Uso de maiúsculas e minúsculas

De Manual de Estilo DOG

Páxinas principais


Índice

Consideracións previas

Para abordarmos o emprego da maiúscula en inicial de palabra, cómprenos partir dalgunhas consideracións:

1ª. O emprego das maiúsculas, con maior ou menor detalle, está fixado en cada lingua nas súas normas ortográficas. Así, as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego ocúpanse do seu emprego no capítulo 4, pero fano dunha forma tan esquemática que só lle dedican unha páxina. Loxicamente, é un capítulo que necesita un desenvolvemento moito máis exhaustivo. Pola contra, a Ortografía de la lengua española da RAE dedícalle máis de setenta páxinas, tal é o grao de detalle con que regula a materia.
2ª. En contextos determinados, entre os cales ten unha especial relevancia o administrativo, en castelán consolidouse un emprego da maiúscula que reborda, con moito, os límites marcados pola RAE, é dicir, que hai un emprego dela claramente abusivo.
3ª. En galego, desde os comezos do seu emprego no ámbito administrativo, intentouse non calcar o abuso do castelán, para o cal se foron consolidando usos contrapostos (na denominación dos cargos, por exemplo: director xeral fronte a Director General).
4ª. O emprego da maiúscula inicial non dá lugar a discusión en determinados contextos:
  • en función demarcativa (despois de punto e outros signos ortográficos);
  • en función distintiva, en moitas expresións denominativas (nomes propios de persoa, denominación de países, denominación de organismos etc.).
5ª. Noutros casos, sobre todo con expresións denominativas, o emprego da maiúscula ofrece dúbidas a quen redacta. Daquela, cómpre ter en conta cuestións como as seguintes:
  • O emprego da maiúscula é convencional. Isto dá lugar a discrepancias entre linguas, posto que cada unha consolidou os seus propios usos, como pode verse nestes textos do ámbito europeo:
La presente Directiva entrará en vigor el vigésimo día siguiente al de su publicación en el Diario Oficial de la Unión Europea. / La présente directive entre en vigueur le vingtième jour suivant celui de sa publication au Journal officiel de l’Union européenne. / La presente direttiva entra in vigore il ventesimo giorno successivo alla pubblicazione nella Gazzetta ufficiale dell’Unione europea. / A presente directiva entra em vigor no vigésimo dia seguinte ao da sua publicação no Jornal Oficial da União Europeia.
En el marco de la Organización Marítima Internacional (OMI) / au sein de l'Organisation maritime internationale (OMI). / in sede di organizzazione marittima internazionale (IMO).
Visto el dictamen del Comité Económico y Social Europeo / vu l'avis du Comité économique et social européen / Having regard to the opinion of the European Economic and Social Committee.

− A maiúscula inicial pode aplicarse a palabras (Galicia) ou a sintagmas (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia). Neste segundo caso, pode suceder que a maiúscula se aplique a cada un dos substantivos e adxectivos, pero tamén que se aplique só á primeira palabra do sintagma (Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común). En todo caso, nunca se escriben con inicial maiúscula as iniciais das palabras auxiliares (preposicións, artigos...). − O contexto pode determinar que unha expresión se escriba unhas veces en maiúscula e outras en minúscula. Así: • Denominacións xenéricas fronte a denominacións específicas: en cada concello, o pleno é competente para... / O Pleno do Concello de Cambados... • Singular fronte a plural: a Consellería de Facenda e mais a Consellería de Sanidade... / as consellerías de Facenda e de Sanidade... • En determinadas condicións, a expresión en forma completa ou en forma abreviada: a Dirección Xeral de Función Pública... / esta dirección xeral... • Expresións que aluden a conceptos da lingua común e que, ao mesmo tempo, poden dar nome a un organismo, ou que se refiren a conceptos diferentes: todos temos dereito á seguridade social/ estas prestacións corren por conta da Seguridade Social; o estado de benestar en que me atopo... / España aspira a consolidar o Estado de benestar... En calquera caso, cómpre facer sempre un uso mesurado da maiúscula e coherente dentro no texto que redactemos. E pensar que, frecuentemente, non é lingüisticamente relevante, nin altera a comprensión dun texto, que determinadas expresións aparezan ás veces en maiúscula e ás veces en minúscula, dependendo do criterio do redactor: o dereito penal en España... / o Dereito penal / o Dereito Penal; os distintos estados europeos / os distintos Estados europeos; a administración non debe regular... / a Administración non debe regular... Vemos, por tanto, que establecer regras absolutas de uso das maiúsculas é unha tarefa difícil. Intentaremos, iso si, proporcionar unha serie de recomendacións para tratar de esclarecer e unificar, no posible, o seu emprego. Para isto temos en conta a tradición existente a este respecto e a consolidación de certos usos tanto no Diario Oficial de Galicia coma noutras publicacións institucionais.

Ferramentas persoais
Xunta de Galicia