dos tratamentos protocolarios e de cortesía (de se expresaren en forma completa van en minúscula):

don/dona D./D.ª
ilustrísimo/a Ilmo.; Ilma.
reverendo Rvdo.

As denominacións de cargos, empregos, títulos nobiliarios e académicos, así como os cargos eclesiásticos: alcalde, arcebispo, conde, conselleira, director xeral, maxistrada, papa, presidente, secretaria xudicial, xuíz...

Escribiremos tamén en minúscula, xeralmente, a palabra rei. Porén, en certas fórmulas moi consolidadas ou en contexto protocolarios, adoita empregarse a expresión El-Rei. Así, nas leis galegas aplícase a fórmula: Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu [...], promulgo en nome de El-Rei a Lei[...].
As denominacións de profesións: albanel, arquitecta, auxiliar de clínica, enxeñeiro, médica, pediatra...

↑ Voltar ↑

Nomes de animais e plantas

Maiúscula Minúscula
Os nomes propios de animal así como os animais mitolóxicos, históricos ou literarios: Marela, Merlo, Pegaso, Platero...

Nos nomes científicos irá en maiúscula o primeiro termo (nome do xénero) e en minúscula o segundo (nome da especie): Brassica napus, Mytilus galloprovincialis...
Os nomes latinos con que se designan os taxons zoolóxicos e botánicos superiores ao xénero: O Octopus vulgaris clasifícase dentro da clase Cephalopoda, orde Octopoda e familia Ostopodidae.
Nas denominación das razas que conteñen un topónimo, este mantense con maiúscula inicial: galiña de Mos, gato de Angora...

Os nomes comúns: abadexo, carballo, castiñeiro, mimosa, xouba...

Os nomes galegos con que se designan os taxons zoolóxicos e botánicos superiores ao xénero: O carballo é unha árbore anxiosperma da familia das fagáceas.
Os adxectivos ou substantivos que se usan para designar as distintas razas: porco celta, vaca caldelá, rubia galega...

↑ Voltar ↑

Entidades, institucións, organismos e outras agrupacións formalmente constituídas

Maiúscula Maiúscula ou minúscula segundo o contexto
Os nomes propios de entidades (públicas e privadas) formalmente constituídas, con independencia do seu carácter ‒administrativo, cultural, político, comercial, relixioso, artístico...: a Cruz Vermella, o Concello de Xermade, o Consello de Contas, Fenosa, a Fundación Pública de Medicina Xenómica, a Policía Local de Begonte, a Real Academia Galega, a Seguridade Social (como ente), o Sindicato Labrego Galego, a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo...

Neste mesmo caso incluímos a expresión Forzas Armadas cando nos referimos de forma particularizada ás do Estado español.
Os substantivos, cando significan entidade (xurídica, política, relixiosa...) ou colectividade como organismo determinado, aínda que non os adxectivos que os acompañan: a Igrexa católica, a Administración galega, os órganos da Administración pública, o Estado español, o Parlamento galego...
Os nomes dos rexistros públicos: o Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, o Rexistro Civil, o Rexistro Mercantil, o Rexistro da Propiedade, o Rexistro Oficial de Auditores de Contas...
Todos os substantivos e adxectivos que forman parte dos nomes de grupos ou movementos literarios ou musicais, os nomes das agrupacións artísticas (musicais, teatrais...) e tamén dos clubs e equipos deportivos: Berrogüeto, o movemento poético Cravo Fondo, as Irmandades da Fala, Luar na Lubre, Real Club Celta, Producións Teatrais Excéntricas, Sarabela Teatro...

As denominacións xenéricas escríbense en minúscula: Cada concello ten que aprobar o seu orzamento; Non é competencia da policía local vixiar as estradas interubanas; Os traballadores da universidade están en folga; O sindicato maioritario na empresa rexeitou o convenio...

Por entender que é unha denominación xenérica, escribiremos en minúscula a expresión forzas e corpos de seguridade (do Estado). Hai que ter en conta que en moitos casos pode coincidir o nome do órgano co cargo da persoa que o ocupa. A diferenza entre ambos, ademais de polo contexto, estará marcada polo uso da maiúscula para o órgano e da minúscula para o cargo: O Valedor do Pobo é o órgano encargado de velar polo respecto dos dereitos e das liberdades de todos os cidadáns fronte a O valedor do pobo asistiu onte á sesión do Parlamento. Nas denominacións dos rexistros cun nome extenso, só escribiremos con maiúscula a primeira palabra: Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos; Rexistro de titularidade compartida das explotacións agrarias de Galicia...



↑ Voltar ↑
Maiúscula Minúscula
Ferramentas persoais
Xunta de Galicia